A Serra do Xistral, ao norte da provincia de Lugo, non ten montañas de moita altitude (a máxima elevación está no Pico Cadramón con 1056m.) pero a entrada de ventos e nubes directamente so Cantábrico fan desta serra e do seu entorno un lugar duro e inhóspito, onde poucas veces se ve o sol.
A Serra do Xistral destaca sobre todo polas inmensas turbeiras e brezais que hai e que son un dos maiores reservorios de carbono de Europa. Pastan aquí vacas e cabalos en semi liberdade, neste espazo de incalculable valor natural onde nacen tamén os ríos máis importantes da Mariña lucense que van desembocar ao Cantábrico.
Tradicionalmente esta serra foi explotada pola gandaría (vacas e cabalos) que aínda veremos hoxe en abundancia, no século pasado intentouse a plantación de piñeiros pero non se dan debido á dureza do clima. Actualmente, o gran recurso desta serra é a enerxía eólico e os aeroxeradores están por toda a serra.
A min encántanme as rutas na Serra do Xistral. Adoro esta paisaxe agreste e dura climatolóxicamente, ver o gando en liberdade, oir os moitos regos que aquí nacen e que logo algúns serán ríos...o que menos me gusta é a visión e o ruído de tantísimos aeroxeradores eólicos que perturban a paz destes lugares.
Características desta ruta:
Lonxitude: 7 km.
Dificultade: fácil
Ruta circular sen sinalizar. O meu percorrido en WIKILOC:
Descripción :
O inicio e final desta ruta vai ser na parroquia de Labrada (Abadín) no lugar chamado Calvo.
Esta parroquia está moi próxima á Serra do Xistral sendo esta o seu elemento xeográfico máis reseñable.
Apacamos ao pé desta capela de S. Antonio. Cando saimos da casa, na Mariña lucense, a temperatura era moi agradable, ía calor e sol. Ao chegar aquí houbo que abrigarse porque ía frío abondo. Estamos a case 700m. de altitude e nótase.
Capela de S. Antonio. |
Fomos durante uns poucos metros pola mesma estrada pola que chegamos, ata pillar deseguida á esquerda.
Imos por unha pista asfaltada, estreita e pola que non pasa unha alma.
Empezamos a ver as primeiras vacas aínda cerca das casas.
Agora xa camiñamos por unha pista moi acondicionada. O Xistral, que xa vemos, agárdanos.
Un camiñar sen problemas á beira de prados.
Río Pedrido ou Masma |
Ata a aldea de Estelo, en Mondoñedo, chámase Río Pedrido. A partires de aquí chámase río Tronceda e xa despois de unirse co Valiñadares é cando pasa a chamarse Masma.
Debaixo do camiño, o Río Pedrido que xa aquí é bastante ancho. |
Empezamos a adentrarnos na Serra do Xistral. Xa vemos esta pequena lomba onde xa non medran as árbores.
No Xistral destaca a presenza dunha das maiores poboacións de cabalos salvaxes de Europa (entre 1500 e 2000 exemplares)
"Estos mamíferos permiten sustentar ecosistemas únicos de enorme importancia en la biodiversidad europea, como los brezales húmedos y las turberas que se encuentran en la Serra do Xistral",
Xa metidos en plena Serra non deixamos de abraiarnos mirando estas montañas redondeadas que forman unha paisaxe tan inhóspita como fermosa.
No ano 2014, a Serra do Xistral foi declarada como Zona de Especial Conservación dentro da Rede Natura 2000.
Nesta ruta veremos varios regos e escoitaremos o son relaxante da súa auga.
Tres cans que gardaban o gando achegáronse a nós, ladrando e un deles incluso nos acompañou durante un curto espazo de tempo; non sentimos medo en ningún momento xa que víase que estaban a defender e coidar o rabaño de vacas.
Empezamos a baixar e a paisaxe vai cambiando: xa aparecen masas de árbores e a temperatura é moito máis amable.
Páxinas web consultadas:
https://www.turismo.gal/que-facer/birding-in-galicia/onde-ver-aves-en-galicia/a-montana/serra-do-xistral?langId=es_ES
https://es.wikipedia.org/wiki/R%C3%ADo_Masma
https://www.elprogreso.es/articulo/a-chaira/serra-do-xistral-protagonista-revista-national-geographic-espana/202207071741311588115.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario