Amosando publicacións coa etiqueta Alfoz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alfoz. Amosar todas as publicacións

martes, 29 de setembro de 2026

PAZO DE CARROCIDE, BARRIO DE CORRELOS E EXPERENCIA APÍCOLA EN ALFOZ.

 Dentro do Programa Plans con Corazón "Promovido pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, o programa pon en valor a diversidade do noso territorio a través da súa natureza, historia, patrimonio, etnografía, gastronomía e artesanía" hoxe participei nunha ruta guiada por Ana Pena no concello de Alfoz de Castrodouro.

Deixo un enlace apras que podades ver tódalas rutas propostas:


"Ruta circular para sumergirnos en la historia del municipio a través de la Feira de Correlos, la báscula y la antigua cárcel, así como la visita al Pazo de Carrocide, una de las joyas patrimoniales del municipio.

La experiencia finalizará entre colmenas, donde un especializado apicultor nos acercará al fascinante mundo de las abejas"... 

 Características desta ruta:

Lonxitude: 4km. aprx. (O meu track en WIKILOC marcou 10,4 erróneamente e debido tal vez á parada que fixemos no pazo)

Dificultade: moi fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC (hai que ter en conta que eses km. non son reais)

Descrición:

O punto de inicio e remate da ruta foi o Campo da Festa dos Chóferes, dentro da parroquia de S. Pedro de Mor. Neste lugar celébranse dúas importantes festas: o S. Pedro en xuño e a finais de xullo, principios de agosto, celébrase a afamada Festa dos Chóferes que este ano chegou á súa 60 edición. 

Campo da Festa dos Chóferes

Ao fondo, a igrexa de S. Pedro de Mor, reconstruída a principios do S. XX. 


Igrexa de S. Pedro de Mor

O chan está cuberto de ourizos e tamén de "quitamerendas", estas floriñas que indican que outono xa está aquí.
Ourizos e quitamerendas

Un pouco máis adiante, chegamos ao barrio de Correlos. Ana contounos que aquí no pasado houbo unha importante feira que se celebraba tódolos mércores, como testemuña desa época queda a Pesa de Correlos, onde se pesaban os becerros.
Correlos

Diante desta nave era onde se celebraba a antiga feira de Correlos.
Lugar da antiga feira 

Esta pesa é unha construcción tradicional ligada á gandaría da zona. Estas instalacións comunitarias son fundamentais para a xestión eficiente das explotacións gandeiras.
Actualmente, os sistemas modernos inclúen básculas dixitais con pantallas electrónicas, estructuras de aceiro inoxidable e plataformas antiescorregantes facilitando unha medición máis rápida e exacta.

Pesa de becerros en Correlos

Dentro desta caseta pequena de pedra é onde está a antiga pesa. O edificio queda enfrente á nave que vimos antes cruzando a estrada, onde se celebraba a feira.
Edificio da pesa de Correlos

Ao pé da pesa hai este pequeno souto onde vemos os ourizos moi ben recollidos.
Souto de Correlos

A casa que vemos na imaxe seguinte, foi ultimamente un afamado restaurante ben coñecido na zona pola súa boa cociña, pero en épocas pasadas foi lugar onde se celebraban espectáculos, foi tamén o edificio do antigo concello e na Guerra Civil sirveu como cárcere de mulleres.
Todo esto aprendémolo grazas a Ana, a nosa guía que resultou ser unha boa coñecedora da zona.
Unha casa con moita historia

En Alfoz predominan os hórreos ou cabozos tipo Mondoñedo (de pedra e con listóns verticais de madeira) e cubertos sempre de pizarra.
Hórreo tipo Mondoñedo

Alfoz é un concello eminentemente rural no que a maioría da poboación vive do Sector Primario: industria da madeira e gandaría.
Paisaxe típico de Alfoz

Ao igual que moitos outros concellos, este tamén sofre o abandono paulatino do rural. 

Estamos xa noutra parroquia: Lagoa. Leva este nome porque antigamente, este val estaba ocupado por unha lagoa, información que nos proporcionou a nosa guía, Ana. Ao fondo podemos ver o Pazo de Carrocide a onde nos diriximos a continuación.
Ao fondo, Pazo de Carrocide

Paisaxe típica neste concello de Alfoz: prados e terras de millo.
Paisaxe en Lagoa

O Pazo de Carrocide foi mandado construir polo arcediano (axudante dun bispo) de Viveiro Pedro de Rigueiro Freire e Andrade no1686. Trátase dunha Casa-Pazo con dous portalóns de entrada en forma de arco de medio punto, graneiro, alpendres, capela e gran casón señorial blasonado e organizado en tres corpos. Dous deles en forma de torre almeada de dous pisos. Interiormente destaca o salón e seu mobiliario  que, ao igual que o das habitacións,  son do S XIX. No salón destacan tamén os frescos das paredes, pinturas polas que semella que o tempo non pasou.
Todo o conxunto está realizado en pedra de cantería.

Portalón polo que accedemos ao pazo

Unha vista das escaleiras que dan acceso á parte do pazo onde pasan a maior parte do tempo os seus habitantes.

Pazo de Carrocide

Vista das escaleiras principales do pazo.
Pazo de Carrocide

O noso anfitrión, Juan Carrocid, explicando moi amablemente a historia dos seus antepasados.

Pazo de Carrocide

Soportais na entrada principal do pazo:
Pazo de Carrocide

Non se pode fotografar o interior do pazo por eso as fotos son só do exterior. Na foto seguinte, un lateral do pazo (o que está pegado á estrada) coa capela do mesmo. É unha capela grande que aínda pode ter uso litúrxico.
Pazo de Carrocide

O outro portalón do pazo.
Pazo de Carrocide

Cruzamos o río Beloi no barrio do mesmo nome, un lugar da parroquia de Lagoa.
Barrio de Beloi

Tamén en Lagoa vemos outro pazo, o de Rizal, tamén habitado e que conserva os 3 elementos que definen a un pazo: capela, palomar e ciprés.
Pazo de Rizal

Cruzamos o río Ouro que pertence á vertente cantábrica. Nace na Serra do Xistral, na parroquia do Pereiro neste mesmo concello de Alfoz a uns 700 ou 800 metros de altitude e desemboca en Fazouro (Foz) Ten un percorrido de 30 quilómetros e forma o límite natural entre os dous concellos que conforman o chamado Val do Ouro: O Valadouro e Alfoz do Castrodouro.
Río Ouro

Deixamos a estrada para pillar un camiño de monte .

Aos poucos metros, tivemos a experiencia apícola. Un lugar no que hai colmeas e tíñamos unhas mostras dos diferentes tipos de mel. Había mel de castiñeiro que en 2021 foi recoñecida como a mellor de Galicia; mel multifloral que é da que máis producen e abarca meles de flores, de árbores froiteiras, silvas, eucalipto, brezo....; mel de eucalipto, moi doce e aromática e mel de breixo, oscura e máis amarga e que tamén levou en 2021 o premio a mellor de Galicia.

Diferentes tipos de mel

"O Poder das Flores" é unha pequena empresa de apicultura artesanal e sostible dos irmáns Javier e Fran Carreiras Cuadrado que teñen acadados varios premios dentro e fóra das nosas fronteiras. A súa mel é considerada unha das mellores de Galicia.
«O futuro da apicultura na Mariña quéroo ver esperanzador. Cada ano imos abrindo campos novos e sacando novos produtos da colmea. Ten un potencial que hai que traballar, para estudar as melloras pero tamén para ser máis creativos. Creo que é moi boa zona, pode haber moito eucalipto pero tamén hai castiñeiro e breixo e aí hai posibilidades para facer un mel de calidade». (Javier Carreiras)
Colmeas de "O Poder das Flores"

Atendeunos Javier quen nos amosou o mundo apícola explicando polo miúdo aspectos sobre as abellas, as colmeas, as ameazas para a apicultura (como a velutina) os tipos de flores que dan como resultado os disferentes tipos de mel...unha charla dun home xoven apaixoado polo seu traballo e comprometido co respecto ao medio-ambiente.
Javier Carreiras explicando.

Voltamos ao lugar de inicio primeiro por unha pista.
Pista entre campos e terras de millo

Na seguinte foto, ao fondo, vemos a igrexa de S. Vicente Lagoa do S. XVIII
Ao fondo, igrexa de S. Vicente de Lagoa

Outro cabozo restaurado, estilo Mondoñedo.
Cabozo estilo Mondoñedo

Volvemos cruzar o río Ouro:
Río Ouro

Estamos no lugar de As Regoas, xa de novo na parroquia de Mor, e vemos a capela de S. Roque e S. Sebastián; é privada e feita en mampostería galega. Sobre o portalón principal (do outro lado) pode lerse a inscripción "Año 1617", ano no que foi construída.
Capela de S. Roque e S. Sebastián

Imaxe doutro cabozo e un pozo restaurados con moi bo gusto.
Hórreo e pozo restaurados.

Un pouco máis adiante, xa no lugar de Santa Mariña, pasamos por diante da Casa Museo Tin, un proxecto persoal do veciño Vicente  González Paz. Non é un Museo convencional se non unha colección privada que foi recuperando Valentín durante décadas, coleccionando pezas do pasado rural e sobre todo destaca a súa colección de radios, tocadiscos, gramolas...Tamén hai ferramentas tradicionais do campo e aperos de labranza, reloxos, chaves, xoguetes, enchufes...etc, etc.
Casa Museo Tin


Aos poucos metros, xa chegamos de novo ao Campo da Festa dos Chóferes, punto final desta ruta.

Páxinas web consultadas:
https://gl.wikipedia.org/wiki/R%C3%ADo_Ouro
https://www.elespanol.com/
https://opoderdasflores.com/

venres, 12 de novembro de 2021

RUTA RÍO OURO + FORTALEZA CASTRODOURO (ALFOZ)

 Esta ruta circular que me inventei colle un tramo da "Ruta do Río Ouro" e un tramo da "Ruta dos Castelos" onde coinciden as dúas. Logo como quería facela circular, dende a Fortaleza de Castrodouro volvín por estrada ao punto de inicio.

É unha ruta pouco coñecida e a verdade é que ten puntos de interese como a Finca Galea e a Torre-Fortaleza do Mariscal Pardo de Cela, chamada Castrodouro, en Alfoz.

Deixo a ruta en WIKILOC

Características:

Lonxitude: 7 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular ben sinalizada.

A miña calificación desta ruta:🔆🔆🔆🔆

Descripción:

Saín da Parroquia de Carballido pertencente ao concello de Alfoz. Xusto ao pé do restaurante A Laranxa, empecei a camiñata.

O punto de inicio está AQUÍ

Área recreativa ao pé do restaurante a Laranxa

Crucei a ponte que cruza a estrada xa que camiñaremos  deixando o río á esquerda.

Río Ouro
 E vemos os indicadores onde coinciden dúas rutas: a do río Ouro e a dos Castelos

Irei por un sendeiro moi cómodo con vexetación de ribeira.



A ruta está moi ben sinalizada:

Vemos unha ponte que non temos que cruzar. Achégome a ver se está transitable polo outro lado a beira do río, pero non. Está pechada de maleza.

O río Ouro hai veces que baixa moi tranquilo, remansado e en silenzo:

Pola dereita, vemos as casas, animais e prados:



Non ten perda a ruta. Non faltan os sinais.

Agora oimos o Ouro baixar alporizado salvando unha pequena presa.


Cruzamos unha pequena carballeira:


E atopamos unha presa moi grande 

En vez de cruzar a ponte que está ao pé da presa como indican os sinais, sigo uns metros máis e chego ao Restaurante O Frenazo. Cruzo a estrada xeral que vai a Mondoñedo e atopo unha área recreativa ao lado do río. É unha área grande, con moita sombra, mesas, bancos, asadores e ata tiña fermosas farolas pero a maioría están rotas ou foron arrancadas. Como sucede en moitos lugares, hai quen no respecta os bens que son públicos e para desfrute de todos.
Área recreativa

Agunhas farolas están rotas ou arrancado o farol

Vemos a Ponte Nova unha ponte oxival  do S. XVIII por onde ía antes a estrada vella. É de sillería de granito e consérvase moi ben.
Ponte Nova


Cruzamos a estrada que vai a Mondoñedo. Estamos en Adelán, parroquia de Alfoz.

Agora deixamos a Ruta do Río Ouro e continuamos pola Ruta dos Castelos cruzando a ponte.

Ponte que temos que cruzar moi preto da Finca Galea:

Dicimos adeus ao río Ouro:

A Finca Galea é un espazo de máis 62.000 metros cadrados bañada polo río Ouro. A vivenda está convertida en casa-hotel rural e na inmensa fina organízanse eventos e vodas. Finca Galea é tamén un parque etnográfico da auga onde se pode ver funcionar unha noria, un muíño e un batán. É todo un Museo ao aire libre debido á cantidade cantidade e variedade de árbores e plantas.

Un recuncho de Finca Galea

A vivenda de Finca Galea

Moitas e diversas árbores

O batán

Recuncho de Finca Galea

Unha noria e o río Ouro

Esculturas con troncos fosilizados
A finca é inmensa e idónea para celebrar grandes acontecementos.
  
Despois de percorrer a Finca Galea, temos o Castelo de Castrodouro a 900m. Temos que ir por estrada.

O Castelo de Castroduoro recibe moitos nomes: Torre de Alfoz, Torre de Pardo de Cela, Castelo de Alfoz...
Tivo a súa orixe nun asentamento castreño a comenzos do S. I despois de Cristo.
No S. XV é ocupado polo mariscal Pardo de Cela quen o perde trala súa morte pasando a ser propiedade da diócese de Mondoñedo. No S. XVII foi abandonado e a finais do XIX foi usucapido polo concello de Castro de Ouro que o arranxou a comezos do S. XX.
Na actualidade acolle varias dependencias municipais como a Oficina de Turismo, Sala de Exposicións e Salón de usos Múltiples.
Mentras subimos ata o castelo imos vendo unhas lousas colgadas dos muros nas que lemos fragmentos do "Pranto da Frouseira", unha das xoias literarias dos "Séculos Oscuros" da Literatura galega na que se recorda a traizón sufrida por Pardo de Cela e chórase amargamente por el.
Pranto da Frouseira

 Ao pé do castelo podemos ver a igrexa de S. Salvador que data do S. XV. Foi a capela do castelo e máis tarde a igrexa parroquial.
Castelo e igrexa de S. Salvador

Área recreativa ao pé do castelo

Tamén hai un sinxelo cruceiro do S. XX e detrás as sepulturas de xente que debeu ser importante no pasado.

Aquí vemos os restos dunha troneira. É unha abertura que hai nalgúns muros, así como en torres dos castelos para permitir disparar frechas ou baestas.
Troneira

As vistas dende o castelo son fabulosas. Contemplamos todo o val de Alfoz e ao fondo a Frouxeira que son as ruínas doutro castelo de Pardo de Cela que alí existíu.
Vistas dende o castelo

Vistas dende o castelo
 Outra fonte da igrexa co cruceiro.

Nesta parroquia de S. Salvador de Castro de Ouro, o lugar onde está o castelo é coñecido como O Castro e ten vivendas que deberon ser moi importantes a xulgar polo seu tamaño e os escudos que algunhas conservan.


Voltamos xa cara a Carballido, por estrada.


A gandaría non ten a importancia que tivo no pasado pero quedan vestixios:


Chegamos ao final da ruta. Estamos na área recreativa onde vemos o número 13 en madeira e é que este lugar é coñecido por " O Trece"

Páxinas web consultadas: