venres, 12 de novembro de 2021

RUTA RÍO OURO + FORTALEZA CASTRODOURO (ALFOZ)

 Esta ruta circular que me inventei colle un tramo da "Ruta do Río Ouro" e un tramo da "Ruta dos Castelos" onde coinciden as dúas. Logo como quería facela circular, dende a Fortaleza de Castrodouro volvín por estrada ao punto de inicio.

É unha ruta pouco coñecida e a verdade é que ten puntos de interese como a Finca Galea e a Torre-Fortaleza do Mariscal Pardo de Cela, chamada Castrodouro, en Alfoz.

Deixo a ruta en WIKILOC

Características:

Lonxitude: 7 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular ben sinalizada.

A miña calificación desta ruta:🔆🔆🔆🔆

Descripción:

Saín da Parroquia de Carballido pertencente ao concello de Alfoz. Xusto ao pé do restaurante A Laranxa, empecei a camiñata.

O punto de inicio está AQUÍ

Área recreativa ao pé do restaurante a Laranxa

Crucei a ponte que cruza a estrada xa que camiñaremos  deixando o río á esquerda.

Río Ouro
 E vemos os indicadores onde coinciden dúas rutas: a do río Ouro e a dos Castelos

Irei por un sendeiro moi cómodo con vexetación de ribeira.



A ruta está moi ben sinalizada:

Vemos unha ponte que non temos que cruzar. Achégome a ver se está transitable polo outro lado a beira do río, pero non. Está pechada de maleza.

O río Ouro hai veces que baixa moi tranquilo, remansado e en silenzo:

Pola dereita, vemos as casas, animais e prados:



Non ten perda a ruta. Non faltan os sinais.

Agora oimos o Ouro baixar alporizado salvando unha pequena presa.


Cruzamos unha pequena carballeira:


E atopamos unha presa moi grande 

En vez de cruzar a ponte que está ao pé da presa como indican os sinais, sigo uns metros máis e chego ao Restaurante O Frenazo. Cruzo a estrada xeral que vai a Mondoñedo e atopo unha área recreativa ao lado do río. É unha área grande, con moita sombra, mesas, bancos, asadores e ata tiña fermosas farolas pero a maioría están rotas ou foron arrancadas. Como sucede en moitos lugares, hai quen no respecta os bens que son públicos e para desfrute de todos.
Área recreativa

Agunhas farolas están rotas ou arrancado o farol

Vemos a Ponte Nova unha ponte oxival  do S. XVIII por onde ía antes a estrada vella. É de sillería de granito e consérvase moi ben.
Ponte Nova


Cruzamos a estrada que vai a Mondoñedo. Estamos en Adelán, parroquia de Alfoz.

Agora deixamos a Ruta do Río Ouro e continuamos pola Ruta dos Castelos cruzando a ponte.

Ponte que temos que cruzar moi preto da Finca Galea:

Dicimos adeus ao río Ouro:

A Finca Galea é un espazo de máis 62.000 metros cadrados bañada polo río Ouro. A vivenda está convertida en casa-hotel rural e na inmensa fina organízanse eventos e vodas. Finca Galea é tamén un parque etnográfico da auga onde se pode ver funcionar unha noria, un muíño e un batán. É todo un Museo ao aire libre debido á cantidade cantidade e variedade de árbores e plantas.

Un recuncho de Finca Galea

A vivenda de Finca Galea

Moitas e diversas árbores

O batán

Recuncho de Finca Galea

Unha noria e o río Ouro

Esculturas con troncos fosilizados
A finca é inmensa e idónea para celebrar grandes acontecementos.
  
Despois de percorrer a Finca Galea, temos o Castelo de Castrodouro a 900m. Temos que ir por estrada.

O Castelo de Castroduoro recibe moitos nomes: Torre de Alfoz, Torre de Pardo de Cela, Castelo de Alfoz...
Tivo a súa orixe nun asentamento castreño a comenzos do S. I despois de Cristo.
No S. XV é ocupado polo mariscal Pardo de Cela quen o perde trala súa morte pasando a ser propiedade da diócese de Mondoñedo. No S. XVII foi abandonado e a finais do XIX foi usucapido polo concello de Castro de Ouro que o arranxou a comezos do S. XX.
Na actualidade acolle varias dependencias municipais como a Oficina de Turismo, Sala de Exposicións e Salón de usos Múltiples.
Mentras subimos ata o castelo imos vendo unhas lousas colgadas dos muros nas que lemos fragmentos do "Pranto da Frouseira", unha das xoias literarias dos "Séculos Oscuros" da Literatura galega na que se recorda a traizón sufrida por Pardo de Cela e chórase amargamente por el.
Pranto da Frouseira

 Ao pé do castelo podemos ver a igrexa de S. Salvador que data do S. XV. Foi a capela do castelo e máis tarde a igrexa parroquial.
Castelo e igrexa de S. Salvador

Área recreativa ao pé do castelo

Tamén hai un sinxelo cruceiro do S. XX e detrás as sepulturas de xente que debeu ser importante no pasado.

Aquí vemos os restos dunha troneira. É unha abertura que hai nalgúns muros, así como en torres dos castelos para permitir disparar frechas ou baestas.
Troneira

As vistas dende o castelo son fabulosas. Contemplamos todo o val de Alfoz e ao fondo a Frouxeira que son as ruínas doutro castelo de Pardo de Cela que alí existíu.
Vistas dende o castelo

Vistas dende o castelo
 Outra fonte da igrexa co cruceiro.

Nesta parroquia de S. Salvador de Castro de Ouro, o lugar onde está o castelo é coñecido como O Castro e ten vivendas que deberon ser moi importantes a xulgar polo seu tamaño e os escudos que algunhas conservan.


Voltamos xa cara a Carballido, por estrada.


A gandaría non ten a importancia que tivo no pasado pero quedan vestixios:


Chegamos ao final da ruta. Estamos na área recreativa onde vemos o número 13 en madeira e é que este lugar é coñecido por " O Trece"

Páxinas web consultadas:

Ningún comentario:

Publicar un comentario