Amosando publicacións coa etiqueta Trillo Guadalajara. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Trillo Guadalajara. Amosar todas as publicacións

sábado, 27 de xullo de 2024

TRILLO

 Seguimos na provincia de Guadalajara e se pola mañá visitáramos Brihuega, pola tarde fomos ata Trillo.

Continuamos na comarca da Alcarria e Trillo, que se atopa ás beiras do río Tajo, e atravesado polo Cifuentes é unha vila que destaca polas súas fermosas cascadas, pola ponte sobre o Tajo e por ter a Central Nuclear máis moderna de España.

A Ponte sobre o Tajo data do S. XVI. A súa condición de paso sobre o río deulle gran importancia no pasado, sendo un obxectivo militar en tódalas guerras.

Ponte sobre o río Tajo

A Igrexa da Asunción é de estilo renacentista do S. XVI. 


O Tajo é o río máis longo da Península. Nace na provincia de Teruel e desemboca no Océano Atlántico en Lisboa despois de percorrer 1007 km. Ten cerca de 20 encoros. Na foto, o Tajo ao seu paso por Trillo rodeado de álamos.

Outra vista da Ponte sobre o Tajo.

Na foto seguinte, vese o río Cifuentes desembocando no Tajo en Trillo.

Outra ponte, neste caso cruzando o río Cifuentes, que atravesa a localidade de Trillo. A carón deste río hai un paseo que fomos percorrendo.

O río Cifuentes é curto pero leva abundante caudal.

 

E vemos a 1ª cascada pensando que era a única. En Trillo é coñecida como "El Chorrerón"

Empezamos unha pequena subida e ao fondo quédanos a ponte que non cruzamos e un bar-restaurante que hai a carón do Cifuentes.

Sen darnos conta chegamos a unha recollida e fermosa praciña onde vemos a Casa do concello.


Tamén nesta praza, vemos a Igrexa da Asunción polo outro lado.

Seguimos percorrendo a vila ao noso aire e chegamos a unha praciña, a de S. Blas onde hai un Museo Etnolóxico.

Seguimos subindo pola vila e dende un miradoiro, temos estas fermosas vistas de Trillo nas que destaca a Igrexa da Asunción e aínda que non o vemos sabemos perfectamente por onde vai o Tajo ao divisar os olmos.

Xa case nas aforas, vemos ao lonxe a Central Nuclear e un barrio que semella moi vello.


Damos a volta outra vez por unha parte do paseo que non percorreramos e atopamos tres fermosas e buliciosas cascadas!! Dende aquí hai que voltar polo mesmo sitio porque o paseo está cortado por obras.

As 3 fervenzas:


Páxina web consultada:

https://es.wikipedia.org/wiki/Puente_sobre_el_r%C3%ADo_Tajo_(Trillo)