luns, 6 de abril de 2026

FERVENZAS DO FÓCARO E DE VIEIROS (A SEARA)

 Despois de realizar en Quiroga a ruta da Arte Urbana e o Paseo Fluvial, fun ata a aldea da Seara que pertence a este concello, para facer unha ruta que contemplaba dúas fervenzas e as aldeas de A Seara e Vieiros.

Teño que dicir que a estrada para chegar aló dende Quiroga é moi estreita e sen pintar, hai que levar moita precaución porque tamén ten bastantes curvas. Cruceime con coches enormes, autocaravanas...menos mal que o meu coche é pequeno e cabe ben, se se atopan dous da mesma categoría non sei eu...Eso si, as vistas son alucinantes e de feito parei dúas veces en miradoiros, dende os que mires onde mires, te sentes ben pequena ante a inmensidade da Serra do Courel.

Fotos dende a estrada Quiroga- A Seara

Dende un miradoiro podemos ver o val do río Quiroga, este río pode considerarse a columna vertebral do concello.

O Val de Quiroga

Á dereita podemos ver plantacións de piñeiros atravesadas por pistas forestais e devesas:

Á esquerda, temos restos de antigos soutos, actualmente bastantes descoidados.

A estrada pola que vou e ao fondo de todo, o Pico Formigueiros, o máis alto do Courel con 1639m de altitude.


Noutra parada que fixen, saquei estas fotos:

A estrada que vai á A Seara é estreita, sen pintar e chea de curvas polo que hai que ir atento/a ao volante, pero pódense facer paradiñas nalgún miradoiro que hai, ou nalgún espazo fóra da estrada, como fixen eu neste caso.

Estrada á Seara

No medio das montañas, aló soíña hai unha aldea que non souben cal era. Dá igual, é unha de tantas que hai desperdigadas por estas montañas impoñentes e infinitas.

Características da ruta:

Lonxitude: 7km.

Dificultade: fácil

Ruta circular. O meu track en WIKILOC  Eu fixen dúas rutas nunha unindo os percorridos. (A fervenza do Fócaro está sinalizada e a de Vieiros tamén, pero independientemente unha doutra)

Descripción:

Aparquei o coche á beira da estrada LU-P 5004, sen meterme para o interior da aldea de A Seara, ao pé da ponte sobre o río Selmo. Xa había outros tres apacados, non caben moitos máis.

Ao outro lado da ponte hai dous camiños, un vai á Lagoa de Lucenza e ao Pico de Formigueiros e outro á Fervenza do Fócaro.

Ponte sobre o río Selmo ao pé da que se aparca.

Marcos Escudero, un escultor de Mos, foi quen tallou en madeira estes animais que vemos mesmo no inicio da ruta, antes do muíño, nunha das entradas á aldea.


O lugar chámase O Fabeiro de Olivia E Olivia  lin que era a osa que se ve na foto.

Tamén hai un xabarín.

E unha curuxa.

Empezamos a camiñar por este antigo e fermoso camiño:

Distintos picos da Serra do Courel. Cales? Non teño nin idea. Encántame velos e chegar ata eles se non hai moita altitude, pero destes non sei o nome.

Cruzamos esta ponte e xiramos á esquerda para ir ata a base da fervenza. Se cruzamos a ponte e seguimos polo camiño que hai, iriamos á Lagoa de Lucenza que eu xa visitei hai uns anos.

A Fervenza do Fócaro está a uns 300m. do inicio. É unha das máis altas do courel xa que cae dende uns 30m de altura.


Había tres cans coidando dun pequeno rabaño de cabras, un deles acompañoume e agardoume.

Antes de dirixirme á fervenza de Vieiros, pateei a aldea da Seara, penso que sería un pecado mortal non facelo.
A Seara é unha das 22 parroquias de Quiroga. Este concello é o 4º máis grande da provincia de Lugo en canto a extensión e o 5º de Galicia.
A parroquia da Seara, chamada oficialmente Santa María Madanela da Seara, está formada polos lugares de O Mazo, A Seara, O Soldón, Vieiros (que veremos tamén nesta ruta) e Vilarbacú.
A Seara
A Seara é unha magnífica mostra de interese etnográfico onde podemos ver as características arquitectónicas propias da montaña lucense.
A Seara

As casa seguen a manter a forma orixinal antiga das casas galegas do rural: as cuadras para os animais e a cociña na parte baixa e os dormitorios, no piso superior ao que nestas zonas se accedía por escaleiras exteriores. 
A Seara

Nesta aldea aínda se mantén a estructura medieval orixinal. Ata o ano 1970, A Seara formaba parte do concello de Folgoso do Courel.
Na foto, enxebre ponte moi antiga que cruza a aldea por derriba do río Selmo.
A Seara

Hoxe, como estamos en Semana Santa había xente de fóra na aldea, tampouco moita, e penso que en días normais non hai case ninguén.
Hai elementos das vivendas que non estaban no proxecto inicial dos arquitectos e que foron egadidos polos veciños de xeito individual, como por exemplo a madeira torneada dese balcón.
A Seara

Noutro tempo, A Seara destacou pola súa actividade mineira. A extracción de ferro no  xacimiento do monte Formigueiros foi un dos piares económicos da localidade, dando ocupación á maioría dos seus habitantes.
Outra actividade que tamén tivo importancia na economía desta aldea foi a industria textil artesanal, chegando a funcionar ata 3 teares simultaneamente. Tamén era o importante o pastoreo ao que se dedicaban outros veciños.

A Seara

Hai un documental de Pepe Coira moi interesante sobre como foi a restauración desta aldea contado polos 4 arquitectos responsables do proxecto e tamén intervén xente da aldea. Pode verse neste enlace
A restauración da aldea empezou no ano 2000 e rematou no 2006. Actualmente moi pouca xente vive aí habitualmente; a maioría das casas foron vendéndose e adquireunas xente de fóra que ven só en vacacións ou algún fin de semana co que a aldea corre o perigo de converterse nunha aldea fantasma se non o é xa.

A Seara

A Seara é atravesada polo río Selmo que forma unha fermosa fervenza, a da Gurbia.
Fervenza da Gurbia


Que forza leva esta fervenza!!



Marchamos da Seara para ir á Fervenza de Vieiros por este camiño que sae da mesma aldea.

Imaxe da Seara, unha aldea restaurada con fondos europeos  porque foi incluida nun programa LEADER +.

Dende A Seara ata Vieiros imos por este carreiro que supoño que antigamente sería a única comunicación entre as dúas aldeas.

Á nosa esquerda, vemos a igrexa parroquial da Seara que queda ás beiras da estrada pola que voltarei despois.

O traxecto non ten desniveis e camíñase ben.

Fermosa imaxe!!

Unha fonte que non pode ser máis natural, a de Bugal.
Fonte de Bugal

Atravesamos unha carballeira. O río vai sempre á nosa esquerda pero camiñamos alonxados del.

Cruzamos o río Selmo pola ponte que vemos:

Paisaxe que se contempla chegando a Vieiros.

Vieiros pertence á parroquia da Seara e despois da minaría romana do ouro e do ferro nos S. XVIII e XIX, cando aquí vivía bastante xente e a aldea estaba chea de vida; despois chegaron as estradas e melloraron as comunicacións e foi cando empezou un gran declive demográfico nesta aldea e en todas as do Courel.
Vieiros

Esta aldea estivo totalmente deshabitada durante 6 anos ata que dúas familias se mudaron aquí e habitan actualmente este lugar permanentemente. Hai outras familias que veñen en diferentes épocas do ano e dan vida en total a 4 vivendas da aldea.
Vieiros

Vieiros ten actualmente un pequeno aloxamento rural e Roi Estévez que vive en Vieiros dende hai 14 anos,  puxo en marcha unha iniciativa de introducción de ovellas tras os lumes de 2022 que non chegaron aquí, pero estiveron cerca.
O proxecto chámase "Vieiros con Vida" e grazas a el recibiron axudas económicas de particulares e de distintas administracións que lles permiteu mercar ovellas, cabras, un burro e dous mastines. 
A aldea, ademais, está buscando novos veciños e veciñas. "Por iso, algúns propietarios estamos dispostos a ceder algunhas das casas, coa única finalidade de que chegue xente para quedar, desenvolver algún proxecto, e axudarnos a darlle vida á nosa aldea" dicía Roi no 2022. 
Vieiros

Neste vídeo curto e interesante podes coñecer máis do proxecto "Vieiros co Vida" en palabras e imaxe do seu promotor, Roi Estévez.


Despois de cruzar a aldea, baixamos ao encontro do río que nos vai levar á fervenza.

Antes de chegar á fervenza, atopamos esta ponte pechada porque está en moi mal estado. Antes, cando se podía cruzar, podíase facer un percorrido circular ao redor da cascada.

Sendeiro á fervenza:

No último tramo de baixada hai unhas cordas para axudarse:

Antes podía rodearse a fervenza e chegar ata o seu inicio, pero a ponte está en moi mal estado actualmente. Veremos algunha ponte máis pechada porque por ese outro lado do río houbo derrubes e os camiños están en moi mal estado e son perigosos.

Esta é unha das fervenzas máis altas do Courel cunha caída de 34 m.
Fervenza de Vieiros



Voltamos á aldea de Vieiros polo mesmo camiño da ida.


Abandonamos Vieiros cruzando este vello souto á entrada da aldea.

A volta á Seara fágoa pola estrada, algo máis de 1,5 km.

Fermosa imaxe da igrexa , da aldea e das montañas.


A igrexa parroquial de Santa Mª Madanela é do S. XVII. Atópase nun lugar alto dende o que se domina tada a aldea.
Igrexa de Santa Mª Madanela da Seara

Fermosa vista á Seara dende o atrio da igrexa.

O río Selmo é afluente do Sil. Nace cerca de Formigueiros e, ao ser un río de montaña, vai moi encaixonado recibindo auga de moitos regos .
Aquí, na Seara aproveitaron no pasado a súa auga para mover este muíño.

Un pouco máis abaixo do muíño, hai unha fermosa zona na que no día de hoxe había nenos bañándose nun pequeno remanso que fai aí o río.


Páxinas web consultadas:

https://gl.wikipedia.org/wiki/A_Seara,_Quiroga
https://concellodequiroga.com/es/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/2000/08/15/seara-quiroga-courel/0003_156391.htm
https://praza.gal/
https://www.verkami.com/projects/34005-vieiros-la-pequena-aldea-de-o-courel-que-quiere-revivir/blog/57910-lo-habeis-hecho-posible