Amosando publicacións coa etiqueta ano 2023. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ano 2023. Amosar todas as publicacións

domingo, 31 de decembro de 2023

PRADO DEL MARQUÉS/SERRA DE PULIDE (CASTRILLÓN)

 Por vez 2ª vou ata o concello asturiano de Castrillón a facer unha ruta (vai ser a última deste 2023). É un concello costeiro situado na parte central asturiana. O aeroporto de Asturias que todos dicimos que está en Avilés, realmente está neste concello. A capital é Piedras Blancas sendo tamén a localidade máis poboada.

A primeira ruta que realicei neste concello foi unha ruta urbana en Salinas que tamén pertence a este concello e é un referente turístico de 1ª orde.

Hoxe en lugar de ir cara ao mar, fun ao interior do concello  para subir ao punto máis alto do municipio que se atopa na Serra de Pulide: o alto do Prado do Marqués a 438m de altitude.

Características da ruta

Lonxitude: 10km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. Necesario seguir un GPS. O meu track en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔆🔆🔆

Descripción:

Inicio a ruta en Moire, parroquia de Pillarno aparcando ao pé da Gruta de Arbedales. Esta gruta é visitable. Trátase dunha formación xeolóxica natural con varias salas repletas de estalactitas, estalagmitas e pregamentos de gran fermosura. Eu non a visitei porque ía sola e son necesarias como mínimo 2 persoas para que a ensinen.

Inicio de ruta

 Empezamos o percorrido camiñando uns metros ao pé do Rego del Cuadro.

Moire

Pegado a Moire está o lugar de La Campa. Non imos cara aí senón que torcemos á esquerda porque imos cara a La Buria.

Á esquerda

Subindo a La Buria se volvemos a vista atrás, temos esta paisaxe. Vemos xa o mar.

La Buria é outro lugar que atravesamos. A partires de aquí a ruta faise circular.

La Buria
Vou en ascenso suave e volvendo atrás a vista vexo La Buria e máis aló, o mar.

Teño que atravesar un monte sen moito atractivo a verdade, polo medio de eucaliptos.

Desemboco nunha estrada local que leva á aldea As Vinadas pero eu teño que pillar á esquerda.
As Vinadas

Vou uns metros pola estrada costa abaixo. Á dereita, aló enriba quedan As Vinadas e os prados ao redor.

Pillo deseguida unha pista á dereita polo medio doutro monte.

Despois de atravesar este monte, o camiño desemboca en Pulide a case 400m. de altitude.  Unhas casas pertencen á parroquia de Pillarno e outras ao de Candamo.
Unhas vacas estaban tranquilamente no camiño, unha delas amamantando ao seu xatiño. 


Ao ver que eu camiñaba cara a elas, asustáronse e fuxiron a todo correr. A nai que amamantaba seguiu polo camiño durante uns metros ela sola pero nun momento dado saltou os arames e xuntouse ás demais.

Pulide conta cunhas 10 vivendas, a maioría delas, deshabitadas. O silenzo era absoluto. Nin ladrou un can...só se escoitaban os cencerros das vacas.
Pulide
Nin un alma vin nin escoitei...
Pulide
Ao pouco cheguei a Área Recreativa de Pulide no punto máis alto da Serra do mesmo nome. Con moitas árbores (piñeiros sobre todo) que proporcionan boa sombra no verán conta ademais con tódolos servizos: mesas e bancos en madeira, asadoiros, fontes, papeleiras, parque infantil...
Área recreativa de Pulide

A área recreativa hai que percorrela ata o final para gozar das magníficas vistas que hai. Dende os 425m de altitude, dende a punta que vemos na foto, podemos observar gran parte de Asturias.

Dende o Alto do Prado do Marqués (así é como se chama este lugar onde se sitúa a área recreativa porque pertencía ao Marqués de Castrillón , título nobiliario que segue existindo a día de hoxe) mirando cara ao oeste vemos Muros de Nalón, Soto del Barco, o río Nalón...e moitos outros lugares da costa cantábrica.
Vistas dende a Serra de Pulide
 
Se miramos de frente, vemos o aeroporto de Asturias que está situado no concello de Castrillón, a autovía A8...
Vistas dende a Serra de Pulide

Mirando cara ao leste, vemos a ría de Avilés, a praia de Salinas...etc
Vistas dende a Serra de Pulide

A Área Recreativa de Pulide ten tamén zona de xogos infantís construídos en madeira, respectando o entorno.
Área recreativa de Pulide


Área recreativa de Pulide

Tamén atopamos un hórreo asturiano.
Área recreativa de Pulide

Dende a área recreativa volvo atrás uns metros e pillo un camiño polo medio do monte á esquerda.


Desemboco na aldea de Buxande seguindo na parroquia de Pillarno. É un lugar con 4 vivendas que parecen dshabitadas todas elas.

O máis absoluto silenzo reina neste lugar.
Buxande
Buxande conserva aínda restos de arquitectura tradicional asturiana.

Vou 1km. aprox. por estrada local onde só me cruzo con coches de cazadores. Mirando á esquerda volvo ver Buxande.

E chego a un cruce onde deixo a estrada anterior para coller á dereita e de seguido outra vez á dereita non pasando polo medio da aldea O Fresno, onde vexo cans soltos que xa de lonxe me ladran.
Á dereita

El Fresno quédanos agora á esquerda. É unha pequena aldea.

Emprendo agora o último tramo polo medio dun monte no que atopei tres cazadores coa escopeta no ombreiro. Danme máis medo eles que ningún xabarín!!

Despois de pouco máis de 1km. desemboco en La Buria de novo.

Enlazo co tramo de ida para facer este pequeno tramo lineal.
 
E chego ao punto de inicio en Moire.


martes, 19 de decembro de 2023

ROTEIRO DA PENA DA MOURA PR-235 (SOBRADO DOS MONXES)

 No concello de Sobrado dos Monxes xa fixéramos a Ruta da Carballeira e aproveitáramos para visitar outros lugares deste municipio. Hoxe fixemos unha ruta homologada moi interesante e fermosa pero moi descoidada nalgúns tramos en canto a sinalización (deficiente e nalgúns casos inexistente) e tamén un pequeno tramo da ruta oficial está intransitable e hai que cruzar por un prado para poder seguir. Despois de moitas rutas realizadas por Galicia e Asturias volvo dicir que unha ruta homologada non garante nada. A homologación dun percorrido debería supoñer unhas condicións seguras para quen realice esa ruta pero por desgraza teño moi comprobado que non sempre é así.

A Normativa de Homologación de Sendeiros en Galicia di: 2 "La responsabilidad del mantenimiento del sendero corresponde al promotor del mismo...La FMG (Federación Galega de Montañismo) velará por el cumplimiento del mantenimiento por parte del promotor..."

Características desta ruta:

Lonxitude: 12 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar nalgúns puntos e /ou con sinais case borradas e con nulo mantemento noutro. Imprescindible seguir un track para realizala. Deixo o meu en WIKILOC

A miña valoración da ruta:🔆🔆🔆🔆

Descripción :

Partimos da Lagoa de Sobrado onde hai un sitio para deixar os coches. A Lagoa de Sobrado é artificial xa que foi creada polos monxes do mosteiro no S. XVI co obxectivo de ter auga para os seus cultivos, para as cociñas do mosteiro e para mover o muíño.

A xeada deste domingo de mediados de decembro era impresionante pero o sol xa lucía e aínda que sentimos o frío ao empezar a andar, este deseguida se foi. O sol quentábanos e o exercicio facía que entrásemos en calor.

Parecía talmente que nevara...

Ás veces semellaba que estábamos ante unha postal de Nadal.

Cruzamos o Río de Caxide que é un afluente do Tambre:

Imos por unha estrada local durante uns 800m.

Rematado o asfalto, pillamos un camiño é esquerda. Pasamos por moitos tramos embarrados debido ás últimas chuvias.

Atopamos moitos regos que noutras épocas apenas levarán auga.

Hoxe os regos estaban desbordados e ás veces tivemos que pasar como poidemos este Rego dos Canizos.
Rego dos Canizos
Entre prados chegamos a Castro do Seixo da parroquia de Codesoso. O día non pode estar máis precioso!!

En Castro do Seixo, situada a algo máis de 600 m. de altitude, xa non quedaba rastro algún de xeada! Aquí non viven nin 20 persoas.
Castro do Seixo

Pasada a aldea, deseguida pillamos un camiño á dereita.

A maioría dos poucos habitantes que habitan estas aldeas viven da gandaría.

Subindo á Serra do Bocelo así estaba o camiño de xeado.

A medida que subimos, as vistas son cada vez máis extensas.

Estamos en plena Serra do Bocelo á que nos custou moi pouco subir porque xa partimos dunha altitude de 513m. Na foto, o que parece neve, é xeo. Esta serra é compartida polos concellos de Sobrado, Toques e Boimorto.

Na Serra do Bocelo hai importantes vestixios de zona megalítica. Hai catalogadas 32 mámoas e túmulos. Na foto, o contraste entre a zona de sombra, con xeada, e máis adiante xa todo verde onde dá o sol. Estamos no Camiño Real que percorre a Serra do Bocelo.

Ao pé deste Camiño Real está o Dolmen de Forno dos Mouros, un dos mellor conservados de Galicia. Foi obxecto de varias escavacións arqueolóxicas entre 1987 e 1989. O monumento pertence ao concello de Toques xa que esta serra fai de fronteira natural entre ámbolos dous concellos.
Dolmen Forno dos Mouros

Este monumento megalítico funerario data do S. III a.C. Ten unha cámara poligonal formada por unha pedra horizontal sostida por 7 piares (ortostatos) e ten un corredor de acceso.
Dolmen Forno dos Mouros

Continuamos polo Camiño Real

E atopámonos cunha pista asfaltada

Deseguida chegamos á Pena da Moura, un menhir natural obxecto de moitas lendas na zona. Unha delas di - "Cuentan por ejemplo, que esa roca fue traída en la cabeza por una mujer "moura" y que al colocarla un momento en el suelo para descansar, comprobó asombrada como la piedra iba creciendo cada vez más hasta convertirse en la enorme mole con la que lógicamente no podía continuar".
Pena da Moura

 A pedra é descomunal de grande (11m) e descansa sobre un encame erosionado de gneis, a modo de niño. Xunto á Pena, na cara sur, aprécianse outras penas encabalgadas conformando un amplo abrigo natural.
Mentras que no dolmen, no concello de Toques, atopamos un panel con información detallada do mesmo, na Serra da Moura, que pertence ao concello de Sobrado, nada de nada e eso que estamos diante dunha ruta homologada. A diferenza de trato dos concellos ao seu patrimonio...
Pena da Moura

Achegámonos ata o Coto dos Tarbos para ter unhas vistas magníficas de terras de Sobrado, Teixeiro...etc, etc.

Emprendemos agora a baixada deixando a estrada e pillando un camiño á dereita. Grazas ao track que seguiamos porque os sinais que o indicaban estaba deste xeito:

Baixamos por un fermoso e moi húmido camiño:

Pasamos ao pé dunha abandonada e solitaria casa, estamos en Bustomaior que pertence á parroquia de Porta.

Bustomaior

O día está ben fermoso e xa quenceu. Sóbranos algunha capa de roupa.

Cruzamos outra vez o Río de Caxide noutro lugar.
Ponte sobre o río de Caxide
 
Estamos en Reboredo, aldea que pertence á parroquia de S. Pedro de Portas tamén. Aquí atopámonos con J. Antonio e Pilar, un matrimonio moi falangueiro que nos contaron o baleira que estaba a aldea e J. Antonio insistiu moito en que seguisemos pola estrada ata atopar o cruce onde voltariamos ao inicio polo mesmo sitio da ida. Nós non fixemos caso e pillamos deseguida á esquerda, por outra estrada e el seguía detrás de nós berrando "non vaian por aí, non hai saída..."

Nesa estrada andivemos uns metros e pillamos á dereita por onde ía o trazado oficial que nun principio aparecía limpo.

Pero ao pouco, o camiño péchase de maleza. Hai moito tempo que aí non limpa ninguén!! Tiña moita razón o señor J. Antonio...

Tivemos que ir polo prado contiguo e na foto vese ben o estado do camiño. Completamente intransitable!
 
Ao rematar de cruzar o prado anterior, enlazamos co tramo lineal da ida.

E en 1,5 km. estabamos no inicio na Lagoa de Sobrado.
Lagoa de Sobrado

Agora a lagoa é de cor azul como o ceo e as árbores reflíctense nela.

Comemos por 2ª vez no restaurante Real como xa fixeramos na anterior visita a este concello. Un menú composto de tres primeiros a elexir (caldo, callos ou sopa) e cinco segundos (rape á plancha,  bacallau, codillo asado, filete de tenreira, ou aliñas de polo) bebida, pan, postre e café por 15 € persoa. A comida caseira e abundante, así por ese prezo, un domingo case non se come en ningún sitio.
Restaurante Real
Despois de comer volvemos visitar o mosteiro de sobrado. A información do mesmo, no seguinte ENLACE
Mosteiro de Santa Mª de Sobrado

Tamén visitamos a CIADELA como tamén fixéramos na anterior visita. Toda a info AQUÍ

A Ciadela

Páxinas web consultadas:
https://galiciaencantada.com/index.asp

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2015/04/dolmen-forno-dos-mouros-toques.html