domingo, 31 de decembro de 2023

PRADO DEL MARQUÉS/SERRA DE PULIDE (CASTRILLÓN)

 Por vez 2ª vou ata o concello asturiano de Castrillón a facer unha ruta (vai ser a última deste 2023). É un concello costeiro situado na parte central asturiana. O aeroporto de Asturias que todos dicimos que está en Avilés, realmente está neste concello. A capital é Piedras Blancas sendo tamén a localidade máis poboada.

A primeira ruta que realicei neste concello foi unha ruta urbana en Salinas que tamén pertence a este concello que é un referente turístico de 1ª orde.

Hoxe en lugar de ir cara ao mar, fun ao interior do concello  para subir ao punto máis alto do municipio que se atopa na Serra de Pulide: o alto do Prado do Marqués a 438m de altitude.

Características da ruta

Lonxitude: 10km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. Necesario seguir un GPS. O meu track en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔆🔆🔆

Descripción:

Inicio a ruta en Moire, parroquia de Pillarno aparcando ao pé da Gruta de Arbedales. Esta gruta é visitable. Trátase dunha formación xeolóxica natural con varias salas repletas de estalactitas, estalagmitas e pregamentos de gran fermosura. Eu non a visitei porque ía sola e son necesarias como mínimo 2 persoas para que a ensinen.

Inicio de ruta

 Empezo o percorrido camiñando uns metros ao pé do Rego del Cuadro.

Moire

Pegado a Moire está o lugar de La Campa. Non imos cara aí senón que torcemos á esquerda porque imos cara a La Buria.

Á esquerda

Subindo a La Buria se volvemos a vista atrás, temos esta paisaxe. Vemos xa o mar.

La Buria é outro lugar que atravesamos. A partires de aquí a ruta faise circular.

La Buria
Vou en ascenso suave e volvendo atrás a vista vexo La Buria e máis aló, o mar.

Teño que atravesar un monte sen moito atractivo a verdade, polo medio de eucaliptos.

Desemboco nunha estrada local que leva á aldea As Vinadas pero eu teño que pillar á esquerda.
As Vinadas

Vou uns metros pola estrada costa abaixo. Á dereita, aló enriba quedan As Vinadas e os prados ao redor.

Pillo deseguida unha pista á dereita polo medio doutro monte.

Despois de atravesar este monte, o camiño desemboca en Pulide a case 400m. de altitude.  Unhas casas pertencen á parroquia de Pillarno e outras ao de Candamo.
Unhas vacas estaban tranquilamente no camiño, unha delas amamantando ao seu xatiño. 


Ao ver que eu camiñaba cara a elas, asustáronse e fuxiron a todo correr. A nai que amamantaba seguiu polo camiño durante uns metros ela sola pero nun momento dado saltou os arames e xuntouse ás demais.

Pulide conta cunhas 10 vivendas, a maioría delas, deshabitadas. O silenzo era absoluto. Nin ladrou un can...só se escoitaban os cencerros das vacas.
Pulide
Nin un alma vin nin escoitei...
Pulide
Ao pouco cheguei a Área Recreativa de Pulide no punto máis alto da Serra do mesmo nome. Con moitas árbores (piñeiros sobre todo) que proporcionan boa sombra no verán conta ademais con tódolos servizos: mesas e bancos en madeira, asadoiros, fontes, papeleiras, parque infantil...
Área recreativa de Pulide

A área recreativa hai que percorrela ata o final para gozar das magníficas vistas que hai. Dende os 425m de altitude, dende a punta que vemos na foto, podemos observar gran parte de Asturias.

Dende o Alto do Prado do Marqués (así é como se chama este lugar onde se sitúa a área recreativa porque pertencía ao Marqués de Castrillón , título nobiliario que segue existindo a día de hoxe) mirando cara ao oeste vemos Muros de Nalón, Soto del Barco, o río Nalón...e moitos outros lugares da costa cantábrica.
Vistas dende a Serra de Pulide
 
Se miramos de frente, vemos o aeroporto de Asturias que está situado no concello de Castrillón, a autovía A8...
Vistas dende a Serra de Pulide

Mirando cara ao leste, vemos a ría de Avilés, a praia de Salinas...etc
Vistas dende a Serra de Pulide

A Área Recreativa de Pulide ten tamén zona de xogos infantís construídos en madeira, respectando o entorno.
Área recreativa de Pulide


Área recreativa de Pulide

Tamén atopamos un hórreo asturiano.
Área recreativa de Pulide

Dende a área recreativa volvo atrás uns metros e pillo un camiño polo medio do monte á esquerda.


Desemboco na aldea de Buxande seguindo na parroquia de Pillarno. É un lugar con 4 vivendas que parecen deshabitadas todas elas.

O máis absoluto silenzo reina neste lugar.
Buxande
Buxande conserva aínda restos de arquitectura tradicional asturiana.

Vou 1km. aprox. por estrada local onde só me cruzo con coches de cazadores. Mirando á esquerda volvo ver Buxande.

E chego a un cruce onde deixo a estrada anterior para coller á dereita e de seguido outra vez á dereita non pasando polo medio da aldea O Fresno, onde vexo cans soltos que xa de lonxe me ladran.
Á dereita

El Fresno quédanos agora á esquerda. É unha pequena aldea.

Emprendo agora o último tramo polo medio dun monte no que atopei tres cazadores coa escopeta no ombreiro. Danme máis medo eles que ningún xabarín!!

Despois de pouco máis de 1km. desemboco en La Buria de novo.

Enlazo co tramo de ida para facer este pequeno tramo lineal.
 
E chego ao punto de inicio en Moire.


Ningún comentario:

Publicar un comentario