No concello de Sobrado dos Monxes xa fixéramos a Ruta da Carballeira e aproveitáramos para visitar outros lugares deste municipio. Hoxe fixemos unha ruta homologada moi interesante e fermosa pero moi descoidada nalgúns tramos en canto a sinalización (deficiente e nalgúns casos inexistente) e tamén un pequeno tramo da ruta oficial está intransitable e hai que cruzar por un prado para poder seguir. Despois de moitas rutas realizadas por Galicia e Asturias volvo dicir que unha ruta homologada non garante nada. A homologación dun percorrido debería supoñer unhas condicións seguras para quen realice esa ruta pero por desgraza teño moi comprobado que non sempre é así.
A Normativa de Homologación de Sendeiros en Galicia di: 2 "La responsabilidad del mantenimiento del sendero corresponde al promotor del mismo...La FMG (Federación Galega de Montañismo) velará por el cumplimiento del mantenimiento por parte del promotor..."
Características desta ruta:
Lonxitude: 12 km.
Dificultade: fácil
Ruta circular sen sinalizar nalgúns puntos e /ou con sinais case borradas e con nulo mantemento noutro. Imprescindible seguir un track para realizala. Deixo o meu en WIKILOC
A miña valoración da ruta:🔆🔆🔆🔆
Descripción :
Partimos da Lagoa de Sobrado onde hai un sitio para deixar os coches. A Lagoa de Sobrado é artificial xa que foi creada polos monxes do mosteiro no S. XVI co obxectivo de ter auga para os seus cultivos, para as cociñas do mosteiro e para mover o muíño.
A xeada deste domingo de mediados de decembro era impresionante pero o sol xa lucía e aínda que sentimos o frío ao empezar a andar, este deseguida se foi. O sol quentábanos e o exercicio facía que entrásemos en calor.
Parecía talmente que nevara...
Ás veces semellaba que estábamos ante unha postal de Nadal.
Cruzamos o Río de Caxide que é un afluente do Tambre:
Imos por unha estrada local durante uns 800m.
Rematado o asfalto, pillamos un camiño é esquerda. Pasamos por moitos tramos embarrados debido ás últimas chuvias.
Atopamos moitos regos que noutras épocas apenas levarán auga.
Hoxe os regos estaban desbordados e ás veces tivemos que pasar como poidemos este Rego dos Canizos. |
Rego dos Canizos |
Entre prados chegamos a Castro do Seixo da parroquia de Codesoso. O día non pode estar máis precioso!!
En Castro do Seixo, situada a algo máis de 600 m. de altitude, xa non quedaba rastro algún de xeada! Aquí non viven nin 20 persoas.
|
Castro do Seixo |
Pasada a aldea, deseguida pillamos un camiño á dereita.A maioría dos poucos habitantes que habitan estas aldeas viven da gandaría.
Subindo á Serra do Bocelo así estaba o camiño de xeado.A medida que subimos, as vistas son cada vez máis extensas.
Estamos en plena Serra do Bocelo á que nos custou moi pouco subir porque xa partimos dunha altitude de 513m. Na foto, o que parece neve, é xeo. Esta serra é compartida polos concellos de Sobrado, Toques e Boimorto.
Na Serra do Bocelo hai importantes vestixios de zona megalítica. Hai catalogadas 32 mámoas e túmulos. Na foto, o contraste entre a zona de sombra, con xeada, e máis adiante xa todo verde onde dá o sol. Estamos no Camiño Real que percorre a Serra do Bocelo.
Ao pé deste Camiño Real está o Dolmen de Forno dos Mouros, un dos mellor conservados de Galicia. Foi obxecto de varias escavacións arqueolóxicas entre 1987 e 1989. O monumento pertence ao concello de Toques xa que esta serra fai de fronteira natural entre ámbolos dous concellos.
|
Dolmen Forno dos Mouros |
Este monumento megalítico funerario data do S. III a.C. Ten unha cámara poligonal formada por unha pedra horizontal sostida por 7 piares (ortostatos) e ten un corredor de acceso.
|
Dolmen Forno dos Mouros |
Continuamos polo Camiño Real
E atopámonos cunha pista asfaltada
Deseguida chegamos á Pena da Moura, un menhir natural obxecto de moitas lendas na zona. Unha delas di - "Cuentan por ejemplo, que esa roca fue traída en la cabeza por una mujer "moura" y que al colocarla un momento en el suelo para descansar, comprobó asombrada como la piedra iba creciendo cada vez más hasta convertirse en la enorme mole con la que lógicamente no podía continuar".
|
Pena da Moura |
A pedra é descomunal de grande (11m) e descansa sobre un encame erosionado de gneis, a modo de niño. Xunto á Pena, na cara sur, aprécianse outras penas encabalgadas conformando un amplo abrigo natural.
Mentras que no dolmen, no concello de Toques, atopamos un panel con información detallada do mesmo, na Serra da Moura, que pertence ao concello de Sobrado, nada de nada e eso que estamos diante dunha ruta homologada. A diferenza de trato dos concellos ao seu patrimonio...
|
Pena da Moura |
Achegámonos ata o Coto dos Tarbos para ter unhas vistas magníficas de terras de Sobrado, Teixeiro...etc, etc.
Emprendemos agora a baixada deixando a estrada e pillando un camiño á dereita. Grazas ao track que seguiamos porque os sinais que o indicaban estaba deste xeito:
Baixamos por un fermoso e moi húmido camiño:
Pasamos ao pé dunha abandonada e solitaria casa, estamos en Bustomaior que pertence á parroquia de Porta.
|
Bustomaior |
O día está ben fermoso e xa quenceu. Sóbranos algunha capa de roupa.
Cruzamos outra vez o Río de Caxide noutro lugar. |
Ponte sobre o río de Caxide |
Estamos en Reboredo, aldea que pertence á parroquia de S. Pedro de Portas tamén. Aquí atopámonos con J. Antonio e Pilar, un matrimonio moi falangueiro que nos contaron o baleira que estaba a aldea e J. Antonio insistiu moito en que seguisemos pola estrada ata atopar o cruce onde voltariamos ao inicio polo mesmo sitio da ida. Nós non fixemos caso e pillamos deseguida á esquerda, por outra estrada e el seguía detrás de nós berrando "non vaian por aí, non hai saída..."
Nesa estrada andivemos uns metros e pillamos á dereita por onde ía o trazado oficial que nun principio aparecía limpo.
Pero ao pouco, o camiño péchase de maleza. Hai moito tempo que aí non limpa ninguén!! Tiña moita razón o señor J. Antonio...
Tivemos que ir polo prado contiguo e na foto vese ben o estado do camiño. Completamente intransitable!
Ao rematar de cruzar o prado anterior, enlazamos co tramo lineal da ida.
E en 1,5 km. estabamos no inicio na Lagoa de Sobrado. |
Lagoa de Sobrado |
Agora a lagoa é de cor azul como o ceo e as árbores reflíctense nela.
Comemos por 2ª vez no restaurante Real como xa fixeramos na anterior visita a este concello. Un menú composto de tres primeiros a elexir (caldo, callos ou sopa) e cinco segundos (rape á plancha, bacallau, codillo asado, filete de tenreira, ou aliñas de polo) bebida, pan, postre e café por 15 € persoa. A comida caseira e abundante, así por ese prezo, un domingo case non se come en ningún sitio.
|
Restaurante Real |
Despois de comer volvemos visitar o mosteiro de sobrado. A información do mesmo, no seguinte ENLACE |
Mosteiro de Santa Mª de Sobrado |
Tamén visitamos a CIADELA como tamén fixéramos na anterior visita. Toda a info AQUÍ
|
A Ciadela |
Páxinas web consultadas:
https://galiciaencantada.com/index.asp
https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2015/04/dolmen-forno-dos-mouros-toques.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario