venres, 12 de novembro de 2021

RUTA RÍO OURO + FORTALEZA CASTRODOURO (ALFOZ)

 Esta ruta circular que me inventei colle un tramo da "Ruta do Río Ouro" e un tramo da "Ruta dos Castelos" onde coinciden as dúas. Logo como quería facela circular, dende a Fortaleza de Castrodouro volvín por estrada ao punto de inicio.

É unha ruta pouco coñecida e a verdade é que ten puntos de interese como a Finca Galea e a Torre-Fortaleza do Mariscal Pardo de Cela, chamada Castrodouro, en Alfoz.

Deixo a ruta en WIKILOC

Características:

Lonxitude: 7 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular ben sinalizada.

A miña calificación desta ruta:🔆🔆🔆🔆

Descripción:

Saín da Parroquia de Carballido pertencente ao concello de Alfoz. Xusto ao pé do restaurante A Laranxa, empecei a camiñata.

O punto de inicio está AQUÍ

Área recreativa ao pé do restaurante a Laranxa

Crucei a ponte que cruza a estrada xa que camiñaremos  deixando o río á esquerda.

Río Ouro
 E vemos os indicadores onde coinciden dúas rutas: a do río Ouro e a dos Castelos

Irei por un sendeiro moi cómodo con vexetación de ribeira.



A ruta está moi ben sinalizada:

Vemos unha ponte que non temos que cruzar. Achégome a ver se está transitable polo outro lado a beira do río, pero non. Está pechada de maleza.

O río Ouro hai veces que baixa moi tranquilo, remansado e en silenzo:

Pola dereita, vemos as casas, animais e prados:



Non ten perda a ruta. Non faltan os sinais.

Agora oimos o Ouro baixar alporizado salvando unha pequena presa.


Cruzamos unha pequena carballeira:


E atopamos unha presa moi grande 

En vez de cruzar a ponte que está ao pé da presa como indican os sinais, sigo uns metros máis e chego ao Restaurante O Frenazo. Cruzo a estrada xeral que vai a Mondoñedo e atopo unha área recreativa ao lado do río. É unha área grande, con moita sombra, mesas, bancos, asadores e ata tiña fermosas farolas pero a maioría están rotas ou foron arrancadas. Como sucede en moitos lugares, hai quen no respecta os bens que son públicos e para desfrute de todos.
Área recreativa

Agunhas farolas están rotas ou arrancado o farol

Vemos a Ponte Nova unha ponte oxival  do S. XVIII por onde ía antes a estrada vella. É de sillería de granito e consérvase moi ben.
Ponte Nova


Cruzamos a estrada que vai a Mondoñedo. Estamos en Adelán, parroquia de Alfoz.

Agora deixamos a Ruta do Río Ouro e continuamos pola Ruta dos Castelos cruzando a ponte.

Ponte que temos que cruzar moi preto da Finca Galea:

Dicimos adeus ao río Ouro:

A Finca Galea é un espazo de máis 62.000 metros cadrados bañada polo río Ouro. A vivenda está convertida en casa-hotel rural e na inmensa fina organízanse eventos e vodas. Finca Galea é tamén un parque etnográfico da auga onde se pode ver funcionar unha noria, un muíño e un batán. É todo un Museo ao aire libre debido á cantidade cantidade e variedade de árbores e plantas.

Un recuncho de Finca Galea

A vivenda de Finca Galea

Moitas e diversas árbores

O batán

Recuncho de Finca Galea

Unha noria e o río Ouro

Esculturas con troncos fosilizados
A finca é inmensa e idónea para celebrar grandes acontecementos.
  
Despois de percorrer a Finca Galea, temos o Castelo de Castrodouro a 900m. Temos que ir por estrada.

O Castelo de Castroduoro recibe moitos nomes: Torre de Alfoz, Torre de Pardo de Cela, Castelo de Alfoz...
Tivo a súa orixe nun asentamento castreño a comenzos do S. I despois de Cristo.
No S. XV é ocupado polo mariscal Pardo de Cela quen o perde trala súa morte pasando a ser propiedade da diócese de Mondoñedo. No S. XVII foi abandonado e a finais do XIX foi usucapido polo concello de Castro de Ouro que o arranxou a comezos do S. XX.
Na actualidade acolle varias dependencias municipais como a Oficina de Turismo, Sala de Exposicións e Salón de usos Múltiples.
Mentras subimos ata o castelo imos vendo unhas lousas colgadas dos muros nas que lemos fragmentos do "Pranto da Frouseira", unha das xoias literarias dos "Séculos Oscuros" da Literatura galega na que se recorda a traizón sufrida por Pardo de Cela e chórase amargamente por el.
Pranto da Frouseira

 Ao pé do castelo podemos ver a igrexa de S. Salvador que data do S. XV. Foi a capela do castelo e máis tarde a igrexa parroquial.
Castelo e igrexa de S. Salvador

Área recreativa ao pé do castelo

Tamén hai un sinxelo cruceiro do S. XX e detrás as sepulturas de xente que debeu ser importante no pasado.

Aquí vemos os restos dunha troneira. É unha abertura que hai nalgúns muros, así como en torres dos castelos para permitir disparar frechas ou baestas.
Troneira

As vistas dende o castelo son fabulosas. Contemplamos todo o val de Alfoz e ao fondo a Frouxeira que son as ruínas doutro castelo de Pardo de Cela que alí existíu.
Vistas dende o castelo

Vistas dende o castelo
 Outra fonte da igrexa co cruceiro.

Nesta parroquia de S. Salvador de Castro de Ouro, o lugar onde está o castelo é coñecido como O Castro e ten vivendas que deberon ser moi importantes a xulgar polo seu tamaño e os escudos que algunhas conservan.


Voltamos xa cara a Carballido, por estrada.


A gandaría non ten a importancia que tivo no pasado pero quedan vestixios:


Chegamos ao final da ruta. Estamos na área recreativa onde vemos o número 13 en madeira e é que este lugar é coñecido por " O Trece"

Páxinas web consultadas:

luns, 8 de novembro de 2021

O CAMIÑO DOS FAROS. CAMARIÑAS - PONTE DO PORTO


Dentro da etapa 6 Camariñas-Muxía, hoxe realizamos o tramo Camariñas-Ponte do Porto. É o tramo mái fácil dos que levamos ata o de agora, totalmente chan e cun terreo regular moi transitable. É ademais un tramo que nos encantou coa fermosa enseada da Basa, recónditas e tranquilas praias cun azul inmenso redeadas de piñeiros como a de Rego dos Coiros ou a de Ariño. Atravesamos aldeas como a de Xaviña, Tasaraño, Dor, O Allo...e rematamos en Ponte do Porto. 

Como imos despacio, desfrutando de cada recuncho, facendo poucos km. en cada etapa, deunos tempo a parar en Xaviña, no restaurante- bar Rojo a tomar unhas cervezas e desfrutar duns callos e unha tortilla deliciosos, depois do xantar, paramos a tomar café no Restaurante O Ariño e ao remate en Ponte do Porto merendamos en O Casino. Un pouco de gasto nos lugares por onde pasa a ruta tamén é importante.

Ao final da entrada deixo o track deste tramo en wikiloc e tamén o enlace aos tramos anteriormente realizados, que con este xa son 9.

Características:

Lonxitude: 14 km.

Dificultade: ningunha

Ruta lineal ben sinalizada.

Descripción:

Despois de deixar un coche en Ponte do Porto, saimos do porto de Camariñas ás 11:00h. dun día que aínda que nublado nese momento, había despexar de todo para agasallarnos cun fermoso día de sol cunha temperatura super agradable. Un día perfecto para camiñar!!

Saíndo de Camariñas

Imos polo Paseo do Porto e vemos unha imaxe da Virxe do Carme en pedra, patroa desta localidade.


A mediados de o S. XVIII, Camariñas era o porto máis importante da Costa da Morte.
Imaxe do porto de Camariñas 
 

Vemos uns bancos que levan escritos coñecidos poemas deste concello:


E diante do concello puxeron esta estatua en pedra que representa unha palilleira. Son mulleres que practican o arte do encaixe de bolillos con pauíños de madeira. O encaixe de bolillos ten gran arraigo na Costa da Morte, especialmente en Camariñas onde hai un Museo do Encaixe onde se conservan mostras de artesanía e documentos arredor do encaixe desta zona.

Dende o ano 1991 celébrase en Semana Santa a Mostra do Encaixe de Camariñas.

Buscamos os sinais en cor verde que xa sabemos que aparecen en calquera lado: nun muro, nun sinal de tráfico, nunha pedra...e que nos encamiñan ao Paseo Marítimo de Camariñas:
Paseo marítimo de Camariñas

Cruzamos a praia Area da Vila, semiurbana e de 200m. de largo. Na noite de S. Xoán acéndese nesta praia a cacharela máis grande da Costa da Morte.
Praia Area da Vila

E poucos metros despois da anterior aparece a praia de Lingunde, fermosa tamén de augas cristalinas e area fina:
Praia de Lingunde

A partires de aquí. empeza xa a Enseada da Basa, que bordeamos por un fermoso camiño entre piñeiros:
Enseada da Basa

Vemos dúas persoas marisqueando xa que esta enseada é rica en ameixas, berberechos, navallas e longueiróns.
Marisqueando na Enseada da Basa

Este é un bo lugar para parar e tomar unha boas fotos coa enseada de fondo:

Saimos á estrada para camiñar por ela uns poucos metros e tomamos unhas cervezas no café-bar restaurante-parrillada O Rojo. Estamos na aldea de Xaviña
Xaviña
Despois de tomar uns exquisitos callos e unha tortilla deliciosa no restaurante-bar O Rojo, collemos deseguida á dereita para percorrer o Monte da Insua por unha pista ao pé do litoral ( nun momento determinado vemos un cruce cun sinal indicando a subida ao cume do monte, subida de 1 km. que logo hai que desandar para retomar a senda) Nós decidimos non subir.
Este percorrido ao igual que todo este tramo que fixemos é moi doado, sen desnivel ningún, sempre á sombra dos piñeiros ao lado do mar. Marabilloso!!!!
Empezando o camiño da Insua
 
De frente, as praias polas que acabamos de pasar. Imos polo outro lado da Enseada:

 Agora xa estamos na ría de Camariñas. A vila, en frente:
Ría de Camariñas e a vila ao fondo

Na fermosa praia de Rego dos Coiros, paramos a xantar. Unha praia virxe nun entorno precioso!!
Praia de Rego dos Coiros
O único que terán estas praias que envexar ás do Caribe será a temperatura da auga poruqe a beleza non nos ganan.

Praia Rego dos Coiros

Despois de este paréntese para a comida, o relax, as fotos...reanudamos a marcha por este fermoso piñeiral:

Moi cerca da anterior está a Praia do Ariño situada entre a desembocadura do Río Grande e a Ría de Camariñas. É unha praia protexida da forte oleaxe e ventos que sofren outras praias da Costa da Morte.
Praia do Ariño

Ademais a Praia do Ariño conta cunha magnífica área de piñeiros con mesas, bancos asadores....para pasar un estupendo día en familia ou con amigos.



Praia do Ariño é grande o que unido ás características de abrigo que ten e ao inmenso e ben coidado merendeiro, é de supoñer que no verán estará moi concurrida:

Dende logo as paisaxes de O Camiño dos Faros, namoran a calquera:

Saimos á estrada que temos que cruzar para pasar por diante do restaurante O Ariño no que paramos a tomar o café.

Restaurante O Ariño

Agora imos adentrarnos nunha zona rural. A 1ª aldea pola que pasamos é Tasaraño, un barrio da parroquia de Xaviña dentro do concello de Camariñas.
 Despois de Tasaraño circulamos uns metros por un camiño paralelo á estrada:

E atopamos estas vistas sobre a ría.

Con hórreos típicos desta zona totalmente distintos aos que vemos na Mariña lucense.

Despois atravesamos a aldea de Dor que xa pertence á parroquia de Ponte do porto.
Dor
Adentrámonos uns metros no monte para sair en O Allo, lugar que pertence tamén á parroquia de Ponte do Porto

O Allo

Chegando xa á Ponte do Porto, vemos o colexio público e chaman moito a nosa atención os murais pintados no seu frente. Foron realizados por Mutante Creativo formando parte dunha iniciativa municipal para celebrar o 8M.
Son 6 retratos nos que se reflicten profesións do sector primario e tamén as vinculadas á ciencia e á cultura e que pretenden empoderar ás mulleres e o seu papel na sociedade.


Atravesamos a Ponte sobre o Río Grande. O topónimo de Ponte do Porto vén precisamente desta ponte que cruza o río e de que foi noutros tempos un importante porto con moito tráfico madeireiro, sendo o centro comercial da comarca.
O río Grande
 A finais do S. XIX e principios do XX a feira de Ponte do Porto foi o epicentro de venta e distribución do encaixe de Camariñas que se enviaba a Cuba, estados Unidos e países de Sudamérica.
Nunha pequena praciña, diante do  bar O Casino e da igrexa atopamos este monumento , réplica da fonte dos leóns de Granada:

A imaxe do río mirando cara ao outro lado.
Río Grande

A ruta en wikiloc
Os anteriores tramos do Camiño dos Faros están nos seguintes enlaces:

Páxinas web consultadas: O Camiño dos Faros (caminodosfaros.com)