venres, 7 de agosto de 2020

CAMIÑO DOS FAROS (COSTA DA MORTE) TRAMO PORTO DE MALPICA-BARIZO

O Camiño dos Faros é unha ruta de sendeirismo que une Malpica con Fisterra pola costa e transcorre por 9 concellos. Ao longo dos seus 200 km. podemos ver tódolos faros desta zona e os principais puntos de interese da Costa da Morte.

É unha ruta que desperta sensacións únicas e na que se contemplan paisaxes moi diversos: faros, praias, cantís, dunas...pero tamén vilas mariñeiras, castros dólmenes.,.

Non é ningún paseo á beira do mar porque ten tramos dificultosos, desniveis, chan irregular xa que esta costa é moi abrupta e aínda que ten tramos moi sinxelos bordeando o mar tamén sube algún monte.

O Camiño dos Faros xurdíu no 2012 a partires da idea de 6 amigos que pensaron que sería boa idea unir Malpica con Fisterra pola beira do mar. Eles abriron o camiño. Logo fóiselles unindo máis xente e promocionaron esta ruta, dérona a coñecer en moi diversos medios, creouse unha Asociación, páxina en facebook e esta páxina á que vou poñer un enlace onde poderedes saber todo o referente á ruta, etapas, recomendacións para facela, historia da mesma...etc etc é unha páxina moi, moi  interesante, moi clara e instructiva. Se decides realizar esta ruta non deixes de botarlle un ollo.

Toda a información AQUÍ

É moi importante e, se entrades na páxina anterior poderedos lelo, o traballo inmenso que desenrolou esta Asociación de O Camiño dos Faros para promocionar esta ruta e poder homologala; algo que aínda non conseguiron e que dende logo parece mentira que unha ruta con tantísimo potencial paisaxístico, cultural e que redundaría sempre en beneficio económico para a zona non esteña homologada dende hai anos. Lendo o que eles contan, vense os atrancos que atoparon e os moitos organismos e administracións diversas coas que tiveron que lidiar. 

Enfin, poden sentirse ben contentos e orgullosos de promocionar, de dar a coñecer unha ruta que cada día ten máis adeptos e percorre máis xente. Nótase que aman a súa terra. Agora homologar, coidar, conservar decente esta fermosísima e importante ruta xa non depende das persoas particulares se non dos distintos concellos e /ou organismos competentes.

A ruta está dividida en 8 etapas pero a nós parécennos demasiado longas(20 e pico e incluso 32 km.) e decidimos dividir cada unha delas en dúas para así facelo máis levadeiro e desfrutar sen présa ningunha das marabillas que nos ofrece.

CARACTERÍSTICAS DA RUTA:

Lonxitude: 14 km.

Dificultade: Media

Ruta lineal ben sinalizada.

Saimos do porto de Malpica. A ubicación, AQUÍ

Porto de Malpica

Dende aquí, imos para atrás, cara ao Concello e pillamos unha rúa que nos leva directamente e deseguida á praia de Area Maior:


Praia de Area Maior no medio da vila
Imos polo paseo marítimo ata o final da praia e chegamos a outra pegada á anterior: a praia de  Canido:
A partires de aquí, imos por un sendeiro de terra cara á capela de S. Adrián:
Bebendo na fonte de Canido

Vemos a praia de Seaia e a capela de S. adrián ao lonxe, na punta do cabo:


Unha das varias fontes que atopamos. Neste caso, na praia de Seaia:

Outra fonte máis, preto da anterior. É a Fonte de Navenllos con tres caños:
O camiño a S. Adrián:
A capela de S. Adrián do mar ou San Hadrián (vímolo escrito das dúas maneiras) é do S. XVI pero no S. XX foi totalmente restaurada e honra a este santo que segundo a lenda salvou a comarca dunha praga de serpes. O santo pisou unha delas e as outras tiráronse ao mar converténdose en pedra.
Coma moitas capelas, ten a súa fonte milagreira. Din que cura as verrugas se se deixa un pano como ofrenda na vexetación que a rodea. A mín personalmente, como non creo nestas cousas, paréceme un verdadeiro atentado que se manche e se afee así a paisaxe.
Moi cerca da capela hai un mirador dende o que temos unhas fabulosas vistas de Malpica e das illas Sisargas:
Despois dunha pequena parada para fotos e descanso despois da subida, continuamos sen deixar de admirar e fotografar a marabilla de paisaxe que se nos ofrece:
O camiño está sinalizado con frechas e puntos verdes:
E fomos chegando a Beo:
Preciosa e tranquila praia:
E algo máis adiante á de Seiruga. Esta praia está situada nun entorno de gan valor natural xa que é o lugar elexido por diversas aves para aniñar ou facer unha parada nas súas viaxes:
Nesta praia hai que descalzarse para cruzar un río que a atravesa. Mellor que estea a marea baixa.
Saimos por unha das dúas pasarelas de madeira que hai e agora toca camiñar por asfalto uns 2 km. aprox ata chegar ao restaurante onde comemos e demos por rematada a etapa.
En Barizo:
Restaurante "O XAN" onde comemos excelentemente:
CONTINUAREMOS...

3 comentarios:

  1. Gracias, polo cariño e delicadeza desta 'entrada', espero con ansia a que publiquedes o resto. Bastante boas fotos e moi útil o comentario de cada unha delas.
    Aprendín a ver esta costa con outros ollos, oíndo falar a algúns vellos mariñeiros xa mortos (un deles, levoume no seu botiño, beireando parte deste tramo, unha maneira recomendable de ver esta ruta cona nun espello).
    Dicía Sarmiento que Sisargas é unha illa que, coa marea chea, parecen tres. Durante centos de anos, os mariñeiros do porto de Malpica, cando falaban entre eles, dicían tan só "A Illa". Cando falaban con veciños doutros portos chamábanlle "Sisargas" (en singular e sen artigo nin outros engadidos).
    Outro mariñeiro aínda vivo, avisoume que en Malpica non hai 'praias', hai 'areas'. Para os mariñeros, a praia desta vila era "A Area" (se falaban con alguén de fóra, "A Area de Malpica"), despois viñan "A Area de Canido", "A Area de Seaia".

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola. Moitas grazas a ti por mirar o blog e por esas aclaracións que fas e que son propias de quen se interesa e quere a súa terra.
      Eu tamén son "de mar", o meu é o Cantábrico que baña a Mariña lucense. Había moitos anos que non ía pola Costa da Morte pero agora, con esta ruta que faremos enteira, empapareime outra vez da vosa brava e fermosa costa.
      Este xoves voltaremos e seguirei plasmando as miñas impresións neste humilde blog.
      Saúdos

      Eliminar
  2. Moitas gracias polo blog. Nós temos dous 'rabiños' cantábricos. Anacos de costa que miran ó Norte e sofren os ventos de Nordés coma vós: Un vai d'As Illas (de San Pedro) Á Illa (Sisargas). E a outra vai de Laxe a Vilán. Por eso penso que O Cantábrico remata en Cabo Vilán. Un camiño pola beira do mar da vosa Illa (Pancha) á nosa Illa (Sisargas) sería un soño grande e fermoso.

    ResponderEliminar