Levamos realizadas xa moitas rutas na zona dos Oscos. Esta comarca asturiana está formada por tres concellos: Santa Eulalia, S. Martín e Villanueva de Oscos. É unha comarca con impresionantes rutas de sendeirismo nos tres concellos, con pequenas aldeas deshabitadas ou con moi poucos habitantes, algunhas delas restauradas respectando a arquitectura popular da zona; con bosques inmensos dominados por ábores autóctonas. En fin, un lugar que hai que visitar e ao que sempre apetece volver.
As rutas de sendeirismo destes concellos están todas elas moi coidadas e sinalizadas algo a destacar xa que por desgraza en moitas outras que levamos feitas non sempre é así.
Como dixen, temos realizadas varias rutas por esta comarca. Son estas:
Hoxe volvemos para realizar a ruta da Coba, unha ruta longa e que resultou "durilla" para algún de nós (para algunha, mellor dito)
A ruta oficial empeza e remata en Ferreira(pequena aldea a 4km. de Santa Eulalia) e serían 15km e pico. Nós decidimos acortala porque ademais de longa é de dificultade media e en lugar de empezar en Ferreira, empezamos en Nonide, evitando así unha forte subida e quitándolle uns 4 km.
CARACTERÍSTICAS DA RUTA:
Lonxitude: 12,4 km.
Dificultade: Media-alta
Ruta circular exelentemente sinalizada.
DESCRIPCIÓN.
Partimos pois de Nonide despois de deixar un coche en Ferreira.
Ubicación de Ferreira, AQUÍ
Ubicación de Nonide, AQUÍ
Casas restauradas en Nonide |
Igrexa de Nonide |
Baixamos rodeados de árbores autóctonas:
Entre vexetación agora propia de montaña:
Vemos ao lonxe un "cortío"(edificación de pedra para protexer as colmeas dos ataques dos osos)
E chegamos á aldea totalmente abandonada xa hai moitos anos de A Valía:
Veremos nesta ruta (e tamén o levamos visto en moitas outras tanto aquí en Asturias como en Galicia) muros de pedra seca rodeando fincas, montes, casas...
Pois resulta que estes muros están declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e afirma:«Estas construcciones constituyen un testimonio de los métodos y prácticas usados por las poblaciones desde la prehistoria hasta la época moderna, con vistas a organizar sus espacios de vida y trabajo, sacando el máximo partido de los recursos naturales y humanos locales. Los muros de piedra seca desempeñan un papel esencial en la prevención de corrimientos de tierras, inundaciones y avalanchas, en la lucha contra la erosión y desertificación de terrenos, en la mejora de la biodiversidad y en la creación de condiciones microclimáticas propicias para la agricultura».
Estes muros que se empregan dende o Neolítico foron realizados polos nosos antergos de xeito artesanal e moi laborioso. Esta arte de construir muros de pedra seca é tradicional en moitos países. En España está presente nas Comunidades de Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Canarias, Cataluña, Extremadura, Galicia e Valencia.
Ao remate da baixada esperábanos o río Allonca que vén dende Galicia:
Descansamos un pouco na Ponte da Coba.
Deseguida atopamos outra ponte e os restos do que debeu ser un muíño.
Este xa é o río Agüeira.
A auga do río forma aquí un remanso con area na beira que pode ser un excelente lugar para un baño:
E chegamos á aldea de A Coba que está dividida en dúas:
A Coba de abaixo:
Coa súa igrexa dedicada a Santa Marina:
A partires de aquí ascendemos por carretera ata La Coba de arriba. Este ascenso faisenos duro polo calor que vai que se ve incrementado polo asfalto:
Andaremos por carretera aprox 1,5 km. que se nos fan eternos ata coller un sendeiro á esquerda que nos levan rapidamente a outra aldea que tamén se chama Cova(agora sen artigo diante) e que está totalmente abandonada aínda que atopamos un home que está restaurando a casa que foi de seu pai como se ve no tellado da imaxe.
A partires de aquí xa non atoparemos máis aldeas nin sinais de vida humana ata chegar a Ferreira. Aínda falta moito camiño que percorrer e deberemos ir provistos de auga. Só atopamos dous regatos onde beber. Fontes, ningunha.
As subidas van ser duras:
Estas vistas ben merecen un pequeno sacrificio:
Camiñamos a media ladeira da montaña, dende un lado, vemos o outro:
Este tramo ata Ferreira fáisenos longo con contínuas subidas e baixadas pola moita calor que facía pero é fermoso; atravesamos distintas variedades de paisaxe que non fan o camiño nada monótono:
E despois de 5 horas chegamos á area recreativa de Ferreira. ATENCIÓN: realizamos varias paradas. Calculo que entre unha e outra, dedicamos cerca dunha hora a estar sen camiñar.
Aquí, neste precioso lugar comemos á sombra das árbores na beira do río:
E despois de descansar visitamos a aldea de Ferreira que queda na parte alta:
Ningún comentario:
Publicar un comentario