luns, 15 de setembro de 2025

SERRA DA CARBA DENDE ARCA (ABADÍN)

 A Serra da Carba está considerada como unha parte do Xistral, un apéndice deste. Abarca varios concellos: Xermade, Vilalba, Abadín...e o punto máis alto da mesma é o Monte Monseivane.

Hoxe fixemos unha ruta pola Serra da Carba partindo dende a aldea de Arca, na parroquia de Montouto (Abadín)

Características da ruta:

Lonxitude: 10,5 km.

Dificultade: baixa

Ruta circular sen sinalizar. Necesario seguir este track que deixo en WIKILOC

Descripción:

Xusto despois de pasar a aldea de Arca vindo dende Mondoñedo, aparcamos o coche nunha explanada que hai á esquerda ao pé da estrada.

Empezamos subindo e deixamos atrás Arca.


O día loce precioso aínda que con algo de vento. Esta ruta xa fixeramos outro día no que tivemos pouca sorte, xa que había moita néboa que impedía ver nada; por eso a repetimos hoxe.

A medida que imos subindo, as vistas son espectaculares.

Pegocavado, A Veiga, Alaxe...aldeas todas da parroquia de Montouto que imos vendo ao lonxe, nun val do Xistral.
Aldeas de Montouto e Serra do Xistral

Chaman deseguida a nosa atención os prados tan verdes neste verán tan seco que levamos. Onde nós vivimos (á beira do mar) os prados está todos secos. Nótase que o clima aquí é diferente pola altura.

O fermoso azafrán de montaña, tamén chamado "quitamerendas" ou "espantapastores" florea nesta época de remate do verán. Aínda que moi semellante na flor ao azafrán que consumimos como condimento, este no ten nada que ver xa que é tóxico.
Azafrán de montaña

Hoxe poidemos desfrutar de impresionantes vistas:

Unha paisaxe formada por un pequeno val rodeado de suaves ondulacións montañosas.

Vimos cabalos en liberdade.

Na foto seguinte, estamos no punto máis alto da ruta: a case 1000m. de altitude. Estamos no Parque Eólico Monseivane.


A partires de aquí, empezamos a baixar.

De súpeto atopamos un piñeiral.

Hoxe no medio dos piñeiros pastaban as vacas.

O día que fixéramos esta mesma ruta, pero con néboa, víramos voitres que sobrevoaban os piñeiros.

Varios regos cruzan a Serra da Carba.

Seguen chamando a nosa atención os prados tan verdes nesta época, estando tan secos na nosa zona. Aquí o gando non pasa fame.

Seguimos baixando e contemplando unha paisaxe ben fermosa, eso si, case non se pode sacar unha foto sen que aparezan aeroxeradores!

Vacas pastando a uns 800 m. de altitude.

Seguimos en baixada por unha cómoda pista.

Fermosa paisaxe que atravesa o Rego Ferveiro.

Aló embaixo vemos Sisalde que pertence á parroquia de Labrada. En Sisalde no 2023 só había 1 habitante.

Do gando que vimos, destaca o vacuno. Son vacas do país que deben durmir fóra.

Un prado cun peche tradicional moi antigo composto por un muro de pedra seca e, ao lonxe, por unhas laxas grandes.


Entre as lombas que vemos, pasa o Rego de Labrada.

Un pouco máis abaixo temos que atravesar o rego anterior, o de Labrada. Leva pouca auga e foinos doado de cruzar por riba dunhas pedras.

O camiño polo que acabamos de baixar.

O Rego de Labrada baña, xunto con outros, a Serra da Carba.

A pista pola que víñamos remata aquí. Agora hai que atravesar un prado polo que se ve que foi no pasado un camiño.

Chegamos a un pequeno curro e, neste mesmo lugar, o prado aparece pechado con arames.

Parecía máis difícil abrir o paso que hai que atravesar entre os arames, así que agachándonos pasamos por debaixo deles.

Esta longa pista vai levarnos á estrada LU-P 0104. Ao lonxe vemos Arca a onde temos que chegar. Alí temos o coche.

Fermosa paisaxe chegando á aldea de Arca que está a 835m .de altitude.

Un gandeiro viña de recoller as súas ovellas. A noite está cerca.

A Cruz da Arca na mesma beira da estrada, nun alto, chama a atención porque lle falta a parte de arriba, a chamada "cúspide"  Uns metros máis adiante xa temos o coche.