Amosando publicacións coa etiqueta Cervo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cervo. Amosar todas as publicacións

xoves, 6 de marzo de 2025

S. CIBRAO, MAR E RÍO

Estiven xa moitas veces en S. Cibrao e esta vila coñézoa ben, pero non me canso nunca de volver porque me parece unha das máis fermosas da Mariña. De tódolos xeitos, unha nunca coñece todo e esto me pasou con esta ruta, na que descubrín novos e fermosos lugares e onde  combinei mar e río  saíndo do que é o centro urbán. Unha ruta que me encantou e por riba, moi fácil.

S. Cibrao pertence ao concello de Cervo na comarca da Mariña Occidental. Non é nin sequera parroquia, pois pertence á de Lieiro.

S. Cibrao é unha península aberta ao Cantábrico con 3 praias preciosas e importantes, un pequeno porto, un faro...e con vestixios de antigas fábricas relacionadas co mar que denotan a importancia que este sempre tivo nesta localidade.

Características desta ruta:

Lonxitude: 7,6 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Iniciamos a ruta ao pé da Praia do Torno, nun aparcadoiro no que agora en inverno acostuma a haber sitios libres para facelo. 

O 1º que vemos é un pequeno monumento metido na auga na Praia do Torno, é o símbolo de S. Cibrao: a Maruxaina.

A lenda di que a Maruxaina é unha serea loura, metade muller e metade peixe que vive nos Farallóns. Nos días de temporal toca o corno, uns din avisando aos mariñeiros do perigo e outros opinan que o que quere é enganalos e que naufraguen.

O segundo domingo de agosto revívese esta lenda e a serea é "capturada" polos pescadores do lugar. Traena a terra para xulgala e celebrar unha festa na praia ao redor dela.

En 1º termo, a Maruxaina

A Praia do Torno é un dos areais máis coñecidos do concello de Cervo que se estende dende a ría ata o porto. É unha praia urbana que conta cun paseo marítimo polo que imos.

Praia do Torno

Do outro lado da rúa, vemos os restos do que foi unha antiga fábrica de salazón de sardiña que ardeu en 1921. En S. Cibrao é coñecida como "O Castelo".
Os veciños están a denunciar o deterioro que están a sufrir estes restos e reivindican que se protexa este ben.

"O Castelo", antiga fábrica de Salazón.

Pasamos polo porto, que é pequeno, e tal e como o coñecemos hoxe é do 1930 aínda que sufreu melloras ao longo dos anos.

Porto de S. Cibrao

Este porto pesqueiro só é abordable por barcos que non callen máis de 2 metros.

De frente podemos ver a factoría de Alúmina- Aluminio.

De frente, a factoría de Alúmina/Aluminio.

Estamos na zona chamada Porto de Arriba que inicialmente foi unha illa e depois uneuse á terra mediante unha acumulación de area.

Aquí está a capela de S. Cibrao que xa existía no S. XII. Destaca pola súa sinxelerza.

Capela de S. Cibrao

Imos subindo cara ao Faro e xa vemos mellor os Farallóns.

Camiño do faro

Os Farallóns son tres illas moi abruptas, antigamente punto de naufraxio de barcos. Chámanse A Sombriza, A Baixa e O Pé.

Os Farallóns.

Na Punta da Atalaia atopamos o Faro e un Miradoiro do mesmo nome. O Miradoiro é unha estructura de ferro e cristal que semella que se adentra no mar.

Faro e Miradoiro en Punta  da Atalaia.

Dende o faro, unhas escaleiras lévannos a outra parte máis próxima ao mar e que foi recuperada para uso público.

Dende esta parte baixa, as fotos ao faro quedan estupendas! Este faro realmente son dous:o 1º é de 1864. O moderno é de 1979 e foi construido cando chegou a fábrica de Alúmina- Aluminio á zona, ao ser necesario que tivese máis alcance e maior altura para atender as demandas do novo porto que se construeu.

Faro de S. Cibrao

Pasamos por diante da antiga fábrica de salazón "O Castelo" camiñando pola praia de Cubelas, tamén urbana.
Praia de Cubelas

Vemos os restos dunha antiga cetárea que demostra o pasado relacionado co mar que tivo esta vila.
Antiga Cetárea

Paseo que vai dende a praia de Cubelas á de Caosa.

Desviándose uns metros da ruta pode verse a Praza do Lugar, pequena e recollida.
Praza do Lugar

A Praciña da Caosa destaca polos balcóns.
Praciña da Caosa
 Chegamos á praia da Caosa tamén nun entorno urbanizado e coa area máis fina e branca de todas. Praia de augas cristalinas, escasa ondaxe e forma de enseada.
Praia da Caosa

A praia da Caosa vista dende o outro lado:
Praia da Caosa

E agora imos coñecer unha zona que descoñeciamos por completo de S. Cibrao. Despois da praia daCaosa, seguindo ao pé do mar descubrimos a zona de autocaravanas, remata o paseo de pedrae empeza un camiño que seguimos.

Deseguida o camiño pasa a ser carreiro.

Un carreiro chulo
 
Que nos vai levar ata unha pequena e recóndita praia da que eu nunca oira falar.
Praia do Portelo
 
Trátase da praia do Portelo formada por 2 pequenos areais separados por un promontorio rochoso A lenda di que aquí desembarcou o Marqués de Pedrosa fuxindo dos ingleses por cuestións relixiosas. Aquí (a uns 800) construeu un pazo (O Pazo de Pedrosa) que se pode ver facendo a Ruta do Camiño Natural do Cantábrico que pasa antes de entrar na vila de S. Cibrao polo lugar chamado Pedrosa.
A esta praia, dada a súa orientación, chegan moitas algas que no pasado eran recollidas polos veciños para vender ou abonar as terras.
Praia do Portelo
Voltamos uns metros para atrás para pillar este camiño  que hoxe (debido a tanta chuvia deste outono/inverno) estaba anegado. Imos sair xunto ao IES "Marqués de Sargadelos".
IES "Marqués de Sargadelos"

Pasamos polo novo Centro de Día e Residencia de maiores.
Centro de Día e Residencia

E tamén polo Centro de Saúde.
Centro de Saúde

Despois de pasar a estación de tren, chegamos ao Parque "Raíña Sofía"
Parque Raíña Sofía

No parque anterior destaca este fermoso monumento que é unha fonte.. Chámase "Os Corvos Mariños" e o autor é Juan Puchades. Foi inaugurado no 1995.
Fonte "Os Corvos Mariños"

O paseo que bordea a ría de S. Cibrao é pequeno pero moi fermoso.
Paseo do Torno

De frente vemos a chimenea de Alúmina /Aluminio e as pequenas embarcacións en marea chea.

Ao outro lado da ría hai un paseo que se pode percorrer e veremos unha antiga fábrica. Deixámolo para outro día.

Cruzamos a ponte sobre a ría e pillamos á esquerda para empezar o paseo ao pé do río Covo


O río Covo ten só un percorrido de 15 km. Nace  nos Montes de Buio, nas turbeiras de Pau da Vella e desemboca  na praia do Torno, formando a ría que acabamos de deixar.
Paseo do Río Covo.

O paseo ten un tramo de madeira e vai pegado ao río.

A Ponte Medieval do Bao de estilo romano permite o paso de persoas, animais ou carros en marea alta. Ten unha altura de 9,5m. e unha anchura de 3,10m. Ten un único ollo de forma oxival e foi restaurado polo concello de Cervo no 1986.
Ponte medieval do Bao

Ao pé da ponte anterior hai unha pequena área recreativa.

A ponte vista dende o outro lado.
Ponte medieval do Bao

Agora empezamos un tramo que é novo para nós xa que nunca por aqui pasamos. O Camiño Natural do Cantábrico que pasa por aquí mesmo, neste lugar torce á dereita por un camiño de monte. Nós agora seguimos pegados ao río.

Un muíño restaurado ao que uniron o que semella ser unha vivenda.
Muíño restaurado

Un fermoso paseo con pontiñas de madeira salvando regos que van ao Covo.

Paseo ás beiras do río Covo

Os paseos naturais sempre son fermosos porque son auténticos.

Paseo ás beiras do río Covo

 O paseo á beira do río remata nunha estrada local onde atopamos a Fonte do Guioncho.

Fonte do Guioncho
 
Deseguida damos a volta pola outra marxe do río.

O percorrido agora vai máis lonxe do río.

 
Chegamos á ponte medieval, agora polo outro lado.

A marea, que antes estaba chea, agora está case baixa e vese ben como o río vai cara ao Cantábrico.

Do outro lado do río vemos unha antiga fábrica de salazón e o aserradeiro de D. Xulián.

 Pasamos por diante da Praza dos Campos.
Praza dos Campos
No paseo do Torno polo que imos vemos unha exposición de 8 pezas decoradas por ambas caras (en total 18 creacións) de faros da Costa da Morte. Son murais feitos en azulexo.

E xa estamos case no punto onde iniciamos esta fermosa ruta.

Páxinas web consultadas:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2024/08/16/reclaman-proteccion-restos-fabrica-salazon-cubelas-san-cibrao/00031723825558541896391.htm

https://amarinalucense.gal/es/puerto-de-san-cibrao

https://es.wikipedia.org/wiki/Islas_Farall%C3%B3ns

https://concellodecervo.com/es/turismo/san-ciprian/os-corvos-marinos

https://www.turismo.gal/inicio?langId=es_ES

https://amarinaxornal.gal/occidental/cervo/104328-san-cibrao-sera-o-escenario-para-a-exposicion-sobre-faros-da-costa-da-morte/

martes, 10 de outubro de 2023

SARGADELOS (CERVO) RUTA CIRCULAR


 Camiño Real

Hoxe fixen unha ruta pasando polos puntos máis emblemáticos da parroquia de Sargadelos no concello de Cervo, na comarca da Mariña Lucense.

Para mín foi unha ruta fácil e fermosa que nun percorrido circular nos permite coñecer o Conxunto Histórico- Artístico de Sargadelos, o seu entorno co Paseo dos Namorados, a Fonte da Tella, a Senda Botánica....O río Xunco vai ter moito protagonismo nesta ruta xa que camiñaremos á súa beira nun longo tramo no que desfrutaremos de vexetación autóctona, de antigos muíños, pontes...Tamén descubriremos a igrexa de Santiago e pasaremos pola capital do concello admirando a súa Praza do Souto e as grandes casonas que a rodean.

A parroquia de Sargadelos é un lugar de visita obrigada, xa que nela atópase a Cerámica de Sargadelos (de recoñecemento internacional) e os restos das antigas fábricas de fundición e louza, fundadas por Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos. A nova fábrica de cerámica creada no lugar foi integrada, mediante a súa  arquitectura, na paisaxe natural; esta nova instalación, os restos das antigas fábricas e o museo, onde se conservan valiosas mostras de cerámicanas súas distintas etapas, foron declarados Conxunto Histórico-Artístico.

A parroquia, chamada oficialmente Santiago de Sargadelos, ten poco máis de 100 habitantes.

Unha ruta moi recomendable. Deixo o meu track en WIKILOC

Inicio esta ruta no novo aparcadoiro recentemente creado moi cerca da Fonte da Tella, ao pé don Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos

Novo aparcadoiro

A Fonte da Tella de 2 canos é moi popular entre os veciños da zona que veñen aquí a abastecerse de auga.

Fonte da Tella
Ao pé da Fonte hai unha pequena área recreativa con mesas e bancos á sombra de enormes castiñeiros.
Pequena área recreativa
O Paseo dos Namorados é un pequeno percorrido ás beiras do río Xunco moi fermoso con moita vexetación e o marmurio da auga.
Unha lenda di que se percorres este paseo cunha persoa sen estar namorado, cando remates o mesmo vas quedar prendado/a desa persoa. Así que haberá que ter en conta de quen vas acompañado ou acompañada...jeje...
Paseo dos namorados

Á nosa dereita levamos o río Xunco e á esquerda unha canle que abastecía de auga á antiga fábrica.

Paseo dos Namorados.

Ao final do paseo hai unha cascada artificial que baixa da presa do río creada en 1791 para reter a auga e aproveitala para a industria.

A cascada da presa

É a 1ª vez das moitas que xa visitei esta cascada que vexo tan pouca auga.

Cascada da presa

Un vello e inmenso amieiro "bebe" na presa.


A partires de aquí, un sendeiro (está indicado) lévanos cara arriba a unha senda botánica creada no 2005 no Monte Escarabelada, ou ben podemos continuar de frente por un carreiro ben definido ao pé do río uns metros máis. Eu fíxeno mentras durou o carreiro que remata nunha estrada local. Dende aí din a volta. (aínda non 1km.. en total, ida e volta) porque non é necesario volvar ata a presa; un pouco antes pillamos un sendeiro (sen sinalizar) á dereita que en ascenso nos conecta coa Senda Botánica.
O sendeiro que sigo ao pé do río deixa imaxes fermosas:

É un carreiro estreito, que semella de pescadores, pegadiño ao río que aquí vai moi remansado e tranquilo.

Como xa indiquei non é necesario voltar á presa para ir á Senda Botánica. Eu pillei antes un carreiro que sube polo monte e deseguida empezas a ver árbores cos seus rótulos. Estamos no Monte Escarabelada.

Carreiro de subida

A Senda Botánica ten moitas árbores e moi diversas pero... eu véxoa sempre igual. Pasei por aquí en anos anteriores e non noto que medren as árbores, nin hai frondosidade...non sei...dá a sensación de que lle falta algo. Non sei se a situación, nun lugar alto lonxe de fontes de auga ou que non está moi coidada (unha boa roza facíalle moita falta) o caso é que é unha Senda Botánica que non chama especialmente a atención.

Unha aciñeira que no medio dos toxos loce pouco...

Chego ao punto onde o camiño que traio se cruza co que ven se pillase a senda xusto na presa.

Senda Botánica

Os capudres (serbal do cazador en castelán) pois tampouco locen moito entre a maleza.

Senda Botánica

Nun determinado momento o camiño xira á esquerda. Esta é a parte máis fermosa da Senda Botánica.

Senda Botánica

Houbo un tempo que no cercado que se ve, debeu de haber cabalos. Actualmente non queda ningún.

Senda Botánica

Hai bancos e todo pero pouco apetece sentarse...

Senda Botánica

A verdade é que estes carteis identificando as árbores son ben importantes e necesarios. Tamén para aprender o seu nome en galego que en moitos casos non coñecemos.

Eu hoxe aprendín que serbal dos cazadores en galego é capudre e que espino albar dise estirpeiro

A Senda Botánica remata onde iniciei o Paseo dos Namorados, de feito podemos facer esta pequena ruta circular empezando nun sentido ou noutro.

Atópome agora no Conxunto Histórico -Artístico de Sargadelos. Na imaxe vemos unha antiga canle que aínda leva auga (penso que é a mesma que hai no Paseo dos Namorados) vemos o edificio ese grande que eran as natigas Cabaleirizas (onde se gardaban os cabalos)

Unha fermosa área recreativa completa a imaxe.

O Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos foi declarado como tal no ano 1972. Nel foron incluidos os restos do antigo complexo industrial fundado a finais do S. XVIII por Antonio Raimundo Ibañez, coñecido como "Marqués de Sargadelos".

Inicialmente foi un complexo siderúrxico que constaba dunha ferraría e dunha fábrica de fundición de ferro en cuxos altos fornos se empregaba como combustible carbón vexetal.

A principios do S. XIX fundouse unha fábrica de cerámica que remataría por converterse na máis importante de España nesa época.

Unha vez consolidado, o complexo industrial de Sargadelos contaba con:

- O Pazo do Marqués.

- Fábrica de Fundición con fornos, carboeiras, refinaría e ranchos para os obreiros.

- Ferraría

- Fábrica de cerámica

- Dous muíños de fariña, unha ponte de 2 arcadas e 5 prados de regadío d egran extensión.

No ano 1875 cesou a producción das Reais Fábricas. No 1970 volve reabrir da man de Isaac Díaz Pardo.

O edificio que albergou as Cabaleirizas foi rehabilitado e é actualmente o Centro de Emprendemento e Artesanía de Sargadelos que abriu as súas portas no 2018.

Os primeiros altos fornos de calcinación do noso país son estes de Sargadelos.


Altos Fornos(Imaxe de Wikimedia Commons)

O edificio co tellado vermello, foi o antigo taller mecánico. Foi levantado na última fase constructiva de Sargadelos e nel foron construídas dúas máquinas de vapor para a propia empresa.
O arco que se ve pertencía a un dos altos fornos e xusto por debaixo pasaba unha roda hidráulica.

Paso por diante do que foron as fraguas ou forxas para quentar e dar forma o ferro cando a industria era aínda siderúrxica. O edificio que se ve ao fondo, máis alto era un mesón e unha pousada.

Antigas fraguas

No interior do anterior edificio podemos ver aínda as chimeneas das forxas.
Antigas fraguas

Á miña man dereita están os edificios do que foron antigos almacéns e unha pousada.

 

A casona que vemos na foto seguinte era a Casa da Administración, edificio que data da década de  1840. Luis de la Riva ( compostelá que arrendou no 1845 a administración da fábrica aos Ibañez iniciando a época dourada da compañía, 1000 familias chegaron a traballar na fábrica en 1849) ordenou a súa construcción co obxectivo de rexistrar tódolos movementos económicos e productivos das Reais Fábricas.

Na actualidade alberga o Museo Histórico de Sargadelos onde se pode contemplar a evolución da producción das Reais Fábricas de Sargadelos.

Casa da Administracción, actual Museo Histórico.

Despois de percorrer todo o Conxunto Histórico Artístico pillo a estrada Río Covo-S. Cibrao

 
Cruzo a ponte sobre o río Xunco

Só vou 300 m. por estrada e enlazo á dereita co Camiño Real O Diccionario da Lingua Española define Camiño Real como:"El construido a expensas del Estado, más ancho que los otros, capaz para carruajes y que ponía en comunicación entre sí poblaciones de cierta importancia" Efectivamente esta "estrada" foi construída en 1849 para unir Sargadelos co porto de S. Cibrao. Foi a primeira estrada de peaxe de España e a través dela chegaban ata o mar os productos manufacturados e tamén llegaban certas materias primas necesarias para a fábrica.

Camiño Real

Vexo unha árbore que semella escapar por esa ventá!

Un muíño nunha completa ruína.

O Camiño é ancho ao longo do percorrido atopamos muíños, pontes, mesas...



O muíño do Pernán era un muíño moi grande e pegada a el estaba a inmensa casa do muiñeiro onde asomándose aínda podemos ver a chimenea e o fregadeiro da casa.

Entorno do Muíño do Pernán onde podemos ver unhas escaleiras de pedra para baixar ao río.

Os Muíños de Pernán son en realidade 4 muíños. Tamén era chamados os "Muíños da Fábrica" porque só moían para os traballadores desta e para os habitantes de Sargadelos.

A zona onde está o muíño de Pernán é sen dúbida unha das máis fermosas e interesantes deste Camiño Real


Paso por unha zona de hortas.


E paso por diante do que parece unha casa abandonada. Ou é o Muíño do Mornelo?

Nesta ponte cruzamos o río Xunco outra vez.

Vistas da Ponte sobre o Xunco


Á miña dereita vexo o Restaurante-Pousada,  "O Almacén" moi coñecido na comarca xa que leva moitos anos funcionando.
Restaurante-Pousada O Almacén

A Praza do Souto é pequena pero ten encanto e está rodeada de grandes casonas de pedra. Eso si, de souto só ten o nome que lle quedou de cando efectivamente era un fermoso souto que eu aínda lembro

Praza do Souto

Pillo agora , ao pé do  Restaurante-Pousada  "O Almacén" á esquerda por un sendeiro, onde está o letreiro da foto, coincidindo coa ruta que chega á Praia de Rueta.

O Muíño de Benito está moi ben conservado e aínda podemos ver a canle que levaba a auga para moer

Muíño de Benito
O  percorrido segue ao pé do río e atraveso algunha ponte.

Neste percorrido que fixen ao pé do río Xunco e que remato aquí, hai gran variedade de árbores autóctonas e puiden ver amieiros, carballos, pradairos, bidueiras...

Chego deseguida a unha estrada local e pillo á dereita.


Chámame a atención este pombal aí no medio desa finca.
Pombal
Non atopo ningunha información pero vexo que, cruzando esa estrada, frente ao pombal, hai unha vivenda abandonada que semella un pazo xa que vese o campanario do que debeu ser a capela do mesmo. A miña imaxinación voa e quero supoñer que o pombal pertenceu ao pazo; antes non habería esa estrada, ao mellor un camiño, e a finca onde está o pombal pertencería tamén ao pazo. 
Un Pazo?

Cruzo a estrada principal e pillo cara a Sargadelos. Deseguida aparece ante min a nova Fábrica que foi declarada BIC (Ben de Interese Cultural) no 2014 co obxectivo de "protexer, conservar e poñer en valor este proxecto singular e pioneiro da cración artística da man de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane."
As obras deste complexo iniciáronse en 1968 e remataron na década dos 70. Está situado no lugar chamado O Rato, na parroquia de Sargadelos.

A primeira fábrica (Real Fábrica de Sargadelos) foi creada a principios do S. XIX por Antonio Raimundo Ibáñez e tras varias xeracións acabou cerrando en 1875.

A partires de mediados do S.XX, nace unha nova iniciativa da cerámica en Sargadelos, basada en coloracións en tonos azulados da man de Isaac Díaz Pardo.

Actualmente, a Fábrica pertence ao Grupo Sargadelos, unha sociedade limitada que ten como principal accionista a empresa Cerámicas do Castro S.L. dende1949. Actualmente, a sociedade Sargadelos ten dúas plantas de produción cuns 245 empregados. Unha está situada no Castro de Samoedo, no concello de Sada (A Coruña), e outra en Sargadelos, no concello  de Cervo.

Nova Fábrica de Sargadelos
A Pía dos Desenganos é a antiga piscina de Sargadelos e alberga obras artísticas. A instalación intenta simular un espazo cheo de auga, do que emerxe un nadador para mostrar que "o ollo humano ve o que quere ver, por iso é importante afacerse a non fiarse das percepcións persoais, que son sesgadas na maioría das ocasións", indican fontes da empresa.
Por iso intentan sacar do seu medio natural unha figura dun polbo que foxe do mural, para meditar sobre a propia vida á vez que un bañista se ofusca coa saúde, un paraugas horadado permite o escape dos malos fumes e a recepción de boas vibracións, unha gaiola pecha a saída aos pensamentos indómitos, un candado para pechar a auga, unha erudita dormitando, unha tina con auga por se alguén se quere afogar, unha deidade arrepentida.........etc

Pía dos desenganos

Na parte de atrás do Museo de Sargadelos está o Horto Alienígena con seres ben estraños, por certo.
Horto alienígena
Figura no Horto Alienígena:
Horto alienígena

Foto máis de preto das figuras do horto:
Horto alienígena

Outra figura de cerca:
Horto alienígena

Vemos as estatuas de Reimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos e de Castelao sentados.

Unha vista do edificio circular de preto. A fábrica pódese visitar e ademais de xeito guiado.

Logo de pasar a Fábrica podemos continuar pola beirarúa inaugurada hai pouco para achegarnos ao punto de inicio, a Fábrica vella pero vin un camiño á esquerda que levaba directamente á igrexa de Santiago pola que quería pasar e aló fun. 

O camiño está perfectamente transitable e desemboca nunha estrada local xusto ao pé da casa que se ve ao fondo da foto.

Unha imaxe da parroquia de Sargadelos, moi cerca da igrexa.

Pasei ao pé dunha fábrica grande en estado de abandono pero por máis que busquei non atopei ningunha referencia dela. Non me atopei con ningún veciño ou veciña que seguro que habían de saber a resposta.

A igrexa parroquial de Santiago de Sargadelos levantada a mediados do S. XIX é de estilo neoclásico puro e foi encargada polo Marqués de Sargadelos para ennoblecer as Reais Fábricas.
Igrexa de Santiago de Sargadelos

Conecto coa estrada que ven dende a fábrica nova, onde está a ponte que están rematando de colocar (aínda non se pode cruzar)

E pola beirarúa que acaban de colocar, chego ao punto de inicio. Vexo xa a Casa da Administración.

Casa da Administración, hoxe Museo Histórico

O Pazo do Marqués de Sargadelos é de estilo Neoclásico e data de finais do S. XVIII. Era a residencia de verán do marqués. Non se pode visitar xa que é de titularidade privada.

Ao través dunha verxa, logrei sacar esta foto dos xardíns e unha escaleira de entrada ao pazo.

A foto de abaixo , de regular calidade, mostra a entrada principal do pazo.


Achégome de novo pero polo outro lado ao que foi a pousada e o mesón.


A Sacabeira Café Bar Cultural é un lugar polo que merece a pena pasar (e entrar claro!)É moito máis ca unha cafetería ou un bar, é unha referencia cultural, escenario de presentacións  de libros, concertos, monólogos,espectáculos de maxia, recitais ou exposicións.


E remato onde empecei, no aparcadoiro frente ao que foron as carboeiras, lugar onde se gardaba o carbón como o seu nome indica, cando este lugar era aínda unha fábrica de siderúrxia. Restaurado no 2004, emprégase na actualidade como sala de exposicións e eventos.

Antigas carboeiras

E aquí remato esta ruta circular curta pero moi, moi interesante a nivel paisaxístico (paseo dos Namorados, Senda Botánica, río Xunco cos muíños e a paisaxe fluvial...) e a nivel histórico e etnográfico co Conxunto Histórico- Artístico de Sargadelos, a igrexa parroquial, a nova fábrica...


Páxinas web consultadas:

http://www.concellodecervo.com/web/publico/inicio

https://www.miniontour.es/que-ver-en-sargadelos-la-real-fabrica-el-conjunto-historico-y-la-fabrica-de-sargadelos/

https://www.cultura.gal/es/nova/8118/declarada-bien-de-interes-cultural-la-fabrica-de-sargadelos-de-cervo

https://www.elprogreso.es/gl/articulo/a-marina/instalacion-artistica-insufla-vida-antiga-piscina-sargadelos/202108221700591521082.html

https://www.turismo.gal/inicio?langId=es_ES