Amosando publicacións coa etiqueta Outeiro de Rei. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Outeiro de Rei. Amosar todas as publicacións

luns, 29 de setembro de 2025

PARROQUIAS DE FRANCOS E CANDAI (OUTEIRO DE REI)

 Fixen bastantes rutas en Outeiro de Rei. As homologadas, todas, e outras que eu mesma planifiquei. A que menos me gustou foi precisamente esta última que vou publicar. Demasidos eucaliptos e poucos lugares de interés. Eso si, hai que resaltar o ben acondicionados que están os camiños neste concello aínda que non pase por eles ningunha ruta oficial.

Características da ruta:

Lonxitude: 8km.

Dificultade : fácil

Ruta circular sen sinalizar (hai un tramo que coincide coa ruta "Miradoiro da Terra Cha" que si está marcado) O meu track do percorrido en WIKILOC

Descripción:

Iniciei e finalicei esta ruta na igrexa de Santiago de Francos que é unha das máis antigas do municipio e que conserva elementos románicos como a ábsida.

Igrexa de Santiago de Francos

Camiñamos uns metros pola estrada contemplando xa as enormes casas deste municipio.

O día está ben solleiro e dá gusto camiñar.

O concelo de Outeiro de Rei ten nada menos que 27 parroquias. Hoxe o inicio e fin desta ruta está na de Santiago de Francos. No 2023 non chegaba oas 70 habitantes.
Santiago de Francos.

Un enorme castiñeiro que nesta época está cheo de froito.


Unha antiga casa con corredor.

Vemos unha Herba da Pampa, nativa de sudamérica e moi extendida por Galicia onde é considerada unha praga. Posúe unha alta agresividade, tende a facerse dominante onde se establece e a desprazar a vexetación existente.
Herba da Pampa

Moi cerca da anterior planta invasora, medran as autóctonas como este outro castiñeiro.


Despois de case 1km.por estrada, pillamos este camiño no que vemos tamén as invasoras acacias.

Neste concello, abundan moito as casas de pedra e ademais, enormes. A pedra é un material tradicional desta zona por eso era empregado para contruir as vivendas.

Subimos por un camiño de monte perfectamente preparado.

Empezamos a meternos entre eucaliptos.

O camiño é monótono pero camíñase moi ben. Está todo rozado.

Coincide agora o percorrido co trazado da ruta PR-G 155 Miradoiro da Terra Cha. Esta xa a fixemos hai un tempo e pódese ver neste ENLACE

Despois de compartir un pequeno tramo coa ruta mencionada, abandonámola para pillar á dereita por unha carballeira.

Por aquí vemos unha paisaxe menos monótona, con máis variedade arbórea.

Unha casa deshabitada rodeada de carballos.

O camiño que trouxemos desemboca na estrada que nos leva a outra parroquia: Candai.

O atrio da igrexa de S. Vicente de Candai foi hoxe o meu "restaurante". Esta igrexa foi totalmente reedificada no S. XIX posiblemente sobre outra anterior en estilo románico.
Igrexa de S. Vicente de Candai.

Imos agora durante 1 km. por estrada. No ano 2020, esta parroquia de Candai tiña 62 habitantes. Un pouco máis adiante pillaremos un camiño á dereita volvendo a coincidir coa ruta "Miradoiro da Terra Cha" xa ata o final.

Casas enormes de pedra que van quedando deshabitadas...

Chámame a atención o coidado dos camiños.

Unha corredoira de carballos.

As flotes típicas desta época que anuncian a entrada do outono: o azafrán salvaxe ou quitamerendas ou espantapastores; nomes que indican que o tempo vai mudar e xa non apetecerá ir merendar á fraga ou estar co gando pastoreando.

O concello de Outeriro de Rei ten moita parte rural.

Adentrándonos agora nun piñeiral.

A piques xa de rematar pasamos por esta área recreativa onde abundan os grandes penedos.

Outra vista da área recreativa.

Estou outra vez no punto de partida desta ruta, na igrexa de Francos.


domingo, 20 de abril de 2025

PARROQUIA DE VICINTE. (OUTEIRO DE REI)

 Esta e a 6ª ruta que fago en Outeiro de Rei, na comarca de Lugo. As anteriores estaban homologadas pero esta planifiqueina eu e saeu perfecta.

Outeiro de Rei é un enorme concello formado nada menos que por 27 parroquias, hoxe fun coñecer unha delas, a de Santa Mª de Vicinte, que ten elementos importantes para ver, ademais de ser moi fácil xa que este concello está integrado na Terra Cha polo que pouco desnivel tiven que salvar.

Características da ruta:

Lonxitude: 8,5 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. Necesario seguir un un percorrido xa grabado. O meu en WIKILOC

Descripción da ruta:

Empecei e finalicei esta ruta na Capela de Nosa Señora do Rosario que pertence ao lugar de Bravos dentro da parroquia de Vicinte pola que transcorre case toda esta ruta.

Foi igrexa parroquial ata que Bravos deixou de ser parroquia no 1890. Está construida en pedra de cantaría e foi obxecto de varias reformas.

Capela de Nosa Señora do Rosario

Unha vista lateral da capela.
Capela de Nosa Señora do Rosario

No lado sur hai unha porta cun arco de medio punto e un tímpano decorado onde hai unha inscripción que di  "me hizo el arcediano Juan...en el año del Señor 1412" Tamén conserva nos muros laterais uns canzorros moi desgastados polo tempo.

Pegado á capela hai un cemiterio onde seica están enterrados varios bispos. Está nun total abandono.
Cemiterio adosado á capela

Inicio a andaina cara ao Centro de Interpretación de Avifauna e atopo o Cruceiro de Bravos. 

Cruceiro de Bravos

Paso ao pé de Avifauna, un parque zoolóxico ornitolóxico creado en 1983 por un grupo de coleccionistas de aves. Foi aberto ao público no ano 2000. O parque está deseñado fundamentalmente para realizar visitas guiadas mediante un percorrido por un xardín botánico onde se poden observar aves dos 5 continentes repartidas en 76 recintos. Conta con veterinario, biblioteca, aula medioambiental, centro de cría e museo. É visitado por un gran número de persoas anualmente.


Sigo por esta estrada local contemplando como as bidueiras, que son das primeiras árbores en brotar na primavera, xa teñen ben folliñas.

Paso por outro lugar da parroquia de Vicinte: Vilarelle, un lugar moi pequeno que ten un Pazo ou así poñía un letreiro que vin. Hai que velo dende a estrada e eu vin varias construccións, un cabozo en ruinas e algunha vivenda en restauración.

En Vilarelle deixamos o asfalto para pillar este camiño no que as xestan xa florecen:


Desemboco nunha estrada local (a mesma que deixei antes) e xa estou noutra parroquia, na de Aspai, concretamente no lugar de Santa Comba. Cruzo a estrada para seguir de frente por onde está a casa de pedra.

Adéntrome por esta estrada estreita que vai rematar un pouco máis adiante.

Lugares preciosos, prados ben coidados e pedra, moita pedra.

Tópome co 2º cruceiro da ruta que, como non podía ser doutro xeito, está tamén situado nun cruce de camiños.

Sempre que veño a Outeiro de Rei non deixo de sorprenderme coas vivendas que hai: enormes, en pedra e a maioría ben coidadas. Sigo en Santa Comba (Aspai)

Esta que vemos a continuación  foi totalmente restaurada pero respectando o xeito tradicional con elementos naturais: pedra, lousa e madeira. Non se pode aprezar totalmente o fermoso xardín dianteiro.

Outro aspecto da mesma vivenda na que conservaron o antigo forno e o lavadoiro.

Remata aquí, ao pé desta vivenda, o asfalto e empeza un fermoso camiño bordeando a inmensa finca da casa.

Neste concello hai pedra por todas partes, esto xa o comprobamos noutras rutas que levamos feitas. Os peches ancestrais de pedra seca son tamén protagonistas xa que aparecen pechando montes, fincas, vivendas..

Tódolos camiños están en perfecto estado. Un gustazo facer rutas por aquí!!

Outra imaxe de camiños perfectos!


Voltamos  a estar na parroquia de Vicinte, agora na aldea de As Carballeiras. 

Seguimos a ver casas grandes e os onnipresentes peches de pedra.

O nome da aldea "As Carballeiras" é doado entender de onde vén. Neste tramo de estrada vemos a un lado vellos carballos e na outra beira unha plantación máis recente destas árbores.

Estamos a punto de abandonar o asfalto despois de pasar esta aldea. Tomaremos deseguida un camiño á esquerda.

Quen coidará estes camiños?
 
Este é o peor tramo que atopei nesta ruta. Este estreito carreiro que as silvas amenazan con pechar. Son só uns poucos metros e pasei perfectamente.

Estou en Vicinte, no lugar onde se atopa a igrexa parroquial.


A igrexa parroquial de Santa Mª de Vicinte é de estilo Barroco construida en granito. O cemiterio rodea o templo.

Igrexa de Santa Mª de Vicinte

Outra imaxe das casas máis próximas á igrexa.

Outra imaxe do templo.
Igrexa de Santa Mª de Vicinte

O 3º cruceiro que atopo!!

Por unha estrada local nada transitada vou camiño de outra aldea de Vicinte: S. Croio

Que fermosas son as nosas árbores autóctonas!!

En S. Croio atópome a sorpresa de que hai un letreiro que di "Propiedade Privada. Hai cans" Non sei se alguén comprou a aldea enteira...
Eu fun ver a Capela de S. Marcos que está no medio dun prado detrás das casas que se ven na foto pero cheguei alí por outro lado, atravesando un prado no que non había letreiro ningún de que fose privado, nin peche...Fun polo que se vía que fora un camiño e cheguei ás casas de S. Croio e pasei polo medio da aldea, pero unha muller que me estaba agardando (xa me vixiara cando viña polo prado de ver a capela), botoume unha bronca descomunal de que aquelo era privado, a capela tamén...e tiña un peche ao remate do asfalto.
Esto non está reflictido no track porque o que fixen foi voltar ao inicio, á capela de Nosa Señora do Rosario, e empezar de novo a ruta non pasando por aí.
Letreiro rodeado en azul onde se indica que S. Croio é de titularidade privada.

Nada que dicir malo destes camiños!

Atópome cun Peto de Ánimas, algo tan noso como son os cruceiros ou os cabozos. Teñen séculos de existencia e este aparece aquí solitario, no medio da nada. Están dedicados ás ánimas do purgatorio e as persoas depositan aquí flores, estampas, candeas, diñeiro. Neste había todo esto.


Peto de Ánimas
O Peto de ánimas visto de preto.

Sigo a andaina por este fermoso camiño onde as uces están ben floridas.


O camiño convértese agora nun fermoso carreiro.

Estou xa a punto de chegar ao inicio da ruta, axiña vou enlazar coa estrada á capela.

Xa vexo alí pretiño a capela onde remato esta fermosa e fácil ruta.



Páxinas consultadas:

https://es.wikipedia.org/wiki/Avifauna_(n%C3%BAcleo_zool%C3%B3gico)

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2019/03/07/buscas-milagros-mira/0003_201903SL7H16991.htm