Sempre que paso pola autovía A-8 á altura do Fiouco, miro para ámbolos dous lados onde se ven camiños e pistas de gandeiros rodeadas de cabalos e vacas e dende hai tempo tiña moitas ganas de ir por eses camiños e desfrutar da cercanía dos animais e das vistas espectaculares que imaxinaba habería ao estar a bastante altura. Hoxe, nun día despexado e fermoso realicei esta ruta planificada e que non me defraudou en absoluto.
Características:
Lonxitude: 8,6 km.
Dificultade: fácil
Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC
Descripción:
A ruta parte dende o lugar de Maramiga, na parroquia de Galgao (Abadín) Non sabía moi ben se ía facer unha ruta en Mondoñedo ou en Abadín pero resultou ser toda ela neste último concello, agás un pequenísimo tramo subindo á subestación eléctrica que pilla algo do concello de Mondoñedo.
|
Maramiga |
Chegamos a Maramiga pola LU-P 0105, aparcamos nun lugar ao pé da aldea e deseguida deixamos esa estrada á dereita para coller por onde se ve o sinal. |
Deixamos LU-P 0105 |
Partimos dunha altura xa de 549m e empezamos a ascender moi lixeiramente. A medida que subimos, as vistas vanse facendo mellores. Na foto vemos Lousada (parroquia de Sasdónigas, en Mondoñedo) aldea pola que pasamos cando fixemos outra ruta.
|
Vistas |
De momento aínda se ven árbores que axiña van desaparecer. Camiñamos por unha estrada que leva aos prados e montes dos gandeiros.
Mirando cara ao sur vemos a gasolineira de Abadín. Antigamente era esa a estrada única para ir a Lugo, Ourense...dende a costa.
Xa imos achegándonos á A-8.
A partires de agora a vexetación predominante e maioritaria van ser os toxos baixos. Estamos cada vez a máis altitude e esto reflíctese na vexetación. Vemos no chan un paso canadiense para impedir que escape o gando que imos atopar.
Vemos Lousada e o Chao da Aldea (Sasdónigas)
O viaducto que salva o Rego de Muras na A-8.
Un día moi, moi fermoso para desfrutar destas paisaxes. Para facer esta ruta hai que escoller un día así porque xa sabemos da frecuencia da néboa por estes lugares...
O viaducto do Rego de Muras mide 175m.
Nós, para salvar este rego, cruzamos a ponte que vemos na foto.
O chan deixou de ser asfalto para convertirse nunha pista de pedras.
Empezamos a ver o primeiro gando de cerca.
As vacas deixa de pacer para observarnos.
Volveu cambiar o chan e agora é unha pista de gravilla. Imos pegadiños á A-8
Moi cerca está O Fiouco. Non imos pasar xusto por aí. Torcemos á dereita por onde a pista nos leva.
O toxo, tan abundante en Galicia, tan noso, é un arbusto leñoso e espiñento cunha alta capacidade de rebrote sexa polas súas raices ou polas ramas, pero a súa forma de dispersarse natural son as sementes. Pode acadar os 2m de alto aínda que nestas altitudes non chega a esa medida. O toxo frorece dúas veces ao ano: en outono e primavera.
Debido á súa alta capacidade reproductora é unha das plantas máis difíciles de erradicar. É unha planta característica da nosa terra.
O que vemos é unha das 4 variedades que temos en Galicia: o toxo gateño.
Imos en lixeiro ascenso pero continuo. Estamos no punto máis alto desta ruta: a 721m. de altitude. Por riba do Fiouco!!!
A medida que subimos, neste espectacular día despexado, as vistas son mellores, claro.
O gando pasta en liberdade.Atopamos unha Subestación Eléctrica, Enel Green Power S.A., unha multinacional italiana das Enerxías Renovables en todo o mundo. Neste caso a enerxía xerada é eólica. No 2016, a multinacional española ENDESA comprou o 60% desta empresa. Como resultado da integración de Enel Green Power e ENDESA hai en España unhas 300 plantas de enerxía hidroeléctrica, eólica, solar e de biomasa.
|
Subestación Eléctrica Enel Green Power |
Os xeradores eólicos están presentes en practicamente tódolos montes de Galicia. Seguimos pola pista que se ve e estamos a piques de enlazar coa estrada LU-P 0105.
Imos pola estrada LU-P 0105 durante case 2 km. Empezamos xa a ver prados coidados para as vacas.
Agora xa imos baixando sempre suavemente, case sen darnos conta. Grandes tractores abonan os prados.
Despois de case 2km. por estrada pillamos un camiño á esquerda. Podíamos tamén seguir polo asfalto e deseguida chegariamos a onde deixamos o coche.
É un camiño rural de toda a vida. Un rego cruza o camiño.
Xa estamos chegando ás aldeas próximas.Sempre, sempre que se fai unha camiñata débese levar bon calzado ou outro para repoñer máis tarde. Nunca sabes como te vas atopar o chan...
Xa vemos o lugar da parroquia de Galgao chamado Rego do CanCase pegado ao anterior está o barrio de Maramiga da mesma parroquia de Galgao.
Os cabalos pacen tranquilamente neste atardecer fermoso, pero frío. Xa fumean as casas de Maramiga...
Páxinas web consultadas:
https://www.planagropecuario.org.uy/publicaciones/revista/R113/R113_40.pdf https://es.wikipedia.org/wiki/Enel_Green_Power