Amosando publicacións coa etiqueta ruta de montaña. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ruta de montaña. Amosar todas as publicacións

xoves, 11 de xuño de 2026

SERRA DO PUÑAGO (CASTROVERDE)

 A Serra do Puñago ou da Rañadoira é un sistema montañoso da provincia de Lugo que abarca os concellos de Baleira, Castroverde e Baralla. Aínda que non ten grandes alturas, é un excelente miradoiro da xeografía lucense.

Coma case tódalas serras galegas, alberga un Parque Eólico, o "Serra do Puñago- Vacariza".

Esta ruta está no concello de Castroverde, aínda que moi cerca do concello de Baleira.

Características :

Lonxitude: 13,7 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción da ruta:

Moi cerca de S. Romao, da parroquia de Retizós, no concello de Baleira ten inicio e fin esta ruta.

Despois de cruzar esta aldea en coche, aparquei un pouco máis arriba, nun cruce onde non estorbara e onde empecei a camiñar.

Vou por un camiño en suave ascenso.

Volvendo a vista atrás...

A medida que vou subindo, as vistas fanse máis espectaculares: Lombas e terras de Baleira e de moito máis aló.

Vexo esta planta tan común en Galicia que é dedaleira ou estraloqueplanta herbácea bianual, nativa de Europa. Recibe tamén os nomes de abeluria, abrula, baloco, borleta, croque, dixital, estalote, milicroque e sanxoán e moitos outros. Debe de ser a planta con máis nomes diferentes en galego.

A flor das dedaleiras e as súas follas conteñen unha substancia alcaloide, a dixitalina, que afecta ao funcionamento cardíaco e o extracto do seu principio activo foi empregado como medicación para a arritmia e outras deficiencias cardíacas dende finais do S. XVIII.

Cómpre ter en conta que, a pesar dos seus efectos medicinais, as dedadeiras poden chegar a ser moi velenosas se son consumidas.

Ao fondo, a aldea de Retizós.

                                                              Milicroques
Rematando a subida e volvendo a miúdo a vista atrás:


Agora xa estou en pleno parque eólico e vou camiñar sempre en cha.

No 2019 foi construído este parque eólico promovido pola empresa Naturgy cunha inversión de 43 millóns de euros.


Espectaculares vistas.

Cando se construeu o parque eólico, só contaba con 12 aeroxeradores. Actualmente hai bastantes máis.


O chamado Caseto da Serra foi unha instalación técnica de medición do vento asociada ao parque eólico.

                                                            O Caseto da Serra

Vemos tamén un punto ou vertice xeodésico (sinal física permanente ubicada nunlugar elevado e visible que marca unha posición xeográfica exacta) Serven para crear mapas e tamén se usan en enxeñaría, arquitectura e obras públicas para garantir a escala e  ubicación de proxectos.

                                                                    Vértice Xeodésico

Estamos no punto máis alto da ruta, a 1026m. e temos estas marabillosas vistas ao Lombo de Soutambio, cerca da Fraga da Marronda.



Os vales de Baleira, a Fraga da Marronda...e moito máis.

Seguimos pola serra, agora descendendo lixeiramente.

Vemos a Subestación Eléctrica do Parque Eólico.

A esta ruta tamén se lle podía chamar "ruta das Xestas", porque as atopamos continuamente.

Deixo a Serra un pouco antes de que remate o Parque Eólico e polo tanto a parte máis alta da mesma. 

Chegando a Teixeda, vexo este rústico cruceiro. Tamén é coñecido co nome de "Cruceiro de Verducedo" ou "Cruz de Valentín". Segundo a tradición local, foi levantado despois dun tráxico accidente onde un raio matou a un neno.
Cruceiro de Teixeda

Agora imos por estrada uns metros.


 Mirando á dereita, aló enriba, o parque eólico polo que acabo de pasar.

Teixeda é un lugar da parroquia de Montecubeiro. Só vin dúas casas e habitada, unha.

Nun cruce deixo a estrada para pillar un camiño:

Un camiño con pouco desnivel que nos vai levar de novo ata os eólicos que se ven aló enriba.

Estamos en xuño e as xestas están en plena floración.

E chegamos ao pico da serra onde se nos anuncia a entrada no parque eólico. Aquí topamos o mesmo punto, no cruce que vemos, do camiño da ida. Agora, vou á esquerda para continuar pola serra pero en sentido oposto á ida.

Por esta zona obsevamos pereiras bravas.

Pasamos pola Pena da Ferradura.

Xusto antes do último aeroxerador do parque eólico, torcemos á dereita.

Vistas que nos deixa esta altitude de 850m. 

Seguimos atopando moitas xestas. A xesta é unha especie de planta perenne, arbustiva, da familia das leguminosas, moi común en Galicia.

Nalgunhas zonas recibe o nome de piorno ou codeso. As varas, preparadas, foron usadas como aguilladas para arrear o gando. Tamén se utilizou na elaboración de teas de alumeado. O uso máis común foi para fabricar vasoiras. Tamén se usaba para a cuberta de alpendres.

A min a xesta paréceme que é preciosa; dise que é irmá do toxo pero mentras que este é bravo e pincha, a xesta é suave e déixase coller. Eu lembro a meu pai barrendo a aira moitas veces con xestas.

A que son preciosas? Que ben adornan os nosos camiños!!

Este último tramo de ruta, por este camiño tradicional, é moi fácil de percorrer é ademais moi fermoso, pola variedade e frondosidade de plantas e árbores.

Que sensación de paz!!

Ao igual que na inmesa maioría das rutas que fago non atopei a ninguén. Toda esta marabilla para min sola!!

Páxina web consultada:
https://gl.wikipedia.org/wiki/Xesta
https://www.elprogreso.es/articulo/a-montana/naturgy-finaliza-montaje-aerogeneradores-parque/201907032053211385456.html

xoves, 9 de abril de 2026

NACEMENTO DO EUME. SERRA DO XISTRAL

Fixera, hai un tempo, unha ruta que pasaba non moi lonxe do nacemento do río Eume. Daquela, propúxenme que un día sí que iría ata ese río que empezaba a nacer. Hoxe foi o día.

Parte do traxecto desta ruta coincide co que xa fixera pero dá igual, as rutas polo Xistral, a pesares dos Eólicos, a min sempre me reconfortan porque sempre son distintas, solitarias e fermosas.

Características da ruta:

Lonxitude: 10km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

A  ruta empeza e remata cerca da aldea de A Arca (parroquia de Montouto) no concello de Abadín.

Deixamos o coche nunha beira da estrada pola que chegamos, xusto ao pé da pista ao Parque Eólico. Por esa pista empeza a camiñata.



Empezamos a ruta a bastante altitude, a o redor dos 800m, e as vistas son xa fabulosas.

Varias aldeas polas que vimos de pasar no coche esténdense ao longo do val.

O contraste entre o ceo, o mar e as montañas:

Ao fondo, a Serra da Toxiza  e o Cantábrico.


Imos subindo pero de xeito moderado. O desnivel é pouco e no cansa.


Vemos un rabaño de ovellas. É a 1ª vez, nas rutas que levo feitas no Xistral, que vexo gando ovino.


É frecuente ver cabalos. Estamos no Carranco a 929m. o punto máis alto da ruta.


Foto tomada dende Os Altos do Fiouco a 908m. onde se ve o val da parroquia de Montouto.

En canto damos a volta á montaña, aparece diante de nós o canón que o río Eume forma entre as montañas e, ao lonxe, a estrada pola que despois iremos para achegarnos a el.

Estamos no Parque Eólico do Fiouco e alí embaixo vemos a Subestación pola que despois pasaremos. (As subestacións son centros neurálxicos onde se recolle a enerxía dos aeroxeradores transformando a media tensión en alta para o seu transporte)

Teremos que percorrer toda esa pista para achegarnos ao río Eume.

Estamos nunha valgada ou valga e encamiñámonos por ela cara ao río.


De lonxe, chamaba moito a atención este aparello. Cando nos fomos achegando descubrimos que é unha estación meteorolóxica automática que acostuman a colocarse en zonas abertas como na que estamos para recoller datos fiables sobre a meteoroloxía e, dado que estamos nun parque eólico, é moi probable que se use tamén para estudos de vento .
Estación meteorolóxica automática 

E aquí temos o Eume recén nacido case, cando aínda é  un rego.
Río Eume



O proxecto Life In Common Land  que xurde no 2017  liderado pola Deputación de Lugo e no que participan as Universidades de A Coruña e de Santiago, involucra a 11 montes veciñais de Muras, O Valadouro,  Xove, Ourol, Viveiro e Abadín e aposta por unha gandería extensiva de vacas e cabalos para recuperar os hábitats da Serra: as turbeiras de cobertor, as turbeiras altas activas e os brezais. Dito proxecto rematou no 2022.

Por ese rego que se ve na foto vai o Eume trazando o seu percorrido. Quédalle un longo camiño...

Voltamos ata subestación polo mesmo camiño da ida (este tramo de ida e volta ten 4,1km.)

Agora a pista xa é asfaltada. Atravesamos prados pola zona baixa da Serra.

Pasamos cerca das aldeas de A Laxe, Vaqueriza...pero non entraremos nelas como fixen na outra ruta.

Deixamos o asfalto pillando o camiño que está en 1º plano.

Seguimos por este camiño que notamos que ten uso agrícola.

Pasamos por Arca e vemos a súa cruz á beira da estrada. A cruz está rota ou inacabada.

Arca é a capital da parroquia de Montouto. Aínda non chega a 20 habitantes.

Dende A  Arca ata onde temos o coche hai algo menos de 1km.