mércores, 24 de abril de 2024

RUTA DE PENA MILLARES PR-G209 (RIBEIRA DE PIQUÍN)

 Voltamos ao concello de Ribeira de Piquín no que xa realizamos outras 2 rutas homologadas que son as seguintes:

MUÍÑO DE GARCÍA ( PR-G 229)

FERVENZA PENA DOS PORTELOS (PR-G228)

Ribeira de Piquín é un concello da provincia de Lugo que pertence á comarca de Meira. Pertenceu a Asturias ata o ano 1833. É un municipio eminentemente rural e a súa capital é  O Chao de Pousadoiro. É un concello entre montañas pegado ao río Eo que conta con 497 habitantes (INE 2023)

A ruta de hoxe, das tres que  ten homologadas este concello, é para min a máis dura e a máis larga pero tamén, sen demerecer as outras dúas que son moi fermosas, a máis completa de todas.

É unha ruta que pasa por bosques autóctonos, por un miradoiro espectacular, por aldeas tradicionais e polas beiras do Eo cunha paisaxe ás súas beiras que chama a atención.

Dicir que nós NON fixemos a ruta como está establecida oficialmente e como aparece na maioría dos tracks que mirei, que comenzan indo primeiro pola beira do río. Nós empezamos subindo (sempre se sube mellor ao principio) ás aldeas de Barcia e Sadrarín para chegar ao miradoiro e deixamos a parte fluvial para o final. Ao meu entender é máis doada deste xeito.

Características desta ruta:

Lonxitude: 14 km.

Dificultade: Moderada.

Ruta circular sinalizada. O meu track en WIKILOC

Descripción:

O inicio e fin desta ruta está na capital do concello, en Chao do Pousadoiro. Deixamos o coche nun aparcadoiro público moi cerca da ponte que temos que cruzar.

Ponte sobre o Eo

Despois da ponte pillamos á esquerda e imos uns metros pola estrada.

Á man esquerda vemos o río Eo. Por aí viremos á volta.

Onde vemos a casa do fondo pillamos á dereita.

Pasamos por Barcia, lugar que pertence á parroquia de S. Xurxo de Piquín.

Os típicos cabozos asturianos e o Hotel- Miradoiro de Barcia.

Hotel- Miradoiro de Barcia e cabozos típicos
Deixamos Barcia subindo por unha pequena congostra.

Nun claro, a medida que imos ascendendo, vemos Barcia en 1º termo e máis lonxe, Paíme.

Atravesamos carballeiras
 
E cruzamos regos (bastantes)

A  paisaxe cambia agora. Atravesamos un piñeiral

O camiño parece que foi removido recentemente.

Este é un camiño de monte polo que se nota que sacaron madeira.

Aparecen despois os prados, sinal de que chegamos a un lugar habitado.

Sempre hai que ir ben calzado nunha ruta, nunca sabes o que te vas atopar.

Chegamos á aldea de Sadrarín da parroquia de S. Xurxo de Piquín. Vemos a capela de S. Xoán.
Capela de S. Xoán en Sadrarín

Sadrarín, ao igual que a maioría de pequenas aldeas de interior está quedando sen xente. A pouca que hai (sobre 12 habitantes) é toda xente maior.
Sadrarín
A aldea etá a unha altitude de 527 m. polo que ten boas vistas.
Sadrarín

Cruzamos a estrada LU-P 5404 para adentrarnos nun camiño.

Dende o camiño por onde nos metemos, volvendo a vista atrás, vemos Sadrarín e podemos aprezar o alta que está esta aldea.

Seguimos ganando altitude indo cara á Pena Millares.

A paisaxe muda radicalmente a medida que subimos. Desaparecen as frondosas, medra sobre todo o toxo, as uces e algún piñeiro illado.

Aparecen tamén as carpazas ou queirugas.

A unha altitude de 617m está o Miradoiro de Pena Millares dende o que podemos ver a Serra de Meira, o Val do Eo, a Serra de Pena Armada...
Pena Millares

Tamén vemosa pedregueira de Millares que semella un río de pedras: é unha morrena glaciar de cuarcita que descende de forma natural pola ladeira da montaña.
Pedregueira de Millares (Morrena)

 Agora empezamos a baixar. A subida non foi para tanto. Penso que a decisión de empezar a ruta deste xeito foi moi adecuada. Comenzamos a subir cando estábamos frescos.

Atravesamos a morrena que está cruzada polo camiño.

Empezamos unha baixada por un camiño en zig zag que parece non rematar nunca...Como houbese que subir!!

 Nesta zona písase a morrena e escoitamos a auga subterránea.

A medida que descendemos, a paisaxe cambia, xa vemos bidueiras, carballos, eucaliptos...

Topamos coa estrada LU-P 4802 e, ao pé da mesma, coa acea ou muíño do Fidalgo

Uns metros despois atopamos o sinal indicador que nos levará á Área Recreativa da Retorta.

Estamos no lugar de Mestre que pertence tamén a S. Xurxo de Piquín.

Despois de atravesar este pouco fermoso monte de eucaliptos, chagamos á área Recreativa que vai ser o noso comedor de hoxe.

Esta área recreativa é un recóndito paráiso ás beiras do Eo que ten zona acondicionada para o baño, mesas, bancos, grellas e unha cabana de pedra.
Tamén ten esta ponte inutilizada dende hai anos e pola que levan pasado centos de pescadores.
Área Recreativa A Retorta

Aquí foi hoxe o noso comedor! Un 5 estrelas!
Área Recreativa A Retorta
Despois de comer fáltanos o último tramo que vai ser totalmente fluvial. Un paseo natural á beira do Eo onde imos camiñar entre freixos, bidueiras, amieiros, abelairas...

Aquí parece que houbo unha ponte noutros tempos...

Nalgúns lugares hai cordas para agarrarse en caso necesario.

Un chan ás veces irregular, como vemos na foto, con raíces das árbores.

Pasamos por debaixo dunha ponte que une o lugar do mesmo nome co resto do concello.

O percorrido continua á beira mismiña do río.

O entorno que nos rodea non pode ser máis tranquilo e fermoso.
 
Xa chegando ao final da ruta aparecen os primeiros prados. Ribeira de Piquín é un concello eminentemente rural que ten na gandería e agricultura os pilares da súa economía.

E algunha terra de cultivo e árbores froiteiras. Pese a que o 85% da poboación dedícase ao sector primario, as terras destinadas a cultivo non chegan ao 5%

Atopamos varias cancelas coma a da foto que estaban todas abertas. As terras destinadas a prados e pastizais ronda o 15%.  O 80% é terreo forestal.

Xa en Chao de Pousadoiro, o 1º que vemos é a ponte que cruzamos ao inicio da ruta e a acea de Barcia.

Ao pé da presa, a área recreativa de Chao do Pousadoiro. Un lugar moi coidado con praia fluvial, zona infantil e zona de merendeiro.

E rematamos esta completa ruta.

Páxinas web consultadas:
https://www.ribeiradepiquin.es/datos-generales/































luns, 22 de abril de 2024

RUTA RÍO MERA (LUGO)

Hoxe descubrín unha ruta en Lugo moi, moi fermosa, moi fácil e batante curta (11km); unha ruta pouco coñecida, sen sinalizar, que descubrín grazas a un track do Club Acivro. Lugo ten uns fermosos arredores con bosques autóctonos, ríos con paseos que vale a pena percorrer e aldeas con elementos patrimoniais moi relevantes nalgún caso.

Características da ruta:

Lonxitude: 11,1 km.

Dificultade: moi fácil

Ruta circular sen sinalizar e con camiños e carreiros perfectamente acondicionados.

O meu track en WIKILOC

Descripción:

A ruta ten inicio e fin ao pé da Ponte Romana no barrio do mesmo nome e onde comenza un fermoso paseo ao pé do Miño.

Hai un pequeno aparcadoiro ao empezar o paseo onde deixar o coche.

Aparcadoiro

É este un lugar moi empregado para pasear, facer deporte...conta tamén con carril bici.

Paseo do Miño

Vemos unha gran explanada ao pé do Pazo de Feiras e Congresos.

Pazo de Feiras e Congresos

Achégome a ver unha fermosa glicina ao pé dunha fonte.

Un paseo super coidado e onde podemos ver unha gran variedade de árbores: amieiros, freixos, bidueiras, carballos, pradairos...

Paseo do Miño
Xusto no lugar onde temos que desviarnos á esquerda para cruzar a ponte peonil sobre o Miño, vemos este grupo de bidueiras.
Bidueiras

O río Miño e a presa para a cercana Fabrica da Luz.

Ponte peonil de S. Lázaro e ao fondo o barrio do mesmo nome.

Ponte peonil
A Fábrica da Luz é un edificio de máis de 100 anos de historia que dende que deixou de ter o uso para o que foi creada buscouselle varios destinos, pero todos fracasaron. Agora din que vai ser un centro de enogastronomía.
Antiga Fábrica da Luz

Esta ponte peonil sobre o Miño foi inaugurada no 2011 e daquela foi a 1ª ponte peonil de Lugo.

Ponte peonil sobre o Miño

Pillamos á dereita e xa o casco urbano queda lonxe. Pasamos por unha zona de casas restauradas e pequenas urbanizacións onde antes había terras de cultivo.

Voltamos cerca do Miño, agora pola outra beira. Na foto, freixos á beira do río.
Freixos ao pé do Miño
Temos, en paralelo á estrada, ese carreiro que se ve perfectamente acondicionado para camiñar.

Fermosa imaxe: o Miño, a ponte da estrada nova a Santiago e os cabalos moi brilantes que pacen tranquilos.

O Miño é un río que trancorre integramente pola nosa comunidade, polas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra. Forma fronteira entre España e Portugal antes de desembocar no Océano Atlántico, despois de percorrer 315 km. O seu afluente máis imortante é o Sil.
O Miño nace no Pedregal de Irimia, na Serra de Meira.

Unha pequena ponte que salva o Rego de Segade.

Lugo ten uns arredores preciosos!

Na foto vemos de frente o Club de Piragüismo. É raro non ver cada día piragüistas polo río.

Hai que pillar un camiño á esquerda para chegar a esta estrada, cruzar e pillar por onde está sinalizado cun círculo azul (un carreiro pouco visible)

Metémonos por un estreito carreiro pero perfectamente transitable.

Outro aspecto do carreiro que nos vai levar ao río Mera.

E despois dunha curta baixada xa estamos ás beiras do río Mera. 

Ao longo deste río atopamos varios muíños. Xa pasamos o do Castro,  abandonado, e agora outro que tamén está en ruinas.

Atravesamos densas carballeiras.

Abundante e variada vexetación ao longo deste río que desemboca no Miño, na parroquia de Orbazai. Percorre case 13 km. dende o seu nacemento.

Unha paisaxe idílica á beira do Mera que ata agora vai moi tranquilo. Só escoitamos o canto dos paxaros.

Chegamos á Ponte de Mera, que será tamén onde enlace o percorrido da volta. Non a cruzamos.
Ponte de Mera
Vemos o Muíño do Tendeiro que parece que tivo actividade ata non hai moito a xulgar polo estado de conservación.
Muíño do Tendeiro
Pequenas pontes en madeira salvan regos que desembocan no Mera.

A partires de aquí o río empeza a coller velocidade e imos atopar rápidos e pequenas fervenzas.

Na foto vemos o que foi no pasado o Muíño da Costa totalmente restaurado actualmente con vivenda na parte superior. 
Muíño da Costa

O entorno arredor deste lugar é precioso: o balbordo da auga, a vexetación, a paz...

Escaleiras e pasarelas de madeira.

Un lugar máxico á beira do Mera.

Por esta ponte pasamos á outra marxe do Mera.

Seguimos inmersos nesta fermosa paisaxe por carreiros perfectamente transitables.

Agora pillamos á dereita, alonxámonos do río e imos por este sendeiro facendo circular esta ruta.

Este itinerario é o que vai ao Monte Penarrubia. As xestas blancas son ben fermosas...

E nun punto vemos a cidade de Lugo.

Baixamos por un camiño fermoso e vemos prados que anuncian que cerca hai vida humana.


Este lugar é A Malladoira. Pertence á parroquia de Orbazai dentro do concello de Lugo.
A Malladoira
Aquí podemos seguir  pola estrada.
A Malladoira
Ou ben, onde se ve a frecha azul, torcer por un carreiro e cruzamos unha carballeira. (Son só uns metros)

E saimos deseguida outra vez á mesma estrada.

Estamos en Orbazai e ao fondo está a igrexa de S. Miguel.

No lugar chamado A Torre pertencente á parroquia de Orbazai, pillamos á dereita:

E voltamos á ponte de Mera. Esa pena que se ve ao pé do río foi o meu comedor de hoxe. Un 5 estrelas!!

Despois de cruzar a ponte, pillamos un camiño á esquerda que nos vai levar polo Monte Segade.
Monte Segade, a tan só 4km. da Praza Maior da cidade de Lugo, é un bosque enorme  no que é posible pasear, facer deporte...etc polos innumerables camiños e sendeiros que ten, todo no medio dunha exuberante vexetación autóctona.

Nun claro vexo o lugar de A Torre polo que acabo de pasar:

Non hai aglomeración ningunha por aquí. Só atopei algún deportista correndo.

O monte está super coidado, sen maleza ningunha e con novas plantacións neste caso de bidueiras.

Carballeiras inmensas...


Xa case saíndo do Monte Segade, un piñeiral.

 Na foto, o aparcadoiro de Monte Segade. Ao fondo, Lugo.

Pasando polo lugar de As Illas enlazamos co percorrido da ida, ás beiras do Miño.

Voltamos polo fermoso paseo onde continuan os cabalos:

Entre maio e xuño florece o espiño branco. É un arbusto que pode vivir ata 500 anos. Medra de xeito silvestre nunha gran cantidade de hábitats, dende o nivel do mar ata 1500m. de altitude. Na antigüidade este arbusto era considerado símbolo da esperanza e da fertilidade.

Voltamos ver a ponte peonil que agora non imos cruzar e vemos tamén o Clube Fluvial.

Agora imos polo parroquia de S. Lázaro que polo seu nome dedúcese que aquí houbo un lazareto ou hospital para leprosos. Ese lazareto determinou a estructura deste barrio moi grande e con estilo barroco.
O último hospital, do S. XVIII está dividido actualmente en varias vivendas particulares entre as que se atopa a rectoral. De tódolos xeitos, a orixe da institución é moito máis antiga xa que as primeiras referencias que hai do lugar datan do S. XII
Á esquerda na foto, o antigo hospital de leprosos.

A igrexa de S. Lázaro é do S. XVIII e foi da antiga malatería (hospital de leprosos que como estaban enfermos chamabáselles malatos) que está enfrente. Ten escasos elementos decorativos, algo propio do barraco galego.
Igrexa de S. Lázaro
Pasamos ao pé do Club Fluvial  vando as piscinas e xardíns. O Club Fluvial empezou a súa andadura  nun vello muíño abandonado promocionando o piragüismo. Foi ampliando as súas actividades e actualmente é un referente da vida social de Lugo. O seu obxectivo é fomentar entre os seus socios toda clase de actividades e prácticas deportivas, culturales, recreativas e artísticas.

A Ponte Romana no barrio da Ponte ten varios arcos e foi reparado varias veces ao longo dos séculos.
Ponte Romana

O Camiño Primitivo de Santiago pasa por aquí e vemos tamén o sinal da Vía Romana XIX que marca unha calzada romana da época de Augusto que unía Braga en Portugal con Astorga en León e pasaba por lugo.

Dende a Ponte vemos o Balneario de Lugo situado nun lugar inmellorable ás beiras do Miño e do Paseo Fluvial do mesmo. O edificio ademais de ser hotel e balneario, alberga restos dunhas termas romanas.
Balneario
E ao pé do monumento ao soldado romano rematamos esta fantástica ruta!!


Páxinas web consultadas:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2024/01/24/bosque-interminable-lugo/00031706118682440440191.htm

https://es.wikipedia.org/wiki/R%C3%ADo_Mi%C3%B1o

https://www.laguiago.com/lugar/conjunto-monumental-de-san-lzaro/

https://xurdemoran.blogspot.com/2015/07/bajando-al-barrio-ponte-desde-las.html