A ruta do río Ouro é ben coñecida na Mariña luguesa. Atópase na parroquia de Fazouro, no concello de Foz. É unha ruta lineal á beira do río Ouro, remontando o seu curso, ata chegar á presa de Posada construida para, no seu tempo, levar auga ata unha pequena Central Eléctrica. Son sobre 10 km.ida e volta.
A min, como non me gusta ter que ir e voltar polo mesmo lugar, se podo evitalo sempre busco a maneira de facer as rutas circulares. Hoxe traio unha maneira diferente de facer esta ruta.
Outras rutas do río Ouro que fixen son estas:
RUTA DO RÍO OURO (Só nesta ocasión atopamos acondicionada a outra marxe do río para ir por un lado e voltar polo outro)
RUTA RÍO OURO E CONDADO DE FONTAO
RUTA RÍO OURO (DENDE A IGREXA )
Características desta ruta:
Lonxitude: 9,4 km.
Dificultade: fácil
Ruta circular sen sinalizar. O meu track ou percorrido en WIKILOC
Descripción:
Partimos nesta ruta dende o aparcadoiro que hai na área recreativa ao pé da Pontevella.
O barrio da Pontevella é un dos máis antigos de Fazouro. Hoxe en día tódalas vivendas están restauradas e o río Ouro (que na foto non se ve) atravesa este barrio.
A foto está tomada dende a área recreativa. O camiño que se ve pertence á ruta oficial do Río Ouro e é polo que voltaremos.
Vemos outros barrios de Fazouro: a Fonte da Aldea, a Rúa, S. Salvador...e deseguida pillamos á dereita, pola Casanova.
Dende o barrio da Casanova temos boas vistas da Pontevella, O Morgallón, O Cachón, a Casareta...
A corta dos eucaliptos deixa imaxes que antes non se podían ver.
Agora sumerxímonos nun monte de eucaliptos por un camiño en perfecto estado.
A verdade é que este camiño faise monótono polo monocultivo que predomina na Mariña.
Estamos a piques de chegar a Trasmonte. O nome é ben axitado xa que esta aldea está efectivamente detrás do monte.
En Trasmonte hai unha fonte pública de 1957. Este mesmo letreiro é común en varias fontes do concello de Foz.
Trasmonte forma parte da parroquia de Santa Cilla.
Non chegamos cruzar a aldea de Trasmonte, uns metros antes de atopar as primeiras casas, pillamos un camiño que baixa á dereita.
Este camiño polo que baixamos enlaza coa ruta do Ouro.
A Fonte de Fernandete:
Un carballo (non hai moitos) bebe no río.
Chegando á Pontevella vemos aló enriba o barrio da Rigueira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario