Despois de 8 meses, por fin hoxe retomamos o Camiño dos Faros. Imos pola 4ª etapa (Laxe -Arou) aínda que nós, que acostumamos a partir cada etapa en dúas, hoxe fixemos ata Camelle.
Este Camiño segue a sorprerdernos e a ensinarnos en cada etapa novas imaxes. Hoxe démonos conta que se non o homologan axiña e fan por coidalo, será dificil camiñar por algúns tramos que xa se están pechando coa maleza.
Características:
Lonxitude: 18km.
Dificultade: media
Ruta lineal ben sinalizada.
Descripción:
Saimos dende a igrexa de Santa Mª da Atalaia que está a carón do porto.
A igrexa de Santa Mª da Atalaia foi construída no S. XIII e a súa orixe era románica pero no S. XV foi ampliada e déronlle estilo gótico mariñeiro. A igrexa ademais da súa función relixiosa, tiña tamén fución de defensa e vixiancia (atalaia) Os seus contrafortes e os seus muros daban protección aos ataques dende o mar.
Dende a igrexa contemplamos unha panorámica da vila, da praia e do porto de Laxe.
A súa fachada principal presenta un rosetón e unha porta coas características molduras góticas.
Diversas figuras en pedra decoran os muros:
A outra porta da igrexa con dous enormes contrafortes:
No interior da igrexa destaca o seu retablo románico de pedra. Antes había un de madeira que ardeu e, ao queimarse, descubriron este de pedra.
Despois da visita á igrexa empezamos a camiñar:
E deseguida chegamos ao mirador da Insua. Dende este punto observamos o que nos queda por percorrer hoxe:
Empezamos agora a rodear o Monte da Insua
Camiñamos pola Punta do Costado:
E agora subimos un curto pero esixente repecho duns 200m
Se miramos cara atrás temos o inmenso Atlántico e dicimos adeus á Ría de Corme e Laxe:
Agora baixamos á Furna do Asno :
E despois de pasar a Punta da Cruciña:
Xa vemos o Faro de Laxe na Punta da Insua. Construído en 1920 é exactamente igual ca o do Roncudo que queda enfrente. Aos pés deste faro naufragou o "Praia de Arnela" en 1972. Ía descargar ao cercano porto de Corme cando chocou coas rochas da Punta da Insua. Morreron 10 tripulantes.
Ao lado do faro, construiron un merendeiro en forma de castro:
O monumento "A Espera" é un homenaxe a tódalas mulleres que esperan aos seus maridos e fillos e a tódolos mariñeiros mortos neste mar bravo.
A escultura en broce é obra da artista Iria Rodríguez e representa a unha muller co seu neno no colo agardando que volva o seu home.Continuamos rodeando o Monte da Insua agora polo oeste
Imos por Carreiro Bo:
Esa rocha da punta é a Pena dos namorados.
E chegamos a unha coñecidísima praia: A "praia dos cristais" que vendo o pequenísima que é e as orixes dos cristais(un antiguo vertedoiro de lixo) pois non nos chamou case nada a atención. É unha pequena cala na Enseada Baleeira onde antiguamente se tiraba o vidro. A auga foi pulindo os cristais e temos o que vemos hoxe en día.
Continuamos pola Enseada Baleeira:
Mirando cara atrás aínda cemos o cemiterio e a vila de Laxe:
Se non se homologa axiña esta ruta corre o risco de que os sendeiros desaparezan tapados pola maleza...
Vemos a "Pedra do Castro", perigosa para os barcos que se achegan moito ao litoral: O camiño continua entre muros de pedra que serviron no pasado para pechar fincas:
Dende aquí, dende Morelo, imos iniciar unha importante subida:
Empezamos agora a subida máis importante deste tramo. Son so 700m pero moi verticais!
Subimos ao Petón do Castro ou de Soesto.
Mirando cara atrás e como xa acadamos bastante altura, vemos claramente o
Monte da Insua que acabamos de rodear e a vila de
Laxe:
Xa vemos a praia enorme de Soesto e temos que baixar ata ela. Hai que ir con coidado xa que é un descenso bastante técnico. Esta praia aberta ao océano é un paraiso surfista e algún había surcando as ondas.
Nestas rochas aínda hai pegadas do buque Prestige que se fundiu frente a esta costa no 2002 provocando un enorme desastre ecolóxico:
Abandonamos a praia de Soesto por esta pasarela de madeira:
Vista da praia polo outro lado, contemplamos o Peñón de Soesto polo que acabamos de baixar.
Seguimos o camiño atopando algunha pequena cala coma esta de Castrallón
E atopamos a pequena praia de
Arnado cunha auga tan limpa e tan tranquila que nos apetecía moito darnos un baño para refrescarnos da inmensa calor que facía.
Seguimos o noso Camiño e deseguida podemos ver ao lonxe a praia que nos agarda: a de
Traba.
Como esta ruta non se homologue axiña e a quen corresponda a acondicione como corresponde, algúns tramos ameazan con pecharse de vexetación.
Chegamos ao espazo natural de Traba que é o lugar onde pensamos comer. Está formado pola praia de algo máis de 2,5km. e unha lagoa de grande valor ecolóxico.
E fixémolo aquí, na súa área recreativa:
A lagoa é estreita e está rodeada cara ao interior por unha marisma e separada do mar por dunas:
A lagoa percórrese por unha pasarela de madeira: Xuncos, espadanas e carrizal forman a principal vexetación da marisma. Tamén é o refuxio en inverno de gran cantidade de aves. Ao lonxe vemos a aldea de Mórdomo:Agora a paisaxe cambia completamente e en vez de medrar a vexetación parece que medran as pedras.
Formas sorprendentes aparecen ante nós, recordando animais:
Cruzamos un pequeno monte:
E así chegamos ao concello de Vimianzo. Son 400m de costa os únicos que ten. Estamos no chamado "Coído da Señora"
Poucos metros despois atopamos o "Coído de Sabadelle"
E xa chegamos a Camelle (chamado oficialmente O Espirirtu Santo de Camelle) entrando pola súa fermosa praia moito máis recollida e pequena en comparanza coas que hoxe atravesamos. Camelle é unha parroquia de Camariñas de ao redor de 1000 habitantes.
Este é o porto de Camelle intimamente ligado á vida desta vila. e onde se sucederon diversos naufraxios ao longo da historia. Nos baixos da enseada había unhas rochas chamadas "A pedra do porto". A principios do S. XX, tres barcos naufragaron contra esta pedra que foi eliminada no 2005 coa construcción dun dique.
Se por algo é coñecida é esta vila é por ser o lugar onde viviu e morrreu o alemán Manfred Gnädinger(Man). A súa figura causaba impresión: era alto e moi fraco con longa melena e barba e vestía só cun taparrabos. Vivía nunha caseta onde está o museo ao aire libre decorada cuns grandes círculos de cores, unha constante na súa obra.
Naceu en Alemania no 1936 nunha familia acomodada. Con 14 anos inicia estudos de pastalaría que o levan a traballar a Suiza. Aos 16 anos morre súa nai o que supón para el un duro golpe. Despois desta morte el apoiase nunha señora que é de Muxía e que lle fala da Costa da Morte e Man queda fascinado por esas historias e comenza unha viaxe por Francia e polo norte de España ata chegar a Traba e dende aquí a Camelle en 1962.
Primeiro alquilou unha casa aunha familia que sabía alemán e pouco despois empezou a súa evolución interior pintando as paredes de negro e recollendo todo tipo d ecousas. Os caseiros dixéronlle que así non podía seguir e entón el compra unha pequena parcela na punta do muelle e constrúe a súa caseta sen luz nin auga. É aquí, a principios dos 70 cando empeza a súa obra onde o círculo e as cores básicas son fundamentais. Consolida o seu xardín-museo ao redor da casa.
No ano 1985 empezan as obras do espigón moi necesarias para protexer os barcos e o proxecto pasaba por riba da súa casa museo; protestou e enviou cartas ás administraccións e consiguueu modificar aldo o proxecto pero non de todo. A partires de entón, o espigón tamén formará parte da súa obra e alí vai recollendo o que o mar trae e usándoo para elaborar os seus traballos.
Man cobraba 1€ por visitar a súa casa- museo e dábache unha libreta e un lápis para debuxar o que era para nós o seu museo.
No 2002, a 1ª oleada de fuel do Prestige inundaba o seu museo. Un mes despois el morría, dise que de pena...
No 2018, inaugurouse este museo para protexer, conservar e difundir o legado artístico e persoal de Man.
|
Museo do alemán |
Diante do museo, levántase esta escultura en pedra do alemán:
Ao aire libre está a súa casa e parte da súa obra xa que moita dela perdeuse a causa dos temporais.
Muelle de Camelle. O espigón necesario para protexer os barcos pasaba por riba da casa- museo de Man. Logrou, coas súas protestas, modificar algo o proxecto, pero non de todo.
E aquí rematou o tramo de hoxe que oficialmente chega ata Arou pero nós decidimos rematar aquí en Camelle porque había moito que ver e porque xa íamos cansos...
Deixo un vídeo de "De rutas y sendas" que explica de forma maxistral e moi amena
esta etapa:
Ningún comentario:
Publicar un comentario