Continuamos con outro tramo de O Camiño dos Faros, neste caso todo dentro do concello de Camariñas. Un tramo que nos resultou máis fácil do previsto a pesares de facer 15km. aprox. e que aínda había resultar máis doado se no fose pola chuvia que nos acompañou case todo este tramo. Destacar a fermosa vila de Arou, a praia de Lobeiras, o porto de Santa Mariña, o cemiterio dos ingleses...
Características:
Lonxitude: 15 km.
Dificultade: moderada
Ruta lineal moi ben sinalizada.
Descripción:
Saímos de Camelle, onde o último día rematamos, xunto á que foi a casa-museo de Man.
|
Casa-museo de Man |
O tramo de hoxe empeza entre muros de pedra que delimitaban no pasado as terras de labor.Na seguinte foto, vemos claramente as divisións das parcelas:
E despois de percorrer 2km. chegamos á pequena e fermosa vila de Arou:
Aquí vemos o porto da Lagoa en Arou:
Abandonamos Arou camiñando por unha pasarela de madeira:
Mirando cara atrás vemos as praias de Arou e a de Braña de Lazo separadas por rochas:
Camiñamos agora pola enseada de Xan Ferreiro
Para deseguida empezar a subir ao Miradoiro de Punta Lobeiras:Dende o miradoiro vemos a praia de Lobeiras
E ao lonxe vemos aínda Arou
Baixamos á praia de Lobeiras, fermosísima, semellaba unha piscina coas súas tres lanchiñas.
Entramos agora nun mundo de rochas. Este coído que vemos é O Pelouro:
E atravesamos os coídos Os Boliños e Pedra do Sal:
Para chegar neste chuvioso día, ao Porto de Santa Mariña:
Camiñamos agora cara á duna de Monte Branco que xa vemos de fondo. Imos pola enseada do Colludo:
Mirando atrás vemos o Porto de Santa Mariña
A partires de aquí, a chuvia non deu trégua. Imos bordeando as dunas do Monte branco pola parte de abaixo. É este un lugar moi sensible medioambientalmente e cambiaron o trazado; antes a ruta pasaba polo pico do Monte pero para evitar o deterioro da duna agora cambiouse.
Con chuvia, soidade, apartados de toda civilación, este Camiño dos Faros aínda impresiona máis:
Agora xiramos cara ao oeste e o vento acompañado de chuvia será o protagonista. Baixamos entre impoñentes farallóns:
Podemos entender canto e como traballará aquí o vento para crear a duna que vemos á nosa esquerda e que mide 150m.
Á nosa espalda, vese ben agora a duna de Monte Branco, aínda que a chuvia desmerece a fotografía. Estamos entrando na Praia do Trece.
A praia do Trece son en realidade unha sucesión de praias separadas por rochas. Cruzamos polos areais e danos a impresión de estar sós no mundo nun lugar salvaxe, inhóspito, solitario a onde non chega ningunha estrada. A sensación é única!!
O letreiro avísanos de que temos que ser coidadosos. As plantas son caramiñas. Este nome deu lugar a Camariñas.
Praias de coios que esperan ao longo de moitísimos anos de erosión covertirse en praias de area.
Deseguida chegamos ao Cemiterio dos ingleses. A finais do S. XIX tiveron lugar aquí, na punta rochosa coñecida como Punta do Boi, tres naufraxios que marcaron para sempre a historia deste lugar e de toda a Costa da Morte.
O naufraxio que máis repercusión tivo polo nº de mortos foi o do buque inglés Serpent no ano 1890 con 172 homes mortos. Os veciños da zona déronlles sepultura onde xa estaban enterrados os que morreran no Iris Hull que embarrancara no 1883. Só tres tripulantes do Serpent quedaron con vida e o mar arroxounos á praia do Trece
No ano 1893 producíuse o naufrauxio doutro barco inglés: O Trinacria tamén cun gran nº de vítimas.
A raíz destas traxedias, construíuse o novo Faro Vilán inaugurado en 1896 sendo o 1º faro eléctrico na Costa da Morte.
Neste lugar están enterrados o capitán e os oficiais do Serpent e fóra estarían os mariñeiros. Por toda esta zona houbo oito naufraxios cun total de 245 mortos. Esta inscripción neste monolito quere recordalos a todos:
O cemiterio dos ingleses está incluido na Ruta Europea dos Cemiterios singulares.
Continuamos o percorrido vendo á dereita a fatídica Punta do Boi.
Agora imos por unha pista de area pegada ao mar e dende xa se pode ver con claridade o Faro Vilán pero co día de chuvia e vento que cada vez arreciaba máis, a visibilidade era moi mala.
Neste lugar foi o último accidente nesta costa: no 2014 un gran barco moldavo ( O Prima) estaba sendo remolcado indo baleiro. Problemas co enganche obrigaron a deixalo á deriva e encallou nas pedras frente a Reira. O mar, traballando no inverno foino desfacendo e unha empresa de desguace logrou ir retirando tódalas planchas deixando só a áncora que vemos:
E aquí rematamos o tramo de hoxe, antes de meternos ás praias de Reira debido ao tempo inclemente que non nos deixaba desfrutar para nada de canto víamos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario