venres, 16 de xullo de 2021

BETANZOS

 Seguro que todos e todas oimos falar da cidade de Betanzos: da súa  famosa tortilla, da romaría dos Caneiros, do globo...pero Betanzos é moito máis e hoxe fomos comprobalo.

Betanzos é dos municipios máis pequenos da provincia de A Coruña á que pertence. Coñecida tamén como Betanzos de los Caballeros, foi unha das 7 provincias do Antigo Reino de Galicia.

O poder que tivo esta vila na época medieval vese en dous feitos que aconteceron no S. XV: foi nomeada cidade (1465) e foille concedido o privilexio de celebrar unha feira anual(1467)

O seu casco histórico é un dos mellores conservados de Galicia e foi declarado Conxunto Histórico-Artístico no ano 1970.

Hoxe fomos coñecer Betanzos e ademais de patear as súas rúas e prazas e visitar os monumentos tan importante que ten, fixemos algo que nos encanta: 2 rutas curtiñas de sendeirismo moi próximas á cidade.

Imos aló!!

Empezamos na Porta da Ponte Nova xa que moi cerca hai un aparcamento gratuito onde deixamos o coche.

Betanzos estivo amurallada e contaba con 5 portas para entrar. Actualmente só quedan 3.

Na foto vemos a Ponte Nova que cruzamos para entrar pola Porta que leva o nome desta ponte:

A Ponte Nova

Entramos pola Porta da Ponte Nova:

A Porta da Ponte Nova, vista dende o outro lado:

Porta da Ponte Nova

Subimos pola rúa Ferreiros. Nesta cidade, que está situada nun alto, moitas rúas son empinadas.

Rúa Ferreiros

E chegamos deseguida á Praza da Constitución onde temos varios edificios importantes coma este que alberga o concello. É de estilo neoclásico, deseñado no S. XVIII por Ventura Rodríguez.

Concello de Betanzos

Tamén atopamos nesta praza o Pazo de Bendaña, (en 1º termo na foto, de pedra con arcos) construído no S. XV, hoxe é a Delegación de Facenda.
Pazo de Bendaña

A carón mesmo do Pazo temos un fermosísimo edificio: o Centro Internacional de Estampa Contemporánea (CIEC) O edificio que ocupa é coñecido como Casa Núñez. O piso superior está destinado a vivenda e nel vive un descendente da familia Núñez que é impulsor e director da Fundación CIEC. Este Centro ten como obxectivo promocionar e difundir as artes plásticas en xeral e a arte gráfica en particular.

É un edificio modernista contruído no 1923 e foi o 1º banco e Casa comercial da cidade.

Centro Internacional de Estampa Contemporánea.(CIEC)

Case pegada ao Pazo Bendaña, está a igrexa de Santiago que data do S. XV e constitúe unha mostra de transición do románico ao gótico. En 1900 foi reconstruída a fachada maior e suprimeuse a única torre que tiña e fixéronse dúas rematadas por longas agullas de cemento.

Adosada á igrexa de Santiago pero sen formar parte dela, temos a Torre do Reloxo ou Municipal do S. XVI de case 18 m. de altura.

Vista das dúas agullas de 1900. Esta igrexa, de estilo gótico, foi construída sobre outra de estilo románico por orde de Fernán Pérez de Andrade. Consta de 3 naves e 3 ábsides.
Igrexa de Santiago

O Pórtico da fachada maior imita ao Pórtico da Gloria da catedral de Santiago.

Vista da Praza da Constitución:
Praza da Constitución

Dende aquí, chegamos deseguida á praza con máis actividade e que é un punto de encontro e reunión dos habitantes de Betanzos: a Praza García Naveira ou Praza do Campo da feira.
unha preciosa rúa da cidade

Esta Praza recibe o nome de García Naveira como agradecemento a dous irmáns deste municipio que emigraron a Arxentina e fixeron fortuna axudando a fundar varias obras sociais en Betanzos. Unha estatua dos mesmos preside esta praza.

Este fermoso edificio foi pensado para albergar o Arquivo do Reino de Galicia pero nunca desempeñou esa función. Hoxe alberga actos de caracter social e cultural nas súas diferentes salas.. Na parte inferior, debaixo das escaleiras de entrada, atopamos a Oficina de Turismo.
Arquivo-Liceo

A casa que observamos diferente das demais, con balcóns exteriores e tellado negro pertenceu a Juan García Naveira que retornou da Arxentina para vivir en Betanzos.
Praza de García Naveira

Fonte de Diana Cazadora

A Praza conta cunha fonte de Diana cazadora, imitando a que hai no museo parisino do Louvre.

Tamén conta co Palco da Música:

Praza García Naveira

O edificio da esquina é o antigo Colexio de Orfas que acollía a nenas sen pais e coidábanas e educábanas para casar.
A fachada do edificio é neoclásica, levantado no S. XVIII. Na fachada sobresae un balcón de ferro sostido por 4 gárgolas e derriba o blasón da cidade.
Colexio de orfas

A fonte de Diana Cazadora coa igrexa e convento de Santo Domingo, de fondo:

A igrexa de Santo Domingo é de mediados do S. XVI e contrueuse sobre unha antiga capela coa chegada a Betanzos dos dominicos. É de estilo renancentista-barroco. Destaca a súa torre do S. XVIII. O globo de S. Roque bótase dende esta torre o 16 de agosto. A carón da Torre, edificouse o convento de San Domingos que tras a desamortización de Mendizabal en 1835 deixou de ser convento e os dominicos foron expulsados de Betanzos. Actualmente alberga a Biblioteca, o Arquivo Municipal e o Museo das Mariñas.
Igrexa e convento de Santo Domingo

Buscando a Praza de Fernán Pérez de Andrade, volvemos pasar pola Praza da Constitución e vímola dende outro ángulo:
Praza da Constitución 

Unha rúa de Betanzos, na esquina está o antigo Matadoiro que hoxe funciona como Centro Cívico:

Na pequena Praza de Fernán Pérez de Andrade (o Boo) hai dous monumentos nacionais: as igrexas góticas de S. Francisco e a de Santa Mª do Azogue.
Fernán Pérez de Andrade foi un cabaleiro galego. Os Andrade, sobre todo na zona de Ferrol, Vilalba e Pontedeume, foron unha das familias máis influintes da época.
Igrexa de S. Francisco e ao fondo o mosteiro. O cruceiro está no adro de Santa Mº do Azogue.

A igrexa de Santa Mª do Azogue, case pegada á anterior, foi edificada nos séculos XIV e XV patrocinada tamén por Fernán Pérez de Andrade.
Igrexa de Santa Mª do Azogue

Na igrexa de S. Francisco, previo pago de 2€, pódese entrar e visionar un documental de curta duración sobre a historia da igrexa e do mosteiro que ten pegado. A igrexa é do S. XIV e foi declarada Monumento Nacional en 1919. Hoxe é un BIC (Ben de Interese Cultural)
Poderemos ver ademais os sepulcros de varios cabaleiros medievais, destacando especialmente o de Fernán Pérez de Andrade que foi o Mecenas desta igrexa.

O sepulcro de Pérez de Andrade está sostido por un óso e u xabaril. Este último é o símbolo da Casa de Andrade. O sartego está pechado cunha laxa de granito coa estatua xacente do cabaleiro.
Sepulcro de Fernán Pérez de Andrade

Os laterais do sepulcro están adornados con escenas de caza en relevo:

Moitas mulleres, nos séculos pasados, transportaban auga nas sellas(recipientes de distintos materiais como latón, aluminio, ferro...) A máis típica de Galicia era a sella de madeira con aros metálicos. Esta sellas apoiábanse nos ombreiros ou na cabeza protexida esta cun rolete (un pano que se envolvía en forma de roda para protexer a cabeza) 
As augadoras eran mulleres de condición humilde que levaban a auga das fontes aos domiclios e comercios nun tempo no que a auga era un ben non moi accesible.
Unha das fontes máis emblemáticas na que se collía auga era esta fonte de Santa Mª.
Fonte de Santa Mª

Foto do interior da igrexa de S Francisco onde vemos claramente o seu estilo gótico:

Seguimos o noso percorrido por Betanzos e atopamos a Porta do Cristo:

E á Ponte Vella. Esta ponte xa existía en 1219. Ten unha lonxitude de 59m. e está formada por cinco arcos de medio punto.

E xunto a Ponte vella temos a Porta da Ponte Vella debaixo de vivendas que seguen a conservar o seu aspecto de antaño:
A Porta da Ponte Vella


Unha preciosa prazoleta onde destaca a estatua de Antolín Faraldo Asorey.
"Escritor, xornalista e un dos ideólogos do movemento provincialista, xermolo do nacionalismo galego."
"Na historia apréndese a liberdade"
O entrecomillado é o que reza na súa placa.


Este edificio é o Convento das Agostinas Recoletas que ocupa o solar do desaparecido Hospital da Anunciata. Foi construído nos séculos XVIIe XVIII.

E agora paseamos polo Malecón ás beiras do Mandeo:

Ao pouco xa chegamos xunto á Ponte de Madeira construída en 1992 co fin ter un acceso só peonil dende as dúas beiras do río Mandeo.
Ao outro lado da Ponte, vemos as letras da palabra Betanzos que están impresas nus cubos que polos outros lados levan fotos a tamaño moi grande sobre festas, costumes e tradicións da cidade.

O mandeo é un río con moita vida: lanchas de todo tipo, barquiños pequenos, piraguas...surcan este río.



O paseo polo Malecón é ben fermoso e relaxante:



Os cubos dos que falei antes: por unha cara teñen as letras da palabra Betanzos e polas outras teñen fotos de celebracións na cidade:

Seguindo o paseo e cruzando a Ponte Nova, no Paseo de A Galera temos este hórreos que o concello restaurou:
Son 5 os hórreos restaurados

O Paseo de A Galera vai ás beiras do río Mendo:
Paseo de A Galera

Outro ricón de Betanzos coas balconadas das casas que tantísimo abundan:


E aquí rematou o noso percorrido pola cidade de Betanzos que nos conquistou. Como aínda que hai moito que ver, a cidade non é grande, en 3 horas sen presa ningunha e parando a sacar moitas fotos e a tomar algo nunha cafetería podemos facer todo o percorrido anterior pasando incluso máis dunha vez polo mesmo sitio. 

Como este percorrido nos levou a mañá, tíñamos a tarde libre que aproveitamos para realizar dúas rutas de sendeirismo curtiñas que comentarei en próximas entradas.




Ningún comentario:

Publicar un comentario