luns, 28 de xuño de 2021

TAPIA DE CASARIEGO

 

Faro e porto de Tapia

Esta non é unha ruta homologada nin sinalizada como tal, pero é un paseo ben fermoso que nos permitirá coñecer o máis salientable desta fermosa vila. Logo de realizar a pequena e fermosa ruta das Lagoas de Salave:  Rutas de sendeirismo: LAGOAS DE SILVA OU DE SALAVE. TAPIA DE CASARIEGO (ASTURIAS) , complementámola con esta.

Tapia de Casariego é un concello do occidente de Asturias que ata mediados do S. XIX pertenceu ao concello de Castropol. Polas súas condicións bioclimáticas favorables para o desenrolo humano, foi habitada dende o Paleolítico inferior descubríndose en lugares do concello materiais prehistóricos. Conta tamén cun gran número de asentamentos castreños debido ás numerosas explotacións mineiras antes e despois da ocupación romana.

Tapia é un concello costeiro pequeno que non chega aos 4000 habitantes; o seu porto pesqueiro e as súas praias son un atractivo turístico importante e na época estival a súa poboación aumenta considerablemente.

Actualmente, xunto ao turismo, a actividade gandeira é tamén importante. A actividade pesqueira que tivo gran importancia no pasado, hoxe en día decaeu e, de certo, no porto a maioría de embarcacións que vimos eran de recreo e pesca deportiva.

Deixounos Tapia de Casariego unhas as enormes ganas de voltar xa que descubrimos unha vila pequena, moi coidada e limpa con moita vida e grandes recursos para desfrutar.

Características: 

Lonxitude: 3,4 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar.

O meu track en WIKILOC

A miña valoración desta ruta:🔆🔆🔆🔆🔆

Descripción:

A ruta que fixemos empezámola AQUÍ

A capela de S Sebastián foi o inicio da nosa ruta ou paseo. É unha das maís antigas de Tapia, data do S. XVI ou XVII e foi reformada no XIX. Destaca sobre todo o lugar onde está situada, nunha atalaia dende a que e divisa o mar e tamén o entorno ao redor: moi coidado e fermoso o mesmo que a capela que tanto por dentro cmo por fóra presenta un aspecto impoluto.

Capela de S. Sebastián

Desde esta atalaia onde se sitúa a capela, vemos o Cantábrico.


O entorno aparece moi coidado:

Baixando cara ao porto, vemos o Faro Illa de Tapia, así chamado por estar situado nunha illa unida ao porto por un espigón de 100m. O faro foi inaugurado no 1859.
É o faro máis occidental de Asturias

O porto de Tapia foi nun principio un porto baleeiro ata finais do S. XVIII en que empezou a desenrolarse a pesca e o comercio. De feito, foi neste porto onde desembarcou o 1º cargamento de millo procedente de América.

O porto de Tapia foi impulsado por Fernando Fernández Casariego, marqués de Casariego para propulsar a economía desta vila.

Monumento aos mariñeiros, na entrada do porto

Onde está a escultura anterior, collemos á esquerda polo paseo de "La Guardia", fermosísimo e curto percorrido que nos levará pola beira do mar contemplando fermosas praias e outras vistas do porto e o faro.

O muelle del Rocín é o dique que pecha  o porto polo oeste.

Muelle El Rocín

Na seguinte foto vemos o "muelle de Fóra", a continuación do faro, e o "muelle do Rocín"


Deseguida aparece o Miradoiro dos Cañois, situado sobre un antigo fotín defensivo construído no S. XVIII para frear as incursións dos piratas. Dende aquí podemos contemplar parte da costa asturiana e, se está despexado, tamén da lucense.Vemos unha áncora en 1º plano e dúas balizas de gas que se usaron no porto ata 1991

Como testemuña do antigo fortín temos estes restos:


Un dos cañois empregado para defender Tapia:

Outro atractivo deste lugar é a piscina de auga salada construída no sitio dunha antiga cetárea. No verán acostuma a estar moi concurrida.


A 1ª praia que atopamos no paseo marítimo é a de S. Blas ou Ribeiría. Con 36m. é unha das máis pequenas de Tapia.
A Ribeiría ou de S. Blas

A continuación vén a praia de As Furadas , tamén moi pequena e cun particular encanto. ë unha praia moi tranquila, a onde vai pouca xente. Un dos motivos pode ser que para acceder a ela ou para sair cando a marea está alta, hai que mollarse ata a cintura.
As Furadas

Despois atopamos a praia de Maleguas ou O Murallón, bastante máis grande cas anteriores e cunha gran ocupación en verán.

Murallóns ou Maleguas

Aspecto que presenta o paseo neste tramo:


Dende 2017, o paseo La Guardia leva o nome de Paseo marítimo Peter y Robert Gulley.
Estes eran dous irmán que en 1968 chegaron a Tapia para practicar surf con dúas táboas nunca vistas ata entonces e introduxeron este deporte na rexión.
Cando colocaron estas placas(hai outra polo menos) viaxou a Tapia Robert xa que o seu irmán Peter, xa morreu.

Outro aspecto deste precioso e coidadísimo paseo.

E imos chegando ao final do paseo onde está a praia Anguileiro ou Praia Grande que hoxe coa marea chea vemos con moi pouca area, cando está baixa queda un inmenso areal. Hoxe o mar está moi tranquilo pero habitualmente hai grandes olas e é moi apreciada polos surfistas.

Enfrente temos o Cabo da Reburdia e vemos o río Anguileiro que desemboca aquí. ´çE unha praia moi concurrida e onde se celebran importantes campeonatos de surf.

Aquí remata o paseo marítimo e polo tanto damos a volta pero en lugar de facelo polo mesmo sitio, volvemos pola beirarúa pegados á estrada para dirixirnos cara ao centro.
E chegamos deseguida (As distancias son moi curtas, a vila é pequena) á Igrexa de S. Esteban cuxa  estiliuzada torre se pode ver dende calquera punto da vila.

É unha igrexa de estilo neogótico de finais do S. XIX(aínda que se rematou a mediados do S. XX) e a súa construcción foi impulsada polo marqués de Casariego.

Pegada á igrexa, temos a Praza da Constitución con este cruceiro e con tres monumentos emblématicos.


Edificio onde está o IES "Marqués de Casariego" fundado polo ilustre marqués. Na parte superior da fachada pódese ler: " Señal de afecto a la/ juventud estudiosa/ Fernando Fdz Casariego" e "edificado en 1866 e 67/año del reinado de/ doña Isabel II".
É un edificio de planta rectangular equilibrado e proporcionado. O máis destacado é a parte baixa da fachada con tres arcos de medio punto.
IES Marqués de Casariego

No centro desta praza , está a estátua de Fernando Fernández Casariego realizada en bronce sobre un alto pedestal de pedra. Foi inaugurada no 1930.
A obra representa ao 1º marqués de Casariego e vizconde de Tapia, nado nesta vila en 1792 e finado en Madrid no 1874. Foi un gran benefactor desta vila impulsando obras como o porto, estes monumentos da praza...etc..
Aínda que naceu en Tapia, marchou moi xoven para Madrid onde se dedicou a un negocio de telas que lle permitíu amasar unha inmensa fortuna. Non se esquenceu da súa localidade natal da que foi un gran benefactor ademais de propor ao governo a creación dun novo concello en Tapia que daquela pertencía a Castropol. En honor á este home, a vila adoptou o seu apelido, pasando a chamarse Tapia de Casariego.
O edificio que vemos de frente alberga a Escola de Hostalaría e antes foron escolas 1ª  ensinanza como se pode ler na fachada. Foron edificadas de maneira simultánea ao concello e antes do instituto.

Outro edificio da praza é o que alberga o concello. Na fachada superior lese: "Al concejo de/ Tapia/ Fernando Fdz Casariego" e "Se construyó/ en el/ año de 1864"

Esta é a Casa da Cultura, que na  planta baixa ten un museo temático do itinerario dos "Señores das Casas-Palacio" integrando recursos vinculados aos sistemas de propiedade da terra, arquitectura señorial ou linaxes que legaron as súas construccións palaciegas.

Case enfrente da Casa da Cultura, na praza de Campogrande, temos o monumento a Fernando J. Villamil e aos heroes de Santiago de Cuba. Foi inaugurado no 1998 en lembranza á figura do mariño e heroe de Cuba, nado en Serantes no 1845.

E así remata a nosa visita a esta vila que nos deixou marabillados polo fermosa que é reunindo en poucos metros cadrados atractivos coma os descritos.

O track do percorrido feito queda aquí:

Powered by Wikiloc

Ningún comentario:

Publicar un comentario