sábado, 26 de xuño de 2021

LAGOAS DE SILVA OU DE SALAVE. TAPIA DE CASARIEGO (ASTURIAS)

Esta ruta é moi curtiña (pouco máis de 4km.) pero condensa en tan curto percorrido unha fermosura inigualable. Son tres espazos ben diferenciados os que veremos: as lagoas, os xardíns de Camarada e os cantís do Cantábrico dende o miradoiro de Mirallos. Ao ser tan curta e fácil de percorrer nós combinámola con outra rutiña na mesma vila de Tapia que relatarei noutra entrada.

A ruta NON está sinalizada pero deixo o trak ao remate e pode facerse incluso sen el xa que é case imposible perderse seguindo a lóxica e a intuición.

Características:

Lonxitude: 4,2 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular que só está sinalizada ao principio do percorrido.

Descripción:
Tapia de Casariego ten 4 parroquias: Tapia, A Roda, Serantes e Campos e Salave. É en Salave de onde parte esta ruta. A ubicación AQUÍ

Nós aparcamos onde hai uns talleres e o concesionario da Peugeot, ao pé da N-634.  Hai que ir pola estrada dirección Gijón- Avilés uns 50m. para torcer por este camiño á esquerda.

Que deseguida deixamos para coller o de terra á dereita onde xa temos o cartel indicador. Esta ruta coincide nesta zona coa homologada G.R. E-9

Baixamos por este camiño que apenas deixa pasar o sol con tan exuberante vexetación:

E xa estamos nas Lagoas de Salave que foron creadas pola explotación mineira romana. Son as cavidades que deixaron as excavacións mineiras de ouro e estaño romanas dos séculos I e II d. C.

Hai que meterse polos carreiros marcados para velas dende distintos ángulos na súa totalidade.

O xacemento aurífero de Salave é un dos máis grandes sen explotar

Abandonamos as lagoas seguindo o camiño que traíamos:

Se miramos cara atrás, debaixo desa tupida vexetación, están as lagoas:

Deseguida chegamos a esta ancha pista que podemos seguir e iremos recto ao pé do mar.(Uns 200m)

Ou ben cruzar esa estrada de terra como indicaban unhas frechas verdes e pillar por este camiño durante aprox. 50m.

E desembocamos noutra pista de terra, ao pé da que nos espera unha marabillosa sorpresa: O xardín de "Camarada"

José Manuel Alonso, "Camarada" é un home de Mántaras (Tapia) que no ano 2019 ideou un xardín moi particular creado a partires de elementos naturais como a madeira (troncos, ramas, follas...) e a pedra para dar forma a moi diversos elementos como animais, persoas, carros e outros elementos. Todo moi digno de admiración xa que este home de 75 anos fai todo coas súas mans empregando ferramentas moi elementais como a brosa, serra, fouce... e sen recibir subvención ningunha nin cobrando nada por entrar a ver estas marabillas.
 El falounos (é un gran conversador) de que detrás de todo eso había unha historia de amor coa súa muller Agustina, falecida hai 8 anos, pero da que el segue namorado. Este corazón de pedras é unha homenaxe á súa esposa.

Vimos unha xirafa:

E este flamenco:

Tamén este cabalo que fai as delicias dos máis pequenos porque se poden montar nel:

Hai tamén un indio coa súa choza feita cos talos do millo:

En lousas el vai escribindo o que nos quere transmitir:

Un cormorán, ave que abunda moi cerca xa que estamos case a carón do mar:

X. Manuel Alonso "Camarada" dedicouse á agricultura e agora, xa xubilado, traballa arreo e está conseguindo que os seus xardíns (despois falaremos do outro) sexan un alicerce máis para o turismo do seu concello.

Vimos un pozo dos desexos:

E a unha lavandeira:

Non podían faltar as vacas:


Despois da parada neste xardín sen presa, desfrutando de todo canto víamos e da conversa co artista, seguimos o camiño que traíamos e que é ben fermoso:


Ao chegar ao mar, recíbenos o outro xardín de Camarada. Este está dedicado ao mar xa que tódolos elementos que contén están relacionados con el.

 Lanchas e pescadores...

Mulleres que levarían peixe, aínda que hoxe levan flores:

No interior do barco, vemos unha foto de Agustina, a muller da que tanto nos falou Camarada e  á que  puxo nun pedestal: segundo el era unha alma noble, unha muller que só lle daba alegrías e que unha cruel enfermidade fixo que tivese que coidala moitos anos, vivindo só para ela para logo acabar morrendo.

Unha redeira:

Este autobús inglés non sabemos que pinta aquí, é o único que non lle vemos a relación co mar. Ao mellor está esperando a que lle dean outra forma...

Outra pescantina que non leva peixes.

Máis abaixo, un cabalo coa bandeira asturiana.

Dende aquí temos un bo balcón ao Cantábrico:

A erosión produce nas rochas curiosas formas:

Este é o Miradoiro de Mirallos:

Damos a volta pola pista paralela á que viñemos por entre ete fermoso piñeiral:

 Que logo pasa estar rodeado de outras árbores:

A nosa remata saíndo por esa carretera ao mesmo lugar onde empezamos, moi cerca do coche.
Aquí queda o track desta fermosa ruta:

Powered by Wikiloc

De camiño a Tapia, paramos a contemplar a fermosa praia de Represas que destaca polas súas grandes rochas e pedras tanto no areal coma no mar. Ten protección medioambiental ao estar catalogada dentro da Rede Natura 2000.




Ningún comentario:

Publicar un comentario