Fómonos ao concello de O Vicedo para realizar unha ruta que comparte un tramo coa ruta homologada "Costa do Vicedo" e co Camiño Natural do Cantábrico que eu xa coñecía. A ruta é curta e fácil e ten como puntos destacados o Miradoiro das Laxes e a Praia de Xilloi.
Características desta ruta:
Lonxitude: 7,6 km.
Dificultade: fácil
Ruta circular sen sinalizar. O meu percorrido en WIKILOC
Descripción:
A ruta ten inicio e fin na parroquia de Santo Estevo de O Vicedo que dá nome a todo o concello, concretamente no lugar chamado Súaigrexa onde se sitúa como o seu nome indica o templo parroquial. Chamounos a atención o lonxe que queda a igrexa do centro da vila.
 |
Igrexa de S. Estevo do Vicedo |
Vista do lugar chamado Suaigrexa dende o adro da igrexa.
Un cruceiro fai de rotonda.
Pasamos agora polo lugar de Randamil.
Deseguida pillamos un camiño no que predominan os loureiros nas beiras do mesmo e tamén os eucaliptos.
Despois de 1km. chegamos a unha estrada e, moi pouco antes de desembocar na mesma, temos estas vistas da praia de Xilloi e de Bares.
Imos por estrada durante uns 500m. pasando por A Corva.
Nun entorno semi urbano (cada vez máis urbano) atopamos esta fermosa praia. Máis tarde pasaremos pola súa beira.
 |
Praia de Xilloi |
Seguimos pola Corva e deseguida torceremos á esquerda para meternos a un monte de eucaliptos con ben pouco encanto.
Durante 1km e 200m. cruzaremos este monte de eucaliptos.
Despois do feo camiño polo medio de eucaliptos desembocamos directamente case no Miradoiro das Laxes (un pouco antes) Dende aquí temos unha vista privilexiada á Illa Coelleira, a máis grande do Cantábrico galego.
 |
Illa Coelleira |
A illa está coroada por un faro e no S. IX había nela un mosteiro que foi arruinado polas incursións normandas da época. Debe o seu nome a que antigamente había nela moitos coellos.
Dende o S. IX ao XV non hai documentación da illa, cando reaparecen no ano 1420, había monxes de S. Agustín. No 1485 este mosteiro únese ao de S. Martiño de Mondoñedo e no 1534 xa non había monxes nel.
No S. XVII o deán da catedral de Mondoñedo denuncia que a illa é ocupada ás veces por navegantes vascos para usala como atalaia na pesca da balea.
Actualmente é propiedade da Armada Española.
Este tramo de ruta coincide co Camiño Natural do Cantábrico e coa ruta Costa do Vicedo polo que eu xa pasei por aí noutras dúas ocasións.
Na foto vemos o trazado de por onde van estas rutas e ao fondo, o faro Roncadoira na costa de Xove.
Neste Miradoiro das Laxes, as dúas veces anteriores que pasei había uns aparellos para facer exercicio que están orientados sobre todo ás persoas maiores. Causáranos gran escándalo e sorpresa atopar eso aí xa que non hai acceso por estrada e as poboacións máis próximas aínda quedan lonxe, polo que deducimos que non tiñan uso ningún e que era un despilfarro de diñeiro público. Parece ser que corrixiron e os quitaron.
 |
Miradoiro das Laxes |
Baixando cara a Xilloi vemos á dereita Estaca de Bares e a vila de Bares (concello de Mañón- A Coruña)
O Rego da Veiga desembocando na praia de Xilloi
Ao pé desta praia temos un espazo con mesas, bancos, grellas de pedra...onde hoxe merendamos.
Esta praia situada na entrada da Ría do Barqueiro ten unhas augas moi tranquilas debido a esta situación. É de area branca e moi fina e ten un imortante sistema de dunas. É unha praia que dispón de todo tipo de servizos. |
Praia de Xilloi |
Deixando o mar á dereita, atravesamos un túnel de loureiros por un estreito carreiro.
Nun cruce deixamos o Camiño Natural do Cantábrico e pillamos por esta ancha pista.
E deseguida chegamos outra vez ao punto de inicio.

Ningún comentario:
Publicar un comentario