O Camiño Natural do Cantábrico percorre o traxecto dende Ribadeo (lugo) ata Ladrido ( A Coruña) en 7 etapas de 20 e pico km. cada unha.
Eu decidín facelo partindo cada unha das etapas en dúas.
Hoxe, dentro da 3ª etapa que vai de Foz a Burela, eu fixen aprox. a metade: dende o porto de Foz ata o porto de Fazouro no mesmo concello. A ruta é lineal polo que deberemos ter un coche ao final de cada tramo ou etapa ou ben chamr un taxi.
As etapas deste Camiño son:
1.- Ribadeo- As Catedrais
2.- As Catedrais-Foz
3.- Foz- Burela.
4.- Burela-S. Cibrao
5.- S. Cibrao-Viveiro
6.- Viveiro- O Vicedo
7.- Vicedo- Ladrido
Nós xa fixemos a 1ª e 2ª etapas e coa de hoxe completamos a 3ª xa que o tramo Fazouro-Burela xa o fixeramos.
Ao final deixarei os enlaces a estas rutas así como o track da de hoxe.
Características da ruta:
Lonxitude: 9,6 km.
Dificultade: ningunha. É un percorrido moi doado.
Ruta lineal, moi ben sinalizada.
Descripción:
Partín do porto de Foz, que se atopa AQUÍ
O Porto de Foz foi moi importante en séculos pasados e contaba con un dos tres asteleiros máis importantes de Galicia. Os pescadores dedicábanse sobre todo á captura de baleas.
Esa importancia que tivo como porto pesqueiro foi decaendo e aínda que hoxe Foz é unha vila de tradición mariñeira, xa non é a pesca a principal actividade se non o turismo.
Os barcos de recreo son os que predominan hoxe atracados no porto de Foz:
|
Á esquerda do porto, os xardíns da Praza Conde de Fontao. |
|
Aló ao fondo, vemos só dous barcos de pesca. |
Rebasado o porto, entramos no paseo á beira da ría (Paseo da Ribeira) que forma o río Masma na súa desembocadura no Cantábrico:
|
Vemos o cartel anunciando a ruta que estamos a facer
Vemos o monumento á muller pescantina, muller que se dedicaba a vender o peixe polas casas antiguamnte e, de fondo, Barreiros.
Deseguida atopamos Porto Chico, supoño que chamado así polo seu pequeno tamaño e onde tamén atracan barcos de recreo:
Seguimos polo paseo acondicionado hai anos e vemos os carteis da ruta, que non ten perda ao estar moi ben sinalizada:
Esta lancha pesqueira está exposta en Tupide. Na esquina, á esquerda, vemos o faro.
Nesta mesma zona vemos o monumento ao pescador:
Esta é a praia de Tupide, ao fondo, o faro:
Outro monumento, o que a vila de Foz dedicou ao "Xico" persoa que foi durante moitísimos anos garda praias da vila facéndoo con gran profesionalidade e exemplo:
Entramos xa no Paseo ao lado da famosa praia de A Rapadoira:
Praia de A Rapadoira. É esta unha praia urbana que no verán está moi concurrida. Ten moita superficie de area e en marea baixa fórmase unha piscina natural, ideal para os máis pequenos.
Pola beira da praia vai un fermoso paseo marítimo polo que trancorre a nosa andaina.
Este paseo, está habitualmente cheo de xente, sobre todo no verán.
A Rapadoira, dende outro punto do paseo: |
A rocha máis grande é un illote que se chama Castelo de Secundino. Nesta illa colleitábanse patacas ata primeiros do S. XX. Hoxe serve de abrigo a diversas aves mariñas.
De frente xa vemos outras parroquias do concello como Fazouro, Nois e Cangas e ao fondo de todo, a vila de Burela.
Outra imaxe das moitas que nos deixa este paseo:
Este lugar chámase "A Verde" e é doado adiviñar porque. Aquí existe unha cova chamada "Furada do Morto"
Se dúbida, un fermoso paseo:
E deseguida chegamos á outra praia moi querida polos focenses e por xentes das parroquias: a praia de Llas:
Nesta praia de Llas hai unhas dunas chamadas "Os Ceás"
A praia de Llas é moi longa, moi cómoda polo gran apardoiro que ten. Conta con tódolos servizos e está moito menos masificada que a A Rapadoira:
Agora, o camiño que antes foi todo de pedra, pasa a ser de lousa:
Praia de Peizás. É unha pequena praia onde con marea alta desaparece a area. É bastante ventosa e no verán moi concurrida.
Área recreativa xunto á praia de Peizás:
Miradoiro xunto á praia de Peizás:
Despois de Peizás, o camiño vólvese carreiro natural. Entramos na parroquia de Fazouro
E chega un punto en que os sinais nos mandan seguir de frente, se lles facemos caso, imos dar a unha estrada local pero moi frecuentada por vehículos. Como son da zona, non fago caso e torzo á dereita para seguir un carreiro ben delemitado á beiriña do mar:
É moito máis fermoso e tranquilo vir por aquí:
Este carreiro natural polo que fomos vai dar á estrada da que falaba antes . Xa estamos de novo no camiño marcado e collemos á dereita.
Deseguida podemos ver de novo os sinais e a praia de A Pampillosa, coñecida polos habitantes do lugar como "A Barra" Esta praia, na desembocadura do Ouro, ten un extenso areal pero a maioría son pedras. É unha praia aberta e pouco frecuentada.
Área recreativa de A Pampillosa:
Desembocadura do río Ouro en Fazouro:
A Ponte de Ferro e o barrio do mesmo nome:
Outra área recreativa moi cerca da praia da Pampillosa, de feito leva ese mesmo nome. Entre a área anterior e esta pasa a vía do tren e a estrada N-642. Este lugar é moi frecuentado por familias con nenos e por xente que ven facer a Ruta do Río Ouro, que parte deste lugar.
O río Ouro chegando a súa desembocadura. Ao fondo, distintos barrios de Fazouro:
Cruzamos a Ponte de Ferro e vemos de frente a ponte sobre a estrada e a ponte do tren.
Este potriño posou para a foto con Foz e o Cantábrico de fondo:
Os barrios de Bargado e Lousada en Fazouro. Imos agora camiñando por asfalto (unha carretera local sen saída, pola que apenas circulan vehículos) durante uns 200m. aprox.
Esta cala , que recibe moitos pescadores e practicamente ningún bañista, é o "O Camiño Novo"
Deseguida collemos á dereita para chegar ao Porto de Fazouro:
Aínda conserva algunha cabana de pescadores. A este portiño abrigoso chegaban as pequenas lanchiñas da aldea que ían á pesca do día en tempos pasados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario