Dos días 23 ao 26 de xuño realizamos unha viaxe a 2 aldeas históricas de Portugal e a outras 3 máis, así como a Cáceres, Plasencia e Zamora con "Amigos das Viaxes" da man de Jaime Cancio. Foi unha viaxe ben fermosa visitando unha zona de Portugal menos coñecida e aproveitando para ver tamén outras cidades españolas que quedan cerca da fronteira co país veciño.
As Aldeias Históricas foron constituidas no 1991 polo Goberno de Portugal para promover o turismo na zona onde se ubican. No 1998 iniciouseo Plano de Recuperação das Aldeias Históricas para a preservación dos seus cascos antigos. Este plan contou coa financiación do Fondo Europeo de Desenrolo Rexional e os seus obxectivos principais, aparte dos traballos de conservación, era mellorar a calidade de vida dos seus habitantes, da economía e da infraestructura local.
Saímos o día 23 xoves á tarde para chegar ao noso hotel Termas de Santiago ubicado no municipio de Penamacor ese mesmo día á noite.
|
O noso hotel en Portugal |
Cabe dicir que Penamacor o mesmo que Monsanto, 1ª aldea que visitaremos, pertencen ao distrito de Castelo Branco pero a distintos municipios.O mesmo que España está dividida en Autonomías, Portugal está dividida en DISTRITOS, en concreto ten 18 distritos.
Estamos polo tanto no distrito de Castelo Branco e o venres pola mañá despois de almorzar no noso hotel imos á 1ª das aldeas históricas:
MONSANTO.-
Monsanto é unha freguesía (unha parroquia) que pertence ao municipio de Idanha-a-Nova. É unha das dúas aldeas históricas que visitamos.
Chegamos a Monsanto e parece que entremos nunha aldea de conto coas súas rúas medievais, coas casas que parecen aplastadas por grandes rochas e son o seu maior reclamo turístico e na parte máis alta non podía faltar un castelo medieval.
O 1º que vemos ao chegar e dominando a aldea é a Torre de Lucano, un campanario medieval do S.XV que permanece intacto ao paso do tempo. Tamén vemos a muralla que data do S. XVIII.
Unha rúa de Monsanto.
En 1º lugar dirímonos ao castelo pero en lugar de ir co grupo pola dereita, nós optamos por ir pola esquerda porque eu sabía que había unha pequena ruta de sendeirismo chamada "Ruta dos Barrocais" que ía por ese lado e chegaba tamén ao castelo e claro unha namorada do sendeirismo non podía deixar escapar a ocasión...
O percorrido é curto e non vale para calquera xa que o chan é moi irregular e hai que estar acostumado a camiñar por sitios así.
Inmensas rochas por todas partes e unhas vistas espectaculares nos acompañaron:
A ruta non ten perda xa que está perfectamente sinalizada e explica cada recurso que se atopa. Na foto seguinte por exemplo vemos os "Penedos Juntos", dous enormes bolos graníticos que se bican. Pasaremos polo medio deles:
As formacións xeolóxicas que imos vendo a medida que subimos chaman a nosa atención.
Os buratos que vemos na seguinte rocha reciben o nome de Laje das Treze Tigelas ou Tigelinhas da Fidalga. (Tigela significa cunca en galego e laje significa pedra)) Son unha cavidades circulares na rocha pouco profundas que algúns consideran de orixe antrópica (é dicir algo modificado pola acción humana) como que houbo nese lugar un santuario ancestral ou tamén hai a lenda que atribue a orixe dos buratos á caridade dunha señora (unha fidalga) que fai servir sopa aos pobres neses buratos. A explicación máis crible é que son resultado do fenómeno natural da erosión.
Xa podemos divisar o castelo, a capela de S. Miguel e a Torre Peao.
Vemos un primeiro plano da Torre Peao que foi unha atalaia illada algo alonxada do castelo e que foi derribada a finais da I. Media intencionadamnete porque podía ser unha ameaza para o castelo en caso de asedio. |
Torre Peao |
A capela de S. Miguel pénsase que é do S. XII. É de estilo románico e foi a 1ª igrexa parroquial de Monsanto, construida polos Cabaleiros Templarios (eran os que protexían os camiños e peregrinos que ían a Terra Santa) ao mesmo tempo que o castelo. Esta igrexa foi utilizada ata mediados do S. XIX.
|
Capela de S. Miguel |
Capela de S. Miguel por dentro. Conserva o altar.
Ao redor da capela vimos tumbas antropomórficas que se atopan nun estado moi bo de conservación. Varios estudosos apuntan que tal vez teñan orixe visigodo. Vimos 7 ou 8.
Vista de frente da capela de S. Miguel onde observamos o seu indudable estilo románico nos arcos da fachada principal.
Confluimos no camiño que vén pola dereita por onde veñen os outros comañeiros da viaxe. Nós viñemos polo carreiro que vemos en 1º termo.
Vemos o castelo en toda a súa maxestuosidade:
Dende o castelo as vistas son espectaculares. Estamos a 758 m. de altura e podemos xirar 360 graos contemplando as máis lonxanas montañas, os vales, as vilas...
Aínda que nos está clara a orixe deste castelo parece ser que foi construido ao redor do S. XII polo rey Afonso Henriques que o entregu aos Templarios.
No medio do castelo vemos a Capela de Santa Mª que foi construida moito máis tarde que o castelo, concretamente no S. XVII sobre outra máis pequena. No S. XVIII foi completamente devastada durante a ocupación das tropas francesas e foi recentemente restaurada de aí que a vexamos tan "ben conservada".
Durante séculos o castelo de Monsanto foi un lugar estratéxico onde se libraron multitude de batallas, pero no S. XIX houbo unha gran explosión no almacén das municións e o castelo quedou practicamente en ruinas. Foi declarado Monumento Nacional en 1948.
Panorámica dende o castelo:
O castelo chegou a ter dúas portas de entrada, unha torre da homenaxe que non se conserva e catro torres vixía.
Na foto seguinte vemos unha porta de acceso, unha torre de vixiancia e en 1º termo a cisterna (depósito que había nos castelos para almacenar auga)
Rematada a visita ao castelo, toca baixar. Nós fixémolo por onde subira antes o resto do grupo realizando así unha ruta circular.
|
Baixando á aldea. |
Monsanto non chega aos 1000 habitantes. A inmensa maioría deles non vive na mesma aldea, senón na parte máis baixa, fóra das murallas. Moitas das rochas que vemos desprendéronse da montaña e foron aproveitadas para construir as casas servindo de tellado, de paredes...Espectacular!!!
Chaman a nosa atención uns habitáculos pechados. Resulta que son furdas(pocilgas de porcos) que antes estaban diseminadas por toda a aldea e foron reunidas nese lugar por motivo de saúde pública. Antiguamente os porcos, ao igual que ocurría nas aldeas galegas eran unha fonte alimenticia moi importante.
|
Unha furda |
As casas máis espectaculares de Monsanto atópanse na parte máis alta da aldea. Esta aldea parece a ilustración dalgún conto:No mes de maio, Monsanto celebra a Festa das Cruzes para conmemorar un asedio medieval: según conta a lenda, os lugareños famentos tiraron a única vaca que lles quedaba por riba dos muros do castelo para burlarse dos seus inimigos aparentando que aínda lles quedaba moito que comer. Os atacantes foron enganados e fuxiron. Nesta festa, as mozas tiran cestas de flores e non faltan bailes e música xunto ao castelo.
Vimos as indicacións a un miradoiro e seguindo as mesmas nuns metros atopei esta área recreativa cunhas boas vistas pero como xa víñamos do castelo onde son insuperables...
O penedo que predomina esta paisaxe chámase "Penedo do Pé Calvo"
Algúns aspectos das rúas de Monsanto:
A Torre de Lucano ou do Reloxo foi unha torre vixía sobre a que podemos ver un galo de prata que lle foi otorgado a esta aldea ao serlle concedido o premio de "aldea máis portuguesa de Portugal" no ano 1938.
|
Torre de Lucano co gallo de plata encima. |
Un pouco máis abaixo da torre vemos a Igrexa da Misericordia, de estilo renancentista do S. XVI.
|
Igrexa da Misericordia. |
Xusto diante desta igrexa, nunha pequena praza que hai temos o Pelourinho que en castelán e en galego se traduce como "picota" e que é unha columna de pedra onde se expoñían os reos e as cabezas dos axusticiados para que servise de escarmento.
|
Pelourinho de Monsanto
Cada casa en Mosanto é diferente. |
E na foto seguinte vemos a Igrexa Parroquial de S. Salvador do S. XV e restaurada no S. XVIII
E por último vemos o "Solar dos Pinheiros", unha antiga e noble familia de Monsanto que construiron esta fabulosa mansión no S. XVIII. Actualmente é un alonxamento turístico. Integrada na fachada do edificio vemos a Fonte do Mono.
Marchamos de Monsanto despois deste fermoso percorrido que fixemos con calma, dando tempo incluso a parar nalgún bar a tomar algo quen o desexou.
Páxinas web consultadas:
https://www.traveler.es/articulos/monsanto-el-pueblo-portugues-aplastado-por-la-roca-que-ver-que-hacer
https://www.turismoenportugal.org/monsanto
https://porto-north-portugal.com/oporto-portugal/monsanto-portugal-es.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario