En Zamora fixemos outra parada, non foi moi grande pero si o suficiente para darnos unha idea do que podemos ver nesa cidade que non é pouco.
Estamos na última parada que facemos para visitar algo, neste caso esta fermosa cidade. Todas as localidades que levamos vistas ata agora podedes velas se pinchades no nome de cada unha:
MONSANTO
PENHA GARCÍA
SABUGAL
SORTELHA
CASTELO DE VIDE
MARVAO
CÁCERES
PLASENCIA
Démonos conta de que Zamora, aínda que non acostuma a terse en conta nas principais rutas turísticas por España, ten moitos espazos e lugares para sorprender a quen a visita, como son a súa arquitectura románica, o Centro Histórico Medieval, as vistas sobre o río Douro e tamén sorprende o seu ambiente tranquilo e acolledor, lonxe das grandes masificacións doutras cidades.
A historia de Zamora fálanos de conquistas e reconquistas. En tempos romanos sobresale o nome de Viriato, guerreiro lusitano que venceu en numerosas ocasións aos exércitos de Roma e que puido haber nacido na actual provincia de Zamora. A bandeira local toma del o seu emblema e non faltan mencións á súa figura por toda a cidade. Xa na Idade Media, Zamora pasou de man en man en repetidas ocasións entre musulmáns e cristianos, non sendo ata metade do S. XI cando Fernando I de León reconstrueu unha cidade completamente devastada polas guerras.
|
Imaxe da cidade de Zamora e o río Douro tomada dende o bus.
|
Trala morte de Fernando I, aconteceu un dos capítulos máis coñecidos da historia de España, pois a división do reino entre os seus fillos provocou unha feroz loita fratricida na que Zamora, defendida por Dona Urraca, sería gran protagonista. O seu irmán Sancho II, que acabaría asasinado aos pés da muralla, someteu a cidade ao famoso “Cerco de Zamora” durante 7 meses, dando lugará coñecida frase “No se ganou Zamora nunha hora”.Zamora está situada nunha zona de certa importancia a nivel defensivo e económico pois ao estar elevada e rodeada polo Douro, os seus habitantes poideron controlar tanto a chegada de invasores como a importante Vía da Plata.
Aínda que xa había unhas murallas primitivas en época romana, foi o rei Fernando I de León quen, dotando á cidade dun fuero propio no S. XI, iniciou a construcción dunha muralla moito máis ampla facendo a Zamora unha cidade inexpugnable. Chegou a contar ata con tres recintos amurallados.
A partires da guerra de Independencia (S. XIX) a muralla perdeu a súa función defensiva e supón un freo para o avance da cidade polo que durante o S XIX e na primeira metade do XX, a muralla e abandonada e destruida en moitos casos. A partires de 1949 é declarada dentro do programa de protección do Patrimonio. Hai varias portas que foron destruidas e outras consérvanse parcialmente. Existen ao redor de 3 km. de muralla en bo estado.
Nós entramos pola Porta de Dona Urraca
|
Muralla de Zamora coa porta de Dona Urraca |
Entrando pola Porta de Dona Urraca
Unha rúa de Zamora:
Esta é a igrexa de Santa Mª la Nueva, románica contruida no S. XII. En 1158 foi queimada polos zamoranos cos nobles dentro durante o "Motín da Troita". Foi reconstruida por orde real. |
Igrexa románica de Santa Mª la Nueva. |
Chegamos a impoñente catedral do S. XII e estilo románico aínda que ten elementos engadidos posteriormente en outros estilos. É catedral máis antiga das 11 que hai na Comunidade de Castela e León. Vemos que destaca a Torre do Salvador de 45m de estilo románico do S. XIII e o cimborrio de influenza bizantina.
|
Catedral de Zamora |
A cabeceira da catedral románica foi sustituida en 1496 por otra de estilo gótico. A fachada norte foi profundamente reformada no S. XVI por outra portada renacentista, cun delicado alzado de pilastras pareadas: xónicas e toscanas, ocultando a parte do claustro tamén cambiado o románico do seu inicio.
|
Porta principal da catedral de Zamora |
Outra imaxe da catedral:
A Portada do Bispo é a única que se mantén intacta das tres orixinais. Xunto ao cimborrio é o elemnto máis valioso da catedral en estilo románico. Esta portada a mín pareceume fermosísima!!
Despois de ver a catedral baixamos pola Porta do Bispo que está integrada n 1º recinto amurallado que houbo. Tamén é chamada Porta Óptima ou de Olivares e é do S. XI.
Frente a nós vemos o Pazo do Bispo. A xente morrería de fame pero os bispos vaia pazos que se gastaban!!
|
Pazo do bispo |
Dende o Miradoiro de Troncoso temos unhas fabulosas vistas sobre o río Douro coa súa ponte de pedra.
|
Río Duero e ponte de pedra |
Tamén vimos uns muíños restaurados: son as Aceñas de Olivares, antigos muíños que xa estarían funcionando polo S. X quedando en desuso no S. XIX. No 2008 restauráronse para o turismo e albergan un centro de visitantes, a reconstrucción dun martelo pilón, un batán...etc
A Casa do Cid (denominada tamén Casa de Arias Gonzalo) é un edificio civil de estilo románico.
Atópase este edificio ubicado xunto á Porta do Bispo. Dise que aquí naceu Rodrigo Díaz de Vivar, O Cid Campeador. É unha das escasísimas mostras de arquitectura civil que hai en españa. |
Casa do Cid xunto á Porta do Bispo. |
Esta ponte de pedra é unha das 5 que atravesan o Duero ao seu paso por Zamora. Durante séculos foi a única ponte que unía os barrios de fóra co centro histórico. Rematouse de construir a principios do S. XIII e foi un importante paso pola súa situación na Vía da Plata de persoas, mercancías e rabaños trshumantes. Foi reformado en varias ocasións e é un símbolo da cidade. Tiña moitos adornos e ornamentos como dúas torres a cada lado das entradas. Todo foi eliminado no S. XX ao ensanchalo para facilitar o paso do tráfico.
|
A ponte sobre o Douro dende outro miradoiro algo máis alto. |
A igrexa de S. Ildefonso foi levantada sobre unha igrexa visigoda reformándose a románica no S. XII. Foi mandada construir por Fernando I e garda os restos de S. Ildefonso e de S. Atilano, 1º bispo de Zamora.
|
Igrexa de S. Ildefonso |
A Igrexa de Santa Mª Magdalena é unha das máis interesantes do románico de Zamora e tamén unha das máis fermosas. A portada que vemos ten unha decoración vexetal que representa o paraíso celestial. |
Igrexa de Santa Mª Magdalena |
O Convento do Corpus Christi, chamado tamén do Tránsito é de Clarisas Descalzas. Foi construido a Principios do S. XVI |
Convento do Corpus Christi |
Neste pazo Renacentista do S. XV, construido sobre unha alcazaba musulmana está actualmente o Parador de Turismo.
|
Parador de Turismo |
Pasamos por diante do Teatro Ramos Carrión, un edificio de estilo Modernista que se eempezou a construir en 1996 e rematouse no 2011
E chegamos á Praza Maior na que vemos a igrexa románica de S. Xoán Bautista Un aspecto da Praza:
Este edificio que é dos máis antigos da Praza é onde estaba antes a Casa do Concello. |
Casa Vella do Concello |
E frente ao anterior, érguese agora o edificio que alberga a Casa Consistorial. Vese tapada a parte de abaixo por un palco. Vai haber actuacións musicais xa que se van celebrar deseguida as Festas de S. Pedro.
|
A Praza Maior co edificio do concello |
E así remata a nosa viaxe a Portugal, a Extremadura e a Zamora. Unha viaxe moi fermosa e cultural onde aprendemos moitas cousas e que nos deixou con ganas de máis xa que sempre quedan lugares por visitar e curiosidades que satisfacer. Non esquezades que mentras haxa curiosidade por aprender é que estamos moi vivos!!
Páxinas web consultadas para esta entrada:
https://es.wikipedia.org/wiki/Plaza_Mayor_de_Zamora
https://www.losapuntesdelviajero.com/visitar-zamora-espana/
https://www.romanicozamora.es/es/monumentos/ver/santa-maria-magdalena/10
Ningún comentario:
Publicar un comentario