luns, 20 de xuño de 2022

O BIERZO: CORULLÓN, CACABELOS E MOLINASECA.

 Hoxe visitamos a comarca de O Bierzo en León da man de "Amigos das Viaxes" que preside  Jaime Cancio. Como de costume, en canto á organización e atención na viaxe merece un sobresaínte.

Saimos ás 8:00 da Mariña de Lugo e despois de parar en Vega de Valcalce media hora a tomar un café ou que cadaquén quixo, chegamos ao 1º concello que visitamos sobre as 11:30h.

CORULLÓN.-

Corullón é un pequeno municipio da comarca de O Bierzo de menos de 1000 habitantes que está situado nunha fértil veiga que rega o río Burbia. Atopamos neste municipio mazás, castañas, peras, vides... e sobre todo cereixas, tantas que Corullón é chamado o "Jerte berciano" 

"Un pueblo que huele a cerezo y a uva, que es balcón al Bierzo, que sabe a lo mejor de la huerta berciana y conserva auténticas joyas patrimoniales" lin nalgún sitio e penso que é un moi bo resumo do que é este municipio.

Ademais de ter unha moi productiva horta, Corullón tamén é sinónimo de románico e así o imos ver en dúas igrexas. A primeira, entrando na vila é :

 Igrexa de S. Miguel. En documentos do S. XII  xa aparece nomeada esta igrexa. Ten unha planta dunha soa nave e un ábside semicircular.

Igrexa románica de S. Miguel.

Na fachada sur vemos dúas ventanas con arcos de medio punto e con columnas con representacións de animais e humanos.

Nesta fachada sur está tamén a entrada principal cunha porta sinxela de arco de medio punto con arquivoltas apoiadas sobre columnas de capiteis decorados.

A continuación, dúas imaxes da igrexa por dentro. A primeira é un detalle das ventanas que, como en tódalas igrexas románicas, son moi estreitas. Están adornadas cunha columna a cada lado que rematan en chapiteis adornados con distintas figuras.

  

A seguinte fotografía é unha imaxe do altar maior, no ábside semicircular.


Unha imaxe da igrexa pola outra parte. A torre foi contruida en datas posteriores á igrexa. 


Logo de visitar esta igrexa, fomos camiñando ata a outra que está moi cerca. Atravesamos a "Plaza del ayuntamiento".


Fomos vemos cerdeiras que nesta época aínda algunhas teñen os seus froitos sen recoller.

 

E chegamos á igrexa de S. Esteban, tamén románica aínda que deste estilo só conserva a nave central e a portada principal. A primeira igrexa foi contruída no S. XI pero 7 anos máis tarde foi destruída e foi reconstruída rematándose no ano 1100. Non poidemos vela por dentro poque nese preciso momento estaban na Misa.

Debaixo, un detalle da Portada románica que se conserva da antiga igrexa. Un arco de medio punto con dúas arquivoltas apoiadas sobre columnas.


De volta ao autobús, volvemos cruzar a Praza do concello. Corullón é moi pequeno e máis ca unha vila, semella unha aldea.

A continuación subimos ata o miradoiro de Corullón dende o que temos excelentes vistas sobre diversas aldeas e vilas do Bierzo da veiga do río Burbia e ao lonxe temos os Ancares galegos.



Seguindo o programa da viaxe, dirixímonos cara á Cacabelos pasando antes por unha plantación de cerdeiras onde poidemos probar e mercar cereixas.
As cereixas están agora mesmo en plena temporada e as do Bierzo son famosas polo seu sabor. Esta froita depende moito das condicións meteorolóxicas e este ano parece que foron as axeitadas (non houbo xeadas e choveu pouco) polo que o producto é grande e moi saboroso. Moita xente mercamos caixas de cereixas.

Plantación de cerdeiras.
O Bierzo ocupa unha fértil chaira cunhas características propias en canto a chan e clima por estar rodeado de montañas que protexen esta zona dos ventos húmedos e fríos do Atlántico e tamén queda fóra dos rigores extremos da meseta. É por esto e, como xa escribín antes, que se dan moi ben moitos cultivos e outro deles son as vides. Na finca onde compramos as cereixas comparte veciñanza cos vides nas que xa asoman as uvas.
 
Despois da visita á plantación de cereixas, fomos comer ao restaurante Casa Gato en Cacabelos. Un lugar moi fermoso. Nós comemos na terraza cuberta con vistas aos xardíns. Que dicir da comida? pois de 10! Tíñamos un menú moi abundante e moi variado: Fabas á mariñeira, Chícharos con touciño e chourizo, lentellas con chocos e luras, codillo ao forno,  costela de tenreira ao forno con ensalada e patacas e postre e bebida. E non era para elexir algo do anterior, non! serviron na mesa todos eses platos e cadaquén podía comer o que quixese e repetir o que lle dese a gana. Que dicir da atención ? pois que tamén de 10. Estaban sempre pendentes por se necesitábamos algo, super ambles e atentos.

Seguindo o programa, visitamos agora a vila de :
CACABELOS.-
É outro concello do Bierzo de ao redor de 5000 habitantes. Ademais de árbores foiteiras como en toda a zona, Cacabelos ten gran importancia dentro do sector do viño con moitas bodegas produtoras de viños coa Denominación de Orixe Bierzo.
Ao entrar na vila o 1º que vemos é a estatua á vendima que xa nnos achega a idea da importancia dos viños nesta localidade e en todo o Bierzo.

Estatua á vendima

 Esta columna danos idea do pasado romano desta vila que nesa época da invasión romana se chamaba Berguidum Flavium. Cando a conquistaron, chamábase Bergdunum polos celtas.
Na columna vemos, na base a inscripción Asturica Augusta e unha frecha. Significa que  indo nesa dirección atopamos Astorga.
No mes de agosto hai unha festa na vila, a Ludus Bergidum Flavium de recreación histórica na que os cacabelenses renden tributo a unha cidade que foi centro administratvo e político na época romana.

Vemos a Igrexa de Santa Mª. Da primitiva do S. XII só queda a ábsida de estilo románico porque no S. XVI foi reconstruída case toda. A principios do S XX, foi construída unha nova torre.
Igrexa de Santa Mª
Unha rúa con nome en latín:


Imos camiñando pola rúa máis importante dende a Idade Media, á que van a dar tódalas demais rúas: a de Santa Mª. Nesta rúa iremos vendo os exemplos mías representativos de arquitectura relixiosa e civil con igrexas e casonas con fermosas balconadas.

 

Cacabelos atópase en pleno Camiño de Santiago e esta rúa é testemuña do paso de milleiros de peregrinos ao longo da historia. 

Un inmenso escudo heráldico na fachada dunha casa.

A ermida de S. Roque foi reconstruída no S. XVI cando aínda se chamaba Ermida da Vera Cruz. Despois das pestes de finais dese século, cambiáronlle o nome polo de S Roque, santo protector desa enfermidade. Desde esa data foi reconstruída en varias ocasións, a última foi no S. XVIII

Capela de S. Roque

Seguimos camiñando por esta fermosa rúa 

 

E chegamos ao Hotel "Moncloa de S. Lázaro" . Este edificio foi un antigo hospital de peregrinos no S. XVII. No S. XX desaparece o lazareto e unha ermida que había e o edificio  é empregado como vivenda.

Nos anos 80 do S. XX iníciase a rehabilitación do edificio e engádense outras edificacións como o patio e a palloza que actualmente é usada como exposición e venta de productos bercianos.


Á entrada do restaurante recíbenos unha abundante vexetación. Á dereita, a palloza onde está instalada a tenda.


 Fermosa terraza 

 

Outro recuncho do hotel.

 

Un detalle dun salón interior.


Dende Cacabelos partimos para:
MOLINASECA .-
Molinaseca é o 3º concello da comerca de O Bierzo que imos visitar. Ten sobre 900 habitantes e a localidade está declarada Conxunto Histórico-Artístico dende 1975.
O desenrolo desta vila está vinculado á Ponte dos Peregrinos, unha construcción románica sobre o río Meruelo onde pode considerarse que empeza Molinaseca.
Vemos ao baixar do autobús unha estatua de pedra representando o apóstolo Santiago vestido de peregrino e tamén vemos varios peregrinos; por aquí pasa o Camiño Francés a Santiago.


Partimos dende a praza  do Santo Cristo onde hai un cruceiro que leva o mesmo nome.

Empezamos a camiñar pola Rúa Real, a principal desta vila e paso obrigado para os peregrinos e que une a Praza do Santo Cristo que acabamos de deixar coa Ponte romana.


É unha delicia camiñar por esta rúa medieval no medio das casas con eses balcóns tradicionais preciosos.

As rúas que dan á Rúa Real son moi estreitas, propias da I. Media.


En chegando á ponte, vemos á dereita a igrexa de S. Nicolás de Bari que se levanta sobre unha loma dominando toda a vila. É do S. XVII.

A Ponte Romana chamada Ponte dos Peregrinos xa que por ela chegan estes á R. Real. Dende esta ponte tan antiga temos para mín as imaxes máis fermosas de Molinaseca: a igrexa de S. Nicolás de Bari, a praia fluvial, a igrexa das Angustias e a mesma vila.

Ponte romana
A igrexa que vemos a continuación é a das Angustias. Foi construida no mesmo lugar onde houbo unha capela do S. XI. A actual é do S. XVII.


Cando o calor aperta, a praia fluvial é un dos lugares máis concorridos. É unha zona fermosa rodeada de céped, sombras, bares con terraza...
Praia fluvial.
Voltamos cruzar a ponte.

Na foto seguinte vemos a fermosa Praza del Rollo, empedrada e porticada.

Praza del Rollo
Outra rúa que desemboca na Real:


Marchamos de Molinseca pensando que non é de estrañar que estea considerada unha das vilas máis fermosas de España!

















2 comentarios:

  1. Extraordinario resumen del viaje efectuado.. gracias

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Muchas gracias a ti. Para mí es un placer este trabajo ya que es como volver a vivir el viaje además de poder recordarlo siempre.

      Eliminar