Hoxe fómonos á provincia de A Coruña e dentro desta ao concello de Carballo que pertence á comarca de Bergantiños, pero non para facer unha ruta de sendeirismo, senón unha ruta urbana para coñecer a arte que se espalla polas rúas desta vila en forma sobre todo de murais pintados nos muros de moitos dos seus edificios.
Derribando Muros con Pintura é unha iniciativa do concello de Carballo que fai desta cidade un museo ao aire libre. Este proxecto creativo pretende mellorar as desfeitas urbanísticas que deixou na cidade o crecemento urbano dos anos 60 e 70.
Actualmente hai case 100 traballos de artistas locais, nacionais e internacionais plasmados en Carballo.
Ademais dos murais que se van realizando cada ano, no mes de maio celébrase dende 2015 o Rexenera Fest, Festival de Arte Pública onde artistas de todo o mundo deixan o seu talento.
Para realizar esta ruta, existe un mapa por zonas ( 5 zonas) que nós intentamos seguir pero ao non coñecer as rúas, fixósenos algo complicado polo que optamos por ir ao noso aire descubrindo os traballos ao camiñar. Eso sí, levábamos estudiado onde se atopaban os murais máis representativos e o resto fómolos descubrindo.
Deixo o track do noso percorrido pero como digo, só a modo orientativo porque pódense facer múltiples variacións a gusto de cadaquén.
Características da ruta:
Lonxitude: 10 km.
Dificultade: ningunha
Ruta circular sen sinalizar.
Descripción:
Nós aparcamos na rúa Río Anllóns e ao baixar do coche xa descubrimos ao pé o 1º mural.
Animalitoland é o universo visual de Graciela Gonçalves Da Silva, artista arxentina de procedencia portuguesa e afincada actualmente en Madrid. Un mundo de máxicas criaturas que se alimentan de sentimentos e que adoptan múltiples formas e cores.
|
AnimalitoLand:Espello de Graciela Gonçalves. Ano 2017 |
Saimos á Avda. da Milagrosa e torcendo á esquerda vemos: Blade Trinity de Van Vuu. Rexenera Fest 2021
Van Vúu (Iván Floro) de Cataluña, aos seus 28 anos, é xa un virtuoso na resolución das peculiares imaxes que escolle para os seus traballos pictóricos, dominando a súa propia linguaxe con gran destreza e rapidez nestas escalas enormes. “Só hai que velo pintar ao cabrón”, dicía un en Carballo…
|
Blade Trinity de Van Vúu. 2021 |
Frente a este último mural, este 2022 acaba de pintarse outro. É o primeiro mural que vemos deste ano. Seguindo na liña do anterior pintado polo seu paisano, Alba Fabre pinta outro desnudo nunha parella nunha escena íntima e tenra. Titúlase La Sandía de Joe.
|
La sandía de Joe de Alba Fabré. 2022 |
Volvemos para atrás uns metros e pillamos é esquerda para ir ao Fórum. Trátase dun complexo municipal enfocado á prestación de servizos,á formación e á dinamización do empleo no ámbito do municipio de Carballo e da Costa da Morte. O recinto conta con 5 edificios destinados a diferentes funcións e actividades: Auditorio, Centro de Formación Ocupacional, talleres... Nas paredes destes edificios atópanse moitos murais. O 1º que vemos ao acceder ao recinto é chamado Conxuro contra o amo de Milu Correch do ano 2019. Esta artista arxentina xoga coa idea do conxuro, representando á muller como meiga-menciñeira que acha solucións a problemáticas contemporáneas. Neste caso amósanos a dúas mulleres artellando un novo feitizo.
Neste caso o meigallo vai dirixido a esa figura dominante, a ese amo ou demo ao que sacrificarán e co que realizarán un novo rito de liberación coa súa cabeza atada aos seus corpos núos.
Unha peza moi expresiva na técnica e precisa na pincelada, cun xogo de luces e contrastes que recorda á certa pintura barroca.
|
Conxuro contra o amo. Mila Correch. 2019 |
Seguimos percorrendo todo o recinto do Fórum e atopamos unha obra sen título que pintou Saturno no 2017. Este catalán tivo unha infancia rodeada de cintas VHS, centros recreativos e salas de cine e é na súa infancia cando descubre esta fascinación polos xéneros de fantasía, terror e ciencia-ficción. O seu contacto co graffiti é totalmente autodidacta . O seu estilo único e recoñecible destaca pola súa técnica e o control da cor. A día de hoxe é todo un referente da escena urbana europea. |
Sen título. Saturno. 2017 |
Agora atopamos Galician Wildlife de Dulk e do ano 2015, ano no que comezou este festival.
O artista valenciano amosa neste mural esa sensibilidade súa polo mundo animal, unha constante nas súas creacións. Galician Wildlife é unha representación de parte da fauna autóctona galega, con especial atención a algunhas especies ameazadas da zona de Carballo. En concreto, o mural fai alusión a algunhas destas especies da zona protexida de Razo-Baldaio, onde distintas aves están en perigo de extinción.
Dulk ten un estilo peculiar onde o protagonista é o debuxo e as cores intensas.
|
Galician Wildlife de Dulk. ano 2015 |
A seguinte é unha obra tamén de 2015 titulada Dualidade e tamén de 2015 de Aryz. Pintou en Carballo tres paredes dun lateral do Fórum que se miran entre si.
Aryz é unha das figuras máis recoñecidas do eido internacional neste ámbito artístico. A obra de impresionantes dimensións, realizada en tan só 10 días durante o I Rexenera Fest, conforma un tríptico no que se amosan as loitas internas que cada quen ten que batallar consigo mesmo. Na obra de Aryz predominan as representacións de impresionantes e xigantescas figuras, das que afloran mesturas de profundas emocións, a cabalo entre a crueza e a tenrura, a vida e a morte, temas recurrentes ó longo do seu traballo. A técnica deste artista catalán, unha peculiar mestura entre aerosol, pinceis, rolos e pintura plástica, nace da evolución dende o graffiti aos murais de gran formato, o que fixo que o seu estilo adquirira co tempo un carácter propio e orixinal que se identifica.
|
Dualidade de Aryz. 2015
Dualidade. Aryz. 2015 Dualidade. Aryz. 2015
|
A seguinte obra está algo escondida, para vela hai que sair do recinto onde están os edificios do Fórum e dar a volta arredor pola parte de fóra.Tratase de Vida sinxela de Iria Fafián pintado no 2017 no muralismo explora un mundo de personaxes bizarros e algo demoníacos, coma se fosen deidades ocultas na vexetación do inconsciente. Iria é catalana pero afincada en Galicia.
|
Vida sinxela. Iria Fafián |
Esta obra sen título é a última que imos ver nas paredes dos edificios do Fórum. Foi pintada por Case Mclaim no 2016.Case, tamén coñecido como Andreas van Chrzarowski, sitúase como un dos maiores representantes deste estilo na arte mural contemporánea.
Co aerosol como ferramenta de acción, amosa o poder do movemento a través da universalidade das mans como icono comunicativo crucial na súa traxectoria pictórica.
Durante as dúas últimas décadas, viaxou ao redor de 20 países participando nos eventos máis importantes de arte mural do mundo e deixando literalmente a súa pegada en cada un deles a través desta linguaxe universal, despois de todo, un xesto coa man pode conter máis que mil palabras.
|
Obra sen título de Case Mclaim. Ano 2016
E por último e xa fóra do recinto podemos ver unha obra que non é un mural. Chámase Trasherpillar de Bordalo II . Foi realizada esta obra o 1º ano do Rexenera Fest . "O lixo de um homem é o tesouro do outro". Con esta premisa como lema, o portugués Bordalo II distínguese pola súa mestría á hora de facer arte con materiais de refugallo. Vellas pezas dun coche servíronlle, en Carballo, para crear este fermoso verme que, dende entón, non se se separa deste lateral do edificio Fórum. A súa é unha crítica á sociedade de consumo e o monte exponencial de lixo que xera sen parar. Trasherpillar. Bordalo II 2015
|
Volvemos á Avda da Milagrosa e pillamos á esquerda. Deseguida atopamos o seguinte mural. Entropías e distopías de Sokram do ano 2019.
En palabras propias do autor:
"...Existe quen ve o tempo como o único e verdadeiro tesouro que posuímos, aquel que pode adicar a desenvolver o que verdadeiramente lle fai sentir paixón, equilibrándolle e facéndoo medrar por dentro… Tanto, que lle fai esquecer todo o que non ten importancia… como afeitarse por exemplo. “
|
Entropías e distopías. Sokram. 2019 |
Seguimos pola Avda da Milagrosa e poderemos torcer por calquera lugar á dereita ou esquerda pero nós fomos ata o final desta avenida e torcemos á dereita pola AC-552 para voltar ata ao centro da cidade. Esto non é necesario, podemos coller antes algún desvío. Antes de chegar ao final da avda. vemos nunha rúa próxima (na rúa Río Mandeo) outro mural. É este:
O meu escudo protector de Ana Lageheldt do 2021
A sevillana Ana Langeheldt-Lahe explica que "O meu escudo protector trata dese lugar ao que vas cando queres estar a salvo desa cousa rara que é a vida adulta. Ese sitio no que se está pouco tempo e moitos adultos esquecen demasiado rápido..."
|
O meu escudo protector. Ana Lageheldt |
Seguimos a AC-552 ou Avda. de Finisterre ata a rúa Alexandre Bóveda á esquerda e pillamos por aí. Vemos nesta rúa:
Vergoña de Sekone do 2017. É unha imaxe dun impacto visual extraordinario e aberta á interpretación do espectador.
|
Vergoña de Sekone. 2017 |
Ao remate da curta rúa Alexandre Bóveda, cruzamos e collemos á dereita pola rúa Eduardo Blanco Amor, onde está o CEIP A Cristina e moi cerca do Parque Anllóns que atravesamos.
|
Ponte sobre o río Anllóns |
Ao lado do parque temos o Pazo da Cultura e vemos este mural: Morriña de Hyuro do 2016 na fachada principal do edificio.
Nesta composición, na que a figura dunha muller aparece postrada enriba dun manto nunha posición que semella estar chorando ou lamentándose, reflexiona sobre o paso do tempo e as súas consecuencias. Hyuro utiliza este manto como metáfora visual da cultura (a galega en particular) e todas as tradicións e costumes que se perden coa evolución dos tempos modernos nos que vivimos e a morriña que desta perda se desprende nas persoas.
|
Morriña de Hyuro. 2016 |
Dende o Pazo da Cultura vemos o mural sen título, nunha rúa moi próxima (R. Luis Calvo). É de Pichiavo, dúo artístico valenciá, recoñecidos pola súa habilidade para crear relacións entre arte, arquitectura, escultura, espazo e contextos sociais, adoptando un enfoque atractivo e performativo. |
Sen título, do dúo Pichiavo |
Rodeamos o Pazo da Cultura e na parte de atrás vemos este mural: O lapis do graffiteiro,de Sokram do ano 2014. Xa vimos antes outro mural deste artista.
Mural que foi concibido no maxín do pintor como unha metáfora ao redor do mundo da creación artística. Aínda que, advirte, o significado final queda aberto á interpretación de cadaquén. Sabido é: todo depende dos ollos cos que te miren.
|
O lapis do graffiteiro de Sokram |
Dende o Pazo da Cultura collemos á esquerda pola Rúa Pan e no 1º desvío pillamos á esquerda na rúa Gardenias e vemos a seguinte obra: Visitando o consultorio de Curiot do 2017.Curiot é un dos artistas máis relevantes na escena da arte urbana actual en México.
Por medio do seu colorido e o traballado detalle, móstranos un imaxinario cheo de culturas antigas que adoraban a deuses asociados a fenómenos naturais ou á divindade que representan. As súas personaxes transpórtannos a mundos imaxinarios e bucólicos, onde sempre está presente a problemática entre a natureza e o ser humano.
|
Visitando o consultorio. Curiot. 2017 |
Voltamos atrás cara á Rúa Pan e desembocamos na Avda. Cristina onde vemos este mural sen título obra de Satr do ano 2019.
SATR crea as súas obras utilizando diferentes tipos de ideas e inspiracións ao redor das súas propias experiencias vitais. Estas ideas reflexaas nas súas obras principalmente a través da representación de animais, dotándoos de forza e dun gran simbolísmo. A través da súa gama cromática reducida e con unha pincelada vigorosa, crea unha tensión e movimiento conseguindo captar rapidamente a mirada do público.
Pillamos á esquerda pola Rúa Xasmíns onde vemos Herdanza de Isa Bermúdez do 2021
Unha avoa e o seu neto están a facer crecer unha planta, a avoa está entregándolle así ao neto os coñecementos para sementar, coidar e querer a terra. Bermúdez explica que tivo a idea vendo como pais ou avós se queixan de que as nenas e nenos pasan moito tempo coa «maquinita» pero logo cando estes van xogar ou acompañalos á horta e similares, dinlles que teñan coidado, que se van a manchar, que se van a facer dano e desta forma non os deixan investigar e experimentar na terra como todo neno debería facer.
|
Herdanza. Isa Bermúdez |
Ao rematar esta rúa collemos á dereita por Rúa Camelias e temos este mural: Luar de Harsa do 2021.
Harsa inspirouse na costa que rodea Carballo para crear o seu mural. A localidade pertence á zona xeográfica coñecida como Costa da Morte, un espazo de espectacular beleza e mar embravecido, que se gañou o sobrenome grazas á multitude de naufraxios que sufriron as súas costas ao longo dos séculos. Algúns deles da armada inglesa, quen empregou o nome de Costa da Morte para referirse a este litoral galego non hai moito máis de cen anos atrás. Tamén son moitas as lendas, historias e contos populares sobre mitoloxía mariña, naufraxios, pirataría, pillaxe e demais liturxia que poboan o imaxinario colectivo da zona, sobre ela e os seus habitantes, uns máis certos que outros.
Profundando e investigando ao redor destas lendas e contos populares sobre naufraxios e mitoloxía mariña, Harsa armou hábilmente esta composición infestada de poética e fantasía, que fai referencia a unha conxugación de varias lendas e na que unha sirena xigante guía aos navíos que navegan pola costa para evitar ser presa do fatídico final.
Luar de Harsa. 2021
Seguimos en rúa Camelias e nun próximo cruce pillamos á dereita, pola avda. das Flores onde temos A Orixe de Mou e do ano 2018
Nesta parede volviu aparecer o "buzo", nome co que popularmente se coñece este muro. Esta é a nova versión dese buzo que emerxera en 2014 nunha casa contigua xa derrubada.
|
A Orixe Mou. 2018 |
Desembocamos na Rúa Fábrica e xiramos á esquerda. Ao pouco aparece KLK MANÍN de Tucho.
Nunha xanela ao Atlántico descansa unha muller na beira do mar. Semella levitar, tranquila, contemplando o horizonte mentres a mirada do espectador interrompe este momento íntimo. No horizonte están as illas Sisargas.
|
KLK MANÍN. Tucho |
Torcemos no seguinte desvío á dereita pola R. Cuba, atravesamos a rúa Ponte da Pedra e pillamos á dereita por R. Eduardo Pondal ata desembocar na R. Carballo Calero onde vemos no muro da Piscina Municipal, Eu vivo nun bote/no medio do mar/respiro salitre/no aire do chan. Obra de Lola Oviedo do 2015
Lola Oviedo naceu e vive en Caión. Con liñas minimalistas, no seu mural representa a vista da costa carballesa dende un punto elevado, poñamos por caso o Monte Neme. Á esquerda, en gris, o porto de Malpica. Á dereita, Caión. No medio, a lagoa de Baldaio, en forma de peixe color area.
Eu vivo nun bote...Lola Oviedo
Temos que pillar calquera rúa á dereita que nos leve ata a Biblioteca Pública e antes de chegar, nunha rúa próxima ( R. Buenos Aires, 13) vemos un impactante mural chamado Resiliencia de Sabek, ano 2020.
A imaxe fai referencia á actualidade e á complicada realidade que vivimos debido á COVID-19. Representa a un gran felino que lambe as súas feridas como acto de auto curación para sair dese sufrimento moito máis reforzado.
|
Resiliencia. Sabek, 2020 |
Moi próxima xa á Biblioteca, na rúa Ecuador aparece esta obra do artista carballés Mon Lendoiro. Titúlase De camiño vou...e é do 2016.
De camino vou representa unha escena cotidiá onde a ecoloxía, os animais, a natureza e a paisaxe predominan en todo o mural; sendo o home ou as persoas que aparecen na obra, unha pequeniña parte da historia. Desta maneira, tódolos elementos que a compoñen, encaixan e son necesarios.
|
De camiño vou...Mon Lendoiro. 2016 |
Ao pé da Biblioteca hai un Skatepark (lugar para practicar con monopatíns) Dende este lugar xa vemos outro mural. Este é o mural que vemos ao pé da Biblioteca e do Skatepark, na rúa Venezuela: Helen, da catalana Elisa Capdevila do ano 2020.
Continuando coa liña de representar imáxenes basadas na súa realidade máis cotiá, a artista Elisa Capdevila neste caso déixanos este mural que evoca un momento de introspección e silencio. A persoa representada é a artista británica Helen Bur, á que a autora puido fotografiar nunha residencia artística na que ambas participaron.
|
Helen . Elisa Capdevila. Ano 2020 |
A Biblioteca Pública Municipal "Rego da Balsa" é un moderno edificio. |
Biblioteca Pública "Rego da Balsa" |
Dende a rúa Ecuador pillamos a rúa Buenos Aires indo á dereita e vemos outro mural na rúa Chile.Trátase de O silencio no medio da tormenta de Isaac Mahow do ano 2016.Isaac Mahow é un ilustrador e muralista afincado en Zaragoza. Apaixoado da escultura, da animación, dos contos infantís e do humor absurdo, mestura todo baixo a influencia directa do graffiti.
Nas súas obras destacan as formas cortantes e limpas, mesturadas con outras sinuosas e degradadas, dúas constantes que acadan un estilo recoñecible e unha cada vez máis ampla lingüaxe coa que ofrece diversas mensaxes, chea de simbolismos e metáforas visuais.
|
O silencio no medio da tormenta. Isaac Mahow. 2016 |
Buscamos a rúa Pontevedra que nos leva á vella Estación de Autobuses onde hai varios murais. Este 1º que vemos chámase A harmonía do contraste de Roberta Venanzi , ano 2014. Aproveitou os módulos nos que está dividida a parede a modo de fiestras, botando man de cores primarias e fortes e da combinación de figuras xeométricas e formas máis fluídas, de forma harmónica e respectando o entorno. No verán, ampliouno á parede contigua. Conservou a harmonía co anterior, mais buscou o contraste nas cores empregadas.
|
A harmonía do contraste. Roberta Venanzi. 2014 |
Rodeamos a vella estación e atopamos nun emplazamento que chama a atención esta obra de Isaac Cordal do 2017 chamada Veciños.A través deste traballo pretende captar a atención sobre a relación desvalorizada coa natureza a través dunha mirada crítica aos efectos colaterais da nosa evolución. As figuras colócanse en lugares que abren rapidamente portas a outros mundos.
|
Veciños. Isaac Cordal. |
Logo de rematar a súa obra na rúa Bos Aires, "Resiliencia", o madrileño Sabek deixounos un agasallo xunto con Nömada (Miguel Peralta), autor da "Pena da Moura".
|
Agasallo de Sabek e Nömada, 2020 |
Algo máis adiante pero moi preto das imaxes anteriores, temos esta que impacta pola súa expresividade. Pintouna no 2017 o vigués Powone e o título é MasterClass aerosol. Powone é un dos pioneiros do graffiti en Galicia e un veterano experto da complexa técnica do aerosol, cunha longa traxectoria ás súas costas e con múltiples murais na súa cidade natal así como en moitas cidades galegas e do resto do estado.Usa os sprais como ferramenta esencial coa que acada uns acabados moi expresivos e minuciosos.
Aquí pintou un raposo cheo de cor e de realismo.
|
Master Class aerosol. Powone |
Deixamos a vella estación de autobuses pola Rúa Enrique Sánchez ao pé do parque Rego da Balsa |
Parque Rego da Balsa. |
A seguinte imaxe situada no mesmo parque é unha obra colectiva do Rexenera Fest do 2016 resultado dunha masterclass de iniciación ao muralismo dirixida polo equipo de Cestola na Cachola na que participaron numerosos artistas, moitos deles locais.
|
Obra colectiva. Rexenera fest 2016 |
Damos a volta cruzando o aparcadoiro que hai enfrente do parque, pola rúa Anxel Fole e na R. Baixa vemos: Saltimbanquis de Emi de las Heras do 2014. Un grupo de acróbatas protagonizan o seu mural, unha imaxe sutil, etérea, sinxela, delicada, de influencia minimalista, e inspirada no mundo do circo. As figuras están formadas por siluetas en branco e negro que penduran de lazos de cores, ambos de formas xeométricas. Na parte superior do mural, adaptándose á forma do edificio e aos seus elementos, como as ventás, que tamén foron un recurso máis na composición, xorde unha figura de maior escala acompañada de estrelas. O gorro, as pestanas esaxeradas, o xesto, recordan ás figuras do mundo do espectáculo, que tralas máscaras, a maquillaxe e o vestiario, crean unha escenografía máxica.
|
Saltimbanquis. Emi de las Heras, 2014 |
Tamén na R. Baixa vemos: Psicodelia de Paula Fraile do 2014.
Aproveitou as manchas de humidade da parede para integralas no mural, ao igual que conservou os vellos murais publicitarios que colgaban da mesma. No verán, extendeuno a unha parede contigua, consevando o espíritu psicodélico, mais con formas máis amplas. Nas zonas máis húmidas da parede, aquelas ás que a humidade probablemente volverá, fixo chorrear a cor, como se fora sangue, para simbiotizarse con ela.
|
Psicodelia. Pula Fraile. 2014 |
Torcemos á dereita e na R. Vázquez de Parga temos Costa da Morte de Cinta Vidal do 2017. Este mural retrata certos rasgos predominantes da arquitectura propia de Carballo como as casas con galerías, casas con cubertas de tella e os peculiares hórreos da comarca, que fan referencia directa a algunhas construccións da propia localidade, introducindo elementos menos usados na súa traxectoria como montañas e cantís, que volteados e faltos de gravidade adquiren unha expresividade e un vértigo especial.
|
Costa da Morte. Cinta Vidal. 2017 |
Imos pola AC-552 e torcemos á esquerda para pillar a R. Desiderio Varela que nos leva xusto á Casa Consistorial do Concello de Carballo.
|
Ao fondo, a Casa Consistorial. |
No inicio da R. Coruña vemos un mural que ten uns poucos días xa que o Rexenera Fest deste 2022 acaba de rematar a pasada semana.
Moi cerca do concello e do lugar onde se celebra o mercado semanal, temos esta fermosa imaxe de Udatxo inspirada nunha foto antiga dun panadeiro desta cidade, Marcelino e a súa muller, polo que este mural é moi prezado para os carballeses.
|
Pan de onte. Utdaxo. 2022 |
Enfrente do Mercado está as antigas escolas, hoxe convertidas en Biblioteca infantil e ludoteca e nunha da súas paredes vemos A liberdade interior de Nere Rama, ano 2021.
Trata da liberdade máis pura que levamos dentro, a mesma que nos fai sentir, florecer, crecer e (re)vivir.
A motivación principal que tivo a artista para levalo a cabo foi todo o agarimo que lle desprende a localización e que sempre leva na memoria. Lugar moi frecuentado na infancia e que garda miles de momentos bos xa que se criou entre Xinebra (Suiza) e Carballo.
|
A liberdade interior. Nere Rama. 2021. |
Agora xa é hora do xantar e a fame apremia. Buscamos por esta zona un restaurante e atopamos na R. Hórreo a Tasca A Pedra onde comemos moi ben un delicioso menú do día a moi bo prezo.
Despois de comer, voltamos á rúa Coruña e pillamos á esquerda porque nos quedaran murais por ver na ludoteca. Noutra parede vemos: Carapuchiña feroz de Llorente e Fernández, ano 2014.
Non podía haber motivo máis acaído que un conto infantil para o edificio da actual ludoteca, que foi construído como cole nos anos 20 do século pasado. Susana Llorente e Carlos Fernández ofrécenos unha carrapuchiña distinta, que se pon mesmo a carauta de lobo e que, rachando cánones, deixa de ser vitima a pasa a ser ela a feroz.
|
Carapuchiña feroz. Llorente e Fernández. 2014 |
Torcemos á dereita pola rúa Jacinto amigo Lera e ao final desta rúa imos cara á esquerda pola R. Martín Herrera. |
Rúa Jacinto Amigo Lera |
Vemos o Museo de Bergantiños. Collemos por onde vemos o mural do guitarrista, R. Sol |
Á dereita, Museo de Bergantiños |
Collemos por onde vemos o mural do guitarrista, R. Sol. A obra chámase Músico e débese a Eva Facal, é de 2015.
A imaxe sorprende polo seu encanto e a súa delicadeza, pola evocación, quizais dun espírito mozo e libre, coa música como gran protagonista muda.
|
Músico. Eva Facal. 2015 |
Indo por esta mesma R. Sol, onde hai un desvío á esquerda para a R. Gran Vía, no principio da rúa vemos A Eira das Meigas de Nana e Nada, do 2018 Inspirado na lenda local do Monte Neme, coñecido polo seu pasado mítico. Preto do cumio, erguíase un cromlech, do que agora non queda nada, a non ser un círculo no chan no que din as lendas que a herba non medra máis. É aquí onde a tradición oral sitúa os aquelarres que facían as meigas e o demo na noite de San Xoán, sentados sobre enormes cadeiras de pedra, para discutir sobre as falcatruadas que lles ían facer aos vivos.
Nesta obra, Nana e Nada dan forma ao seu aquelarre particular mesturando os estilos persoais de cada unha, ben identificables, para narrar unha escena de carácter máxico e místico inspirada neste histórico lugar.
|
A Eira das Meigas. Nana e Nada, 2018 |
Ao final da R. Sol, temos o 1º mural do proxecto Derrubando Muros con Pintura. Foi iniciado en outono de 2013 polas coordinadoras do proxecto, Paula Fraile e Roberta Venanzi. Querían conseguir un resultado que se identificara coa vila, que o poideramos sentir como próximo, e que non fora agresivo. Por iso, decidiron comezar, con humildade, non polo centro da vila, senón polos barrios que lle dan entrada. O mural da rúa do Sol representa a vexetación carballesa e ten no seu centro unha folla de Carballo.
|
O Carballo. Paula Fraile/Roberta Venanazi.2013/2014 |
Na rúa Oriente que sae dende a rotonda, temos outro mural deste 2022 obra de Marija Tiurina titulada Adiante xuntos Demasiadas persoas se ven obrigadas a abandonar os seus países e hai unha continua crise de refuxiados, persoas que teñen que manterse xuntas para sobrevivir e camiñar xuntos baixo un mesmo teito e facer de calquera lugar un fogar común.
|
Adiante xuntos de Marija Tiurina deste 2022 |
Torcemos á dereita pola R. Vila de Negreira e vemos un mural moi coñecido: Fina de Carballo: a muller Nitromón. É obra de Yoseba MP do ano 2017.
Joseba Muruzábal, alias Yoseba MP, afincado en Santiago de Compostela, é un dos máximos expoñentes da pintura contemporánea en Galiza. Trae a Carballo a súa serie de murais chamada 'Fenómenos do rural' onde as nosas avoas se converten en superheroínas dotadas de poderes sobrehumanos, rendendo así homenaxe á muller como figura crucial na nosa sociedade.
|
Fina de Carballo: a muller Nitromón. Yoseba MP. |
A continuación temos Cara liberdade de O´Mighelo.
O artista multidisciplinar local, Miguel Anxo Calvo, de alcume O'Mighelo, quixo reflexar a súa visión sobre ciclo ou "circo" da vida Así, a temática deste mural é a loita pola procura da liberdade, que ás veces sae cara e incluso custa a vida e moito sangue. A figura que simula un acróbata pendurado dun fío representa o camiño do ser humano na vida, acompañado da noción do incerto que en ocasións conleva a persecución dunha nova vida, co descoñecemento do destino, de aí os signos de interrogación que se poden ver ao redor do "acróbata". O concepto de vida é representado polo cordón umbilical, que suxeitado por dous cativos, está conectado ao outro extremo a un arame de espiñas con forma de corazón, como símbolo da conexión vida-morte nese contexto de incerteza (globos).
|
Cara liberdade. O´ Mighelo. 2015 |
Algo máis adiante, na mesma rúa temos un mural que para mín, é un dos máis fermosos. Trátase de I missed you... da polaca Natalia Rak que é recoñecida mundialmente polos seus xigantes retratos e destaca polo seu estilo extremadamente chamativo e detallado. Neste mural titulado "I missed you...", a artista representa unha historia de amor nun único fotograma, que brinda homenaxe a aqueles velllos filmes dos anos 40 ou 50 nos que dous amantes se funden nun poderoso bico. Un abrazo ao abrigo da choiva, unha imaxe icónica e universal pero moi galega ao mesmo tempo.
|
I missed you... Natalia Rak. 2016 |
Xusto onde temos o anterior mural xiramos á esquerda pola rúa Manuel Grabador Facal aínda que se seguimos a rúa anterior, Vila de Negreira, temos máis murais algo máis adiante. Nós deixámolos para outra visita a Carballo.
Na Rúa Manuel Grabador, levantando a vista, vemos estes murais:
Caracola do soño mareiro de Santi Picos, un artista carballense que pintou esta imaxe nunha das paredes da vella escola de Carballo, "Escola Leus" Picos optou por debuxar unha gran caracola, unha imaxe que evoca a vertente mariña de Carballo, cuxo litoral está encravado na Costa da Morte. A escena mariña está en estreita relación coa relevancia dos espazos costeiros de Carballo, Razo e Baldaio
|
Caracola do soño mareiro. Santi Picos, 2014 |
Ao lado do traballo anterior temos:
Rosalía de Antón Taracido. Destaca nel a habilidade no emprego da cor, pois emprega unha soa gama, os azuis, e consegue así, malia á dificultade que implica, un resultado evocador. |
Rosalía. Antón Taracido, 2014 |
Nesta mesma rúa e sen movernos vemos un mural deste 2022 cheo de simbolismo. É de Daan Botlek dos Países Baixos. O mural chámase "No lado contrario"
|
No lado contrario de Daan Botlek. 2022
Pillamos o 1º cruce á esquerda pola rúa Gran Vía e chegamos ao edificio do Mercado. No 1º andar deste edificio podemos ver: A feira de Isabel Fernández do 2014. É diferente ao resto dos que están instalados en Carballo. É un mural de cerámica moldeada a man, con relevo e que emprega cores planos e intensos para representar un evento moi propio de Carballo como é "A Feira". A figura principal é o carballo de Santo Antón de Vilardefrancos, na parroquia carballesa de Artes, unha árbore senlleira de varios centos de anos e un porte impoñente, que ten un característico ollo onde as mozas botaban pedras para adiviñar cal sería a súa sorte para ter fillos, atopar mozo... Deste carballo caen unhas landras, ou quizais son caras con boinas, algunhas teñen melena, sorrisos... que xunto cuns moletes de pan enriba dun mesado baixo a sombra da árbore, nos fan recordar como os día de feira, Carballo énchese de xente. No lateral, un reloxo deformado ao estilo do de Dalí, dá conta de que o tempo pasa. A Feira de Isabel Fernández. 2014
Seguimos pola R. Gran Vía ata desembocar de novo na R. Sol pola que xa pasamos antes. Agora dende esta rotonda collemos pola R. Santa Ana e vemos: Din que chove de Reskate do Rexenera Fest 2020. Reskate é un colectivo artístico formado por María López e Javier de Riba, artistas visuais de Donostia e Barcelona, respectivamente. "Din que chove" está extraído dunha ilustraciónde Castelao na que cita: “Mexan por nós e temos que dicir que chove”. Con esta intervención queren poñer o foco na problemática dos incendios forestais en Galicia pero sobretodo en como se informa sobre o tema. Din que chove. Reskate 2020
Camiñamos agora moi preto do río Anllóns, á beira do parque canino de S. Martiño. Pillamos o 2º desvío cara á dereita pola rúa S. Xoán Bautista ao pé do aparcadoiro que hoxe estaba cheo de feirantes, xa que están próximas as festas do S. Xoán. As beiras do Anllóns.
Nunha parede dun edificio no mesmo aparcadoiro temos unha imaxe que deseguida capta a nosa atención, uns ollos tan expresivos e grandes que atraen como un imán. Trátase da obra Crianças de Nazaret do 2021. Ten a súa inspiración nas fotografías de Sebastião Salgado un fotógrafo e fotoperiodista brasileiro moi coñecido polas súas imaxes de persoas en países menos desenvolvidos ou en situación de pobreza, xeralmente en branco e negro. Crianças de Nazaret. 2021
Despois de tomar algo no café- bar Piscis, na R. Santa Ana, pillamos á esquerda e vemos unha obra sen título de Lola Goce, unha artista nacida en Galicia pero afincada en Cataluña. Lola pinta inmesos murais cheos de expresividade e maxestuosidade. Neste mural de grandes dimensións percíbese unha sensación de loita entre polos opostos, onde dun retrato escuro pero ao tempo sereno e reflexivo, agroman medos, fobias e outros monstros coas formas da antiga cultura clásica. Sen título. Obra de Lola Goce. 2018
Cruzamos o río e entre a rúa Miño e a R. Sil temos:
Disfraces de Pandemia de Franco Fasoli do ano 2021. O arxentino Franco Fasoli creou durante o Rexenera Fest 2021 unha obra moi vencellada á actualidade do momento. Achéganos unha particular visión desta situación que nos tocou vivir coa pandemia pero dun xeito fabuloso…. Nos dous sentidos da propia palabra, dende un prisma indirecto, narrativo e aberto a múltiples interpretacións e distitnas lecturas. Sen a intención de facernos lembrar o drama, porque probablemente non o farías sen esta explicación que eiquí narramos, mais si coa idea de repensar ou cavilar sobre o ocorrido dende o seu especial linguaxe alegórico Disfraces de pandemia. Franco Fasoli 2021
Desembocamos na Avda da Milagrosa e vemos a capela da Milagrosa onde tamén hai un mural de temática relixiosa.
Nun edifici ao pé da capela, na rúa Cemiterio Vello, vemos este mural pintado por Ito Mosquera, de Pontedeume pero residente en Málaga. Mural pintado por Ito Mosquera.
Deseguida chegamos de novo ao edificio Fórum. Moi cerca temos coche. Despois de percorrer camiñando 10km. damos por finalizado este percorrido sabendo que aínda non vimos todas as obras que son a día de hoxe 97. Temos excusa para volver a esta cidade, ao mellor o ano que vén facemos coincidir esa visita coa celebración do Rexenera Fest para ver aos artistas pintando en directo. Xa veremos..e ademais temos que explorar tamén máis neste concello que me consta que ten tamén rutas de sendeirismo.
|
Ningún comentario:
Publicar un comentario