Esta é a 1ª ruta que facemos no concello de Becerrea, dentro da provincia de Lugo. Becerreá pertence á comarca dos Ancares lucenses e dista 44 km de Lugo. O municipio de Becerreá está atravesado pola autovía A-6, pola antiga estrada A6 e pola estrada provincial LU-636 que a comunica con Sarria.O concello consta de 26 parroquias e debido a gran biodiversidade que ten, conta con varios espazos naturais protexidos. A historia de Becerreá vai unida a feito de ser unha etapa do único paso de comunicación coa meseta dende a vía XIX, a calzada romana que enlazaba Braga en Portugal con Astorga en León.
Este percorrido que hoxe fixemos non está sinalizado, sendo imprescindible seguir un track para realizala.
Características da ruta:
Lonxitude: 10,8 km.
Dificultade: moderada. Doulle esta calificación pola subida a Cormes aínda que eu leveina moi ben xa que ás veces hai tramos en chao e porque neste momento hai zonas nas que o paso resulta algo complicado polas ortigas e herba moi alta. Afortunadamente foron tramos moi curtos e poucos.
Ruta circular sen sinalización. Deixo o meu track:
Descripción da ruta
Partimos do lugar de A Ferrería que pertence á parroquia de S. Xoán de Agüeira. Na foto vemos a ponte sobre o río Navia que nace no concello de Pedrafita e pasa por concellos galegos e asturianos ata a súa desembocadura no Cantábrico onde forma a ría de Navia.
|
A Ferrería e o río Navia |
No comenzo da ruta vemos un vello letreiro dunha ruta (PR-G 13) que está deshomologada e que coincide coa ruta "Souto de Agüeira" como vemos nun panel posto polo concello. Esta ruta chega a Cormes solo. Nós, como iremos vendo, seguiremos ata facela circular.
|
Inicio de ruta
A pesares de dar comezo aquí a ruta oficial "Souto de Agüeira" proposta polo concello, hai que dicir que a día de hoxe o comenzo da mesma dá medo: ortigas moi altas fan difícil o paso e o 1º que se pensa é "vaia...como estea toda así..." Seguro que máis dunha persoa daría a volta ao ver semellante empezo. |
|
O mal estado da ruta xusto no inicio. |
Menos mal que son só os primeiros metros!
|
Camiño transitable |
Ímonos introducindo no Souto da Agüeira, un souto dos máis antigos de Europa con castiñeiros centenarios. Este souto pertence á ZEC (Zona Especial de Conservación Cruzul -Agüeira) xunto co aciñeiral de Cruzul.
|
Souto da Agüeira |
Un claro no medio do souto deixanos ver a frondosidade desta zona.
Pero é que non só hai castiñeiros, nun curto tramo no medio do souto, atopamos nogueiras, acerolas, cerdeiras bravas...
|
Árbores froiteiras no medio do souto |
O souto non marchou. Seguimos inmersos neste paraíso:
|
Castiñeiros centenarios |
E atopamos agora outro pequeno tramo chegando á aldea de Cormes, que tamén está en mal estado:
|
Sendeiro con moita herba |
Fomos subindo e como xa nois atopamos a bastante altura, por un resquicio entre os castiñeiros vemos a autovía A-6 aló embaixo:
Vistas chegando a Cormes
Cormes é unha aldea que pertence á parroquia de S. Xulián de Morcelle. Por Morcelle pasaremos máis tarde.
Esa capela que se ve na foto pertence á Casa- Torre da familia dos Herbón, hoxe dos Boado que no pasado foi utilizada como cárcere.
|
Capela da Torre dos Boado |
Non atopei información sobre se a Torre de Boado é de titularidade pública ou privada. Vemos que está restaurada ao igual que a capela e o palomar.
|
Torre de Boado |
Un inmeso tileiro, un freixo, un pradairo e outras árbores na entrada á Torre.
Cando chegamos a Cormes, non sabemos se coller cara arriba ou cara abaixo no cruce onde desembocáramos. O track dinos que hai que ir cara abaixo e despois de visitar a Torre dos Boado polo exterior, xa que o interior está pechado, seguimos camiñando bordeando a finca da Torre chea de arborado e cun muro de pedra que a rodea.
|
Á dereita quedan a finca da casa torre de Boado. |
Un pouco máis abaixo, temos que torcer á esquerda por un camiño que estaba atravesado no seu inicio por unha corda que saltamos. |
Volvemos coller un camiño |
Ao chegar a este prado no que apenas se distinguía ningún carreiro, tivemos algunha dificultade para atopar por onde seguir. O track salvounos!!
O carreiro levounos a este camiño moi próximo xa á estrada.
Desembocamos nunha estrada local preciosa (LU-P 0709) que nos levará a S. Xián de Morcelle. Foi como camiñar polo medio dunha fraga. O único que cambia é o chan que é asfalto. Non nos importou despois de atravesar tanto camiño e carreiro e ademais non cruzamos ningún coche. Por aquí vive pouca xente...
Estas foron as vistas do noso comedor de hoxe. Insuperables! |
Vistas dende onde comemos o bocata |
S. Xián de Morcelle está situado a bastante altitude por eso ten moi boas vistas:
A parroquia de S. Xián de Morcelle só ten dúas entidades de poboación: Cormes e a mesma Morcelle. No 2007 contaba esta parroquia con 60 habitantes, hoxe supoñemos que son bastantes menos.
|
Morcelle |
Pasamos por diante da igrexa de S. Xián moi restaurada.
|
Igrexa de S. Xián. |
Dende Morcelle ata seguinte aldea, Horta, iremos por estrada case ata chegar. Iremos vendo estas paisaxes:
|
Paisaxe saíndo de Morcelle |
Seguimos pola mesma estrada LU-P 0709 que une estas aldeas. En primeiro termo vemos un freixo entre as moitas árbores autóctonas que abundan. |
Estrada a Horta |
Vemos Becerreá ao lonxe: |
Vista indo cara a Horta |
Nin nos enteramos que imos por estrada entre que non pasa nin un só vehículo e con estas vistas. Chamounos bastante a atención a gran cantidade de cerdeiras bravas que vimos: E neste punto remata a estrada, xa que temos que coller o camiño á dereita que baixa directamente a Horta.
O camiño é ben fermoso:
|
Camiño de baixada a Horta |
|
Camiño de baixada a Horta |
En Horta atopamos a Javier, natural desta aldea aínda que vive en Lugo. Ten a súa nai xa maior nesta aldea polo que vén practicamente a diario ata aquí. Foi moi amable con nós e contounos moitas cousas desta aldea e do que viveu sendo neno como por exemplo o costume de "O quinto" : cando se xuntaban os mollos do trigo para mallar, de cada cinco mollos xuntados, o quinto era para o amo. En case tódalas aldeas había un "señorío", unha casa rica para a que traballaban e á que servían os outros habitantes da aldea ou parroquia. A mín encántame falar cos veciños das aldeas polas que vou pasando. É como mellor se aprende!
|
Javier, natural de Horta e que sabe moito desta zona |
Horta é unha aldea que coma moitas máis vai quedando sen xente. Javier contounos que traballar nestas zonas que son moitas en pendente, é moi duro. |
Horta |
Casiñas moi humildes, moi pobres, hoxe abandonadas...Neste cruce, pillamos á dereita
Estamos moi cerca da estrada nacional A-6 e da autovía.
En moitas aldeas galegas estanse restaurando cada vez máis casas, normalmente é xente natural destes lugares que viven fóra de aquí e queren conservar o que herdaron. Ao lados destas, moitas veces atopamos outras na ruína. Na foto vemos o exemplo disto.
|
Dúas vivendas: unha restaurada e outra arruinada. |
Adentrámonos agora nun souto.
Entrando en Valiña, vemos estas casas abandonadas
Chama a nosa atención esta casa moi antiga que aínda conserva o antigo forno. Atravesamos Valiña
E a partires de aquí, atopamos un tramo case impracticable. Hai que baixar por un camiño case oculto pola maleza, inmensas ortigas que ameazaban con dificultarnos o paso o mesmo que unha árbore caída que atopamos algo máis adiante.
|
Tramo complicado |
Continuamos por un carreiro que ás veces se pechaba de vexetación.E volvemos entrar no souto de Agüeira onde vemos unha ouriceira ou corripa, lugar onde se poñían antigamente os ourizos á intemperie para que madurasen.
|
Ouriceira |
E no souto tivemos tamén moitas dúbidas de por onde seguir para chegar aos Grobos e tiñámolos ao pé!! O track que seguimos volveu sacarnos do apuro! |
Souto |
O Bosque dos Grobos está de moda e é moita a xente que comparte este lugar nas redes sociais. Teño que dicir que o fin desta ruta era coñecer este lugar do que todo o mundo fala, pero como o percorrido ata aquí dende a N-VI é moi curto (apenas 3 km ida e volta) e quédanos a unha hora e media da casa, decidimos buscar a maneira de facela máis larga. Atopamos un track en Wikiloc que a facía deste xeito e decidimos seguilo.
Eu agora direi que aínda que non visitasemos os Grobos, a ruta merecería igual a pena. O patrimonio natural e etnográfico que levamos visto ata aquí xa por si só merece ser percorrido.
|
Os Grobos |
Os Grobos son un conxunto de rochas situadas no medio dun souto. Estas rochas son calizas, compostas maioritariamente por carbonato cálcico que se disolve moi ben coa auga por eso, ao ir erosionando, deron lugar a formacións kársticas.
|
Os Grobos |
Este bosque está situado no val do río Narón, afluente do Navia e atravesado ademais polo regueiro de Fontaos o que fai que sexa un lugar moi húmido. |
Os Grobos |
Ao ser un lugar húmido medra o brión(musgo) e os fieitos. Tamén hai castiñeiros, abelairas, carballos... |
Os Grobos |
Dende logo é un bo escenario para unha película de misterio ou de medo. De feito algunha escena de "El Bosque del Lobo" de Pedro Olea con X. Luis López Vázquez, foron rodadas neste lugar.
|
Os Grobos |
Resulta que Os Grobos son de propiedade privada xa que se sitúan n meio dun souto que ten donos. Estes pídenlle á xente que vai visitar este lugar que sexa respectuosa cos castiñeiros e os seus froitos xa que moitos propietarios obteñen das castañas un rendemento económico.
|
Os Grobos |
O Bosque dos Grobos está pegado á N- VI. Camiñamos cara a ela rematada a exploración do lugar e atopamos o sinal que ve a xente que se achega ao lugar dende esa estrada.
|
Sinal |
Atravesamos un pequeno túnel por debaixo da N-VI e saimos á estrada local que cruza Agüeira
S. Xoán de Agüeira é unha parroquia de Becerreá á que tamén pertence A Ferrería lugar ao que temos que chegar xa que foi onde comezamos esta ruta.
|
Agüeira |
Vemos casas nesta aldea restauradas con elementos naturais: pedra, madeira e lousa son os protagonistas.
|
Agüeira |
|
Casa restaurada en Agüeira |
Ata A Ferrería iremos por esta estrada. Son moi poucos metros.
En pouco máis de 1km. chegamos de novo á Ferrería de onde partimos. Onde se ve a casa branca na foto, alí temos o coche.
Ningún comentario:
Publicar un comentario