|
Ponte Paradela, lugar por onde pasa esta ruta |
Hoxe pisamos dous concellos próximos a Santiago, comarca á que pertencen, porque a ruta que fixemos é compartida polos dous municipios: Teo e Brión.
Ademais de facer pola mañá a Ruta do Castro Lupario, pola tarde visitamos o Pazo do Faramello nunha visita guiada que comentarei noutra entrada
Vou primeiro coa ruta que, a pesares de que ámbolos dous concellos nomean elementos que veremos nela, non está sinalizada e é imprescindible un track para poder realizala.
RUTA DO CASTRO LUPARIO
Características:
- Lonxitude: 8,8 km.
- Dificultade: fácil Un pouco empinada á subida ao Castro pero nada do outro mundo e ademais son 600m.
- Ruta circular sen sinalizar.
O meu track en WIKILOC
Descripción:
Partimos do lugar de Rúa de Francos, na parroquia de Calo, concello de Teo. Esta aldea ten unha grande importancia histórica porque por ela pasaba o antigo Camiño de Santiago dende Padrón a Santiago por unha antiga calzada romana. Actualmente segue a pasar por esta aldea o Camiño De Santiago Portugués.
O lugar de onde partimos e onde remataremos é onde se atopan 3 importantes elementos desta ruta:
- O Cruceiro de Francos.
- A Capela de S. Martiño.
-A Carballeira de Francos.
O Cruceiro de Francos data do S. XIV. Ten un pedestal sen labrar de granito no que se apoia unha antiga cruz gótica cun Cristo flanquedao por dous peregrinos.
|
Cruceiro de Francos |
A chamada Casa Común tamén no inicio da ruta presupoñemos que actualmente é un Local Social que antes foi unha escola.
O mural representa a Feira Cabalar que se celebra aí mesmo, na Carballeira de Francos cada 11 de novembro.
|
Mural na Casa Común. |
A Carballeira de Francos é grande e ten antigos carballos e tamén algunha escultura na honra da Feira Cabalar que aquí se celebra dende hai máis de 50 anos. Esta escultura en pedra que vemos en 1º termo é obra do escultor de Rois, Camilo Seira. Pesa 4 toneladas.
|
Carballeira de Francos |
Outros cabaliños en madeira adornan tamén o interior da carballeira. |
Carballeira de Francos |
Dicir que neste inicio de ruta coincidimos con moitísimos peregrinos facendo a última etapa do Camiño de Santiago Portugués. Xa lles queda moi preto Santiago. |
Tramo coincidente co Camiño de Santiago Portugués |
Neste cruce deixamos o Camiño de Santiago. Os peregrinos siguen de frente e nós, torcemos á esquerda.
|
O Camiño de Santiago segue de frente, o noso non |
Vilaverde é unha aldea da parroquia de Calo na que nos atopamos. No cruce que vemos de frente, torceremos á esquerda e deseguida outra vez á esquerda, por un carreiro que nos vai levar ao río Tinto.
|
Vilaverde |
Atopamos por vez 1ª o río Tinto, un afluente do Sar. |
Río Tinto |
E vemos un muíño en ruínas. Muíños fariñentos que foron tan importantes na Galicia rural do pasado. Á beira de cada río e en moitos regos había varios. Actualmente uns están restaurados e outros totalmente abandonados como é o que vemos na imaxe.
|
Río Tinto |
O río Tinto é estreito, sombrío e moi barulleiro formando pequenas cascadas. |
Río Tinto |
Un río que parece insignificante pero cun entorno marabilloso!! Percorrémolo por un sendeiro de pescadores.
|
Río Tinto |
No EDAR de Calo abandonamos o río Tinto. |
EDAR de Calo |
Conectamos cunha estrada local onde pillamos á dereita e deseguida á esquerda para introducirnos noutro bosque.
|
Camiño |
Pasamos pola aldea abandonada de Cabanas, que a xulgar o pouco que queda das antigas edificacións, supoñemos que leva moitos anos sen habitantes.
|
Cabanas |
Percorremos este fermoso carreiro.
|
Carreiro |
E atopamos neste fermoso entorno unha estrofa do coñecido poema de Manuel Mª "O Carro"
|
Poema de Manuel Mª |
Volvemos atoparnos co Río Tinto na Ponte de Paradela tamén chamada Ponte dos Mouros porque antigamente en Galicia cando non se sabía a orixe dalgún elemento como fontes, montes, pontes...dicíase que a fixeran "Os Mouros" seres mitolóxicos galegos.
A Ponte Paradela só ten un pequeno arco de pedra salvando o río Tinto. O máis probable era que servise de paso a unha importante vía de comunicación que unía Padrón con Santiago e que fose unha vía de comunicación para chegar á tumba do apóstolo.
É probable que a ponte actual sexa do S. XVIII
|
Ponte Paradela |
Esta Ponte marca a fronteira natural entre os concellos de Teo e Brión.
|
Ponte Paradela |
Dende Ponte Paradela, o track que ía seguindo mandábame uns metros pola estrada e logo torcer á esquerda para subir ao Castro Lupario, pero un veciño do lugar indicounos que se podía pillar un sendeiro alí mesmo, pegado á ponte polo que todo o mundo subía. Así que decidimos nese punto non facer caso ao track e seguir o carreiro que ademais e, excepcionalmente, estaba sinalizado.
|
Carreiro cara ao Castro |
A subida ao Castro é empinada pero curta
|
Subida ao Castro Lupario |
O Castro Lupario está situado entre os concellos de Brión e Rois, concretamente entre as parroquias de Bastavales (Brión) e Ribasar (Rois) É un castro sen escavar que foi declarado BIC (Ben de Interese Cultural) en 2009 e é un dos máis importantes de Galicia e foi identificado como o fogar da lexendaria raíña Lupa.
Se queres saber máis do Castro e desta raíña mitolóxica pincha no ENLACE |
O Castro Lupario |
Volvemos por onde subimos e xa na estrada pillamos á esquerda.
Pasamos polas primeiras casas de Beca na parroquia de Bastavales. Estamos no concello de Brión. |
Beca |
Metémonos de novo ao bosque.
E desembocamos nunha fermosa aldea: Angueira de Castro, parroquia de Ribasar, no concello de Rois. Percorrer esta aldea por debaixo dos emparrados cheos de uvas, é unha delicia!!
|
Anguieira de Castro |
Esta aldea está rehabilitada con moito gusto, respectando a arquitectura tradicional. Nun 1º momento, a aldea foi construida con pedra do próximo Castro Lupario que acabamos de visitar.
|
Anguieira de Castro |
En Aguieira de Castro vemos tamén os clásicos cabozos propios da zona (en cada comarca de Galicia son diferentes) ben conservados.
|
Anguieira de Castro |
Tódalas casas están rehabilitadas en pedra.
Despedimos esta aldea coa visión desta fonte nun fermoso enclave.
Á saída de Anguieira, temos o Parque Río Tinto. Volvemos atoparnos co río que neste recuncho nos ofrece mesas e bancos onde comer ou descansar rodeados de árbores e da frescura que dá o río en días de verán.
|
Parque do Río Tinto |
Camiñamos de novo ás beiras deste río que nos ofrece sempre entornos sombríos e de frondosa vexetación.
E en poucos metros, chegamos á altura do Pazo do Faramello que visitaremos pola tarde. Por aquí pasaba antes o Camiño de Santiago pero despois da caída de varias árbores cando foi o furacán Hortensia e de que o camiño nesa zona quedase deteriorado, desviouse pola estrada.
Na entrada ao Pazo do Faramello, lemos este cartel que me pareceu super interesante e di cousas coas que totalmente concordo:
En terreos cedidos polo Pazo do Faramello creouse en 2014 un xardín xurdido a partires da traxedia ferroviaria ocorrida en Angrois (Santiago) no 2013. Chámase Xardín do Recordo É un espazo aberto ao público para horar a memoria das víctimas daquel accidente víctimas
|
Xardín do Recordo |
|
Xardín do Recordo |
|
Xardín do Recordo |
Cruzamos a aldea de Francos, un pouco antes volvemos conectar co Camiño de Santiago Portugués.
Pasamos ao pé da Capela de S. Martiño |
Capela de S. Martiño |
|
Capela de S. Martiño |
A escola, hoxe Casa Común, foi construída durante a II República.
|
A antiga escola |
O noso xantar de hoxe foi en Casa Touceda, tan preto de onde tíñamos os coches aparcados (ao pé do cruceiro de Francos) que fomos andando. Comemos ben, moi abundantes as racións e comida ben preparada. A atención tamén, moi boa.
|
Casa Touceda |
Despois do xantar fomos ata o Pazo do Faramello onde tíñamos reserva para as 17:00h. pero esa visita comentareina na seguinte entrada.
Páxinas web consultadas:
https://www.galiciamaxica.eu/
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/teo/2021/11/06/granito-lalin-crear-arte/0003_202111D6C7992.htm
Ningún comentario:
Publicar un comentario