Esta é a 2ª ruta que realizo no concello de Coaña. A anterior foi unha fermosa e curta ruta que se pode ver neste ENLACE.
Esta ruta sitúase integramente no concello de Coaña e dentro del, na parroquia de Cartavio.
Características desta ruta:
Lonxitude: 7,5 km.
Dificultade: fácil
Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC:
Descripción:
Esta fermosa ruta ten inicio e fin na Praia de Torbas, no concello de Coaña (non confundir con outra do mesmo nome no concello de El Franco)
|
Estrada que chega á praia de Torbas. |
Hai unhas escaleiras de pedra que permiten baixar á praia en marea baixa.
Grandes acantilados baixan á praia provocando, segundo a hora do día, moita sombra.
Esta praia posee a singularidade de ter tres cascadas procedentes de tres regos que van desembocar aí. A 1ª é a máis alta.
Teño case toda a praia para min. Só hai tres pescadores de cana.
Aos pucos metros temos a 2ª cascada, esta máis baixa pero máis ancha. Procede do Rego de Esteler. Por derriba vemos un muíño que en tempos pasados aproveitou a auga deste rego.
Algo máis adiante...outra cascada!! Todas son diferentes, esta baixa polas rochas e de levar máis auga, sería sen dúbida a máis fermosa de todas.
A praia ten zonas de area, unha area gorda e oscura. A maioría da praia está formada de cantos rodados e é importante levar bo calzado para non mancar os pés.
Chego ao final da praia pola zona oeste que é onde está o outro acceso polo que quero sair.
É un acceso peonil que axiña se converte nun camiño.
Súbese por un camiño entre piñeiros.
Dende o camiño e como imos subindo temos esta vista da praia de Torbas.
Chegamos a un espazo despexado e ao pé da árbore, pillamos á dereita.
O concello de Coaña ten unha importante actividade económica na gandaría e por esta zona predominan as terras de millo e os prados.
Á esquerda vemos o Rego de Miúdes, que despois terei que cruzar.
Este camiño lévame a área recreativa de Salías. É un camiño fermoso, non hai ninguén e de frente vexo as extensas fincas, as gaivotas, o mar...
A área recreativa de Salías é preciosa e está moi ben coidada. Ten bancos, mesas, barbacoas, papeleiras...e unhas vistas incríbles ao mar Cantábrico!!
Vistas dende a área recreativa de Salías.
Vistas cara ao Leste cos acantilados da praia de Torbas.O lugar non pode ser máis fermoso!!
Vistas ás praias de Armazá e do Barco. Outras vistas:Volto uns metros para atrás para baixar ao Rego de Miudes.
Este rego xa pasa tamén pola parroquia de Miúdes do concello de El Franco. Hai unha ponte de madeira para atravesalo.
|
Ponte sobre o Rego de Miúdes |
Este tramo coincide coa Senda Costeira E-9.
Imos case sempre rodeados agora de eucaliptos que foron conquistando tamén esta zona asturiana.
Desemboquei no lugar de S. Cristobal onde a estrada amosa pegadas de obras recentes e outras sen rematar. É un lugar con chalets e vivenda nova que parece de 2ª residencia.
Vou dar á N-634 pola que teño que ir durante uns 700m. Vexo que o Camiño Norte a Santiago pasa por aquí.
O tramo de estrada logo pasa e, aínda que ten arcén, hai que ir con precaución xa que pasan bastantes vehículos e algúns a velocidades excesivas.
Despois de pasar un desvío á dereita por onde vai o Camiño de Santiago, paso por debaixo da vía do tren e xa pillo á esquerda e deseguida á dereita por onde esta casa que semella ter trazas de indiana.
Algo máis adiante chámame a atención este pozo que quedou aí tan só nun cruce. Eso si, está ben coidado aínda que descoñezo se a día de hoxe segue a ter uso.
Casas en Cartavio. Poucas hai abandonadas, hai moita casa nova mesturada con outras máis antigas pero todas elas están super ben coidadas.
Neste cruce hai un monumento aos segadores con gadaña. A placa que se pode ler debaixo di que está dedicado por parte dos veciños de Cartavio aos seus antepasados. Xa sabemos a que se dedicaban no pasado os habitantes desta parroquia.
|
Monumento aos segadores con gadaña |
Deixo o asfalto para pillar un camiño por un monte entre eucaliptos.
Este camiño lévame ao punto de inicio.
Agora sería imposible cruzar a praia, está a marea chea.
Ao pé do piñeiro hai un miradoiro e máis abaixo unha ponte cruza o rego e xa estamos no aparcadoiro onde esta o coche agora totalmente solitario. Pola mañá había outros 4 ou 5 máis dos pescadores que estaban na praia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario