xoves, 12 de decembro de 2024

FERVENZA DA VACARIZA DENDE O CANEIRO (AS PONTES)

 No concello das Pontes temos xa feitas varias rutas, en concreto 5,  e con esta serán 6 as rutas feitas neste concello.

Características desta ruta:

Lonxitude: 9 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Partimos dende o lugar de O Caneiro, parroquia das Pontes. Este lugar é coñecido sobre todo pola súa área recreativa ás beiras do Eume e na que xa comemos cando fixemos a ruta da Fraga da Carballeira.  Hoxe pasamos moi cerca dela.

O Caneiro está dividido en dúas zonas: Caneiro de ArribaCaneiro de Abaixo. Nós partimos deste último lugar, de onde está a capela de S. Miguel.

Capela de S. Miguel

O Caneiro de Abaixo é un lugar case abandonado onde actualmente viven 4 persoas dedicadas á gandería. 

Ao pé da capela tomamos un camiño antigo e, neste caso, outonal.


Os liques que cobren as árbores no inverno non son plantas, son fungos que producen osixeno e que non poden vivir en lugares contaminados, por eso sabemos que sempre que os atopamos estamos nun lugar privilexiado, puro e sen contaminar.
Liques nas árbores

Cruzamos unha ponte onde un rego desembocaba noutro. Nesta época de moita chuvia, máis semellaban ríos ca regos.

Para chegar á Fervenza da Vacariza temos que desplazarnos uns 150m. e logo desandalos. A pesares da súa espectacularidade e o caudal que trae está formada por un rego. Non está sinalizada de ningún xeito pero dende o camiño, o acceso a ela é fácil.



O entorno, ao igual que todos onde atopamos fervenzas, é moi fermoso. Neste caso destaca o lique das árbores, os felgos nun lugar illado e solitario.


Deseguida chegamos á Vacariza, outra pequenísima aldea da parroquia de As Pontes.

En A Vacariza deunos a sensación de que non vive ninguén, aínda que vimos un home e oímos outras voces. Pesamos que están a restaurar algunha casa, como a que vemos na foto.

                                                               A Vacariza

Aínda que hai algunha vivenda abandonada, deunos a impresión de que esta pequena aldea queren recuperala e que volva ter vida.

                                                                   A Vacariza

Subimos, agora xa sempre iremos por asfalto ata o final,  cara ao parque eólico do alto da Carballeira.


Temos boas vistas a medida que ascendemos. Vemos aló embaixo, as chemineas da antiga Central Térmica de As Pontes.

O Parque do Alto do Carballeira foi o último parque eólico instalado nas Pontes no 2004 e conta con 37 aeroxeradores. Trátase dunha enerxía limpa pero hai tantísimos que están a modificar por completo a paisaxe das nosas montañas.

Vemos a Fraga autóctona da Carballeira, o lugar onde fixemos unha ruta na que a pesares de seguir un bo track tivemos momentos de desorientación importantes xa que os sendeiro estaba borrado, non había  un camiño trazado.



Pasamos precisamente polo lugar onde deixaramos os coches na ruta da Fraga da Carballeira. Nesa ruta, pillamos a pista da esquerda, hoxe seguimos pola estrada.


Vistas que temos baixando ao Caneiro.

Miremos cara a onde miremos, os parques eólicos están sempre aí modificando a paisaxe.

A Cruz Vella do Caneiro non sabemos porque está aí posta, na beira da estrada, pero supoñemos que pola creencia e devoción popular que tiña a xente no pasado e colocaba cruces ou cruceiros en lugares de cruce de camiños ou cerca de igrexas e capelas.
Son, de calquera xeito, un sinal de identidade da nosa cultura. Hai en galicia cerca de 12000 cruceiros.
Cruz Vella do Caneiro

Estamos xa en Caneiro de arriba, moi cerca da famosa área recreativa do mesmo nome.

Falamos cun home que nos contou que en Caneiro de Arriba só viven 3 persoas e en Caneiro de Abaixo só 4.. O abandono do rural é incesante e imparable.
Na foto, unha casa de pedra tradicional galega abandonada que tivo un inmenso corredor que xa non existe.


Moi cerca está xa Caneiro de Abaixo onde temos o coche.  Vemos cabalos pastando á beira do Rego da Campeíña que moi axiña vai desembocar ao Eume.

Páxina web consultada:
https://elpais.com/ciencia/las-cientificas-responden/2023-11-15/los-liquenes-son-plantas.html














Ningún comentario:

Publicar un comentario