mércores, 7 de agosto de 2024

FRAGA DA CARBALLEIRA (AS PONTES)

 Animeime a facer esta ruta porque vin fotos que me gustaron e porque me gustan as fragas virxes, pouco coñecidas e lonxe de todo pero esta para min foi demasiado virxe, demasiado densa, demasiado imperceptibles os sendeiros polos que había que camiñar...Non volvería facela, canseime moito, por momentos pensei que non había maneira de sair desa inmensa carballeira....a pesares de seguir un bo track, con descripcións e axudas en puntos clave e de ir fixándonos nas árbores que tiñan pintado un círculo azul, foi unha ruta das máis difíciles de seguir pola espesa vexetación que complicaba a vista dos sendeiros e polo difícil que era circular por algúns deles.

Características:

Lonxitude: 12,5 km.

Dificultade: difícil polo exposto antes.

Ruta circular sinalizada só con puntos azuis pero insuficientes e difíciles de ver en ocasións. Imprescindible seguir un track: WIKILOC

Descripción

A ruta empeza e remata no alto de Vilarvó. Este lugar que pertence á parroquia de As Pontes de García Rodríguez está deshabitado.

Primeiro imos por unha pista durante uns metros.

Deseguida pillamos á dereita cunha paisaxe espectacular. Neste camiño vemos o sinal da ruta homologada PR-G 147 (Fragas da Ribeira e Lostegal) que pasa tamén por aquí.

Para pillar axiña outra pista en baixada, á dereita, que nos vai introducir xa na fraga.

Temos que meternos entre estos altos felgos que vai ser o ensaio dos moitos que teremos que atravesar.

Adentrámonos cada vez máis na inmensa carballeira.

Chegamos ao Rego Campo da Meda que imos seguir nunha boa parte do percorrido.

Estes puntos azuis que vemos en estacas e vimos na árbores, serven de referencia e axudan pero hai moitos sitios nos que custa atopalos. Sen seguir un bo track, é imposible facer esta ruta.

Hai moitas, moitísimas arandeiras.

.Unha fraga impenetrable por veces:

O día estaba cun sol radiante pero apenas o víamos, tal era a frondosidade da fraga.


Os puntos azuis nas árbores axudaban a saber que íamos polo camiño correcto pero sen o track de Moncho Rexes que levabamos, sería imposible sair de aí.

Neste lugar cando hai auga, cae unha cascada. Estamos en verán e baixa case seca.



Nalgún punto determinado, puxeron cordas para axudar a baixar.

Houbo momentos nos que houbo que camiñar literalmente por riba do cauce do Rego da Meda. Menos mal que levaba poca auga.

O Rego da Meda houbo que cruzalo varias veces, incluso algunhas o cruzamos sen ter que facelo e houbo que recuar.

O Rego da Meda desemboca no Eume. Tardábanos chegar a el, a ver se a cousa cambiaba e os carreiros estaban máis limpos. A verdade é que recibimos con alegría a visión deste gran río.
Río Eume
Pero os carreiros seguían igual ou peor!! Nesta zona demos varias voltas dubidando por onde seguir.

Vimos carballos tremendos de grades e gordos nesta zona ás beiras do Eume.



As beiras dos ríos sempre son dunha beleza impresionante!

E chegamos á Área Recreativa do Caneiro, a 1ª zona con vida humana que atopábamos despois de case 5 km. que, debido ao accidentado terreo, nos pareceron 10.
Área Recreativa O Caneiro
O Caneiro é unha zona de espesa arboreda (carballlos e bidueiras sobre todo) ás beiras do Eume que conta con mesas, bancos, grellas, unha fonte e ata unha especie de cobertizo para resgardarse. Había sobre 15 persoas desfrutando do lugar. Nós tamén aproveitamos para comer aquí os nosos bocatas e incluso sopesamos a idea de chamar un taxi e rematar aquí a ruta porque non sabiamos o que nos esperaba, pero decidimos que fóramos a facer a ruta e que a íamos rematar camiñando.
Na foto, a Ponte Romana de Illade que foi trasladada ata aquí pedra a pedra dende a súa antiga localización sobre o río do mesmo nome no camiño que ía dende as Pontes a Cerdido. Debido á ampliación da explotación dunha mina de lignito, foi trasladada a súa ubicación actual.
Área recreativa O Caneiro

Quedábanos aínda máis da metade do camiño por andar, así que despois de comer reanudamos a marcha.
Cabozo na área recreativa

O camiño que chega ata a Área Recreativa está ben acondicionado.

E aquí, decidimos facer unha pequena trampa para aforrar algúns metros (1,5 km. aprox.). O track ía pola beira do Eume, xusto por onde se ven os cabalos, dando unha pequena volta que quixemos evitar.

Dende a Área Recreativa, en lugar de ir pola beira do río, fomos de frente pola ancha pista ata o lugar chamado Caneiro que nos pareceu que estaba totalmente deshabitado.
O Caneiro

Casas grandes de pedra e pizarra en O Caneiro
                                                                    O Caneiro

En O Caneiro, pillamos á esquerda pola estrada e un pouco máis abaixo, atopamos o camiño que desemboca nesta estrada se viñeramos pola beira do río. Xa estamos de novo seguindo o track.
Estamos en Caneiro de Abaixo onde falamos cunha parella que xa víramos pola mañá cando deixamos o coche e estaban coidando das súas vacas. Eles viven aquí nos dixeron xunto a outros 4 veciños. Este lugar pertence á parroquia de As Pontes.

Pasamos ao pé da capela do Caneiro e pillamos un antigo camiño de carro.


Pensamos: " a ver se todo o camiño que queda por andar é así..."

Pero deseguida o track nos mete á dereita , internándonos de novo na fraga.

Agora temos que achegarnos a outro rego : ao da Campeíña

Primeiro baixamos ata el e despois temos que subir, alonxándonos.

Outro sinal nunha pedra. Indica que imos ben.

Atravesamos un monte de eucaliptos e aínda que son árbores que non nos gustan, alegrámonos de ver claros que deixan pasar o sol despois de percorrer unha fraga tan pechada.

Hai que volver baixar!! E así de pecho está o sendeiro!! Aquí, nesta zona houbo bastante desánimo, non víamos marcas azuis, o track parecía volverse tolo e non sabiamos por onde tíñamos que pillar, de feito andivemos uns metros ao revés ata atopar a dirección correcta.

Sabiamos que tíñamos que atravesar esta ponte tan rústica pero non a víamos pola vexetación...sentíamonos totalmente perdidos, apenas falábamos e eu empecei a poñerme nervosa...
Agora camiñamos ao pé do Rego da Carballeira.

Vimos un muíño abandonado pero case non tiña ganas de sacar foto, só quería atopar o camiño final. Estaba cerca...

Quen ve con estes felgos tan altos, carreiro ningún? Se non fose polo track habería que chamar ao 112 que nos sacase de aí...

Temos que pasar por este camiño pero non significa nada, pasamos por sitios peores. Estamos saíndo da fraga. Estamos felices!!

Por fin a paisaxe ábrese diante de nós!!

Pasamos xunto aos eólicos.

 E deixamos a pista (por ela chegariamos igualmente ao coche pero dando máis volta) polo que atallamos pillando á dereita. Hai peches para o gando que se sacan moi fácil e despois hai que pechar, claro.

Dende o alto que estamos vemos a carballeira que vimos de atravesar aló embaixo...

Pasamos o lugar de Vilarbó totalmente abandonado.

E aquí remata unha ruta que se nos fixo difícil polo xa explicado pero á que hai poucas que ganen polo estado virxe, natural, impenetrable ás veces...

Ningún comentario:

Publicar un comentario