sábado, 10 de agosto de 2024

RUTA CIRCULAR DENDE A IGREXA DE SANTA Mª POLO CAMIÑO NORTE DE SANTIAGO ENLAZANDO CO PASEO DOS SOÑOS. (VILALBA)

O fermoso Paseo dos Soños ao pé do río Madalena en Vilalaba xa o coñecía facendo o traxecto de ida e volta polo mesmo sitio. Hoxe inventeime unha ruta circular aproveitando un pequeno tramo do Camiño Norte de Santiago que pasa por esta vila, enlazando despois con este Paseo para voltar despois ao punto de inicio por camiños e algo de estrada.

Quedou unha ruta circular que a min me encantou e ademais é moi fácil!

Características:

Lonxitude: 7,5 km.

Dificultade: Fácil

Ruta circular só sinalizada no tramo que corresponde ao Camiño de Santiago. O meu track en WIKILOC:

Descripción:

Vilalba é un concello da provincia de Lugo que pertence á comarca da Terra da Terra Chá e ostenta a capitalidade da mesma. É unha vila tranquila, antiga e señorial onde o entorno dos ríos Ladra, Trimaz e Madalena domina a paisaxe.

Esta vila, mostra nos últimos tempos unha puxante actividade industrial basada na comercialización dos productos da terra e no aproveitamento dos seus recursos naturais.

Partín da Praza de Santa Mª , no centro da vila e onde atopamos a igrexa parroquial e a Torre dos Andrade. É unha praza pequeniña e aínda a fai máis pequena o feito de servir de aparcadoiro. Unha pena!! Sen vehículos luciría moito máis!!

A igrexa de Santa Mª é de finais do S.XIX en estilo neoclásico.
Igrexa de Santa Mª na praza do mesmo nome

A igrexa estaba aberta e tomei dúas fotos do interior:
Interior da igrexa de Santa Mª

Interior da igrexa de Santa Mª

A Torre dos Andrade é antiga Torre de Homenaxe dun castelo que se remontaría ao S. XI e do que non queda nada. A Torre é do S. XV.
O antigo castelo pertenceu aos Señores de Lemos pero posteriormente o rei Pedro I donoullo a Fernán Pérez de Andrade, o Boo. O castelo foi destruido na II Revolta Irmandiña na segunda metade do S. XV. Trala derrota dos Irmandiños, o edificio foi reconstruido e realízase o trazado octogonal da torre cun caracter máis defensivo e estratéxico para resistir futuros ataques.
Avanzado o S. XIX, o castelo quedou abandonado e incluso se empregou como canteira ocasionando numerosos danos e quedando destruido, manténdose en pé só a Torre que hoxe vemos.
Nos anos 60, a Torre foi rehabilitada e convértese en Parador Nacional de Turismo. Dende 1994 está considerado BIC (Ben de Interese Cultural)

Torre dos Andrade

Abandono a Praza de Santa Mª, pola Rúa do Sol seguindo os sinais do Camiño de Santiago Norte.


Deseguida me atopo nas aforas da vila. Non debe de haber camiño en Galicia mellor sinalizado que o Camiño de Santiago.


Un fermoso camiño que se nota ben pisado dos peregrinos.

Estou pasando unha zona de carballos e castiñeiros. Xa empezan a formarse as castañas.


Atópome por 1ª vez co río Madalena e que atraveso pola ponte que se ve. Nace na Serra da Carba, neste mesmo concellllo, e desemboca no río Ladra non moi lonxe de aquí.

 
Ao ver esta imaxe, doume conta de que esta paisaxe me é coñecida. Claro, é o Paseo dos Soños!! De momento non vou percorrelo e sigo polo Camiño de Santiago.

                                                    Río Madalena e Paseo dos Soños

Subo ao pé dunhas casas cun xardín moi coidado que chama a atención.


E ao pouco atraveso unha pequena carballeira. Ao remate desta, nunhas casas que hai, en lugar de continuar o Camiño de Santiago, vou pillar á esquerda por un camiño.

Hai unhas casas grandes restauradas en pedra. Unha delas ten na portada as cunchas simbólicas do Camiño.


E ten tamén un xardín de casas de película!


En lugar de seguir polo asfalto, por onde vai o Camiño de Santiago, pillo ao redor da casa grande esa de pedra por unha pista que deseguida desemboca nun camiño.


Por este fermoso camiño bordeando a casa:


O camiño anterior vai dar a unha estrada local pola que vou uns  400 m.


Esta estrada desemboca no inicio ou fin (depende de por onde se empece) do Paseo dos Soños. No meu caso vai ser o inicio.


O Muíño do Rañego estivo en funcionamento ata finais dos anos 60 quedando despois no abandono, como lles pasou a tódolos muíños galegos. No ano 2002 foi rehabilitado e tamén o seu entorno, no que se creou unha fermosa área recreativa que está moi coidada. Actualmente funciona como Centro de Interpretación Etnográfica e é sede, ás veces, de eventos culturais.

                                                           Muíño do Rañego

O entorno do muíño conta con varios elementos: un cruceiro, un cabozo...e en torno ao fermoso río Madalena, unha gran área recreativa con arboreda frondosa conforman un escenario especial  para relaxarse e descansar.
E hoxe lin nun xornal que en Galicia había moitos lugares saturados de xente, será que todos van aos mesmos lugares, claro, porque neste entorno tan máxico e ao longo de todo o percorrido que realicei, vin ben pouca xente!

Pontellas de madeira nun entorno precioso!

Empezo a camiñar polo Paseo dos Soños no que arte e natureza se mesturan; o paseo vai sempre ás beiras do río Madalena e consta de varias obras escultóricas dedicadas a escritores e personaxes ilustres da Terra Chá.
O 1ª monumento é dedicado ao escritor lucense Paco Martín que se fixo famoso coa obra Das Cousas de Ramón Lamote, traducida a varias linguas e un referente da literatuta infantil e xuvenil en lingua galega.
Monumento a Paco Martín
A  2ª escultura  que vemos é unha gaiola en homenaxe á obra poética tan coñecida e fermosa de Manuel Mª "Os Soños na Gaiola"
E con un acendemos outro...soños adiante!
Nos 30 anos da traducción ao portugués de
"Os Soños na gaiola"de Manuel Mª.
                  Fundación Manuel María, 8 de setembro de 2007
Esto é o que di a placa que hai debaixo da figura da gaiola.
Escultura a Manuel Mª

A seguinte escultura, uns libros con títulos de obras do vilalbés Agustín Fernández Paz, o prolífico e gran escritor de novela xuvenil.
Escultura a Agustín Fernández Paz

A escultura seguinte é a dedicada a outro gran escritor da Terra Chá (de Rábade) X. Pérez Docampo, coñecido sobre todo pola obra
"Cando petan na porta pola noite" coa que acadou numerosos premios.
Escultura a Xabier Pérez Docampo

A seguinte é dedicada a Darío Xoán Cabana, de Cospeito, que escribeu poesía, narrativa, ensaio e literatura infantil e xuvenil. Morreu en 2021.
Escultura a Darío Xoán cabana

X. Manuel Carballo Ferreiro era de Castro de Rei. Foi un cura, escritor ilusionista e animador sociocultural. A súa escultura representa a súa faceta de mago.
Escultura a X. Manuel Carballo
 
E chego á ponte que antes cruzara.

Que fermoso paseo e case baleiro!! Só pasaba algunha persoa de cando en vez facendo deporte.

Margarita Ledo Andión, a quen vai dedicada a seguinte escultura, aínda segue viva. É de Castro de Rei e é escritora, xornalista e cineasta. Actualmente é catedratica de Comunicación Audovisual na Universidade de Santiago e leva acadado numerosos premios.
Escultura a Margarita Ledo Andión

Unidos por un libro (unha páxina para un) temos a escultura a Helena Villa Janeiro e Xesús Rábade Paredes. Ela non ten que ver coa Terra Chá porque é de Becerreá, pero el si. Helena Villar é autora de numerosas obras de literatura infantil e xuvenil e tamén  escribe poesía. O seu home, Xesús Rábade é de Cospeito e escribe ensaios, narrativa e poesía. De momento viven os dous.
Escultura a Helena Villar e Xesús Rábade

A seguinte escultura, tamén un libro, é para Xosé Chao Rego, de Vilalba. Foi un teólogo e escritor. Ten unha obra moi extensa sobre todo de ensaio.
Escultura a Xosé Chao Rego

Este piano de pedra é dedicado ao irmán do anterior escritor, a Ramón Chao Rego. Este tamén foi escritor pro sobre todo un virtuoso do piano. Obtivo numerosos premios e honores.
Escultura a Ramón Chao Rego

Agora vemos o monumento dedicado ao xornalista, guionista, escritor e produtor galego de Vilalba, Xulio Xiz.
Escultura a Xulio Xiz
A seguinte escultura vemos que ten unha partitura musical e unha inscripción que pon "Galiza na alma" vai dedicada a Mini e Mero, cantautores orixinarios da Terra Chá. Foron músicos, mestres, poetas e investigadores do folclore e cultura tradicional galegas, membros históricos de Fuxan os Ventos e da Quenlla .
Escultura a Mini e Mero
A Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero), nacido en Vilalbadedicóuselle a seguinte escultura. No 2007 el e Mini cederon ao Museo do Pobo Galego as recollas de cantos, bailes, lendas e refráns recompiladas ao longo da súa traxectoria. No 2018 anunciou a disolución do grupo que formaba con Mini, A Quenlla, por diferenzas con este.
Escultura a Mero
Escultura a Miguel Anxo Fernán Vello, escritor e editor de Cospeito que ten recibido numerosos premios.
Escultura a Miguel Anxo Fernán Vello
Victor Corral Castro foi un escultor de renome internacional con máis de 2000 obras en pedra, madeira, marfil...Esta escultura está dedicada a el.

Sigo neste entorno marabilloso tan tranquilo e exuberante en vexetación:

Esta escultura está dedicada a Sonia Villapol Salgado, unha neurocientífica e  investigadora de Bretoña que traballa en Houston. Esta escultura non estaba na miña anterior visita a este lugar, xa que foi posta no 2022.
Escultura a Sonia Villapol

Pepe, Carlos e Jorge Coira son guionistas, produtores, directores e editores de series míticas da TVG como Mareas Vivas, Padre Casares, Terra de Miranda, as Leis de Celavella. 
Esta é a última escultura colocada neste Paseo ata o momento.
Escultura dos Irmáns Coira

Unha ponte de pedra con dous olllos sobre o Madalena que temos que cruzar.

Pero antes de facelo, achegámonos a ver a Capela da Madalena. Estaba pechada así que só a puiden fotografar por fóra.
Capela da Madalena
Logo de cruzar a ponte, voltamos ás beiras do río Madalena:

Agora o paseo aparece iluminado, ímonos achegando á área recreativa de a Madalena.

A outra vez que visitei este lugar non se podía pasar por onde vou agora xa que a presa desbordaba a auga por onde vou camiñando.
 
E xa estou na área Recreativa, un lugar inmenso con piscina, praia fluvial, merendeiros, parque infantil, bar restaurante, pistas de tenis, de fútbol...

Unha vista da praia fluvial
 
Cruzo a estrada da áea recreativa e o Paseo segue ás beiras do mesmo río.

Nesta zona está o parque infantil, os aseos públicos e unha inmensa carballeira que hoxe aparecía baleira, tan só vin unhas rapazas marcando o sitio con cintas para  Xira que se vai celebrar proximamente como inicio das Festas Patronais de S. Ramón. Tamén neste lugar se celebra a Xira Campestre da Terceira Idade.

Outra imaxe da frondosa carballeira. Non puiden deixar de meterme polo medio dela e percorrela case toda.

O paseo segue, agora por un carreiro moi natural, pegado coma sempre ao río.

Xa moi cerca do final deste Paseo dos Soños que remata na Ponte dos Freire, torzo á dereita cruzando esta ponte de madeira

En lugar de seguer a pista á esquerda, cara á estrada, métome polo camiño da dereita.

Alégrome moito da elección que fixen xa que diante de min hai un camiño limpo, fermoso para camiñar.

Ata que...o camiño convértese nun carreiro case intransitable con silvas ben longas. Menos mal que só foron uns poucos metros.

Deseguida accedo á estrada pola que teño que ir 700m.


Deixo a estrada para pillar á dereita por un camiño que leva á área recreativa da Madalena.


Un camiño fermoso e solitario.


Desemboco xa na vila, ao pé do auditorio, e pillo a Rúa Pita da Veiga.



O Auditorio Municipal Carmen Estevez foi construido en 1997. É un  edificio multiusos que alberga tamén o Conservatorio Municipal.
Ao pé do auditorio hai unhas escaleiras polas que subo para acceder de novo á Praza de Santa Mª onde remato esta ruta.

Vemos un fermoso monumento aos Emigrantes nun recuncho ao pé da igrexa de Santa Mª.
Monumento aos emigrantes

Páxinas web consultadas:

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/molino-muino-do-ranego/

https://paradores.es/es/parador-de-vilalba

https://es.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Portada









Ningún comentario:

Publicar un comentario