luns, 5 de agosto de 2024

RUTA DO MILLO (TAPIA DE CASARIEGO)

 Tiña esta ruta en mente dende hai ben tempo(ao mellor dende hai 3 anos) e non me chamaba moito facela polo nome que ten, pensei que sería ver campos de millo nada máis, pero estaba ben enganada. Onte decidinme a facela e leveime unha sorpresa grande ao descubrir unha ruta marabillosa que, efectivamente transcorre por moitos camiños rodeados de campos de millo, pero que tamén ten unha parte costeira, pasa por lugares como As Nogueiras e Serantes cheo de encanto e xa case rematando (depende por onde se empece) atopas un lugar máxico formado pola Fonte da Virxe, o Eucaliptón dos Cancio, e a Capela da Encontrela.

Características da ruta:

Lonxitude: 11,2 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular que oficialmente é lineal, empezando na vila de Tapia e rematando en Serantes e está sinalizada ata aí. Ao querer facela circular, enlaceina coa ruta costeira E-9. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Como eu xa coñecía a fermosa vila de Tapia, decidín empezar a ruta na Praia de Anguileiro.

Esta praia é urbana, xusto na desembocadura do río do mesmo nome. É unha praia que dispón de tódolos servizos. Unha área recreativa moi coidada e un paseo marítimo conecta esta zona co porto.
Área recreativa e Paseo Costeiro

Esta praia é galardoada sempre con bandeira azul e é un paraíso para os surfistas celebrándose cada ano en Semana Santa, unha competición importante.
Dende esta zona arranco esta ruta.


Na Praia de Anguileiro desemboca o río do mesmo nome.
Praia de Anguileiro

En marea chea apenas queda areal pero pódese baixar a darse un baño



Pillo deseguida á dereita para meterme por unha pista.


Que me leva ao campo de fútbol de Tapia.
Campo de fútbol

Cruzo unha ponte sobre o río Anguileiro que me vai levar ata a zona chamada Entrepraias. Unha zona de novos edificios con apartamentos.


Accesos ao areal de Anguileiro na zona da desembocadura do río.


En Entrepraias collemos cara ao camping.


 Paso por diante do camping "Praia de Tapia" que tiña un cartel de "completo"
Camping Praia de Tapia.
E aparecen os primeiros campos de millo. Este cereal foi traído a España no S. XVII por un gobernador de Florida nativo de Tapia (Gonzalo Méndez de Cancio)e esto supuxo en Asturias unha revolución de consecuencias socioeconómicas importantes.





Bordeo o Camping por un carreiro ben acondicionado.

No occidente asturiana extendeuse o cultivo de millo moi rápido e permiteu en séculos pasados o enriquecemento de nobres, propietarios rurais e do clero.
Méndez de Cancio, o home que trouxo dende Florida o millo, nacera en Casariego, aldea próxima a Tapia. O seu matrimonio con Macarena de Luaces de Mondoñedo e cuxa familia tiña grandes propiedades en Abadín, explica a chegada deste cereal tamén a Galicia.
O millo xa con froito

O gobernador Méndez de Cancio non escatimou en man de obra para potenciar este cultivo. Soldados e escravos foron enviados ás terra de laboreo con resultados axiña espectaculares.

O sendeiro vainos levando ata o mar.

Unha baixada a unha cala pequena. Se a marea estivese ben baixa poderiamos atravesar ata a praia da Paloma polo areal, como así fixo a persoa que grabou o track que sigo. Eu tiven que seguir por riba, polo camiño, bordeando a costa.


Na foto seguinte, a Praia da Palmada. Dende aí non se podía pasar á da Paloma. Había demasiada auga.
Praia da Palmada

Sigo por riba, pola Senda Litoral E-9 

A praia que vemos na foto seguinte é a da Paloma. Unha praia rural que vemos totalmente baleira a pesares de estar en agosto. Que ben!!
Praia da Paloma
Accesos moi ben acondicionados cun camiño de pedra para a Praia da Paloma . Este camiño remata aí nesa praia

A Praia da Paloma, nun entorno totalmente rural, é pequena e semella un paraíso. Nela desemboca o Rego da Fernada.
Praia da Paloma
A desembocadura do Rego da Fernada está nun enclave idílico.

Rego da Fernada

Abandono este fermoso lugar para alonxarme xa definitivamente da costa seguindo de momento a Senda Costeira E-9.

Volven aparecer os campos de millo. Este cereal plantouse en abril ou maio, agora está medrando e en setembro/outubro é a época da colleita. En Asturias, o millo é empregado para a alimentación do gando xa sexa ensilado ou en pienso.


Campos e máis campos enormes dedicados ao cultivo de millo. Non só aquí, en Tapia cultivan este cereal, senón que o fan ao longo de todo o occidente asturiano.


Estamos chegando ao lugar de As Nogueiras e o nome débelle acaer ben porque ao longo desta finca de millo vin varias nogueiras pequenas.

Xa vemos As Nogueiras


Paso por diante do Palacio das Nogueiras . O seu estado actual é o resultado de numerosas reformas ao longo dos séculos. É da familia Villaamil . A foto seguinte é unha árbore xenealóxica dalgúns membros desa familia 

                                                 Inscripción no Palacio das Nogueiras

Deseguida chego a Serantes. Esta parroquia pertenceu a Castropol ata mediados do S. XIX. Ten censados uns 800 habitantes que en época estival seguro se duplican.

Primeira sinalización que vexo da "Ruta do Millo"

A capela de S. pelaio preside o campo do mesmo nome. Aquí atopei un veciño de Serantes que estaba a coidar da capela e mantiven con el unha larga charla. Contoume moitas cousas da parroquia de Serantes e sabía máis de historia que algunha enciclopedia.
Interior da capela de S. Pelaio

Ao redor da capela de S. Pelayo hai un campo enorme moi ben coidado. Esta capela era antes a dun cemiterio que houbo aquí e foi transladado xunto á igrexa parroquial de S. Andrés. A capela é de aspecto neogótico.
Capela de S. Pelaio

Paso por unha ponte derriba da A8 e máis adiante volverei cruzala pero xa por debaixo doutra ponte.


Volvo atopar con campos de millo, aínda que onde máis se ven nesta ruta é na zona máis próxima ao mar que xa pasei. Este tramo faise largo, todo por unha recta e por estrada.

Paso por ao é do campo de golf "Cierro Grande" situado en Rapalcuarto (parroquia de Serantes)  Esta é a aportación máis importante dos anos 90 ao deporte no Occidente asturiano e Mariña lucense.
Campo de golf
Xa chegando a Casariego, moi cerca da vila.


Hai que deixar a estrada e meterse á esquerda para chegar á Fonte da Virxe ou Fonte da Encontrela que debe ser moi empregada polos veciños para pillar auga xa que tiven que agardar para poder sacar a foto sen que houbese ninguén e deseguida chegaba máis xente.



A Fonte da Virxe está nun entorno fermoso.
Fonte da Virxe ou da Encontrela

 Dende a fonte enlazamos coa estrada pero só para cruzala e pillar á dereita onde se ve a arboreda.


Pillamos este sendeiro á dereita onde unha gran pedra xa nos anuncia que está cerca o eucaliptón, o meu próximo destino.


O camiño que hai que percorrer para chegar a ver ese enorme eucalipto é ben fermoso!!

 
Na procura do Eucalipto dos Cancio.

O Eucalipto dos Cancio máis coñecido como Eucaliptón polo seu enorme tamaño, foi plantado por Octavio Cancio y Cuervo no ano 1870, no mesmo lugar onde tempo atrás o seu antepasado cultivara o 1º millo traído de América.
O eucaliptón

A fotografía aínda non di o enorme grosor que ten o tronco!
 
Ao pé do eucalipto, hai unha pequena área recreativa cunha fermosa ponte de pedra sobre o río Anguileiro que antes vimos na súa desembocadura.

Subimos un pouco e atopamos a Capela da encontrela, así chamada porque un veciño da zona atopou aquí a imaxe da Virxe e berrou "Encontrela". A capela foi propiedade do que trouxera o millo de América: Gonzalo Cancio y Donlebúm. Data polo tanto do S. XVI pero foi reformada no S. XIX
Capela da Virxe da Encontrela

Moi cerca da capela pero en dirección contraria  por segue a ruta, está o Palacio dos Cancio-Donlebún, As súas orixes están probablemente no S. XVI aínda que sufrindo reformas e ampliacións ata o S. XIX.
No S. XVI despois de exercer varios cargos de mando en América, volve á súa terra natal traendo entre outras riquezas, dúas arcas de madeira coa semente do millo (din que unha delas aínda se garda nese palacio) que planta aquí na súa finca ao pñe do palacio e a súa muller fai o propio en Mondoñedo de onde era natural.
Palacio dos Cancio Donlebún

Paso polo barrio de Viacoba xa chegando ao final:

Fíxome nun cabozo estilo Ribadeo aínda que estou en Asturias pero claro, na fronteira con Galicia...


Dende aquí deseguida chego á praia de Anguileiro e ao fin da ruta.

Páxinas web empregadas:

https://www.turismoasturias.es/descubre/costa/playas/playa-de-anguileiro

https://casonasdeavellaneda.es/2023/04/25/golf-campo-de-golf-cierro-grande-en-tapia-de-casariego-cierro-grande/
https://www.lavozdeasturias.es/noticia/asturias/2020/12/18/revolucion-maiz-germino-tapia-400-anos/00031608284576056369226.htm









Ningún comentario:

Publicar un comentario