sábado, 17 de agosto de 2024

CARIÑO-CABO ORTEGAL. RUTA CIRCULAR

En Cariño fixen este mesmo ano unha ruta urbana pola mesma vila e coñecín lugares moi interesantes e fermosos desta vila. A ruta pode verse AQUÍ

Cariño, na Costa Ártabra pertence á comarca de Ortegal é dende 1988 é un concello independente xa que antes pertencía a Ortigueira.

Está situada esta vila ao norte da provincia de A Coruña e limita coa Serra da Capelada e coa ría de Ortigueira, sendo o Cabo Ortegal, que hoxe visitamos, o seu accidente xeográfico máis destacado. 

Aínda que o nome desta vila nos leva a pensar en amor, tenrura...o certo é que Cariño vén do vocablo "kar" (pedra)

É unha vila que non chega aos 4000 habitantes.

Hoxe fixemos unha ruta á que lle tiña moitas ganas xa que non coñecía o Cabo Ortegal.

Características da ruta:

Lonxitude:8 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. Imprescindible seguir un track. O meu en WIKILOC

Descripción da ruta:

A ruta ten inicio e fin ao pé do cemiterio de Cariño. Tódolos tracks que vin, van dende aquí xa por estrada ata o miradoiro de Punta Gabeira. Nós descubrimos un carreiro por detrás do cemiterio (vese moi mal, se non se sabe é difícil dar con el) e aínda que ten bastantes felgos altos ao redor (coidadiño en primavera e verán coas carrachas) nós decidimos ir por aí para evitar o asfalto. Dá igual; é á gusto de cadaquén. Ámbolos dous itinerarios se van xuntar en Punta Gabeira.

Carreiro por detrás do cemiterio

O carreiro está acondicionado para pasar camiñando pero seguro que hai quen prefire ir pola estrada, nós non.

O día está espectacular, totalmente despexado e de momento perfecto para camiñar sen moita calor.

Chegamos deseguida ao miradoiro de Punta Gabeira a onde chegariamos tamén vindo pola estrada.

Miradoiro Punta Gabeira

Aquí empeza o chamado "Camiño dos Romeiros" a S. Xiao. Unha ruta de 21,5 km. que percorrían os cadáveres que falecían en S. Xiao para seren enterrados en Régoa (Cedeira) en tempos moi lonxanos.

Este sendeiro polo que imos vai preto do mar, aínda que ás veces non o imos ver pola arboreda.

  
A sombra é abundante.
Cruzamos o Rego Soutullo por unha ponte de madeira:

De cando en vez, cando houbo unha tala de eucaliptos, podemos ver o mar.

Chegamos a un cruce. Collendo á dereita temos a uns metros a capela de S. Xiao de Trebo. Este lugar fálanos dun pasado moi remoto xa que se di que debaixo da ermida e ao redor dela hai un asentamento romano.
A lenda conta que Xiao era un humilde cazador casado cunha bela esposa e da que era moi celoso. Un día chegaron de visita os pais del todos empapados pola chuvia e el non estaba na casa, xa que saira cazar. A muller díxolles que sacaran a roupa para secala e mentras que se deitaran na cama. Ela saeu na busca do seu marido e Xiao voltou á casa por outro camiño antes dela.
Ao chegar e ver dúas persoas na cama pensou que se trataba dunha infidelidade da súa muller, polo que disparou un par de tiros e matounos aos dous.
Abandonou a casa correndo e topou coa súa muller. Ao descubrir a verdade, empezou a berrar e púxose tan triste que se fixo santo.
Outras versións contan que tralo parricidio, Xiao fundou un hospital para pobres e peregrinos
Capela de S. Xiao do Trebo

Actualmente celébrase unha romaría a última fin de semana de xaneiro.
Capela de S. Xiao do Trebo

Despois de visitar a capela voltamos ata o cruce anterior e seguimos agora á esquerda pasando por diante desta casa na que hai unha placa que di: 
" Nesta casa visteuse o Sr. Bispo
da diócese de Mondoñedo-Ferrol, 
a súa Ilma. Monseñor D. José Gea Escolano" (18 de xaneiro de 2001)

Desemobocamos na estrada que vai ao faro de Cabo Ortegal.

Hai que ir pola estrada 1,5 km. aprox ata chegar ao Cabo Ortegal. Na seguinte foto parece que se acaba a estrada pero en canto damos esa curva...

Aparecen ante nós os acantilados e os Tres Aguillóns, tres pequenos illotes afiados. Tamén vemos o rochoso Monte Gargacido de 348m 

Monte Gargacido e os tres Aguillóns

Estamos chegando ao Miradoiro da Malva pero toda a estrada ata o faro é un miradoiro natural. Vemos ben na foto o Monte Gargacido.

O faro, como infraestructura, non é o máis impoñente que vimos. É unha sinxela torre cilíndrica duns 13m. de altura, construida en 1984. Sen embargo, o que é impresionante é o lugar onde se ubica, cerca de acantilados de máis de 600m. de altura. Ao leste vemos entre brumas Estaca de Bares e ao oeste Punta do Limo e os impresionantes cantís de Vixía Herbeira, un dos máis altos de Europa.

Faro de Cabo Ortegal
Eu non quería voltar polo mesmo camiño xa que sempre prefiro as rutas circulares e busquei un track que así o facía (hai varios, máis curtos ou máis largos...segundo o tempo que queiras empregar ou o canso/a que te sentas.)
Dende o faro volvemos ata o Miradoiro da Malva e alí pillamos un camiño á dereita.
Camiño de volta

O camiño está perfectamente transitable.


Dende un punto determinado vemos a capela de S. Xiao pola que antes pasamos.

O camiño ten tamén sombra. Estamos facendo unha ruta sinxela e fermosa.

 Atravesamos un bosque de abelairas.

O camiño anterior desemboca nunha estrada local, chegando ao barrio de Vila.

Dende o barrio de Vila temos unha espectaculares vistas de Cariño coa praia de Basteira o Monte Masanteo...


Vemos tamén a Ría de Ortigueira que baña Cariño.

Teño pendente unha ruta que pasa polo Monte Masanteo.

Baixando polo barrio de Vila. Estamos moi ceca do final.

Non me resisitín a visitar (só dende arriba) a praia de Peiral do Campo ou Mallorquín. Unha pena non haber levado traxe de baño para poder desfrutar das tranparentes augas desta fermosa e pequena cala.
Praia do Peiral ou Mallorquín

Para rematar fomos xantar ao centro de Cariño, ao restaurante Australia onde comemos estupendamente, cunha moi boa atención, comida saborosa e ben de precio.

Páxinas web empregadas:

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/a-coruna/cabo-ortegal/

https://viajecaminodesantiago.com/turismo-espana/faro-de-ortegal/

Ningún comentario:

Publicar un comentario