mércores, 21 de agosto de 2024

SENDA VERDE DEL AGÜEIRA PR.AS-241 (VILANOVA DE OSCOS)

 Volvín aos Oscos, neste caso a Vilanova, para facer esta estupenda ruta como o son tódalas desta zona privilexiada en paisaxes, en conservar unha natureza virxe e autóctona que dá a coñecer mediante fantásticas rutas homologadas para que poidamos desfrutar desta marabilla asturiana.

Parte do percorrido desta ruta xa o coñecía porque comparte parte do trazado coa Ruta dos Bosques que xa fixemos.

Características:

Lonxitude: 13,2 km.

Dificultade: moderada, por unha baixada que pode resultar perigosa en caso de chuvia sobre todo. É unha baixada bastante técnica e aínda que hai varandas para agarrarse, moitas delas están rotas ou caídas.

Ruta circular moi ben sinalizada, agás un punto determinado saíndo de S. Mamede no que hai que cruzar a estrada AS-33 e continuar por un sendeiro en subida. Non está indicado e pode haber dúbidas de por onde ir se non se segue un track.

O meu track en WIKILOC

Descripción:

Esta ruta ten inicio e fin na mesma vila de Vilanova. Este concello ten unha das densidades de poboación máis baixas de toda Asturias (non chega a 300 habitantes)

Vilanova de Oscos

Edificio do concello. Ao igual que outras construccións emprega a pedra e a pizarra.
Casa do Concello
Ao pé deste edificio, que alberga a Casa da Xuventude e o Ximnasio, hai paneis desta ruta e da dos Bosques, que tamén comenza aquí.
Casa da Xuventude e Ximnasio

Deixamos atrás Vilanova de Oscos. Fixándose vemos un guindastre e a cuberta do mosteiro tapada porque están en obras de restauración. Boa falta lle fan!
Vilanova
Ao longo de todo o percorrido vemos estes sinais con fondo negro que marcan a distancia entre as tres vilas que forman Os Oscos: Santalla, S Martiño e Vilanova porque hai unha ruta moi longa que une estas localidades. (Chámase a ruta, Oscos Natural)

Xa observo que a ruta está perfectamente rozada e acondicionada.

Chego a un cruce e podo ir pola esquerda (pasando por Santa Eufemia) ou pola dereita indo polo barrio El Río. En ámbolos dous casos a ruta únese na área recreativa de Santa Eufemia. Optei por esta última opción xa que á volta pasarei polo medio de Santa Eufemia.
Collín á dereita

Atraveso unha carballeira e un bidueiral.
Bidueiral

Empezo a baixar cara a El Río.

Encantoume ver os carballos cheos de landras que serán alimento de moitos animais no outono/inverno.
Landras nos carballos

O camiño que traio desemboca nunha estrada local

En El Río vemos esta casa nova e se seguísemos a estrada no outro sentido, veríamos outras tres ou catro en estado totalmente ruinoso. Á dereita, o bosque polo que hai que subir agora.
El Río
Esta ruta está perfectamente sinalizada con sinais en ámbolos dous sentidos.

A Área Recreativa de Santa Eufemia onde conflúen dous ríos: o Vilanova e o Pasarón.

É unha área recreativa con moita arboreda e na que parei a descansar un pouco.


Chamáronme moito a atención estas pontes de pedra das que non hai referencia nin información ningunha ao pé delas. 
Leo en Internet que non están nin catalogadas. Son dúas pontes medievais ou romanas de distinto século.


Empezamos a subida. Un letreiro avisa da forte pendente.


Subo á sombra e moi despacio desfrutando da paisaxe.


Nun momento dado, hai un camiño á esquerda que nun metros (moi poucos) nos leva ao caserío abandonado de Abilleira. Hai un claro dende onde vemos a aldea de Pacios, por onde despois pasarei.

Abilleira

Continuo ascendendo ata que atopo unha bifurcación. Aquí sepáranse a Ruta dos Bosques e a Ruta da Senda verde do Agüera. A dos bosques baixa á esquerda por un camiño que vemos perfectamente acondicionado e eu sigo á dereita.


Espléndidas vistas do Barranco de Morán e montañas lonxanas.


A subida segue pero agora é algo máis suave. Coa altura, a paisaxe cambia totalmente. Deixa de haber árbores para aparecer toxo pequeno e matogueiras.


Vexo unha sinal da Pedra do Tesouro e un tramo de camiño moi rozado para chegar e aló vou. Está a só uns metros.


Esta é a Pedra do Tesouro pero non sei que tesouro esconde ou a que vén a sinalización para achegarse se despois non hai unha sola referencia ao seu significado. No blog do Club Acivro leo que o oco da pedra ten forma humana e era para deitarse e recibir así a ensoñación de onde se atopa un tesouro.

                                                                           Pedra do Tesouro
Remata a subida de Pena Grande.


Ante min aparecen as brañas de Lama ,Chao de Bureiros e Folgueirúa


Amplas pradarías nun terreo cha cruzado por amplas pistas.



Esta pista será o último tramo por estes prados.



Vin moi poucos seres vivos. Uns deles foron estas vacas que se debían preguntar quen era a intrusa solitaria...

A piques de empezar a baixar.

Este banco ten boas vistas sobre as montañas dos Oscos.


Ao ir baixando a altitude, empeza a haber bosque, neste caso un piñeiral.


Empeza a chuviscar ao lonxe, á dereita o Barranco de Morán.

A partires de aquí, a baixada vaise complicar. Un sinal xa nos avisa.


É unha baixada bastante pronunciada con lousas soltas no chan. Hai un valo de madeira para agarrarse per moitos paus están rotos. Por aquí debemos extremar as precaucións.

Ao rematar a baixada atravesamos o rego do Barranco de Morán por unha ponte de madeira.

O percorrido está cheo de árbores autóctonas que nos Oscos souberon conservar. Cruzamos agora un bidueiral.

A agora chamada comarca Oscos-Eo é unha das 7 Reservas da Biosfera de Asturias. É un territorio tranquilo, ideal para actividades na natureza. Actualmente conforman esta comarca os concellos de  CatropolSan Martín de OscosSan Tirso de AbresSantalla de OscosTaramundiVegadeo e Vilanova de Oscos.

Enormes castiñeiros chegando a S. Mamede.

Neste cruce imos sepaarnos da ruta Oscos Natural que une os tres concellos dos Oscos. Esa ruta segue á dereita e nós imos á esquerda.


Cruzo o río Vilanova por esta antiga e fermosa ponte de pedra da que non atopo referencia algunha en ningún lado. A min paréceme que ten que ser moi antiga.
Ponte chegando a S. Mamed.

O 1º que se atopa é un antigo lavadoiro que xa non cumple a función de lavar pero souberon aproveitalo para algo moi útil como é regar os prados próximos e así non desperdician a auga.
Este lavadoiro foi o meu comedor de hoxe.

Sanmamede pertence á parroquia de Martul que ten en total 16 veciños. Sanmamede, a  570m. de altitude contaba en 2022 con 4 veciños. É tremenda a despoboación que sofre este concello.
S. Mamed ou Sanmamede

S. Mamed é outro exemplo máis do abandono do rural.

Abandonando esta aldea topamos coa AS-33 que temos que cruzar para coller o carreiro á dereita. Non hai sinal aquí que o indique.


Subir agora, aínda que o desnivel non é moito, sen sombra, con calor e ás dúas e media da tarde foi o que máis me custou desta ruta.

As vistas son espectaculares dende logo:

Ás veces aparece algún carballo que me dá alivio.

Este camiño, aínda que se pasa bastante ben, é o tramo peor coidado da ruta.

Os Oscos, sinónimo de silencio, tranquilidade, fermosura, natureza en estado puro...

Antes de chegar a Pacios atraveso outro frondoso bosque:

Neste cruce, chegando xa a Pacios, únese a ruta dos Bosques outra vez que vai coincidir con esta ata o final.

Muros de pedra e prados na entrada a Pacios.

Pacios é unha pequena aldea cunha destacada arquitectura tradicional en pedra e lousa que pertence á parroquia de Vilanova.
Pacios

Despois de Pacios toca baixar a Santa Eufemia por unha carballeira fermosa. O sendeiro volve estar prefectamente acondicionado. Un pouco máis adiante, no medio da carballeira, vai unirse a esta a Ruta das Zarras tamén.


Desembocamos nunha estrada local que nos vai levar deseguida a Santa Eufemia.

Uns metros despois de ir pola estrada atopamos o inicio da Ruta das Zarras. É a única que me queda por facer neste concello.

Xa se ve Santa Eufemia que pertence á parroquia de Vilanova.

Santa Eufemia é un caserío totalmente restaurado. Son 4 ou 5 casas que foron rehabilitadas e actualmente este lugar é un núcleo de turismo rural.

Un detalle de casas restauradas:

O Río Vilanova cruza esta localidade e vemos un muíño tamén restaurado ás súas beiras.

Pódese baixar ata o muiño:

E dar un pequeno paseo ata a presa por este carreiro acondicionado.

Presa no río Vilanova para levar auga ao muíño.

Ao fondo do típico hórreo asturiano, o edificio en verde é o Ecomuseo do Pan onde ademais de realizar actividades relacionadas coa feitura do pan, oraganizan talleres de escritura, cine, coloquios, teatro...

Nun alto, dominado a aldea atopamos a súa capela de estilo barroco.


Imos uns metros por estrada ata pillar este camiño á esquerda:

A natureza nos Oscos é sempre apabullante!

Paso por diante do cemiterio de Vilanova.

Dende aquí vou xa polo mesmo camiño que vin á mañá 

Un recuncho de Vilanova xa chegando ao punto de inicio. Tódalas casas aparecen rehabilitadas con gusto e coa mesma estética da zona.

Están actualmente rehabilitando as cubertas do mosteiro de Santa Mª. Este mosteiro é un dos conventos cistercienses históricos de Asturias. Foi fundado no S. XII


Páxinas web consultadas:

https://www.elcomercio.es/v/20111001/sociedad/viejos-puentes-santa-eufemia-20111001.html

https://www.turismoasturias.es/organiza-tu-viaje/donde-ir/comarcas/oscos-eo
































Ningún comentario:

Publicar un comentario