No ano 2016 realizamos esta ruta na súa versión larga, xa que ten dúas opcións. Hoxe fixemos a opción curta.
Esta era a única ruta que me faltaba por reaizar neste concello de Trabada que ten 5 rutas homologadas e perfectamente sinalizadas.
Características:
Lonxitude: 6,5 km.
Dificultade: moderada, sobre todo pola última baixada que pose ser esvaradía en días chuviosos.
Ruta circular perfectamente sinalizada. Aínda así, deixo o meu track en WIKILOC
Descripción.
Aínda que oficialmente a ruta empeza 1 km. antes, nós empezamos xunto á igrexa.
Estamos en Santiago de Vilapena, parroquia do concello de Trabada onde a gandaría ten un papel importante. Xunto a casas antigas en pedra, tamén vimos construccións máis recentes.
Chama a atención a igrexa que se ve moi antiga. Construida en 3 corpos ten no seu interior un retablo barroco de gran importancia que non vimos porque, aínda que houbo Misa ao ser domingo, esta xa fora e a igrexa xa pechara.
|
Igrexa de Vilapena |
Atravesamos un barrio desta parroquia.
Vemos á dereita aínda casas da aldea e frente a nós a Fraga de Vilapena onde dentro de pouco nos imos adentrar.
Pasamos diante da última casa habitada antes de introducirnos na fraga.
Esta é a última casa xa deshabitada e en ruinas que atopamos. A estrada dá paso a un camiño:
Unha fonte orixinal:
Empezamos a subir, aínda moi lixeiramente.
Dende un claro podemos ver a aldea de Vilapena que acabamos de deixar.
A ruta ten dúas opcións de percorrido, unha larga que sería continuando de frente e a que nós estamos a facer, a curta, e temos que pillar á dereita. Empeza unha boa subida.
A fraga ten moitas e variadas especies autóctonas: carballos, castiñeiros, acivros, abelairas, madroños..Atravesamos varios regos que nesta época apenas levaban auga.A Fraga de Vilapena ten un incalculable valor patrimonial e é un exemplo vivo dos bosques máis representativos da paisaxe que conformaban antigamente Galicia dende a beira do mar ata os 1500m de altitude.
Unha maneira ben axeitada de canalizar a auga dunha fonte natural.
É unha fraga moi húmida onde medra moito musgo sobre todo nas zonas máis sombrizas.
Vimos o sinal dunha antiga carboeira, un lugar onde se facía carbón vexetal a partires de madeira de uz (tamén chamado breixo) O burato onde se facía a queima, chámase "foia". O carbón obtido era logo vendido aos ferreiros para facer utensilios. O oficio de carboeiro está practicamente desaparecido.
Totalmente inmersos no medio desta fraga pero sen medo ningún a perderse; está super ben sinalizada!
Canto aprendo facendo sendeirismo!! Nesta árbore vemos uns buratiños. Son feitos por un peto ou paxaro carpinteiro. Esta ave aliméntase de vermes e insectos que atopa nas cascas das árbores. O son que emiten cando fan estos buratos co seu peteiro é a mellor maneira de indentificalos. Tamén fan buratos máis grandes para fabricar os seus niños.
Unha fraga sen dúbida ben importante dende tódolos puntos de vista: pola súa fermosura e polo valor medioambiental. Aquí medran moitísimas especies vexetais e é refuxio dunha variada fauna.
Chegamos a un punto de cruce das dúas variedades desta ruta: a longa e a curta. Aquí xúntanse ámbalas dúas e comparten percorrido ata o final. Á man esquerda baixa o Rego de Vialformán que apenas vemos xa que vai moi afundido.
Remata o carreiro polo medio da fraga e desembocamos nunha pista que pensamos que debeu ser acondicionada para sacar madeira.
Xa fóra da fraga podemos observala. Esperemos que os eucaliptos que vemos en 1º plano non a devoren nunca!!!
E chegamos ao inicio e fin oficial desta ruta, aquí nesta curva da estrada que vai a Vilapena e onde xa acaban de empezar este mes as obras para a creación dunha área recreativa.
Nós agardamos aquí a persoa que foi buscar o coche á igrexa, onde comenzamos a ruta.
Páxinas web consultadas:
https://turismo.trabada.gal/esp/rutas-de-senderismo/
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2018/05/16/carboeiro-oficio-desaparece/00031526505079978150565.htm
Ningún comentario:
Publicar un comentario