xoves, 20 de xaneiro de 2022

CAMIÑO NATURAL DO CANTÁBRICO. TRAMO: PRAIA DE AREA GRANDE- PORTO DE O VICEDO

 Hoxe rematamos a 6ª etapa deste Camiño Natural percorrendo o tramo dende a praia de Area Grande ata o Porto de O Vicedo, sen sair deste concello.

Esta que rematamos é a penúltima etapa deste Camiño Natural que empezamos en Ribadeo, xa hai catro ou cinco anos, e que fomos facendo ao noso aire cando podiamos ou nos apetecía.

A mín personalmente encantoume este camiño que pasa por tódalas praias da costa cantábrica, que ás veces tamén se mete ao interior e que nos permite descubrir paisaxes inesquecibles.

O track da ruta de hoxe en WIKILOC:

Características:

Lonxitude: 11 km.

Dificultade: Fácil. (Aínda que ten algunha subida importante son moi curtas).

Ruta lineal ben sinalizada xa que coincide case na súa totalidade (despois explico o de "case") coa ruta homologada PR-G 156 "Costa de O Vicedo".

Descripción:

Saimos da praia de Area Grande. A ubicación AQUÍ

Iniciamos o tramo de hoxe coincidindo co inicio ou final da ruta PR-G 156 "Costa do Vicedo" que realizamos hai uns anos: 

https://rutasdesendeirismo.blogspot.com/2020/05/ruta-costa-de-o-vicedo-pr-g156.html


A praia de Area Grande ten varias pasarelas de madeiras para acceder a ela sen pisar o espazo dunar que ten. É unha praia que se conserva no seu estado natural e hoxe aparecía moi tranquila, sen apenas oleaxe pero é moi frecuente que o haxa  xa que é unha praia moi ventosa.
Ten varios observatorios de aves e un sistema dunar moi ben conservado.

Imos por esta pasarela de madeira paralela a toda a praia. Moito COIDADO se está xeado como ocorría no día de hoxe porque esvaraba moitísimo!!
  
Deixamos a praia por este fermoso camiño de carro:

Neste punto da foto temos 2 opcións: coller á esquerda como nos indican os sinais da ruta PR-G 156 ou ben seguir de frente como nos indican os sinais do Camiño Natural. Nós tomamos esta 2ª opción.

Despois duns cantos metros, saímos á estrada xeral:

 Durante uns 250m. camiñamos polo arcén:

E chegamos ao 1º miradoiro (veremos varios) Trátase do miradoiro de Moreiras ou S. Román. Se viñesemos por onde indicaba a ruta "Costa de Vicedo" perderiamos este miradoiro.
Este miradoiro é  ademais  unha area de descanso con mesas e bancos.

Dende este miradoiro podemos devisar ao lonxe  a entrada da ría de Viveiro, a costa de Xove coa praia de Esteiro e a Punta Roncadoira e tamén Punta Socastro popularmente coñecida como "Fuciño do Porco".


Neste miradoiro-área de descanso vemos tamén unha pedra cun burato e coa seguinte inscripción:
a ora de S. Xoan
os primeiros raios 
do sol vese no
furado aberto na 
rocha a muller
encantada peiteando
os seus cabelos
(a cova dos encantos)
Esta lenda fai referencia á que existe sobre a Cova da Doncela, tamén chamada "dos encantos" que visitamos no tramo anterior desta ruta.

A estrada local que vén pola esquerda é pola que marca o percorrido da PR-G 156 que se une agora á que nós traemos

No cruce anterior chamou a nosa atención o xardín dunha casa:

 
Deseguida abandonamos a estrada para xirar á dereita e vemos coincidentes os dous sinais. Hoxe non temos dúbidas!!!
 
Desembocamos nunha estrada local onde aparece outro miradoiro: o de Tixoso.

Vemos a pequena cala de Tixoso que só ten acceso por mar. As vistas dende aquí son as mesmas que dende o anterior miradoiro de S. Román.
 
Seguimos uns metros (poucos) por estrada e pasmos pola aldea de Vilasuso onde torcemos á dereita para encamiñarnos ao miradoiro das Laxes.

 Primeiro imos por pista forestal ata chegar a unha zona dende a que xa percibimos o Cantábrico.
 
A illa Coelleira aparece maxestuosa. É a maior das illas do Cantábrico galego. Está coronada por un faro e aí houbo un mosteiro de monxes benedíctinos que foi arrasado polas incursións normandas, tan habituales nestas costas. Debe o seu nome a que antiguamente había moitos coellos.
 
Vemos o camiño polo que temos que ir e tamén aló no alto, o miradoiro.
 
O Miradoiro das Laxes xa nos chamou a atención cando realizamos a ruta "Costa do Vicedo" polos aparatos de ximnasia para maiores que alí instalaron. Resulta que a ese lugar só se chega andando, en bici ou nun todoterreo ademais do alonxado que está de calquera núcleo de poboación.
Quen tivo a idea de colocalos aí  e quen o permitíu, tiña o diñeiro ben demais. E se foi co diñeiro de todos...pois moito peor. Que ganas de despilfarrar!!

 Abandonamos o miradoiro costa abaixo contemplando unhas vistas marabillosas do Cantábrico.

Recentemente colocaron carteis sobre fauna, flora e características desta costa:
 
Agora imos contempalndo á nosa dereita a Punta de Estaca de Bares e a vila de Bares.
 
Esta costa da Mariña Occidental é un espazo catalogado como ZEC (Zona Especial de conservación) e ZEPA(Zona de Especial Protección para as Aves)

 Xa nos imos achegando á Praia de Xilloi, xa a podemos ver:

 
Esta praia situada na entrada da Ría do Barqueiro ten unhas augas moi tranquilas debido a esta situación. É de area branca e moi fina e ten un imortante sistema de dunas. É unha praia que dispón de todo tipo de servizos.
Praia de Xilloi coa Estaca de Bares e a vila de Bares, de frente.

Ao final da praia, podemos optar por ir pola estrada uns metros  ou realizar unha pequena pero esixente subida (Na foto). Logo atópanse os dous itinerarios:

 Unha imaxe de toda a praia que ten forma de cuncha e onde se pode tamén apreciar o sistema dunar que ten:


Continuamos o noso percorrido polo medio dun monte que vai de momento pegado á costa, pola dereita temos loureiros e o mar e pola esquerda, eucaliptos.

De súpeto o monte xa é todo de eucaliptos. Imos por pista forestal pegados ao mar:

 Vanse abrindo as vistas e observamos de novo Estaca de Bares coa vila de Bares.

 Agora aparecen os piñeiros. Esta ruta ofrécenos unha paisaxe inigualable, sobre todo no día radiante de hoxe a pesares de estarmos en xaneiro.

 
  Atravesamos un grupo de casas.
 
Un sendeiro de pedra vainos levar á próxima praia.
 
Estas son as ruinas dunha antiga fábrica de salazón. Esta industria remóntase a finais do S. XVIII, consolídase no S. XIX e mantén certa importancia ata o 1º terzo do S. XX. En Galicia o peixe que se empregaba na salazón era maioritariamente a sardiña e a actividade productiva ía entre xaneiro e xuño.
Antiga fábrica de salazón

As ruinas da anterior fábrica están na parte de arriba da praia de Caolín. Esta é unha pequena cala fermosísima onde as augas están case sempre tranquilas e son transparentes e moi azuis.
Praia de Caolín

Vemos unha baliza que é unha sinalización para a navegación que pode estar na terra (como é este caso) ou no mar. Se teñen luz, acadan menos distancia que os faros e tamén se diferenzan destes en que os faros sempre emiten luz branca e as balizas vermello, verde, amarelo e  azul excepto as marcas cardinais que son brancas.
Baliza
Case pegada á praia de Caolín está a de Vidreiro xa moi cerca do porto de O Vicedo. É unha praia pequena, de augas transparentes e area moi fina.
Praia de  Vidreiro
Chegamos ao porto que vai ser tamén o final do noso tramo e coincide co final da 6ª etapa. A maioría dos barcos que vimos atracados son de recreo, de pesca había tres ou catro.
Porto de O Vicedo
No porto está o monumento ao Mariñeiro.


Ningún comentario:

Publicar un comentario