luns, 10 de xaneiro de 2022

CAMIÑO NATURAL DO CANTÁBRICO. 6ª ETAPA. TRAMO VIVEIRO - PRAIA DE AREA GRANDE

Para mín, esta etapa é das máis fermosas deste Camiño. O tramo que fixen hoxe (desplazándose para ver O Cargadoiro e a Cova da Doncela e tendo a opción de ir ao Fuciño do Porco) son suficientes atractivos para realizar esta andaina e o tramo que queda, dende a Praia de Area Grande ata O Vicedo tamén é moi fermoso porque xa o coñezo ao coincidir totalmente coa ruta homologada "Costa de O Vicedo" que realizamos hai uns anos.

Características:

- Lonxitude: 14,5 km.

- Dificultade. Baixa.

- Ruta lineal ben sinalizada agás nalgún cruce.

A ruta en WIKILOC:

Descripción:

Saímos de Viveiro (quen non coñeza esta vila pode aproveitar para adentrarse polo seu centro histórico e percorrer as rúas visitando os monumentos. Sen dúbida que merece a pena) Nós como xa coñecemos moi ben esta vila, atravesamos a Ponte da Misericordia para iniciar o Paseo Marítimo de Covas.

O 1º que vemos ao baixar do coche, que estacionamos no aparcadoiro gratuito xunto á estación de autobuses, é a Ría de Viveiro surcada por lanchiñas.

Ría de Viveiro

 A construcción actual da  Ponte da Misericordia data do S. XVI pero a ponte primitiva é da época romana da que só hoxe se conservan 9 arcos dos 12 que tivo. Os tres que faltan foron destruidos ao contruir o malecón e o muelle.

Ponte da Misericordia

Tamén vemos a Porta de Carlos V que foi edificada no S.XVI para sustituir a outra anterior. Foi realizada como homenaxe a Carlos I de España e V de Alemania polos favores que concedeu a esta vila. É unha das tres portas que se conservan de cando Viveiro estivo amurallada. En 1942 foi declarada Monumento Natural e é de estilo renacentista plateresco.
Porta de Carlos V
Atravesamos a Ponte da Misecordia. En frente vemos o codiciado barrio polas vistas de O Paraíso e á dereita a zona escolar. 

Rematada a Ponte, enlazamos co Paseo Marítimo de Covas tamén chamado Paseo do enxeñeiro Martín Ledesma.

Paseo Marítimo de Covas

A un lado vemos o Parque Pernas Peón.

 
Este paseo mide case 2 km. 

E vai ao lado da fermosa e grande Praia de Covas que ten unha gran ocupación en época estival. Covas é unha parroquia de Viveiro.

Praia de Covas
Ao final da praia, vemos unhas rochas puntiagudas chamadas Os Castelos. No S. XIX naufragaron contra elas ao mesmo tempo a fragata  Sta.Mª Magdalena e o bergantín Palomo nunha noite de temporal causando máis de 500 vítimas. En varios recunchos da cidade atópanse restos dese naufraxio.
Praia de Seiramar e Os Castelos

Cruzamos a estrada para pillar outra local entre as casas.

Chegamos á parte alta deste barrio e temos unhas inmellorables vistas de Covas e a súa praia.

Ao pouco os sinais lévannos á dereita onde pillamos unha pista forestal para atravesar un monte:

 O monte está cheo de eucaliptos pero as acacias tamén aparecen e xa floreadas:

Desembocamos xunto á vía de FEVE, en Escourido, aldea pertencente á parroquia de Covas. Aquí tivemos dúbidas en coller á esquerda ou á dereita porque a este Camiño Natural sóbranlle sinais nalgúns lugares e fáltanlle noutros, sobre todo nalgúns cruces. Finalmente pillamos á dereita e acertamos.

Baixamos á estrada xeral que cruzamos e o trazado oficial sinala un estreito sendeiro á esquerda polo que nun km. e pico chegariamos xa á praia de Abrela pero neste punto tamén se nos dá a opción de desviarnos ata O Cargadoiro camiñando 700 m. Nós pillamos esta opción.
O Cargadoiro era a zona onde se descargaba o mineral procedente da mina de Silvarosa (ferro) a través de cable aéreo durante máis de 5 km., algo pioneiro en Galicia. Esta actividade industrial foi moi importante en Viveiro dende finais do S. XIX ata os anos 60 do S. XX xa que daba traballo a moita xente.
Hoxe, esta zona está convertida nun lugar de ocio e área recreativa chamada "Parque Etnográfico da Insua"

Parque etnográfico da Insua
Este parque etnográfico é tamén un excelente miradoiro sobre a ría de Viveiro. Eso sí, que vaian cortando os eucaliptos ou axiña o miradoiro perderá a súa función...
 
Na foto vemos restos das estructuras empregadas para achegar o mineral aos barcos que o trasladarían a Inglaterra e Alemania para fabricar canóns.

 O mineral chegaba ata o mar polo propio impulso da carga aproveitando o desnivel da ladeira ata o mar.

 No tramo final,  o cargadoiro adéntrase no mar. Só se conservan uns metros que se poden percorrer.


Se en lugar de coller de frente para O Cargadoiro pillamos á esquerda, imos dar á Cova da Doncela. Tiña moitas ganas de coñecela xa que ultimamente oira falar moito desta cova, pero grazas a que atopamos un paisano do lugar e nos indicou por onde había que ir, se non non chegaríamos porque non está indicad. Só uns 200 m. antes de chegar temos un letreiro moi grande.
Indo de camiño para a Cova da Doncela, podemos ver xa a praia de Abrela no concello de O Vicedo.


Ata a Punta da Insua pdenos ir por un carreiro pero...OLLO!! É moi estreito  nalgún lugar e un mal paso pódenos pricipitar polos cantís que son moi elevados.
A palabra insua, tradúcese normalmente por illa pero non sempre se refire a un terreo rodeado de auga. Neste caso reférise a unha península costeira.
 

E chegamos á ultimamente famosa Cova da Doncela xa no municipio de O Vicedo. Conta a lenda que nesta cova vivía unha fermosa doncela encantada por un rei moro. De cabelos rubios e vestida de branco, cada ano na noite de S. Xoán baixaba polos cantís para bañarse e peitearse cun peine de ouro e brilantes. Logo volta á súa cova da que non volve sair ata o próximo ano. Máis crible é a versión de que nesta cova contrabandistas e piratas agochaban os seus tesouros.
Á cova hai que entrar agochado:
Cova da Doncela.
Ao principio hai que ir agachado pero ao final xa nos podemos poñer de pé, eso sí moito COIDADO se ides con nenos. Non se poden perder nin un momento de vista xa que hai un alto precipicio que dá a rochas e á auga e unha caída pode ser fatal.
Cova da Doncela


Dende aquí teriamos que dar a volta para volver á ruta oficial (camiñar uns 2 km. para atrás) pero víamos tan cerca a praia de Abrela á que tiñamos que chegar que nos aventuramos por un monte paralelo á praia no que hai un camiño.

Deseguida (uns 200m.) chegamos á praia pero...hai un río que desemboca xusto onde tiñamos que cruzar!
 
Andivemos uns metros, cruzamos esta cala diminuta a ver se atopábamos un sitio bon , con apenas auga para atravesar...

Pero houbo que descalzarse...non había profundidade pero...que fría estaba!!
 
A praia de Abrela no concello de O Vicedo, é un fermosísimo areal cunha área dunar na que se asentan os piñeiros. Unha pasarela de madeira e bancos e mesas conforman un fermoso merendeiro. Nesta praia temos tódolos servizos, incluido un chiringuito moi ben considerado que só abre en verán. Incluso nesta estación, é un lugar cunha ocupación media, moi tranquilo. En época de oleaxe é moi frecuentada por surfistas, tal e como vimos hoxe.
Entorno da praia de Abrela

Esta praia sitúase na parroquia de Suegos, no concello de O Vicedo. Agora imos atravesar lugares desta parroquia dende onde, a medida que imos subindo, contemplamos uhas magníficas vistas:


A igrexa de Santa Mª de Suegos, antiguamente era denominada Santa Mª de Suevos en lembranza deste pobo bárbaro que invadíu Galicia. É do S. XVI con posteriores reformas no S. XVIII
Igrexa de Santa Mª de Suegos

A maioría de vivendas en torno á praia de Abrela son de recente construcción.

Ao chegar enriba temos a opción de ir ata o Fuciño do Porco. Nós como xa estiveramos en dúas ocasións seguimos camiño e agora toca cruzar outro monte:

 Ímonos xa achegando á Praia de S. Román , tamén chamada Area Grande.
 
Pero antes de acadar a praia, topamos coa Cruz de S. Román. Esta cruz lembra a catro dos oito tripulantes do balandro "Drácula" que morreron cando esta embarcación naufragou.
É unha cruz de granito de máis de 5m de altura que se alza solitaria derriba dos cantís. Morreron os veraneantes Marisa e Manolo Vidal Martín (Irmáns), J. Antonio García e o mariñeiro de Covas Celestino Pérez.
Dos outros catro tripulantes, dous deles, despois de máis de 4 horas nadando, chegaron ata a praia de S. Román xa de noite e deron a voz de alarma para rescatar a Carlos e Margarida que eran noivos e deran chegado a unhas rochas onde foron rescatados por un pescador de S. Román que dende a súa lancha os oeu berrar.
Cruz de S. Román
Xa estamos na praia Area Grande ou de S. Román que será o punto final do noso percorrido de hoxe. É esta unha praia que se atopa no seu estado natural. Ten dunas que están moi ben conservadas e protexidas. É unha zona ZEPA(zona de especial proteción para as aves)

Recollida de información:
https://eneldeseado.blogspot.com/
http://www.concellodovicedo.org/turismo/portada-turismo/gl
https://www.mapa.gob.es/es/desarrollo-rural/temas/caminos-naturales/caminos-naturales/sector-noroeste/cantabrico/default.aspx
https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2016/09/area-etnografica-da-insua-minas-da.html

Ningún comentario:

Publicar un comentario