Este blog crease para ir mostrando rutas de sendeirismo de dificultade baixa e /ou media-baixa e tamñen teñen cabida outras viaxes realizadas.
Rutas por Galicia e Asturias que non sobrepasen os 15/20 km. de lonxitude para que as podan realizar persoas que non necesiten estar en ningunha especial forma física.
A Ruta de A Paicega atópase nun dos máis pequenos concellos de Asturias: Pesoz , que é a única parroquia e a capital do concello. Sofre unha gran perda de poboación tendo menos de 150 habitantes.
Esta ruta lineal de 4 km. (só ida) ten como punto máis interesante o poboado abandonado de A Paicega. A posta en marcha do encoro de Grandas de Salime (concello limítrofe con Pesoz) trouxo consigo a creación de 4 poboados para aloxar aos traballadores do encoro e ás súas familias. Un deles foi este de A Paicega, construido entre 1948 e 1953 e que albergou a unhas 200 persoas, moitas delas andaluzas. Había outros dous poboados máis que albergaban en total a máis de 3000 traballadores.
A Paicega foi unha poboación puxante naqueles anos de mediados do S. XX que contaba ata con polícia propia.
O remate das obras do encoro rematou tamén co total abandono de A Paicega quedando só en pé a igrexa e pouco máis, o resto das edificacións están totalmente arruinadas.
A ruta arranca dende a capital do concello, dende Pesoz. Namorounos esta pequenísima vila metida entre montañas coa súa tranquilidade, as rúas super limpas, unhas casas de pedra, grandes e coidadas.
Pesoz
O primeiro que vemos ao chegar é este pazo, chamado "Pazo de Manuel Monteserín García" como reza na súa fachada; pero coñecido como Pazo de Ron debido aos seus primeiros propietarios. O pazo data do S. XVII e no S. XIX comprouno Manuel Monteserín, un indiano enriquecido. Actualmente, as propietarias do pazo son dúas netas dese Manuel que viven aí.
Empezamos a ruta que está moi ben sinalizada subindo esta costiña:
Deseguida nos introducimos nun frondoso bosque que nesta época está sen follas. Imos subindo continuamente pero é unha subida curta e levadeira.
O bosque de carballos, castiñeiros e bidueiras, dá paso máis arriba a un de piñeiros.
Saímos á unha estrada local que nos vai levar á aldea de Sanzo.
Estamos no alto e a paisaxe ábrese para deixarnos ver as montañas.
Imos chegando xa a Sanzo, unha aldea eminentemente agrícola e gandeira como poidemos comprobar.
Aquí, xunto á capela de S. Xoán paramos a facer o noso descanso habitual.
Capela de S. Xoán en Sanzo
Cruzamos a aldea para seguir camiño:
A aldea de Sanzo está situada a unha altitude de 600 m. e conta cunha poboación de aprox. 40 persoas.
No seguinte vídeo da TPA podemos coñecer mellor a aldea de Sanzo e aprender cousas moi interesantes de A Paicega.
Ata A Paicega só nos queda 1 km. dende Sanzo. O traxecto é moi cómodo por un ancho camiño de terra e en chao.
Unha vista de Sanzo dende o outro lado.
A Paicega impresiona e non deixa indiferente. A imaxinación voa ata mediados do pasado século para evocar esas edificacións que agora vemos en ruínas, cheas de vida.
Hai que dicir que este non era o único poboado que existía para albergar aos traballadores se non que había outros cercanos. Ladeira abaixo por exemplo estaba o de Vistaalegre e o de Eritaña que se ven mellor dende abaixo, dende a presa.
Barracóns en A Paicega
Había 12 barracóns cada un con tres vivendas.
Hai instalado un miradoiro dende o que se aprecia o rio Navia e á dereita tamén se pode apreciar outro poboado abandonado onde vivían os traballadores máis cualificados, ao pé da presa.
A igrexa de A Paicega foi consagrada á Virxe da Luz no 1948 e é a edificación que mellor se conserva do poboado. A súa fisonomía lembra a dunha igrexa escandinava pola cor oscura dos materiais e polo empinadísimo tellado.
No ano 2021, o concello comprou esta igrexa á empresa Saltos del Navia. Actualmente está en proceso de ser restaurada para servir como local social para diversas asociacións.
Igrexa de A Paicega
Tamén están a construir unha Área Recreativa.
Despois de "patear" A Paicega, observar as vistas magníficas que hai e sacar as correspondentes fotos, demos a volta. Hai que desandar o andado xa que esta ruta é lineal.
De volta en Pesoz, tomamos unhas cervezas no "Mesón As Cortes". un lugar entrañable, acolledor e onde nos trataron de marabilla.
Mesón As Cortes
Paseamos por esta tranquila, pequena e fermosa vila
Pesoz leva varios anos presentando a súa candidatura para ser "Pueblo ejemplar de Asturias". De momento non o consigueu, pero vaticinamos que axiña ten que ser xa que vemos un concello que está mellorando e conservando o seu patrimonio en tódolos seus aspectos.
Pesoz
Edificio que alberga a Csasa Consistorial.
Praza de Pesoz entre o edificio do concello e a igrexa parroquial de Santiago
Na fotografía seguinte vemos o antigo edificio do concello:
Oxalá Pesoz consiga axiña o galardón de "Pueblo ejemplar de Asturias" , nós pensamos que ben o merece xa que nos pareceu ben fermoso, coidado e loitando por mellorar.
Como nos sobraba tempo pola tarde, decidimos achegarnos ata Grandas de Salime, o concello veciño que está a tan só 7km.
Primeiro paramos na vila.
Parque que vimos na entrada á vila
O monumento máis emblemático desta vila é sen dúbida a igrexa parroquial, antiga Colexiata de S. Salvador, que xurdiu en relación ao Camiño Primitivo de Santiago. Xa se menciona este templo no S. XII pero foi remodelado e ampliado nos S. XVII, XVIII e XIX polo que nel conflúen varios estilos.
Igrexa de S. Salvador
A igrexa está rodeada por un pórtico levantado no S. XIX que daba cobixo aos peregrinos.
Despois achegámonos ata o Encoro de Salime que está a uns 5 km. da vila. Na ladeira vense as que foron vivendas dos traballadores máis cualificados.
O encoro de Salime foi inaugurado en 1955 e é o 3º encoro construido no río Navia detrás dos de Arbón e o de Doiras.
A súa presa ten 128 m. de altura e o aproveitamente deste encoro é sobre todo hidroeléctrico aínda que tamén se organizan ás veces actividades lúdicas e recreativas.
O cemento para o formigón que se necesitaba para as obras do encoro fabrícabase alí mesmo e na ladeira pódense ver os restos de tolvas e silos para tal fin.
Ningún comentario:
Publicar un comentario