Nada menos ca 18 rutas levo feitas ata agora no concello de Mondoñedo (esta é a nº 19). Este é un concello que me encanta polas súas masas de arboreda autóctona que aínda conserva, polas aldeas tradicionais, por desgraza moitas xa baleiras ou con moi poucos habitantes, pola Serra da Toxiza, polos seus ríos e fervenzas, polo inmenso patrimonio relixioso e civil....Cada vez que vou, descubro algo novo como ocorreu na ruta que vou describir que, aínda que xa coñecía a maioría dos lugares que percorrín, foi un gusto volver a eles e descubrir como digo novas paisaxes, novos elementos.
Características:
Lonxitude: 6,2 km.
Dificultade: fácil
Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC
Descripción:
O Vilar é un lugar da parroquia de Santiago de Mondoñedo que no 2003 xa estaba deshabitada. As dúas familias propietarias cedérona ao concello de Mondoñedo para a súa rehabilitación.
A aldea conta cun Albergue de Natureza, unha Aula de Natureza e un Centro de Recepción BTT. Conta tamén cun Centro de Interpretación da Prehistoria.
O complexo restaurado está nun entorno natural autóctono precioso e illado, ideal para o descanso, pero a día de hoxe atopámolo bastante descoidado, con ortigas ao redor de varios edificios.
Pois dende este complexo rehabilitado, empezamos esta ruta. Na foto, entorno de O Vilar.
O Vilar foi unha aldea tradicional que, coma moitos núcleos da zona, quedou deshabitada polo declive das actividades agrícolas tradicionais.
| O Vilar |
A partir da cesión en 2003, o Concello de Mondoñedo traballou na rehabilitación do conxunto etnográfico, incluíndo un albergue de 54 prazas e un espazo dedicado á Cova do Rei Cintolo.
| O Vilar |
Non é unha aldea abandonada hoxe en día, senón un complexo etnográfico e turístico funcional, visitable e adicado á divulgación da prehistoria.
| O Vilar |
| O Vilar |
| O Vilar |
Alonxámonos de O Vilar por este fermoso carreiro que xa coñeciamos de cando fixemos a "Ruta da Auga"
Mondoñedo segue conservando fragas autóctonas e unhas paisaxes moi fermosas.
Unha paisaxe de conto:
Pasamos pola aldea de O Pacio.
| O Pacio |
O río ou rego de Valiñadares é moi importante no concello de Mondoñedo xa que no barrio de Os Muíños bifúrcase en varias canles formando un barrio enxebre moi antigo e onde, grazas á auga, se desempeñaban distintos oficios relacionados con ela.
Forma tamén este río un fermoso val con aldeas tradicionais e unha paisaxes verdes autóctonas marabillosas.
É un afluente do río Masma.
O percorrido non pode ser máis fermoso:
Chegamos a unha bifurcación. Pillando á esquerda, iriamos pola Ruta da Auga pero nós imos á dereita porque a nosa ruta é outra.
O carreiro que imos atravesar agora é o peor tramo desta ruta; pasar, pásase pero se alguén non o remedia axiña vai acabar por pecharse de felgos e silvas. Sería unha pena porque é precioso!
Os cabozos son os que se case sempre se conservan mellor.
A natureza é exuberante.
Chegamos á Valiña, que xa pertence á parroquia de S. Vicente de Trigás.
A Valiña
Este fermoso camiño vai levarnos ata Bicos.
Dende uns metros antes xa divisamos Bicos. Estamos xa no concello de Abadín.
Camiño chegando a Bicos.
En Bicos estivemos falando cunha muller que vive aí e díxomos que actualmente vivían nesta aldea, 6 habitantes.
Bicos
A aldea está dividida en dous barrios. Na foto, ao lonxe vemos Bicos de Arriba e pasamos por Bicos de Abaixo.
| Bicos de Arriba e de Abaixo |
Dende Bicos xa iremos por asfalto ata o final de ruta, pero non importa xa que por estes lugares illados e con tan poucos habitantes, non nos cruzamos con ninguén.
Esta capela é do S. XVI e ao pé dela pasa o Camiño Norte de Santiago.
| Casabella |
Paisaxe de Mondoñedo, concello que ten un potencial tremendo para rutas de sendeirismo, a ver se un día se deciden a coidalas e promocionalas. Que ninguén se preocupe pola masificación destes lugares, a inmensa maioría da xente vai a sitios onde chega ben o coche a facerse selfies, os que andamos por carreiros e camiños, somos moi pouco/@s.
Ningún comentario:
Publicar un comentario