Esta vai ser a 4ª ruta que faga no concello de Baleira, que ten unha natureza espectacular en forma de bosques autóctonos, ríos, fervenzas, aldeas tradicionais... Neste concello está a coñecida Fraga da Marronda, unha ruta homologada hai anos e seica está en estado de bastante abandono. Nós fixemos no 2024 unha ruta pretendendo coñecer algo desta famosa fraga pero vimos máis eucaliptos ca outra cousa, o único destacable daquela ruta fora a área recreativa da Cortevella que é moi fermosa e a aldea de Mendreiras. O resto do percorrido defraudáranos totalmente. Pode verse aquí:
FRAGA DA MARRONDA SEN FRAGA
As outras rutas que fixemos neste concello si que foron espectaculares, para min, a mellor, a RUTA DA FONTANEIRA
E hai pouco fixemos unha moi cortiña, pero tamén fermosa, para coñecer as fervenzas ACEA DA SERRA E POZO DA FERRERÍA
A ruta de hoxe non está homologada nin sinalizada pero pareceume ben fermosa!!
Características:
Lonxitude:10,6km.
Dificultade: fácil
Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC
Descripción:
Para esta ruta partimos de Fonteo, lugar así chamado porque aí nace precisamenmte o río Eo.
Santa Mª de Fonteo é unha `parroquia do concello de Baleira e ao pé mesmo da estrada LU-750 que une Meira co Cádavo, hai unha área recreativa acondicionada en 1999 onde se atopan mesas e bancos de pedra, un forno rehabilitado e unha casa grande de pedra que é o Centro de Interpretación Ambiental.
 |
| Área recreativa e, ao fondo á dereita, o Centro de Interpretación. |
Debaixo dun castiñeiro e dunhas pedras, nace o Eo.
Ára Recreativa con mesas e bancos de pedra e uns leóns en cada esquina.
A Área Recreativa do nacemento do Eo, vista dende arriba.
Imos pola estrada LU-750 durante 200m. ata pillar á dereita pola estrada LU-P 0405 que vai á Fraga da Marronda, S. Paio...
A estrada atravesa un fermoso bosque autóctono.
Aí vai o Eo, acabado de nacer, entre exuberante vexetación
 |
| Río Eo |
Deixamos a estrada para pillar un camiño á dereita que nos vai introducir na Serra do Pozo.
Imos en constante subida, pero o desnivel é pouco e apenas o notamos.
Fermoso camiño no medio de bidueiros.
Nun claro podemos ver aldeas e prados ás beiras da estrada LU-750.

Diversidade de árbores e arbustos: piñeiros, carballos, bidueiros, uces...
A uz branca, uz bornal, uz brancal (tamén chamada breixo branco, torgueira, urce brancal ou urrigata) (Erica arborea) é un arbusto de moita rama que acostuma medir de 1 a 4 m de altura.
O camiño está totalmente limpo e é moi axeitado para camiñar.
Agora tamén aparecen os piñeiros.
Bosque totalmente autóctono en Serra do Pozo.
 |
| Bosque autóctono |
Tamén os eucaliptos fan acto de presenza, aínda que por onde camiñamos vimos poucos.
Vistas cerca do punto máis alto desta ruta:
Empezamos a baixar con estas vistas:
Nesta época dá gusto ver as uces floridas.
Neste tramo que agora percorremos vemos uns sinais de ruta e máis tarde descubrimos que se trata da PR-G 145 "Fraga da Marronda" aínda que en ningún track dos que vin, a ruta menciondada pasase por aquí...
Alí abaixo, Barcias e Gulpilleira, aldeas polas que despois pasaremos.
Imos adentraranos nunha espesa fraga e no medio do camiño polo que íamos baixando vimos un corzo que pacía moi tranquilo, axeno á nosa presenza. Puiden sacarlle unhas fotos, aínda que de bastante lonxe. En canto se deu conta da nosa presenza, fuxeu.
Unha fraga moi fermosa repleta de especies autóctonas.
Unha preciosa carballeira.
Chegando a Gulpilleira, na parroquia de Santa Mariña de Librán
A parroquia de Santa Mariña de Librán ten en total pouco máis de 100 habitantes.
En lugar de ir por estrada temos a oportunidade de ir por este camiño tradicional:
Barcias é unha aldea da parroquia anterior tamén.
Que sorte atopar, sen planificar sequera, estes bos camiños!!
Camiños cheos de primavera...

Seguimos na parroquia de Librán e este lugar é Soumede. O nome débese a S. Mamede, un santo que cerca ten unha capela.
 |
| Soumede |
A capela de S. Mamede. O seu valor non reside na opulencia, senón na súa historia, no seu encravamento e no misterio que a rodea debido á escaseza de información dispoñible.
Un dos seus atributos máis significativos é a súa localización na ruta do Camiño Primitivo cara á Santiago de Compostela. Este feito sitúa esta capela nun contexto histórico e espiritual de grande relevancia, suxirindo que durante séculos foi un punto de referencia e posible refuxio para os peregrinos que transitaban por estas terras.
Para poder ver esta capela hai que atravesar a estrada LU-750 e alí está, á beira da estrada. Despois voltamos sobre os nosos pasos para pillar un camiño.
 |
| Capela de S. Mamede |
Camiño que nos vai levar ao inicio de ruta.
Despois de cruzar o prado que se ve, agardábanos unha sorpresa:
Fomos dar ao mesmo rego (Rego de Mosqueiros) que evitamos nada máis empezar a ruta. Chegamos a el polo camiño que vemos de frente e non nos apetecía nin descalzarnos e moito menos mollar os pés, así que demos a volta e demos un rodeo pola estrada. Quen nos direxa que o íamos atopar de novo só que agora dende o lado contrario.
Rego de Mosqueiros
Dubidamos entre cruzalo ou dar un pequeno rodeo para volver evitalo, pero como estábamos xa tan cerca do final decidimos pasalo sen descalzarnos porque tíñamos calzado de reposto no coche.
 |
| Rego de Mosqueiros |
Cruzamos a aldea de Fonteo onde máis da metade das casas están deshabitadas e nas que vive xente, non vimos unha alma!
 |
| Fonteo |
Paxina web consultada:https://horariosrezo.es/iglesia/capilla-de-san-mamede-4/
Ningún comentario:
Publicar un comentario