sábado, 23 de maio de 2026

PONTEDEUME POR S. MIGUEL DE BREAMO.

Pontedeume é un concello da provincia da Coruña, na comarca do Eume.
Esta vila foi creada por Alfonso X O Sabio no S. XIII e conserva elementos dos Andrade( importante familia nobiliaria na I. Media) en cada recuncho do seu casco histórico.
Ademais da súa famosa ponte de pedra que lle dá nome; nesta vila poderemos ver rúas e prazas que conservan elementos medievais como galerías acristaladas, corredores de madeira, moitas antigas fontes, a Torre dos Andrade, igrexas medievais e outros edificios reseñables.
Nesta ruta, quixen coñecer esta vila e arredores pasando por aldeas próximas, pola praia de Ber e pola capela de S. Miguel de Breamo.
Características:
Lonxitude: 14 km.
Dificultade: moderada, pola baixada dende a capela de S. Miguel de Breamo cun chan irregular e bastante desnivel que pode volverse perigosa en época de chuvias.
Ruta circular sen sinalizar, agás o último tramo dende a capela de S. Miguel ata Pontedeume.
Descripción:
Eu aparquei mesmo na entrada da vila, despois de pasar a ponte de pedra, nun pequeno aparcadoiro que hai.
A Ponte de Pedra foi mandada construir por Fernán Pérez de Andrade no S. XIV. Nun principio tiña 68 arcos e foi no seu tempo, unha admirada obra de enxeñería. Sufreu remodelacións ao longo dos anos e actualente ten 16 arcos e mide 750m.
Segundo empezo a camiñar, xa vexo á esquerda a Torre dos Andrade que é o único que queda dun antigo pazo familiar que foi derruído no ano 1935.
Ten 4 pisos e mide 18m. de alto.
Destaca na fachada principal, o enorme escudo dos Andrade.
Actualmente, a torre alberga a Oficina de Turismo e un Centro de Interpretación dos Andrade. 
Xusto enfrente está a Praza do Conde no espazo que antes ocupaba o pazo. Nesta praza están o edificio do Mercado e a Fonte do Pilón.
Tamén ao pé da Torre están os Xardíns de Lombardero ocupando o que foi a horta do pazo.
Nestes xardíns destaca a " Árbore da Bruxa", un metrosidero centenario catalogado como Árbore Senlleira de Galicia. As súas longas "barbas" son en realidade raíces aéreas.
Despois de ver os lugares e elementos anteriores, continuo a camiñata polo paseo ao pé da ría.
Chego ata estación de tren onde remata a estrada.
Cruzo as vías polo paso habilitado para facelo e introdúzome nun fermoso carreiro:
Á dereita, levo a ría pero só a vexo en esporádicas ocasións debido á frondosa vexetación que a tapa.
Hai algún tramo cuns felgos moi altos. Moito coidado coas carrachas!! Nesta época e no verán eu aconsello camiñar sempre con pantalón largo e camisetas de manga larga e incluso empregar algún repelente aquelas persoas que podan sufrir as súas picaduras.
Despois de atravesar este prado, xa atopamos a igrexa de Centroña.
A igrexa parroquial de Santa María de Centroña é do S. XVI en estilo barroco.
No seu pórtico fixen hoxe o meu xantar en completo silenzo e paz.
Agora baixo ata a praia de Ber por un fermoso camiño.
Agora vou pegada á vía do tren durante un tramo:
Cruzo un túnel da vía do tren
E estou na aldea de Vizús, que pertence á parroquia de Centroña.
Paso tamén por Ventosa, da mesma parroquia.
Dende Ventosa hai vistas á vila de Ares.
Chego a Ber que ten un camping grande.
Chamoume bastante a atención este lugar da parroquia de Boebre porque pensei atopar unha praia enorme e preciosa e é unha praia ben pequena e sen nada relevante, pero sorprendeume ademais do camping, que é bastante grande, a enorme cantidade de edificios dedicados ao turismo ou a segunda vivenda. Nesta época aperecía todo baleiro pero non me explico como cando chegue o verán caben todos na pequena praia ou ben van a outras próximas.
Para min este lugar non ten ningún encanto especial, pero nótase que si o ten para moita xente, a xulgar pola cantidade de vivendas case pegadas á praia.
A partires da Praia de Ber, empezo a subir. Sigo na parroquia de  Santiago de Boebre.
Agora, durante un pequeno tramo, estou xa no veciño concello de Miño e Sambollo é unha aldea da parroquia de Perbes. Vémola na foto:
Ao pouco de deixar as últimas casas, deixamos o asfalto para meternos por un camiño de monte.
O camiño anterior desemboca nunha estrada local pola que iremos ata a capela de S. Miguel de Breamo.
Esta capela de estilo románico e declarada BIC ( Ben de Interese Cultural) é o único centro conservado na actualidade do Real Priorato de S. Miguel de Breamo, onde se estableceu unha pequena comunidade monacal de S. Agustín en tempos de Fernando II.
Foi contruida no S. XII e ao seu redor celébranse dúas romerías: o 8 de maio e o 29 de setembro.
Ao redor da capela, hai unha gran área recreativa con moitas árbores: vin tilos, carballos, bidueiros...
Chamáronme a atención uns loureiros romanos que nesta época están en plena floración e lucían preciosos coas súas flores brancas en forma de espiga.
A estrada remata aquí e a baixada a Pontedeume é por unha pista de monte, a verdade é que non me pareceu nada atractiva. Ten bastante desnivel e polo medio hai rochas( non soltas).
Este camiño é o oficial promocionado e sinalizado.
Xa chegando de novo á vila, temos estas vistas da desembocadura do Eume e a ponte da N-   dende o barrio de Vista Alegre.
Dende o mesmo barrio, vemos a Ponte de Ferro e a praia da Magdalena, en Cabanas. A Ponte de Ferro foi construida en 1910, é a ponte ferroviaria que une Cabanas e Pontedeume e é por onde pasa a liña de tren entre Betanzos e Ferrol.
Dende o Miradoiro de Aresito, temos estas vistas:
Xa na vila, vexo  a Fonte Nova e os restos da muralla. No pasado, Pontedeume estivo amurallada e actualmente só se conservan uns poucos restos da mesma ao pé da igrexa de Santiago.
Decido, en lugar de ir directamente ao punto de inicio, dar unhas voltas pola vila para coñecela mellor e pola rúa da igrexa, chego á Praza de S. Roque.
Deseguida atopo a igrexa das Virtudes ou da Virxe do Soto que foi mandada construir por Nuno Freire de Andrade no S. XIV. Foi un centro de devoción popular e o seu atrio foi lugar de enterramento de pobres, práctica que foi prohibida no S. XIV.
No S XVII, un indiano patrocinou a reedificación da igrexa ampliando a mesma e edificando a fachada. No S. XIX foi construida a espadana.
Ao pé da igrexa anterior temos a Alameda de Rajoy que foi a antiga horta do convento dos Agustinos.
Nun principio foi un espazo dedicado á compravenda de animais, actividade que se celebraba o 18 de cada mes e por este motivo era coñecido como Campo da Feira.
O Convento dos Agustiños foi fundado por Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas I Conde de Andrade. Dentro dos monumentos da vila, ocupa un lugar destacado. Foi fundado no S. XVI e actualmente é a Casa da Cultura.
Cando cheguei á Praza Real, atopei unha zona moi animada, grazas ás numerosas terrazas que hai. A praza é moi fermosa, con vivendas brancas acristaladas e co edificio do Concello.
Os Soportais son un elemento emblemático do casco antigo de Pontedeume.
A Igrexa de Santiago presenta dúas partes ben diferentes: a Capela Maior, edifcada en tempos de Fernando de Andrade ( S. XVI) e o resto da igrexa, obra do arcebispo nado en Pontedeume, Bartolomé Rajoy y Losada, a mediados do S. XVIII.
Dentro desta igrexa está o sepulcro de Fernando de Andrade. 

E esto foi o que deu de si esta ruta. Se fose agora, faría unha ruta máis completa na vila (quedáronme de visitar algúns lugares da vila, como a Praza do Pan co Palacio Episcopal...e outros...) e iría ata S. Miguel de Breamo en coche pois a ruta por esa parte non me pareceu nada interesante.








Ningún comentario:

Publicar un comentario