luns, 25 de maio de 2026

A FRAGA VELLA ( MONDOÑEDO)

A Fraga Vella é un espazo natural situado entre as Serras da Toxiza e do Xistral e unha das paraxes máis salvaxes e húmidas da S. do Xistral.
Destacan na Fraga Vella:
- Turbeiras (chans esponxosos que almacenan auga durante séculos e teñen grande valor ecolóxico)
- Paisaxes moi pouco humanizados xa que apenas hai aldeas.
- Bosques autóctonos con carballos, bidueiros, moitos acivros...
- Fauna salvaxe en forma de cervos, xabaríns, raposos e lobos.
- Gandaría en liberdade: vacas e cabalos.
Para empezar esta ruta, collemos a pista que vai dende cerca do cemiterio de Estelo e Tronceda no coche e seguimos ata atopar un cruce onde está sinalizada a ruta e hai un aparcadoiro. Aí aparcamos.

Características da ruta:
Lonxitude: 6 km.
Dificultade: moi fácil.
Ruta circular sinalizada . O meu track en WIKILOC

Descripción:
Empezamos a ruta na Cruz de Viador ou Pico da Lebre e camiñamos por unha ancha pista.

O panorama que presentan os piñeirais é desolador, semella que un incendio arrasou a zona pero non é así. Os piñeiros están enfermos.

A banda marrón é unha enfermidade producida por un fungo que está acabando cos piñeiros de moitas zonas de Galicia, como ocorre aquí.

Vemos o gando pastando tranquilamente, aínda que os cabalos en canto detectan a nosa presenza, fuxen.


Alonxámonos da zona de piñeiros para introducirnos nunha fermosa fraga co toda clase de árbores:



O camiño é moi cómodo e ancho e a paisaxe que vemos non pode ser máis fermosa.


Aparece de súpeto, ao pé da pista esta fermosa fonte.

Un fermoso cancereixo rodeado de uces brancas:

Desfrutamos moito este tramo contemplando a variedade, a fermosura, a frondosidade da Fraga Vella.

Carballos, bidueiros, acivros, piñeiros, uces...etc etc... unha enorme variedade de plantas e árbores se poden ver nesta fraga.

Tamén vimos moitísimas arandeiras. O seu froito, os arandos, son comestíbeis, teñen un sabor agridoce e son consumidos en Europa dende a antigüidade, especialmente no norte.
Aparece case sempre en terreos onde hai uceiras (lugares poboados de uces) como manto das fragas en lugares húmidos e medra en altitudes ao redor dos 700m.
Arandeiras

Coincidimos nun tramo agora coa ruta "Pena Montol Fraga Vella" que fixemos hai uns anos e que se pode ver no ENLACE

Cantas plantas e árbores ten esta Fraga Vella!!


Agora, o camiño agasállanos con uces brancas ou breixos a ámbolos dous lados. Florece dende febreiro/marzo  ata xullo.

Non nos cansamos de admirar tanta beleza e variedade; agora un espiño branco enorme en plena floración.

Entramos no que semella unha finca privada:  A Consellaría de Medio ambiente ten nesta zona, e coincide na ruta, unha finca de 700 hectáreas e dentro dela un bosque de 60 hectáreas onde viven en liberdade unha manda de cervos que a consellaría coida e vixila como reserva cinexética.

Un valado de varios kilómetros impide que se entre nesa zona boscosa, e polo tanto, os cervos non abandonen a fraga.

Esta vivenda (única que atopamos) foi ampliada e mellorada por un xaponés que se dedicou á cría de gando e cultivo de cogomelos. Dende hai uns anos está totalmente abandonada e houbo que tapiar as portas e ventás polos numerosos ataques vandálicos que sufría.
Casa do Xaponés
 Este camiño, ao pé da casa anterior, ten moito encanto.

Os axentes de Medio Ambiente do distrito de A Mariña teñen baixo a  súa responsabilidade o control e vixiancia desta reserva de bosques e animais en liberdade.  


Unha peón forestal da consellaría, Carmen Pérez, é a encargada de limpar e vixiar a finca, e incluso de depositar cereais nos bosques dos cérvidos en  épocas de menos alimento.

Fermoso bidueiral na fica da Xunta.

Atopamos o inicio/fin da ruta "Pena Montol/Fraga Vella"

Uns galpóns, que no seu día foron granxas experimentais de gando vacuno, son hoxe a base de traballo dende a que se controla a finca.


Catro cabalos que pastan en liberdade todo o ano, mantenen a finca limpa e as vacas de veciños da zona aproveitan algúns pastos aínda que sexan da Xunta.


Xabaríns en cantidade, a xulgar polo terreo fozado, grandes rochas graníticas salpicadas por todo o val, silenzo casi absoluto porque no hai presenza humana en varios kilómetros á redonda... En fin unha finca da Xunta, e tamén un paraíso.


Dende aquí empezamos unha subida, pero moi lixeira.

Extensións de prados moi coidados pola gandaría.
´
A Fraga Vella é un lugar moi coñecido polos mariñáns xa que no outono acude bastante xente a estes lugares a recoller cogomelos.

Unha solemne entrada ou saída neste caso que supoñemos será o acceso á finca da Xunta.

A finca da dereita na foto ten un cercado eléctrico porque nos dixeron uns gandeiros que atopamos nun coche que ían cambiar unhas vacas para estes pastos. Unha señora díxonos que non nos achegaramos ao arame. Non hoooo!!

Nun claro temos vistas á Serra da Toxiza e máis aló.

Dende a foto anterior estamos a uns poucos metros do coche. Que fermosa ruta fixemos!! Para repetir!

Páxinas web consultadas:
https://gl.wikipedia.org/wiki/Arandeira
https://gl.wikipedia.org/wiki/Uz_branca
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/abadin/2018/03/09/fraga-vella-paraiso-virgen-abadin-mondonedo/0003_201803L9C8991.htm







Ningún comentario:

Publicar un comentario