Boal ou Bual é un concello asturiano que ten a capital na vila do mesmo nome. Ten unha poboación que non chega aos 2000 habitantes en todo o municipio que falan o eonaviego ou galego- asturiano.É un concello con moitos restos antiguos como túmulos funerarios, dólmenes, castros... así mesmo conta cunha natureza privilexiada.
Este concello sufríu a finais do S. XIX e principios do XX un gran fluxo migratorio cara a Cuba que vemos manifestado nas moitas casas indianas e outros edificios, sobre todo escolas, que hai.
Esta ruta no occidente asturiano, que foi impulsada pola Sociedade Amigos de Boal coa colaboración económica da empresa eléctrica Viesgo, non ten desperdicio xa que é moi completa e fermosa: pasa por varias aldeas do concello de Boal, ten puntos con vistas espectaculares, adéntrase nunha fermosa fraga, pasa polo encoro de Doiras e empeza e remata na área recreativa de Castrillón ás beiras do río Navia nun fermosísimo entorno.
Características:
Lonxitude: aínda que a app de Wikiloc me marcou só 9,8 km. son en realidade algo máis de 11km.
Dificultade: fácil. Ten unha baixada ao final con bastante desnivel pero con bastóns de sendeirismo e con precaución non hai porque ter problema ningún.
Ruta circular moi ben sinalizada.
O track da ruta en WIKILOC
A miña valoración desta ruta: 🔆🔆🔆🔆🔆
Descripción:
A ruta é circular e parte e chega á área recreativa que hai xunto á Ponte de Castrillón. AQUÍ
Deixamos a visita á área recreativa para a volta xa que apareceremos xusto por ela e cruzamos a ponte sobre o río Navia:
|
Ponte de Castrillón |
Iremos 350m por estrada, ata unha curva na que colleremos á dereita por unha pista forestal.
|
Área recreativa da Ponte de Castrillón |
Empezamos a subir e temos estas vistas da ponte que acabamos de cruzar e do río Navia:
Imos ata O Rebollal
A uns 2km. da saída chegamos á aldea semiabandonada de El Rebollal: |
El Rebollal |
Estamos nunha zona eminentemente gandeira onde pastan as vacas e o verde de inmensos prados presomina na paisaxe.
Imos en suave baixada:
E cruzamos o rego de Fontescavadas: |
Rego de Fontescavadas |
Ao lonxe vemos a aldea de Doiras por onde máis tarde temos que pasar:
O firme do chan é bon, imos por antigos camiños de carro:
E chegamos á aldea de Silvón que aparece colgada da ladeira:
Silvón é un lugar que pertence á parroquia de Doiras e aínda que ten numerosas vivendas o nº de habitantes é moi baixo xa que non chega nin a 20. Atópase a uns 280m. sobre o nivel do mar na marxe dereita do río Navia.
A capela de S. Xoán en Silvón. Pasamos por diante dela para iniciar a baixada ao encoro de Doiras.
Como dato curioso, referir que Silvón antes pertencía á parroquia de Castrillón e actualmente pertence á de Doiras.
|
Capela de S. Xoán |
Moi cerca da capela vemos esta impresionante sobreira e un teixo: Detalle do retablo do altar e pinturas do teito na pequena capela de S. Xoán de Silvón:
A partires da capela anterior empezamos a baixar por un camiño cara ao encoro de Doiras:
Deseguida vemos o río Navia baixando encorado, moi tranquilo e vixiado polo Pico do Cuco.
Prados e máis prados se suceden ás beiras do río:
Todo os camiños e sendeiros desta ruta están ben acondicionados.
Toda a ruta é moi fermosa pero se tivese que quedarme cunha parte da mesma, sen dúbida sería con esta baixada cara ao encoro. As vistas sobre o río, as montañas e os prados próximos son imaxes que non me cansei de mirar. Ao lonxe vemos a aldea de Doiras pola que deseguida imos pasar.A baixada remata na estrada e vemos xa a presa do encoro e a ponte que cruzaremos. O encoro de Doiras foi inaugurado en 1934 e é o 3º encoro do río Navia xunto aos de Arbón e o de Salime.
O aproveitamento deste encoro é fundamentalmente hidroeléctrico aproveitando as centrais de Doiras e de Silvón.
Na seguinte foto vemos as centrais hidroeléctricas. A que está máis cerca é a máis recente de Silvón e a máis alonxada é a de Doiras, máis antiga.
Iniciamos agora unha subida suave para chegar a Doiras.
A ruta non pode ser máis fermosa e con diversas paisaxes.
Os edificios que vemos ao lonxe son antigas vivendas dos traballadores de Viesgo.
A aldea de Doiras é a máis grande de tódalas que pasamos
Vemos a antiga escola que ten unha placa que di:ESCUELA NACIONAL.
Este edificio fue construido por la Sociedad de Instrucción "Naturales del Concejo de Boal" fundada en La Habana "Cuba" el año 1912.
É un reflexo máis, xunto con outras escolas e casas indianas que hai no concello de Boal, da influenza que tivo a emigración nesta zona.
Doiras debe ser unha terra moi fructífera xa que atopamos moitas plantas e árbores froiteiras como maciñeiras, laranxeiras, caquis...etc cheas de froita.
|
Un caqui en Doiras. |
Pasamos polo Pazo de Verdín, unha casona rural do S. XVIII.
Imos pola estrada uns metros subindo, para logo atravesar un cortalumes que nos achegará a Piñeira.
E chegamos deseguida á aldea de Piñeira que pertence á parroquia de Doiras.
Despois de atravesar esta aldea, atopámonos coa estrada AS-12 pero non nos incorporamos a ela se non que tomamos o sendeiro á dereita que nos vai introducir nunha fermosa fraga sempre en descenso:
Camiñamos á beira do río Roxíos
E agora, lonxe xa do río, escoitámolo aló embaixo:
Tamén vemos unha albariza ou cortín para protexer as colmeas dos ataques dos osos.. É unha contrucción feita con pedras grandes ou rochas, dentro ten unha ou varias terrazas escalonadas onde se colocaban as colmeas. Todas eran circulares ou ovaladas e contruíanse lonxe das casas, debido a que podía ser perigoso ter abellas cerca ademais de que o entorno da colmea debe ser o axeitado para conseguir o material apropiado que estes animais precisan para elaborar o mel e a cera. Sempre eran contruidas a media ladeira, en zonas pendientes e solleiras.
Os cortíns caeron en desuso nos anos 60 do S.XX e hoxe a maioría están en estado de abandono.
|
Un cortín que vimos nesta fabulosa ruta |
Nunha curva da baixada vemos a Ponte de Castrillón de onde saimos e a onde chegaremos deseguida.
É unha pronunciada baixada pero con precaución e calzado axeitado non ter porque ser perigosa.
E chegamos á área recreativa na que nos recreamos un bo pedazo xa que como ao sair cruzamos directamente a ponte, non a víramos ao detalle. É un lugar moi, moi fermoso aínda que seguro que se desfruta moito máis no verán a estancia no lugar. Hoxe, e aínda que estaba un fermoso día de sol, as mesas e bancos estaban mollados das chuvias pasadas porque aí non daba o sol e había moita humidade.
Ás beiras do río Navia por un lado e por outro coa desembocadura precipitada do río Roxíos que formaba unha impoñente cascada, con árbores por todas partes , unha pontiña de madeira para cruzar este río conforman unha paisaxe de ensoño.
Cascada do río Roxíos, na área recreativa da Ponte de Castrillón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario