|
Praia de A Magdalena (Cabanas) |
Ares é un concello da provincia de A Coruña e da comarca de Ferrolterra. Alá nos fomos para realizar unha fermosa ruta costeira. A Ría de Ares, onde desemboca o río Eume, será hoxe a protagonista da nosa ruta, con numerosas praias e calas e a pintoresca e fermosa vila de Redes....Pisaremos catro concellos: Ares, Fene, Cabanas e Pontedeume.
Características da ruta:
Lonxitude: 11,6 km.
Dificultade: baixa
Ruta lineal sen sinalizar agás dende Redes ata Pontedeume.
O meu trakc en WIKILOC
A miña valoración desta ruta: 🔆🔆🔆🔆
Descripción da ruta:
Partimos de xunto á igrexa de S. Xosé de Ares, moi preto da praia e do paseo marítimo.
|
Igrexa de S. Xosé en Ares |
Praza da igrexa:
Na Praza da Igrexa, podemos ver este monumento en honor a Hermelinda, unha veciña que polos anos 50 comenzou a traballar como repartidora do xornal "LA Voz de Galicia" e dedícouse uns 20 anos a este oficio. Sempre acababa a súa xornada vendendo algúns exemplares á porta desta igrexa, de aí a ubicación do monumento.
|
Hermelinda |
Imos polo paseo marítimo:Pegados á praia de Ares que está na zona urbana, rodeada de árbores e bares con terraza. É unha praia en forma de cuncha de augas moi tranquilas.
|
Praia de Ares |
Vemos nunha rampla do paseo marítimo a escultura dunha serea das illas Miranda (Son dous illotes, Pequena e Grande, nos que vive unha serea que ás veces vai tomar o sol ás praias de Perbes, Centroña ou ás dos arredores de Ares).
|
A serea das Illas Miranda
|
A continuación da Praia de Ares temos outra: a Praia do Xuncal con árbores mesmo na area e xunto a un parque infantil.
|
Praia do Xuncal |
Nun entorno xa máis alonxado da vila, temos a praia de Seselle, resgardada e tranquila. |
Praia de Seselle e, ao fondo, Ares |
Percorremos toda a praia pisando na area mollada. (Houbo quen a percorreu pisando a auga) |
Praia de Seselle |
A continuación e, pegada á anterior, temos a Praia de Raso. En marea baixa, poden percorrerse as 4 praias xuntas: Ares, Xuncal, Seselle e Raso.
|
Praia de Raso |
Abandonamos a liña de costa para ir por asfalto case 2 km.A ruta non pasa por aquí, pero para visitar esta fermosa cala só hai que desprazarse uns poucos metros. É a Praia de Sabadelle. Pequena, moi resgardada e illada.
Praia de Sabadelle
E xa chegamos a Punta Modias, en Redes.
|
Vistas dende Punta Modias |
En Punta Modias consérvanse os restos dunha antiga batería defensiva do S. XVIII dende a que se protexía o acceso por mar á ría de Ares.
|
Batería defensiva. |
A vila de Redes está situada na enseada ría de Ares, concello ao que pertence. Foi unha pequena vila de pescadores na que moitas casas se asoman ao mar dende os propios embarcadeiros.
Redes ten casas indianas coma esta de Paco Bello, un home que marchou de novo a La Habana e comezou a traballar nos viveiros da Compañía Cubana de Pesca e Navegación. Foi prosperando e chegou a patrón e armador. Coma moitos dos emigrados, deixa pegada arquitectónica desta banda do océano coa súa casa. Unha casa con balcóns con influencia barroca, galería traseira modernista, orlas decorativas con motivos xeométricos, florais e vexetais e unha escaleira interior con varanda de forxa.
|
Casa de Paco Bello en Redes |
Vemos tamén en Redes casas tradicionais cos seus corredores.
E chegamos á Praza do Pedregal, xunto ao porto, moi animada neste domingo solleiro de setembro. |
Praza do Pedregal en Redes |
Na Praza do Pedregal, atopamos tamén esta casa azul claro moi fotografada. Nesta vila rodouse "Padre Casares" unha serie galega que tivo bastante éxito na nosa Comunidade e Almodóvar tamén rodou aquí escenas da súa película "Julieta".
|
Praza do Pedregal, Redes |
O porto de Redes é só un pequeno embarcadoiro cunha rampa para subir os barcos pero aínda así esta vila conserva todo o seu sabor mariñeiro tradicional.
Porto de Redes
Para seguir o noso percorrido, temos que adentrarnos polas rúas da vila onde vemos casas que dan directamente ao mar.
A vila de Redes é case toda peatonal.
|
Unha rúa de Redes |
Seguimos contemplando corredores de casas tradicionais.
Redes debe o seu nome a este aparello de pesca. Dende sempre, nesta vila víanse ás mulleres sentadas reparando redes e as que non estaban nas súas mans, estaban penduradas duns trebellos de madeira chamados cabrias onde se poñían a secar. Na praia de Redes podemos ver as cabrias.
Tódolos anos no verán celébrase en Redes a Festa da Cabria onde os maiores ensinan aos pequenos a subir ás cabrias, andar por elas, suxetarse e suxetar as redes para deixalas ao sol
|
Praia de Redes e as cabrias |
Abandonamos Redes por un sendeiro pegado á ría.
E agora estamos no concello de Fene que se mete un pouquiño na ría de Ares. Ao concello de Fene pertence a praia do Río Sandeo, unha praia rural moi tranquila agora aínda que no verán parece ser que está bastante concorrida. |
Praia do Río Sandeo (Fene) |
Camiñamos por estrada uns metros vendo ao lonxe a vila de Redes pola que acabamos de pasar:Voltamos de novo á beira da ría e vemos a fermosa Praia de Almieiras que tamén pertence a Fene |
Praia de Almieiras (Fene) |
A Praia do río Castro foi o noso comedor de hoxe. Un fermoso marco, na desembocadura deste río que aínda que curto de lonxitude, é moi caudaloso. Hoxe pouca auga traía debido á seca que hai en toda Galicia.
|
Praia do río Castro |
Ao pé deste río, na súa desembocadura, vemos as ruínas do que foi un muíño de mareas, o Muíño de Maré.
|
Muíño de Maré |
A partires do Río Castro, entramos no concello de Cabanas e empeza unha senda chamada "Sendeiro da Costa" xa sinalizada e acondicionada dende aquí ata a praia de A Magdalena. Serán case 2 km. No ano 2020 puxeron unha nova sinalización con códigos QR para facilitar o acceso á información desta pequena ruta.
Senda Costeira
Na seguinte imaxe vemos a Praia de Chamoso, xa no concello de Cabanas pero na ría de Ares. É unha praia rochosa con acceso peonil.
|
Praia de Chamoso |
Vemos xa ao lonxe a praia pola que imos pasar deseguida: a de Cabanas e a ponte do tren sobre o Eume.
|
Praia de Cabanas e Pontedeume |
Baixamos por estas escaleiras de madeira para atravesar a praia de A Magdalena, en Cabanas.
A praia de A Magdalena de arena branca e fina, forma xunto co río Eume e o piñeiral un espazo natural no fondo da ría de Ares.
|
Praia de A Magdalena. (Cabanas) |
É unha praia de augas tranquilas e pouco profundas. É unha praia urbana de moi alta ocupación pola súa cercanía a Ferrol, A Coruña e Pontedeume. |
Praia de A Magdalena |
Imos polo Paseo Marítimo de Cabanas:
Vemos de frente a Torre dos Andrade en Pontedeume, o que queda do que foi un pazo do S. XIV e que, a pesares de que en 1924 foi declarado Monumento Histórico-Artístico, once anos máis tarde foi derribado deixando só a Torre que podemos ver. |
Torre dos Andrade |
Cruzamos a ponte sobre o río Eume para pasar de Cabanas a Pontedeume. Ponte sobre o Eume
A Ponte comunica os concellos de Cabanas e Pontedeume. A 1ª referencia que se ten dunha ponte é do S. XII e era de madeira. A finais do S. XIV Pérez de Andrade mandou construir unha ponte en cantería. Esa antiga ponte tiña 78 arcos e dúas torres , tam´çen tiña un hospital de peregrinos. As enchentes do río foron deteriorando a ponte e desaparecen as torres, o hospital...finalmente derríbase e construese un novo no S. XIX inicialmente con 11 arcos que s eamplían ata os 15 actuais. |
A Ponte do Eume ou Ponte de Pedra. |
Páxinas web consultadas:
https://enfoques.gal/
https://www.descubrir.com/visitamos-redes-un-pueblo-gallego-de-cine/
https://es.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Portada
https://www.escapalandia.com/
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/2021/07/18/cabrias-curaban-redes-redes/0003_202107F18C6994.htm
Ningún comentario:
Publicar un comentario