domingo, 26 de xaneiro de 2025

FERVENZA DO XESTOSA (OUROL)

 Eu xa coñecía esta fermosa fervenza pero indo en coche; nunca fixera unha ruta por esa zona. Busquei e rebusquei a maneira de facer un itinerario que me permitise ir á cascada pero facendo unha ruta circular e planifiquei no WIKILOC unha ruta curta pero moi prestosa!

Características da ruta:

Lonxitude: 5km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. Deixo o meu track en WIKILOC

Descripción:

Para facer esta ruta circular, empezamos e finalizamos na antiga aldea do Viso. Na estrada que remata aí, hai xa case chegando á restaurada aldea, lugar para deixar o coche á beira da estrada.

Beira da estrada que vai ao Viso, onde aparcamos.

Voltamos por onde acabamos de subir co coche ata chegar á estrada LU-540 e torcemos á esquerda.

Xa vemos o letreiro que nos indica a fervenza.

A baixada á fervenza é polo medio dun piñeiral. Estamos case na parroquia de Muras.

Piñeiral de baixada á cascada

O río Xestosa, tamén coñecido como Xanceda, baña as serras da Coriscada e da Gañidoira e desemboca no Landro na parroquia de Xerdiz (Ourol)

Fervenza do Xestosa
 
O Xestosa  forma esta fermosa fervenza que nada ten que envexar a outras máis afamadas de Galicia. Hoxe, que estamos en inverno, trae moita auga.



Voltamos por onde baixamos á fervenza e, antes de chegar á estrada, pillamos este camiño á dereita:
 
Deseguida nos atopamos este tramo (é o peor ) pero son só uns metros. Está sen rozar e hai que ir apartando nas silvas.

Despois xa mellora pero OLLO!! Non é para xente que non estea acostumada a camiñar por sitios así. Sempre digo: para ir de sendeirismo hai que levar pantalón largo e bo calzado.

Este camiño polo que imos, vai paralelo e ás veces pegado a unha estrada local.

Despois deste percorrido de aprox. 1 km. desembocamos nunha estrada local. Pillamos á esquerda.

Baixamos por ao pé da Estación Potibilazadora de Auga por unhas escaleiras.

E deseguida saimos a outra estrada local.
 
Vemos a aldea de As Ucheiras que parece abandonada. O concello de Ourol é un dos que máis aldeas abandonadas ten na provincia de Lugo.
As Ucheiras
Poderiamos xa cruzar aquí a N-540, pero é perigoso xa que pasa por ela moito tráfico. Así que seguindo, a uns poucos metros, hai unha ponte para pasar por debaixo dela e foi o que fixemos. 

Deixamos a LU-117 pola que fomos uns metros, para pillar un camiño en subida.

Camiño á esquerda polo que fomos.

A medida que imos ascendendo (sempre moi suavemente, xa que a ruta ten pouco desnivel) as vistas son extraodinarias:

Na foto seguinte vemos o Centro Social "Xan Branco", antiga escola que foi rehabilitada.

Estamos en zona na que pasta o gando e polo tanto atopamos peches que, despois de abrir para poder pasar, hai que deixar sempre pechados de novo.


Seguimos ascendendo moi suavemente por estes paraxes que dan unha total sensación de paz.

O camiño é de moi bo andar para compensarnos do anterior.

Vemos unha especie de granxa ou cobertizo para os animais, aínda que de momento non vimos ningún. Deseguida e antes de chegar a ese lugar, torceremos á esquerda.

A foto seguinte amosa o punto máis alto da ruta. A partires de aí xa sempre baixaremos, tamén de xeito moi suave.

Á nosa esquerda vemos o camiño polo que antes pasamos:


Longos e verdes prados.

O único gando que vimos son as vacas aló no alto, porque oímos as chocas.

 Xa estamos a piques de chegar e vemos ao lonxe a ecoaldea do Viso. Alí temos o coche.


Outro peche máis que hai que abrir e pechar.



O Viso é o primeiro complexo  vegano de turismo rural de Galicia. Comprou esta aldea unha muller francesa que rehabilitou nada menos que 7 vivendas. O Viso levaba abandonado dende había máis de 30 anos.
En 2017 , Pascale Hugette atopou este lugar xa sometido pola maleza e restaurou por completo. Unha vivenda é a dela e despois hai 11 apartamentos, 5 habitacións e varias áreas comúns.
A Aldea foi restaurada seguindo a arquitectura tradicional galega e usando materiais naturais como pedra, madeira e lousa. Hai un restaurante especializado en comida vegana.
Aldeavegana de O Viso

Páxinas web empregadas:
https://amarinalucense.gal/es/cascada-do-xestosa
https://venagalicia.gal/noticia/2022/02/06/vida-viso-ecovillage-primera-aldea-vegana-turismo-rural-galicia/0003_202202X6C3992.htm






Ningún comentario:

Publicar un comentario