No concello de Castroverde xa fixen outras dúas rutas. A 1ª xa hai ben anos: RUTA DE SOUTOMERILLE que quero volver repetir xa grabando o track e volvendo a desfrutala. A 2ª foi hai poucos anos: ROTEIRO POLO VAL DO RÍO TÓRDEA. As dúas me permitiron coñecer bens naturais e etnográficos deste concello que me sorprenderon. A ruta de hoxe é oficialmente lineal, de case 20 km. que me pareceron moitos para facer dunha soa vez e por eso dividín en dúas este ruta, a 1ª parte, a de hoxe, fíxena circular deixando nun punto que xa comentarei o trazado oficial, para regresar ao punto de inicio.
Características desta ruta:
Lonxitude: 12 km.
Dificultade: fácil, agás un tramo antes de chegar á Pena no que o camiño estaba sen rozar e baixaba moitísima auga nestas datas de chuvia. Noutras épocas seguro que non hai problema coa auga pero siq ue necesita un roce.
Ruta circular, perfectamente sinalizado o tramo oficial. Para facela circular é necesario seguir un track. Deixo o meu en WIKILOC
Descripción.-
A ruta parte dende a igrexa de S. Cibrao de Montecubeiro, unha parroquia de Castroverde. Ao pé da igrexa hai onde aparcar e tamén ao pé está o campo da festa onde se pode deixar o coche.
A igrexa é románica dos S. XII/XIII e foi reconstruida no S. XVIII. Da época románica ten a ábsida.
Durante estes últimos anos, esta igrexa sufreu unha profunda rehabilitación. Foi aberta ao culto de novo o ano pasado, 2024.
 |
Igrexa de S. Cibrao de Montecubeiro |
Durante as últimas obras, recuperouse este pórtico e realzáronse as pinturas entre outros traballos. Aquí houbo unha comunidade de Frades Dominicos que estaba irmandados cos de Lourenzá.
 |
Pórtico da igrexa |
Ao redor da igrexa hai dependencias do que foron as vivendas dos monxes, totalmente en ruinas.
No adro da igrexa colocaron no 2003 un monolito como lembranza aos asasinados nesta parroquia durante a Guerra Civil. Pesa 10 toneladas e ten o nome de 15 vítimas da represión franquista.
Diante da igrexa hai tamén un cruceiro do S. XVIII e varias edificacións en ruina.Nada menos que 37 parroquias ten o concello de Castroverde, o que dá idea da extensión deste municipio. Partimos polo tanto desta parroquia e pasaremos por varios lugares da mesma nesta ruta. Tamén pasaremos pola de Pena.
Iniciamos a camiñata por estrada, contemplando os prados e gando desta parroquia. O día está gris e chove de cando en vez.
Na foto vemos a capela de Santa Petronila no lugar de Montecubeiro chamado Barreiro. Foi restaurada no ano 2000. |
Capela de Santa Petronila. |
Seguimos aínda por asfalto, por unha solitaria estrada.
O 2º cruceiro posto en valor nesta ruta é o de Cogula ou Cubula, lugar que pertence tamén á parroquia de Montecubeiro.
 |
Cruceiro de Cugula |
Ao pé do cruceiro anterior , deixamos o asfalto para meternos por un camiño.
Despois do moito que choveu este outono/inverno, hai tramos no camiño que levan auga.
Neste tramo, chegando á Pena, complícase o percorrido. Son uns poucos metros de camiño anegado polo que baixa un rego.
Non só hai auga, as silvas tamén dificultan o paso. Unha boa roza lle fai falta a este tramo.
En Pena está o Hórreo de Piñeiro, de estilo asturiano, foi propiedade da familia Novo (últimos inquilinos do Pazo de Carballedo) e forma parte dun antigo conxunto etnográfico antes da desaparición de numerososo hórreos na parroquia ao longo do S. XX.
Hórreo de PiñeiroPena está dividida en dúas partes, unha parte máis no alto, onde está o hórreo e accedemos á parte máis baixa a través deste fermoso camiño. (Tamén se pode baixar por estrada e hoxe mellor fora porque volvemos a enzoufarnos na auga e na lama).

En Pena chamounos moito a atención o ben amañadas que están practicamente tódalas casas.
Outra vista de Pena.
En Pena hai casas de recente construcción e outras antigas de pedra que destacan polo seu tamaño enorme. Na foto vemos o antigo lavadoiro ben coidado ao pé dunha fermosa fonte.

Que gusto dá ver un concello que pon en valor os seus elementos etnográficos! Neste caso a Fonte de Amoreira. |
Fonte de Amoreira |
Ao abeiro das penas que dan nome á parroquia está a igrexa. É sinxela e de estilo neoclásico. É difícil poder fotografala enteira.
 |
Igrexa de Pena |
Ao pé da igrexa está o antigo cemiterio, moi pequeno, e digno dunha visita.
Abandonamos as casas de Pena (o nome venlle dun promontorio rochoso que foi un antigo fortín) por un fermoso camiño de bo andar.
Dous tercios, aproximadamente, da poboación activa de Castroverde está inmersa no sector primario, fundamentalmente dedicados á producción láctea e cárnica, sendo tamén moi estimable e progresiva a súa repoboación forestal.
Deseguida chegamos a Carballedo, dentro da mesma parroquia de Pena. Aquí hai un pazo enorme construido no S. XVII. Ten unha portada nobre e dous enormes escudos. É chamado Pazo de Carballedo ou Pazo de pena.
 |
Pazo de Carballedo, que está á venda |
O pazo conta ademais cun forno ao pé que destaca pola descomunal cheminea.
Tamén conta cun lavadoiro e unha enorme finca. O pazo é de titularidade privada e leva á venda dende 2018. Arrancou cun prezo de venda de 750000€ e agora está en 450000€. O concello di que non pode compralo ao serlle imposible asumir ese gasto e despois hai que restauralo...
Outra vista do Pazo.
 |
Pazo de Carballedo |
Despois de Carballedo, pillamos cara ao Monte Monciro onde hai eólicos. A pista parece aberta de non hai moito.
Non chegamos aos eólicos porque se nos facía tarde, así que deixamos a pista anterior que nos levaría a eles e pillamos outro camiño á man dereita, deixando tamén polo tanto a ruta oficial.
Tivemos tamén que sortear este pequeno tramo con auga. Choveu tanto esta temporada que hai auga en todas partes.
Estamos atravesando un bidueiral.
A bidueira é unha árbore moi nosa e da súa madeira facíanse antigamente as zocas.
O camiño que traemos desemboca nun punto ao que chegariamos se désemos a volta por Monciro. Aí voltamos a pillar o track de antes. Andamos uns metros por estrada ata pillar o camiño que vemos á dereita.
A medida que subimos, vemos á esquerda a aldea de Sarceda que pertence tamén á parroquai de Montecubeiro.
Estamos agora inmersos nun bosque autóctono de folla caduca.
Pasamos pola aldea de Pumarín, tamén da parroquia de Montecubeiro. Aquí vive moi pouca xente, hai casas totalmente abandonadas.
Nunha casa de Pumarín vimos un coche e unha chimenea que botaba fume, así que alguén vive aquí.
Castroverde rebasa por moi pouco os 2000 habitantes. Esta bisbarra vén de padecer unha dolorosa purga demográfica, que a atenazou ó longo de todo o século XX.
 |
Pumarín |
Estamos xa chegando ao punto de inicio que está nunha zona ben alta, a case 700m. de altitude.
Ao pé da igrexa está o "Campo da Festa"
Xa estamos de novo no punto de inicio.
Así rematamos esta interesante ruta. Para xantar non atopei nada en Castroverde porque ao non ser día de Feira, o restaurante principal que hai estaba pechado. Tivemos que desprazarnos (10 minutos) ata Mosteiro, capital do concello de Pol, para poder comer. Despois de intentar facelo no restaurante Canadá (Chamei un montón de veces e sempre comunicaba) tivemos que comer no restaurante Agustín. Comemos bastante ben (o caldo de repolo estaba moi bo) Eso si, o comedor é grande e ía algo de frío.
Páxinas web empregadas:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/castroverde/2024/02/08/montecubeiro-reabre-sabado-iglesia-tras-profunda-reforma/00031707410568985364503.htmhttps://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2003/08/23/piedra-10-toneladas-recuerda-fusilados-montecubeiro/0003_1932360.htm
Ningún comentario:
Publicar un comentario